Patrimonio cultural de Vigo

Coruxo

Castro de San Lourenzo – O Penedo (Coruxo)

Arquivado en: Castros,Coruxo — Xosé Couñago

Un Monumento Nacional no desleixo

No ano 1975 o Boletín Oficial do Estado publica a declaración do complexo castrexo de San Lourenzo e O Penedo como Monumento Nacional.

Que un castro vigués descoñecido para a inmensa maioría da poboación sexa un Monumento Nacional chama moito a atención; mais cales son os méritos que o fixeron merecente desta mención? Que foi deste monumento nacional dende entón ata a actualidade? En que estado se encontra hoxe en día?

Estes son interrogantes aos que tentaremos achegarnos neste artigo sobre o noso patrimonio vigués e agardamos que algunhas das respostas non nos deixen indiferentes.

Localización

(Ver en Google Maps)

Este castro tan peculiar está situado no barrio de San Lourenzo de Coruxo, ao carón da capela parroquial dedicada a este santo. Ten un acceso doado para chegar ata o seu emprazamento, mais a visita a algún dos lugares deste Monumento Nacional é de incerta aventura para as persoas que tenten achegarse a tan singular e interesantísimo patrimonio.

 

Coruxo é a parroquia de Vigo que máis depósitos arqueolóxicos posúe. Os máis numerosos son os petróglifos que inzan toda a zona interior e elevada da parroquia. Dende as cavidades naturais do Folón (das máis importantes de Europa pola súa natureza pétrea) con restos de utilización humana dende a máis remota historia, ata o patrimonio románico da igrexa de San Salvador, pasando por trinta e tres estacións de gravados rupestres catalogados oficialmente polo concello, xunto con outros dous recintos castrexos máis: o denominado Outeiro do Crasto e o castro da illa de Toralla.

Dende a beira do mar, coa illa de Toralla e a praia do Vao, ata as zonas altas dos montes do Fragoselo, esta parroquia amosa un rico e abondoso patrimonio tanto material coma inmaterial que paga a pena descubrir poñer en valor.

A este valor patrimonial tanto material como inmaterial, engádese o valor paisaxístico da contorna onde atopa o castro. Dende este enclave tense un perfecto dominio do val que discorre polas terras baixas de Coruxo, así como unha panorámica de toda a ría de Vigo.

Como territorio castrexo, seguindo os apuntamentos do arqueólogo Jose Manuel Hidalgo Cuñarro, este castro podemos relacionalo con outros da súa contorna máis próxima, como son o castro de Outeiro do Crasto –na propia parroquia de Coruxo-, por partillaren en común “a súa visibilidade dun quilómetro orientada cara ás terras fértiles da desembocadura do Lagares”, aos que se engadiría o castro de Casás en Comesaña, “que compartiría terras con eles debido á súa proximidade”.

Descrición

Todo o espazo castrexo está conformado por dous promontorios distantes entre si uns cento cincuenta metros. O recinto castrexo propiamente dito é o que recibe o nome actual de San Lourenzo; o segundo promontorio, máis pequeno e cunha utilización posiblemente diferente á habitacional, recibe o nome de O Penedo.

Todo este complexo castrexo está situado a 97 metros de altitude sobre o mar e ocupa unha superficie total de 0,17 hectáreas.

Achados arqueolóxicos

Os achados arqueolóxicos aparecidos no espazo e contorna deste castro están depositados no Museo de Castrelos e evidencian a presenza dunha clara romanización. O exdirector do museo e arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro descríbenos que se tratan de “fragmentos de cerámica castreña con decoración de acanaladuras y serie de líneas incisas dispuestas de forma oblicua.  Asimismo se encontraron dos fusayolas y numerosos fragmentos de ánforas y tégulas.”

Castro de San Lourenzo

A coroa é de forma ovalada cunhas dimensións de 30 x 17 metros.

A terraza adxacente na zona oriental do castro mide 40 x 30 metros.

Defensas: nas zonas occidental e sur aprécianse un pronunciados terrapléns que lle serven de defensa natural. A continuación, cara ao sueste, aínda se pode ver o que foi na súa orixe un foso defensivo. Imaxe 27

Todo o promontorio está na actualidade poboado de árbores e abundante vexetación que dificultan a súa visita e apreciación.

O deterioro vese aumentado pola proliferación de canteiras e extracción de pedra por todo o recinto.

Non se evidencian restos de construcións castrexas.

Promontorio do Penedo

Esta é a parte máis interesante na actualidade deste conxunto castrexo e polo que lle valeu a declaración de Monumento Nacional, tanto polos restos arqueolóxicos aínda existentes no propio lugar, como polas tradicións e expresións antropolóxicas e etnográficas que se desenvolveron ao seu arredor.

O promontorio ten forma ovalada, cunhas dimensión duns 30 x 50 metros.

Está completamente rodeado e pechado por construcións de vivendas e cerrumes de propiedades particulares. Non ten acceso público na actualidade por ningures. Sempre se dependerá da boa vontade dalgunha persoa das propiedades lindeiras para poder pasar.

Podemos consideralo en si mesmo coma un gran complexo rupestre, xa que está formado por penedos con pías de especial relevancia, gravados, sucos, coviñas e chanzos escavados na rocha. Todos estes elementos rupestres están dispersos por todo o recinto e forman unha curiosa liña que podemos trazar dende o Penedo ata a actual capela de San Lourenzo.

Esa liña coincide co antigo “Camiño de San Lourenzo” que empregaban os devotos para subir dende a capela ata o Penedo seguindo unha serie de rochas con rebaixes a modo de chanzos que ían conformando durante a ascensións os denominados “Pasos do Santo”.

Fonte: https://www.celtiberia.net/

Hoxe en día estes “Pasos do Santo” desapareceron na súa maioría debido á moderna construción de vivendas que ocuparon e fixeron desaparecer completamente este ancestral camiño.

O Penedo

Comezando pola parte máis elevada, no cume do promontorio destaca un enorme penedo apoiado sobre varias grandes rochas. O acceso á súa parte superior non é sinxelo nin presenta elementos que o faciliten. Encima deste penedo existen varias pías de diferentes tamaños, dúas delas de maiores dimensións que ocupan a maioría da superficie superior da rocha.

Sobre este gran penedo, na parte oriental, hai un gravado cunha posíbel fasquía serpentiforme cunha cruz a cada lado.

Petróglifos

Fonte: https://www.celtiberia.net/

A maiores do que acabamos de describir, o principal e máis relevante é un gravado que ten forma oval, cunhas dimensións de 0,85 x 1 metros. No seu interior hai doce cazoletas. Está situado sobre unha laxe plana a nivel do chan, a uns 15 metros do Penedo en dirección norte, nese aliñamento cara á capela antes aludido.

As tradicións relixiosas orais identifícano coma a “Grella do Santo”.

Fonte: http://patrimoniogalego.net/

Pía do Santo

Descendendo polo promontorio outros 15 metros cara ao norte, mantendo ese aliñamento coa capela, chegamos ata o elemento máis importante de todo este conxunto rupestre.

Hoxe en día atópase, inexplicabelmente, acaroado a un peche de bloques de cemento e ladrillo pertencente a unha propiedade particular. Nas imaxes que se achegan pode observarse como era antigamente a súa disposición natural, e como está na actualidade.

Trátase dunha gran rocha que marca un pronunciado desnivel de terreo no descenso do promontorio. Sobre ela están talladas dúas destacábeis canalizacións laterais que descenden diagonalmente pola rocha converxendo nunha pía situada na súa base.

Esta pía é de forma cuadrangular cunhas dimensións duns 0,30 x 1 metros, e unha profundidade, segundo as fontes consultadas, de 75 centímetros. Na súa parte central presenta un rebaixe de desaugue. É de salientar a presenza de catro pequenos ocos que algúns estudosos atribuirían á probábel existencia dunha tampa de cubrición.

Na imaxe en branco e negro que ofrecemos aprécianse aínda con claridade os rebaixes corridos que servían a modo de chanzos para acceder á rocha.

Fonte: https://www.celtiberia.net/

Neste sentido que acabamos de apuntar, a disposición da pía coas súas canalizacións insculpidas e desaugues asociados foi interpretada por algúns estudosos como un altar  de sacrificios, coas correspondentes canles e pías para conducir e conter o sangue.

No seu interior é habitual ver auga estancada, que nas tradicións orais a xente asegura que nunca seca. Ao estar asociada coa figura e martirio de san Lourenzo, tamén se afirma que esta auga estancada ten propiedades curadoras.

No día da romaría de san Lourenzo (1º domingo de agosto) que se celebra na capela adxacente ao castro, despois da misa as persoas devotas ascendían ata o promontorio castrexo do Penedo para realizar un ritual animista de curación, mollando panos na auga da pía e lavando as queimaduras ou males derivados que tiveren na pel.

Este percorrido de romaxe facíase, como apuntamos máis arriba, polo antigo “Camiño de San Lourenzo” que pasaba e unía todos estes puntos descritos do complexo rupestre do Penedo.

Tradicións

Baseados en textos clásicos das descricións que os romanos e gregos fixeron dos costumes galaicos, houbo investigadores que propuxeron a posíbel adscrición do conxunto de todo o complexo rupestre do Penedo a un santuario ao ar libre, do tipo dos atribuídos a pías encontradas en lugares próximos como Mougás en Oia –hoxe no Museo Provincial de Pontevedra- duns tres metros de longo, que posúe unha inscrición latina nos seus laterais. No contexto galaico, no noroeste peninsular tamén se atopan outros lugares vinculados a este tipo de interpretación.

Sobre o óvalo con cazoletas no seu interior, a tradición relixiosa denominouno “A Grella do Santo” e asóciao coas marcas que deixou a grella na que foi martirizado san Lourenzo. Nesta crenza popular tamén se engade que despois do martirio o santo foi introducido na auga da pía que leva o seu nome. Asemade tamén se recolleron testemuños que falan da tradición de meter na pía a propia imaxe do santo, que se atopa na capela próxima, no día da celebración da súa festividade. Testemuños orais relatan como se mantén a lembranza incluso de representacións teatralizadas amosando todo o proceso do martirio de San Lourenzo nestes lugares descritos.

Dentro destas tradicións de transmisión oral, noutros testemuños recollidos algunhas persoas afirman que orixinalmente todo este conxunto foi construído polos celtas ou polos romanos, ou que houbo gran presenza de soldados cando sucedeu o martirio do santo neste lugar.

É difícil para a arqueoloxía catalogar este patrimonio material do lugar do Penedo como un santuario rupestre ao ar libre, xa que os elementos existentes non din claramente por si mesmo que poida selo. Mais existe tamén paralelamente, como acabamos de ver, un patrimonio inmaterial de transmisión oral e ritual que pode permitirnos establecer unha relación máis antropolóxica coa simboloxía e significado deste interesante e misterioso enclave como posíbel santuario rupestre ao ar libre.

Vexamos algúns aspectos para esta consideración

É coñecida a estratexia adoptada pola Igrexa para cristianizar moitos lugares nos que aínda se mantiñan cultos ou ritos precristiáns, erixindo templos e asimilando as deidades locais e os ritos asociados. Esta convivencia entre o cristianismo e o paganismo subxacente é evidente na actualidade en moitos dos santuarios, ermidas e igrexas do noso país. Templos erixidos ao carón de fontes, árbores, pedras, lugares arqueolóxicos, etc, nos que paralelamente á celebración relixiosa oficial, a xente practica tamén rituais animistas vinculados ancestralmente e mitoloxicamente a estes lugares.

En todos eles é evidente a vinculación materializada de calquera xeito entre o ritual cristián e o precristián.

En San Lourenzo esta vinculación entre os diferentes espazos maniféstase de forma moi evidente:

Todo o lugar, tanto o castro coma os lugares referenciais do Penedo coma a propia capela próxima levan a común denominación de San Lourenzo.

Os testemuños das tradicións orais transmitiron a memoria da relación existente entre a celebración católica dentro da capela no día dedicado ao santo e os rituais desenvolvidos no Penedo a continuación.

Despois da eucaristía cristiá tiña lugar a romaría popular coa subida ata o Penedo polo antigo camiño, denominado “Camiño de San Lourenzo”, que conducía directamente dende a capela ata o promontorio; un camiño hoxe en día desaparecido debido á construción de vivendas.

Ao redor da romaría desenvolvíanse uns rituais que, aínda que expresados con linguaxes cristiás, conservan claramente algúns trazos anteriores ao cristianismo.

Por unha banda, o petróglifo ovalado con doce cazoletas no seu interior, adscrito probabelmente á Idade do Bronce cuns catro mil anos de antigüidade, foi tradicionalmente interpretado pola devoción popular como a marca que deixou a grella na que foi martirizado o santo. Mais non esquezamos, ao mesmo tempo, que todo este lugar do Penedo está vinculado por algúns investigadores aos altares de sacrificios humanos dos que nos falan as crónicas clásicas romanas e gregas. Martirio e sacrificio humano vense deste xeito relacionados significativamente.

Posteriormente, as tradicións orais fálannos de que San Lourenzo unha vez martirizado foi introducido na denominada “Pía do Santo” para a súa ablución nas súas augas. Cal era o sentido simbólico deste ritual?

Máis arriba adiantabamos que nas tradicións recollidas tamén se fala de que a auga estancada desta pía nunca se seca e á que se lle atribúen propiedades curadoras.

[Foto da esquerda] En Santa Mariña de Augas Santas (Allariz) tamén se conserva a tradición do martirio da santa nun recinto de posíbel carácter sagrado, tamén dentro dun castro, o de Armea, no que Mariña despois de ser queimada nos Fornos (un recinto subterráneo dentro do propio castro e de desigual interpretación segundo os distintos investigadores) é sacada milagrosamente ao exterior polo conduto de saída dos fumes e levada ata unha pía de auga estancada de fasquía antropomorfa, situada ao pé dun carballo no interior do propio castro tamén. E nesta pía, a santa curaba das queimaduras do seu martirio e recuperaba a vida. Hoxe en día a xente acode a esta pía para lavar calquera mal do seu corpo nestas “Augas Santas”.

Estas pías con augas estancadas e negras hainas por todo Galicia e son moi recorrentes para a realización de rituais animistas vinculados coa auga, a pedra e as árbores co fin de curar calquera mal que leve a persoa.

[Foto da dereita] Por poñer algúns exemplo, no concello do Covelo ao carón da ermida da Xestosa existe unha tumba antropomorfa escavada nunha laxe a nivel do chan con auga estancada na se realizan rituais de curación na súa auga, relacionados ademais coa utilización do pan no procedemento da curación (que nos lembra ao ritual do pan que se realiza con este mesmo fin curador e adiviñatorio na fonte de Santo André de Teixido aínda na actualidade).

[Foto inferior] Outro exemplo espectacular deste tipo de pías, e que claramente se asemella poloo penedo en que se desenvolve, é o existente no lugar de Penadauga, parroquia de Escuadro, en Silleda. As ablucións e lavados de calquera parte do corpo que aquí se realizan no primeiro domingo de agosto son asombrosos tanto pola cantidade de xente que acode como polas formas en que se expresa esta curación. No enlace anterior pode verse e ler detalladamente todos os rituais que se desenvolven ao redor deste penedo de Penadauga.

No Penedo de San Salvador de Coruxo, a xente tamén acudía (cando o acceso era público) á Pía do Santo, onde mollaba panos que despois pasaba polo corpo lavando as zonas que quería ver curadas.

Dende o punto de vista destas tradicións, a Pía do Santo, a través da relación do martirio e o depósito do corpo do santo na pía con auga, podemos vinculala a estes rituais de curación tan presentes en toda Galicia.

Mais por outra banda, este tipo de penedos con pías que se comunican entre si mediante canais que facilitan o transvase líquido dunhas a outras foi relacionado por algúns estudosos cos posíbeis altares de sacrificios que se recolle da transmisión dos textos clásicos. Neste senso poderíase vencellar de forma simple martirio e sacrificio humano, e o posterior vertido do seu sangue nas pías cun ritual que faría correr o sangue das pías superiores para outra situada debaixo polos canais tallados na rocha.

Estado de conservación

O promontorio do castro sufriu graves e numerosas alteracións en toda a súa contorna, até o punto de non podermos precisar na actualidade a súa estrutura e configuración orixinal. As construcións de vivendas e terreos de labor que se desenvolveron ao seu arredor estragaron unha gran parte do seu espazo até reducilo a como o podemos ver arestora.

Por outra parte, tal como se pode observar na galería de imaxes, o propio recinto conservado na actualidade está completamente desleixado e estragado.

O adxacente promontorio do Penedo, que tan interesante resultou amosar neste artigo tanto dende o punto de vista arqueolóxico coma dos seus valores antropolóxicos, é inaccesible hoxe en día debido a que todas as propiedades que o circundan fixeron obras de cerramento e construcións que non deixaron ningún vieiro libre para acceder a el. A maiores, algún dos muros de cerramento que se levantaron foi feito apegado totalmente á pía máis relevante deste conxunto rupestre ao ar libre.

Todo o lugar do Penedo se atopa nun estado de total abandono e estrago, e non existe ningún tipo de identificación dos elementos arqueolóxicos que lle valeron a declaración de Monumento Nacional.

Valoración final

O castro de san Lourenzo de Coruxo está considerado oficialmente Ben de Interese Cultural (BIC) e foi declarado Monumento Nacional, co nº 177, no Decreto 3741/1974 do 20 de decembro, BOE do 10 de marzo de 1975, a proposta do Museo Provincial de Pontevedra, polo que se declaraban monumentos histórico-artísticos de carácter nacional unha serie de gravados rupestres existentes na provincia de Pontevedra.

Pensar que Vigo poida contar realmente cun santuario prehistórico rupestre ao ar libre vinculado a un dos seus castros é unha noticia excepcional.

É de especial relevancia porque sería dos poucos exemplos existentes en todo o noroeste cultural galaico. Ademais hai que engadirlle o feito de estar situado no corazón das Rías Baixas,  dominando as largacías panorámicas sobre a ría de Vigo, as marismas da desembocadura do Lagares e co horizonte fondal das míticas Illas Cíes completando todo este panorama paisaxístico.

Da culpabilidade desta desfeita, desta perda dunha oportunidade histórica única para a nosa arqueoloxía e etnografía non se salva ninguén.

Dende a avarenta cobiza da veciñanza que busca o proveito propio en contra do ben común, até unhas administracións ineptas e incompetentes no control do seu patrimonio máis valioso, especialmente por ter a consideración de Monumento Nacional, sen deixar atrás o desleixo e miopía dunha institución como a Igrexa que deixou perder unha tradición tan fermosa e chea de rituais enriquecedora da súa propia devoción.

A recuperación de gran parte da relevancia deste conxunto arqueolóxico non é imposíbel. Saltan á vista cales sería as intervencións precisas para poñer en valor social tanto o patrimonio material coma o inmaterial aínda conservado en San Lourenzo.

Máis información

Galería de imaxes

Procedencia dalgunhas imaxes

Celtiberia.net (1, 2, 3)

Patrimonio galego, O Penedo

Ruta dos castros de Vigo

Cruceiro da Fontaíña (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este singular cruceiro atópase sobre a praia da Fontaíña, tamén denominada areal da Sereíña, na parroquia de Coruxo.

A súa situación sobre o mar nunha paraxe de especial beleza entre Samil e o Vao, xunto coa súa especial fasquía, fan deste cruceiro un dos máis atractivos e interesantes que temos en Vigo.

Descrición

A singularidade deste cruceiro vén marcada pola tipoloxía á que se podería adscribir: os Cruceiros de Capela.

Este tipo de cruceiros son propios, maioritariamente, da zona da Barbanza con algúns exemplares que podemos atopar por terras de Rois ou mesmo ata o concello de Dodro.

Mais puntualizamos que se poderían adscribir a esta tipoloxía porque non chega a presentar as característica que os definen como tales, xa que o capitel que sostén a cruz non ten forma de capela, aínda que a primeira vista se lle puidese asemellar.

Fáltalle a abertura frontal que albergaría no seu interior a imaxe mariana correspondente: unha Virxe co meniño no colo, unha Milagreira, unha Inmaculada ou unha Dolorosa; aínda que a máis representativa e habitual sería a Virxe de Loreto (que lles dá a denominación tamén de Cruceiros de Loreto).

Hai outras características que tamén o apartan desta tipoloxía e que a continuación describiremos.

Base

Ten forma cuadrangular cun chanzo, sobre o que se dispón un pedestal cúbico sen ornamentación nin inscricións. Está biselado ao longo da contorna do bordo superior.

Fuste

Na tipoloxía dos cruceiros de capela, outra característica que os define é o fuste voluminoso que presentan, a modo de groso piar e de pouca altura en moitos casos.

Neste exemplar o fuste é semellante ao de calquera outro cruceiro tradicional. Presenta unha forma cuadrangular, achafranado nos catro cantos a partir de media altura do varal.

Na parte baixa do fuste, aínda non achafranado, atopamos unha representación pétrea de fornela con remate superior abovedado. Dentro desta fornela inscúlpese o relevo do Crucificado.

Sobre esta fornela aparecen outras dúas representacións escultóricas: a primeira é un franciscano e, sobre ela, unha figura dunha relixiosa.

Capitel

O capitel normal dos cruceiros tradicionais aparece substituído nos cruceiros de capela por un fornelo a modo de capela dentro do que se sitúa a figura mariana á que aludiamos máis arriba.

O exterior pode estar exento de decoración ou presentar as tres caras con figuras ou escenas relixiosas.

Neste exemplar que nos ocupa decatámonos da semellanza con esa fasquía, mais carece da principal característica que é o fornelo dentro do que estaría a figura mariana.

Este capitel vai sobre un pedestal con querubíns en cadansúa cara lateral. Esta representación figurativa é frecuente nos cruceiros de capela da Barbanza e tamén se pode ver no outro cruceiro destas características que existe en Vigo, o cruceiro de capela das Travesas, que reproduce todas as características propias destes cruceiros.

O capitel presenta as catro caras historiadas nas que están insculpidas as seguintes figuras: na cara frontal unha figura de Santiago Apóstolo (habitual tamén nos auténticos cruceiros de capela); unha escena da Paixón con Xesús portando a cruz; unha figura franciscana novamente; e finalmente unha representación ecuestre exenta doutras identificacións, que quizais puidese representar a Santiago Matamouros.

No cruceiro das Travesas tamén coinciden as insculturas do monxe franciscano, da escena da Paixón e, máis claramente, a representación de Santiago Matamouros co seu cabalo, espada e estandarte esmagando os inimigos da cristiandade.

A parte superior deste capitel ten forma abovedada, o que lle proporciona unha maior semellanza a unha forma de capela, tamén habitual nos cruceiros da Barbanza.

A Cruz

Sobre o capitel vai directamente a Cruz. Ten unha fasquía semellante á do varal: cuadrangular cos cantos achafranados.

Consta das tradicionais figuras do Crucificado na cara anterior, e a Virxe co Neno no colo na posterior.

Non é normal atopar a cara posterior da Cruz con esta representación da Virxe co Neno; normalmente atopamos unha escena da Paixón con Cristo xacente sobre a súa Nai, ou unha senlleira figura mariana.

Mais resulta curioso a coincidencia desta escena coa que aparece nalgúns casos nos cruceiros de Capela da Barbanza dentro da fornela. É coma se aquí se representase esa mesma figuración na parte posterior da Cruz, xa que o capitel foi esculpido sen a correspondente fornela.

A imaxe do Crucificado está sostida con tres cravos e presenta unha dramática contorsión con Cristo xa morto e a cabeza caída sobre o peito. Presenta unha fermosa elaboración sobresaínte da pedra base da cruz.

A escena da Virxe co Neno no colo está máis desgastada ca a do Crucificado por estar cara ao mar e recibir directamente as inclemencias meteorolóxicas. Esta figura está de pé, sostendo o Neno no brazo esquerdo e vai cuberta de manto e roupaxes.

Estado de conservación

A única consideración a este respecto é o desgaste que está sufrindo a cara posterior do cruceiro debido á acción das inclemencias que chegan da banda do mar. A figura da Virxe que está representada na Cruz manifesta claramente esta agresión climática.

Polo demais, o resto do cruceiro consérvase en boas condicións.

Valoración final

Só temos en Vigo dous cruceiros que, modernamente, reflicten unha semellanza cos históricos Cruceiros de Capela ou de Loreto da Barbanza. Este en particular recolle algúns elementos que o achegan a esa tipoloxía tanto na forma coma na figuración, mais, como vemos no presente traballo, presenta tamén outros detalles curiosos que o distinguen claramente daqueles modelos.

Esta variedade escultórica moderna dos nosos cruceiros tradicionais enriquece as expresións que son propias da nosa zona xeográfica e engade unha nova visión e interpretación da nosa arte popular, conectándonos dende o sur das Rías Baixas con outros lugares da nosa xeografía que teñen as súas formas de expresión artística e que nola achegan deste xeito.

É unha mágoa que non haxa ao carón deste cruceiro un cartel informativo que nos indique todas estas características que nos unen e distinguen ao mesmo tempo.

Máis información

Galería de imaxes

Galipedia, “Cruceiro de Capela

Petróglifo do Viveiro IV (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Googel Maps)

O grupo IV do viveiro atopase perto do de Leixiades II e esta nun camiño que baixa ao regato dentro de unha propiedade delimitada por pedras sen traballar colocadas facendo un recinto.

Forma parte do grupo de cinco lugares de gravados denominados O Viveiro, situados pola beira norte da pista forestal que conduce dende a capela de San Sebastián de Coruxo ata o parque forestal de Oia e Saiáns.

Descrición

No referido lugar atopamos unha lousa a rentes do chan de 3 x 5 metros.

Sobre a laxe aprécianse 4 coviñas, con diámetros entre os 3 e os 7 centímetros.

Tamén se pode localizar un círculo incompleto con outra coviña central.

Estado de conservación

O desgaste da superficie da rocha fai cada vez máis complicada a visualización destes gravados.

Por outra parte a maleza propia do lugar no que se atopa a laxe, dificulta nalgunhas ocasións a localización das coviñas.

A falta de entrada de luz solar debido ás abundantes árbores que existen no lugar tamén impiden a visualización doada dos gravados durante gran parte do día.

Valoración final

A localización desta rocha é bastante complicada. Non existe ningún tipo de indicación e resulta difícil describir un guieiro que conduza ata ela debido á falta de referencias concretas nesta zona.

A principal referencia para atopar esta rocha serán as coordenadas xeográficas que se poidan introducir nun navegador GPS.

Máis información

Concello de Vigo, Catálogo de Edificios, Bens e Elementos Protexidos do Concello de Vigo

Navegadores GPS

Ruta do petróglifos de Coruxo

Petróglifo do Viveiro III (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

(Ver en Goolge Maps)

Forma parte do conxunto de petróglifos do Viveiro, que consta de cinco estacións rupestres, e está situado na vertente norte do camiño forestal que comunica a ermida de San Sebastián de Coruxo coas áreas recreativas de Oia e Saiáns.

O Viveiro III esta tamén dentro dunha propiedade delimitada por pedras, (nas fotos podes ver que esta preto da entrada da mesma). Está xusto na entrada da propiedade e o que entra pasa por riba da pedra. Recentemente fixeron unha corta de árbores, como se pode observar nas fotografías, e as maquinas pasan por riba dos gravados.

Descrición

A rocha mide 1,50 x 1,70 m e apenas sobresae do terreo. Conta cunha fendedura central ao redor da cal se dispoñen as figuras que podemos observar.

Existen unhas 15 coviñas que oscilan entre os 3 cm e os 10 cm de diámetro.

Estado de conservación

Tal como se pode observar nas imaxes, o estado de conservación é moi malo debido a varias circunstancias apreciábeis a simple vista, como son a gran cantidade de maleza que cobre a rocha e os traballos forestais que se realizan ao seu redor.

Os gravados son perceptíbeis con moita dificultade, e mesmo non se pode precisar con exactitude o número exacto de coviñas que o compoñen.

Valoración final

O propio plan xeral de ordenación urbana de Vigo recolle nun mapa a delimitación do conxunto que forman as cinco estacións rupestres denominadas “Viveiro”, así coma doutras seis rochas máis nas que se inclúen os petróglifos de Castiñeirón, Presa das Rodas, As Presas, Leixíades 1 e 2 e Lapa Furada.

Coa suficiente información, medidas de precaución e coidado constante non tería que haber problemas para unha posta en valor social deste legado patrimonial.

Neste momento, os indicadores dalgúns destes petróglifos están moi illados uns dos outros, sen conexión informativa entre eles, sen percorrido estruturado, nin paneis informativos suficientes que permitan ter unha visión de conxunto en todo momento que permita os visitantes situarse contextualmente con respecto ao valor e importancia de todo este conxunto.

Máis información

Concello de Vigo, Catálogo do PXOM

Ángel de Prado, Petróglifos do Maúxo

Galería de imaxes

Podedes acceder a unha galería de imaxes destes gravados rupestres, do álbum web de Ángel de Prado.

Navegadores GPS

Ruta do petróglifos de Coruxo

Petróglifo de Leixiades II (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Goolge Maps)

Está próximo á beira da pista que vai dende a capela de S. Sebastián en Coruxo ata o parque forestal de Saiáns.

No mapa que se acompaña máis abaixo, ampliando a foto, tedes marcado o camiño para chegar. Indo dende a capela, chegamos á altura do campo de fútbol, onde hai unha encrucillada. Tomamos o camiño da dereita e avanzamos uns 1200 m. Atopamos entón un pequeno sendeiro que baixa á nosa dereita. Seguimos por uns 200 m ata chegarmos a unha encrucillada; descendemos uns 20 m polo camiño que atopamos de fronte e seguindamente saímos do camiño á esquerda. No medio das árbores veremos un afloramento rochoso. Unha das rochas, cortada polos canteiros e que aínda conserva as marcas dos puntos de corte é a que presenta as figuras que imos describir.

Descrición

Rocha: horizontal, cortada. Dimensións: 2 x 1,70 m.

Gravados:

  • Motivo principal, no centro da rocha, composto por 4 círculos concéntricos, cun diámetro total de 41 cm, con coviña central e suco de saída que rematan unha cazoleta de 12 cm de diámetro.
  • Asociado a este motivo vai apegado un círculo de 11 cm de diámetro con coviña e suco de saída cara ao sueste.
  • Composición de 3 círculos concéntricos, o exterior incompleto, cun diámetro total de 32 cm, con coviña central e suco de saída cara ao noroeste.
  • Apegado a un dos puntos de corte da pedra hai un motivo composto por 2 círculos concéntricos incompletos, cun diámetro total de 21 cm e coviña central.
  • 30 cm ao norte desta figura hai un círculo incompleto, de 17 cm de diámetro, con coviña central.
  • Dispersas pola rocha hai varias coviñas máis.

Acompañando esta rocha hai outras dúas con outros motivos máis simples:

  • 4 m ao sueste vemos unha rocha con coviñas e un pequeno círculo con coviña central.
  • 5 m ao suroeste podemos atopar outra rocha na que hai unha figura cruciforme.

Estado de conservación

A falta de mantemento e coidados por parte da administración local, como responsábel máis directo, fan que sobre as rochas se acumule todo tipo de vexetación e liques.

Os liques e carrizos son daniños para a conservación dos sucos na rocha.

Por outra banda, a vexetación invasora chega en moitos casos a ocultar completamente os petróglifos.

Non hai indicadores nin paneis informativos de ningún tipo. Chegar ata estes petróglifos é toda unha aventura de pescuda e descuberta para quen non vaia equipado de material cartográfico ben preciso.

Valoración final

Por regra xeral, os petróglifos en Vigo non contan con accións regulares de mantemento, coidado, vixilancia e posta en valor.

Falta unha acción decidida por parte da acción conxunta das concellarías implicadas, como poden ser Cultura, Patrimonio, Medio Ambiente e Educación, para levar a cabo un proxecto integral de actuación sobre os noso gravados rupestres.

A educación nos centros de ensino a través de material didáctico apropiado, o coidado medio ambiental na contorna dos xacigos, a posta en valor e mantemento por parte de patrimonio e a proxección social que Cultura debe achegar forman un conxunto de actuacións que poidan dar posibilidades de facer chegar á cidadanía un dos principais expoñentes da arte, cultura e sociedade dos devanceiros que nos legaron estes símbolos que hoxe en día forman parte da nosa identidade.

 

Máis información

Concello de Vigo, Catálogo do PXOM

Ángel de Prado, Petróglifos do Maúxo

Navegadores GPS

Ruta do petróglifos de Coruxo

 

Petróglifo da Chan de Arriba (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Fotografías: Angel de Prado.

Localización

Está situado no lugar de Fragoselo, na parroquia de Coruxo. (Ver en Google Maps).

A chegada a este lugar non é doada por non estar preto dunha pista principal de comunicación. Imprimide a imaxe detallada ou descargade a posición GPS da súa localización.

Descrición

Trátase dunha rocha na que aparece unha figura oval formada por máis de 70 coviñas que non sobrepasan os 3 cm de tamaño cada unha delas. Ten un diámetro maior de 2,45 m e un diámetro menor de 1,80 m.

Estado de conservación

Consérvase en bo estado e cun letreiro localizador de madeira, preto da súa localización.

Valoración final

É unha representación rara en canto á disposición das coviñas formando un óvalo. Non aparece asociada a outros gravados (só hai dúas cazoletas illadas ao seu redor). Está próxima a outra estación de petróglifos que en cambio está profusamente decorada, a Chan Grande, pertencente xa a Oia, a uns 200 m cara ao oeste.

Máis información

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifo do Viveiro 1 (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Ángel de Prado

Localización

(Ver en Google Maps)

Está situado no lugar de Fragoselo, na parroquia de Coruxo. Podemos velo sobre unha elevación rochosa cunha lixeira inclinación cara ao norte, no bordo dunha vertente cara ao regato. A rocha ten 2,30 x 1,40 m.

Descrición

Atopamos seis pías das denominadas muíños naviculares. Destaca a profundidade dalgúns deles, que mesmo chegan aos 10 cm. Nos extremos de cada pía hai cadanseu rebaixe oval, habitual neste tipo de petróglifos.

Atópanse distribuídos en dous eixos con forma semicircular. A distribución é de tres naviculares en disposición paralela na banda oriental, dous naviculares paralelos na outra banda do semicirco, en orientación occidental, e un último navicular desprazado dos demais cara ao sur.

Neste último navicular poden observarse uns sucos conectados co rebaixe central e cun dos pequenos rebaixes do extremo.

Este tipo de disposición en paralelo tamén se pode ver noutro conxunto de petróglifos naviculares existente en Coruxo, o chamado petróglifo dos Pintos, na parroquia de Oia.

Nunha rocha adxacente obsérvanse dúas coviñas.

Estado de conservación

Hai unha clara agresión por exceso de eucaliptos ao redor desa rocha, con todas as consecuencias que trae consigo. O illamento das pedras permite a non agresión humana tan frecuente noutros lugares; pero non existe ningún tipo de posta en valor cultural deste xacemento do Bronce galaico. A conservación e preservación durante milleiros de anos deste tipo de gravados, que conseguiron zafarse ademais da esquilma dos pedreiros, é unha prioridade nuns momentos en que se pasou da explotación intensiva de canteiras á explotación intensiva dos recursos forestais, todo sempre en detrimento e desaparición deste legado patrimonial do que aínda non fomos quen de descifrar o seu significado.

Valoración final

A escaseza destes conxuntos naviculares, dos que apenas temos representacións no concello (cfr. petróglifo dos Pintos, en Oia), fai que sexa necesaria unha posta en valor e en relación destes agrupamentos, así como unha adecuada difusión das posíbeis significacións ás que poden estar asociados.

Máis información

Concello de Vigo, Catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Angel de Prado, Petróglifos do Maúxo.

Navegadores GPS

Ruta do petróglifos de Coruxo

Petróglifo Presa das Rodas (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

 

Localización

(Ver en Google Maps)

Está situado en Fragoselo, a 300 metros da capela de San Sebastián, pola pista que vai ao campo de fútbol. Á beira da pista hai un cartel indicador de madeira. A partir de media tarde, as árbores dificultan coa súa sombra a apreciación das representacións gravadas. Están nun afloramento rochoso inclinado cara ao nacente, cunha elevación de apenas 30 cm.

Descrición

A rocha mide 8 x 7 m e presenta combinacións de círculos, coviñas e sucos en tres seccións diferentes:

Na zona norte da rocha (á nosa dereita de fronte a ela) hai unha serie de círculos (simples, dous círculos concéntricos, círculos incompletos) unidos entre si por sucos orientados en distintas direccións. Completando os espazos entre estas figuras hai numerosas coviñas agrupadas entre si.

Zona central: hai tres cazoletas dispersas aliñadas entre elas. Sobre as dúas da esquerda hai catro círculos concéntricos con suco de saída. No extremo do suco hai un círculo simple máis pequeno con coviña central.

Zona sur: no extremo da rocha hai tres cazoletas xuntas.

Estado de conservación

Ao estar ben indicado, e ao lado da pista, faise susceptíbel de maiores agresións por parte das persoas que se acheguen a el sen coñecementos do que non se debe facer ante un gravado rupestre.

É urxente que se dispoña unha boa información á súa beira (paneis, fotografías, debuxos esquemáticos) que eviten que a xente sinta a necesidade de rascar con obxectos que os deterioren irremediabelmente. Xa existen exemplos desta boa información, como se fixo nos petróglifos do Carballoso, nesta mesma ruta de Coruxo.

Máis información

Ángel de Prado, Petróglifos do Maúxo

Concello de Vigo, Catálogo do PXOM

Navegadores GPS

Ruta dos petróglifos de Coruxo

Petróglifo do Outeiro do Castro (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Están situados no lugar chamado Outeiro do Castro, preto da estrada do Fragoselo. Están formados por dous conxuntos de gravados: un deles situado no cumio do outeiro, repartido en pedras fracturadas; o outro, que aquí mostramos, está un pouco máis abaixo, a uns dez metros de distancia, ao pé da verea, sobre unha laxe de 2m x 3m.

Descrición

Laxe sur

A laxe está fracturada en tres partes, e en cada unha delas hai figuras representadas.

Na parte esquerda hai tres gravados de círculos concéntricos: un incompleto no bordo da pedra; ao seu carón, outro con coviña central e dous círculos; máis á dereita un terceiro gravado con coviña central e tres círculos concéntricos.

Na parte central poden verse tres gravados circulares: o máis próximo a nós, de difícil apreciación, ten coviña central, un primeiro círculo completo e un segundo círculo incompleto; a seguir outro gravado de tres circos concéntricos con coviña central; finalmente, outro gravado de tres circos concéntricos con coviña central tamén.

Na parte dereita distínguense dous gravados circulares con tres circos concéntricos e coviña central.

Laxe do outeiro

Na zona superior do outeiro, as laxes teñen diferentes gravados bastante interesantes tamén.

Muíños naviculares: no bordo da zona sur da laxe superior, atopamos dous muíños naviculares cos seus correspondentes rebaixes dos extremos.

Reticulares: a continuación dos muíños, podemos observar varios gravados con motivos reticulares.

1º Reticulado: cando menos pódense observar dez fileiras de cuadrículas nunha das orientacións do taboleiro.

2º Reticulado: é de tamaño inferior e apenas se poden apreciar o número posíbel de cuadrículas.

Coviñas: finalmente, a uns cinco metros ao leste dos anteriores gravados, observaremos sen problema dúas coviñas dun tamaño medio.

Estado de conservación

Como podemos ver nas fotos, non hai coidado das pedras, xa que o lique e o carrizo invaden os gravados pouco a pouco.

Tampouco hai panel informativo con fotos ou debuxos dos gravados que permitan unha clara observación sen necesidade de ocasionar ningunha agresión indesexesábel.

Falta tamén, coma en case todos, unha información sobre como debemos “portarnos” ante un gravado rupestre, que precaucións debemos gardar, etc.

Outra información

Podedes acceder a unha galería de imaxes destes petróglifos.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petroglifo da Lapa Furada / O Cortiño / As Laxiadas (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Este conxunto de petróglifos forma parte dun grupo de once estacións de gravados que hai nesta contorna e está situado próximo ao camiño da Subida a San Sebastián, cara a Oia, pasando os petróglifos, tamén próximos a este camiño, de Castiñeirón, Presa das Rodas e As Presas e O Pontón.

Conforme collemos a desviación por esta pista para Oia, a cincocentos cincuenta metros atopamos unha desviación á nosa dereita. Outros cen metro por este novo camiño e atoparemos a indicación do petróglifo nun cartel de madeira.

O primeiro que atopamos a carón deste indicador é unha gran rocha oca pola parte inferior, a Lapa Furada. Aos pés dela xa podemos observar varias cazoletas.

O petróglifo que nos interesa está situado uns corenta metros ao nordeste, nun conxunto de rochas prominente sobre a pequena pendente que o arrodea. Concretamente podemos atopalo na parte lateral inferior desta prominencia.

Descrición

Atopamos dúas pequenas laxes con cadanseu muíño navicular como elemento máis salientable a simple vista, cunha separación de apenas dous metros e a diferente altura entre si.

Rocha superior: presenta un muíño navicular con cadanseu rebaixe nos extremos. Nun deles observamos un semicírculo atravesa diametralmente por un suco. Na parte lateral do muíño aparecen unhas curiosas liñas sinuosas, como serpentiformes, pero de dificultosa apreciación polo acusado desgaste da superficie.

Rocha inferior: presenta un muíño navicular con cadanseu rebaixe nos extremos. Nun dos extremos hai un círculo incompleto con coviña central, asociado a outras cinco coviñas. No outro extremo podemos contar ata quince coviñas máis.

Estado de conservación

Non dispoñen de protección, mais a dificultade inicial para atopalos serve de primeira defensa contra as agresións habituais nestes gravados. A conservación dos muíños naviculares é boa; non así os gravados asociados, que apenas son xa perceptíbeis. Neste caso, os dedos serán a nosa mellor guía para apreciar os distintos sucos presentes nas laxes.

Valoración final

A indicación do cartel de madeira non fai referencia á localización exacta deste conxunto. Calquera persoa pode pensar nas coviñas que hai xusto ao pé da Lapa Furada como os petróglifos de referencia sinalados.

Só as persoas que dispoñan de catálogos de gravados rupestres poderán facer unha pescuda pola contorna tentando localizalos ata dar con eles a uns corenta metros de distancia da indicación.

É unha mágoa que ao lado do letreiro non haxa un debuxo esquemático ou fotografía dos gravados, cunha descrición apropiada.

Máis información

Galería de imaxes

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Vila romana de Toralla (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Romanización,Sin categoría — Xosé Couñago

Localización

Esta vila romana está situada á beira do mar, na “Finca Mirambell”, fronte a illa de Toralla, á entrada da ponte, entre as praias do Vao e Canido.

Orixe

A vila data do século IV da nosa era, enmarcada no período tardo romano, xa preto do final do imperio. Esta foi unha época na que proliferaron numerosas vilas romanas por todo o noso territorio, da que conservamos varios exemplos no concello de Vigo: O Cocho e O Fiunchal en Alcabre, Ríos en Teis, e Sobreira en Oia.

Neste caso hai que resaltar tamén a proximidade ao castro galaico da illa de Toralla, situado a poucos metros, aínda que o castro parece que deixou de estar habitado antes da construción da vila romana. Non obstante, ao lado do castro atopouse, na illa, un cemiterio de época romana, posibelmente o cemiterio correspondente aos habitantes do asentamento romano.

A vila romana deixou de estar habitada a mediados do século V da nosa era.

Descrición

Estrutura xeral

O conxunto ocupa unha área de 1.500 m2 e está formado por unha vivenda principal e varias dependencias habitacionais e de traballo para a servidume, entre as que se puideron identificar almacéns, celeiros e cociña.

Á parte das edificacións tamén se conservou unha zona cos elementos característicos dunha salina.

As estruturas que vemos na actualidade correspóndese coas cimentacións dos edificios, non son as paredes propiamente ditas. Consérvanse algúns perpiaños traballados nos alicerces da fachada sur que nos dan idea da beleza das paredes exteriores. Mais todas esta beleza foi espoliada ao longo do tempo, tralo abandono desta vila romana.

Vivenda principal

É unha construción de planta rectangular de 41 metros de longo por 13,5 metros de largo, na que se aprecian dúas fachadas:

Fachada norte, na que observamos un característico corredor porticado.  Actualmente consérvanse as bases de cinco piares de perpiaño, sobre os que se disporían uns puntais de madeira.

Fachada sur, na que se pode apreciar unha forma de ábsida.

Dependencias

En total, entre as dependencias principais da casa e as destinas a servizos, este corpo principal conta con nove estancias.

A parte destinada a vivenda dos propietarios organízase a partir dun corredor exterior porticado ao longo da fachada norte, de 22 metros de longo, baixo o que se abren cinco entradas: unha para o triclinio, outra para a zona termal e tres portas máis para dar acceso a outras tantas estancias da vivenda. No extremo oeste do pórtico, a derradeira porta dá acceso a dúas dependencias separadas por un pequeno corredor interior. Unha das suposicións é a de que se trate dos dormitorios independentes do matrimonio propietario.

Triclinio: é a sala máis grande da vivenda, con 9,3 metros de longo e 5,9 de largo, na que podemos imaxinar con precisión a disposición orixinal do comedor coas bancadas acaroadas a tres paredes (triclinio) sobre as que se tombaban os invitados da familia. A porta de entrada está situada no lateral leste do pórtico e, dada a súa largura, estaba constituída por dúas follas sobre a gran soleira que conserva.

Oecus: trátase da outra gran sala do edificio e presenta tamén unha entrada de dobre folla ao corredor porticado, cunha fermosa soleira granítica (Arqueovigo), na que se observa a existencia de ocos para o encaixe da porta. Conta cunha pequena piscina interior, con escaleiras de pedra para introducirse na auga, que se supón que sería o frigidarium (auga máis fría). Esta piscina está situada nunha zona absidial desta sala, orientada ao sur. Nun dos recantos da sala podemos ver un fogar bastante ben conservado, con base de ladrillos cadrados e cerrado con pedras fincadas por tres dos seus laterais.

Termas: esta zona da vivenda está situada ao carón do oecus, dende o que se accede, e lindante co triclinio. Posúe dúas bañeiras, que posibelmente estarían destinadas a augas con diferentes temperaturas, previas á sala do frigidarium: tepidarium (auga morna) e caldarium (auga quente). A auga quente chegaba ata estas bañeiras a través dunha tubaxe de chumbo dende un bidón de cobre situado encima do forno que está nunha dependencia anexa á vivenda principal, na parte oeste do edificio. Nestas dependencias termais localizouse a existencia de mosaicos (Arqueovigo) con motivos xeométricos e vexetais.

Hipocausto: baixo a estancia termal e a sala oecus discorre o hipocausto (Arqueovigo), un subterráneo que sustenta o piso das dependencias superiores mediante pequenas columniñas de tixolos, nos dous primeiros tramos, e outras de pedra na última estancia. En total constátase a existencia duns 95 piares. A altura do hipocausto varía dende os 70 cm á entrada ata os 90 cm na parte final. A súa utilidade é semellante a un chan radiante, proporcionando calefacción por todo o piso das dependencias superiores. Esta calefacción subterránea, común a moitas vivendas romanas, e aínda en uso na actualidade en moitas casas de distintas zonas da península, funciona por aire quente producido pola queima de combustíbeis no devandito forno situado na entrada desta rede subterránea.

As estancias de servizos para a casa

Acaroadas á parede leste do edificio principal, con entradas independentes deste, atopamos tres estancias destinadas ao servizo da casa.

A máis grande, de 7 x 6,4 metros, con entrada polo sur, é onde se localiza o forno do hipocausto. Está a un nivel inferior ás outras dúas. O seu maior tamaño indícanos que puido estar destinada a outras funcións vinculadas con distintos traballos.

Dende esta sala accédese a unha cociña, mediante dous chanzos de elevación. A pesar do seu menor tamaño, 5,9 x 2,7 metros, nela atopáronse dúas lareiras, unha delas con piso de ladrillo rodeado de pedras.

A terceira estancia, cun tamaño de 5,9 x 3,8 metros, estaría destinada a almacén ou despensa, e a porta de acceso tena pola fachada norte. Nesta dependencia atopáronse restos cerámicos destinados a recipientes para a almacenaxe de produtos.

Edificación sur occidental

Na zona sur occidental do xacemento, a carón da pasarela de acceso principal á visita da vila romana atopamos unha edificación a medio escavar. Nel destaca a presenza dunha lareira apegada á parede oeste, xunta a porta de entrada. A existencia da lareira parece evidenciar que se tratase dunha vivenda secundaria.

Edificación norte

Está situada fronte ao pórtico do edificio principal. O seu tamaño de planta (16,5 x 20 metros) e a proximidade ás salinas fai pensar en que o seu uso estaría destinado a almacenaxe ou zona de traballo vinculada con esta explotación. Nesta construción pódense apreciar ata sete estancias.

A salina

Está situada na zona norte do xacigo e ten unha fasquía semellante ás Salinae existentes no centro da cidade. Está formadas por estanques que aproveitaban o movemento hídrico das mareas. Na actualidade podemos apreciar perfectamente as liñas de pedras fincadas que delimitan os distintos estanques. Tamén se poden observar diferentes niveis de asolagamento e estanquidade da auga do mar para a obtención do sal. Detectárose cinco estanques de asolagamento. A súa extensión total é descoñecida, mais considérase que ocupaba todo o espazo circundante da propiedade, ata o mar.

Estado de conservación

A musealización realizada permitiu sacar á luz un asentamento romano case completo. A súa conservación actual é moi boa e a atención ás persoas visitantes mediante visitas guiadas permite unha contemplación e comprensión suficientemente ampla do significado da romanización no noso municipio.

Valoración final

Esta foi outra das acertadas intervencións museísticas que poñen en valor o rico patrimonio arqueolóxico do concello de Vigo. A evidencia e importancia dos numerosos xacigos de época romana existentes no territorio municipal, principalmente vinculados ao litoral, resaltan o consolidado asentamento romano no municipio. Este destacado número de asentamentos tamén nos indican a existencia dunha considerábel poboación naquel período.

Os actuais xacigos musealizados no noso concello (Monte do Castro e as Salinae do Areal) son asemade unha chamada de atención á necesidade continuar traballando na súa conservación e difusión.

Máis información

Galería de imaxes.

Hidalgo Cuñarro, «Romanización«, en Arqueovigo.

Hidalgo Cuñarro, «Excavaciones arqueológicas en la villa romana de Toralla. Imágenes inéditas comentadas» (I, II, III, IV, V, VI, VII, VIII, IX, X, XI, XII, XIII), en Arqueovigo.

GALICIA E ROMA. A villa romana de Toralla.

Universidade de Vigo, «INVESTIGACIÓN E MUSEALIZACIÓN DA VILLA GALAICO ROMANA DE TORALLA«.

Universidade de Vigo, Modelo tridimensional en imaxes.

Navegadores GPS

Para chegar ata as Salinae podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifo das Leixiades 1 / O Pontón (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este conxunto de petróglifos está situado próximo ao camiño da Subida a San Sebastián, cara a Oia, pasando os petróglifos, tamén próximos a este camiño, de Castiñeirón, Presa das Rodas e As Presas.

Conforme collemos a desviación por esta pista para Oia, aos poucos metros podemos ver o conxunto de rochas que afloran sobre o cavorco que forma o regato.

Forma parte dun grupo de once estacións de gravados que hai nesta contorna.

Descrición

O conxunto está formado por 6 rochas gravadas con distintos motivos.

A) unha rocha cun gravado navicular con cadanseu rebaixe nos extremos.

B) Dous metros ao sur desta hai unha rocha con dous gravados naviculares, con cadanseu rebaixe nos extremos, máis dúas coviñas a carón dun dos naviculares.

C) O máis interesante é a figura serpentiforme –que aparece nalgún outro petróglifo de Vigo, p.e., A Chan Grande en Oia-, cuns 80 cm de lonxitude e ondulante de norte a sur. No resto da rocha podemos apreciar sucos indeterminados unindo cazoleta de distintos diámetros, entre 4 cm e 9 cm. Tamén chegamos a ver un círculo case completo, duns 40 cm de diámetro, con diversos sucos dentro e fóra del.

D) Nesta rocha temos a representación máis destacábel do conxunto. Trátase de 3 circos concéntricos, de 34 cm de diámetro, con suco de entrada-saída (nordés-suroeste) e cazoletiña central. No extremo deste suco apreciamos dous circos concéntricos incompletos con coviñas entre os seus sucos. Na zona oeste desta rocha hai unha figura circular con coviñas ao seu redor e algún suco indeterminado.

E) Nesta rocha hai un gravado formado por 2 circos concéntricos con coviña central.

F) Uns 6 m cara ao leste hai outra rocha que presenta un gravado formado por 4 circos concéntricos con coviña central e un pequeno suco. Ao seu lado hai varios sucos curvilíneos en disposición paralela.

Estado de conservación

O exceso de árbores invasoras que hai ao seu arredor, tan prexudiciais tamén para o resto da vexetación, impide que entre a luz tan necesaria para a perfecta visión destes gravados. Por outra parte, o crecemento destas árbores entre as propias rochas provoca unha agresión directa sobre a súa conservación.

Tampouco existe ningún tipo de paneis e indicadores, con información precisa e específica sobre eles que permita a súa visión e comprensión sen necesidade de repasalos con obxectos que poidan causar danos irreparábeis nos sucos, xa de seu bastante desgastados.

Valoración final

Visitar os nosos petróglifos é unha odisea en moitos casos debido á dificultade de localización.

Un patrimonio tan fermoso, tan milenario, tan enigmático no seu significado, tan admirábel pola beleza da súa realización; un patrimonio que tanto significou para os nosos antepasados e que agora esmoreza baixo a maleza, ou desapareza baixo as desconsideradas gadoupas da presión urbanística e o progreso.

Merecemos que nos abran os lugares de lecer das nosas zonas forestais para o paseo natural e tamén cultural. Queremos descontaminarnos da cidade nos aínda grandes bosques periurbanos que temos pateando entre unha cultura milenaria que entre todos podemos contribuír a conservar e divulgar.

Nada se perde nin se deteriora se poñemos o empeño en que non suceda.

Mais para iso cómpren unhas administracións –principiando pola municipal- que saiban implicar a todos os sectores da sociedade interesados en que a nosa cultura máis antiga exista e deixe de ser ocultada e permanecer agochada da vista da xente. Así non a conservamos mellor; así só a tapamos con terra ou maleza para que ninguén se achegue a ela.

Nós sentímonos responsábeis de cada pedra gravada hai miles de anos polas mans que hoxe levamos nos nosos xenes. Queremos contribuír a facer o posíbel para que este patrimonio sexa de todos, estea mellor conservado e se promova unha responsabilidade pola súa conservación e transmisión entre toda a cidadanía.

Os representantes que eliximos ano tras ano, cada lexislatura dun partido diferente, non o están facendo, e nós, mentres, lamentando ver todo este irrepetíbel patrimonio á deriva.

Máis información

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Galería de imaxes

Aquí podedes ver unha relación de fotos máis ampla.

Vídeo dos petróglifos do Pontón

Navegadores GPS

 

Ruta dos petróglifos de Coruxo

Petróglifo As Presas (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este castro está situado no conxunto de gravados do monte de Fragoselo, onde están situados outros petróglifos importantes coma Castiñeirón, Presa das Rodas, O Pontón, Leixiades, Lapa Furada ou o grupo de Viveiro. Este en particular está moi próximo a Presa das Rodas, introducíndose por un camiño que hai a continuación destes gravados, atoparemos a laxe cun indicador..

Descrición

Trátase dunha rocha de 2,80 x 0,70 m. Sobre ela podemos distinguir numerosas coviñas. Unha desta coviñas situada no centro da laxe está conectada cun suco que percorre a pedra nunha lonxitude de 1,20 m, describindo unha lixeira curva.

As coviñas son de diferentes tamaños, chegando algunha delas aos 10 cm de diámetro. Non teñen unha organización precisa, aínda que se observa unha distribución en canto á concentración de coviñas máis anchas (no centro da rocha) e outras máis pequenas (do centro cara a un extremo).

Estado de conservación

Tal como pode observarse nas fotos, o lugar está bastante descoidado e falto de limpeza. Claro que deixar esta rocha ao descuberto sen máis, tamén sería dunha grande irresponsabilidade polo perigo de inmediata agresión que sufriría.

Valoración final

Como resultado da concentración de once rochas con gravados que hai próximas entre si neste monte en concreto, poderíase crear facilmente un pequeno itinerario por este lugar coas oportunas indicacións tanto para a súa posta en valor como para a súa conservación. É necesario un continuo labor didáctico in situ que ensine aos visitantes o comportamento adecuado ante este patrimonio milenario que reside entre o patrimonio natural dos nosos montes, ao tempo que se pode ensinar a forma de vida e referencias culturais dos habitantes da idade do bronce no noso territorio.

Galería de imaxes

Podedes acceder a unha galería de imaxes máis completa destes gravados.

Máis información

Concello de Vigo, Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Galería de imaxes

Podedes acceder a unha galería de fotos máis completa destes gravados.

Vídeo do petróglifo As Presas

Navegadores GPS

 

Ruta dos petróglifos de Coruxo

Petróglifo da Pedra Moura (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Google Maps)

O petróglifo de Fragoselo tamén chamado “Pedra Moura” está situado nos montes de Coruxo, nun lugar que forma parte da maior concentración de gravados rupestres do concello de Vigo.

Chégase a esta laxe doadamente dende a ermida de San Sebastián. Hai dous paneis indicadores á entrada do camiño que nos conduce ata a “Pedra Moura”. Alí atoparemos un cerrado que, na súa parte superior, vese claramente que está construído sobre a rocha dos gravados.

É moi importante decatarse que estamos ante unha de arte da prehistoria, unha obra de arte gravada na pedra, que ten máis de catro mil anos de antigüidade. Non debemos pisala en ningún caso, xa que sería o mesmo ca estar pisando un Picasso ou calquera outra obra artística de incalculable valor que imaxinemos.

Esquerda zona inferior - Dereita zona superior

Esquerda, zona inferior da rocha – Dereita, zona superior da rocha

Descrición

Esta rocha mide 10,5m x 4,5m, e presenta unha lixeira caída cara ao sur. Trátase do maior conxunto de gravados rupestres sobre unha rocha que hai en todo Vigo, e fai dela, ao mesmo tempo, o máis importante dos testemuños da Idade do Bronce que chegou ata nós no concello de Vigo.

Na imaxe do panel informativo, a zona superior da rocha é a que está situada á dereita.

É importante ir a unha hora do día en que o sol permita ver sensibelmente ben as figuras, xa que as árbores proxectan a súa sombra e impiden unha observación adecuada. As imaxes desta publicación foron tomadas cerca das oito da tarde do solsticio de verán. A posición extrema de máximo desprazamento cara ao norte do sol nestas datas permite esquivar a maioría das sombras das árbores.

A parte superior da rocha e primeira que atopamos na visita está moi desgastada e percíbense con dificultade algunha representacións circulares e numerosas coviñas.

IMG_20200621_194247

A Pedra Moura vista desde a zona superior

Figuras: Toda a rocha está ateigada de gravados nos que se aprecian unha gran cantidade de combinacións circulares, cazoletas, coviñas e mesmo o que se interpreta como oito pares de pegadas de zoomorfo.

IMG_20200621_195619

Zona superior da rocha

A figura que máis destacada e que mellor se observa nesta estación de arte rupestre é a gran representación de círculos concéntricos que mide 124 cm de diámetro, con seis circos concéntricos e unha gran cruz inscrita no centro.

Tamén é de salientar o suco serpeante que percorre a rocha polo centro en sentido lonxitudinal, que actúa como canle distribuidora das figuras a ambos os lados.

Lendas

Outro aspecto importante deste lugar arqueolóxico é a existencia de lendas ao redor da pedra gravada. Entre as variantes que se poden escoitar, o denominador común é a presenza de tesouros, mouras e serpes común a moitos outros lugares arqueolóxicos de toda Galiza. De feito, que se lle chame “Pedra Moura” xa nos dá referencia da característica etnográfica deste lugar. Esta lenda podedes lela no libro Arte rupestre nos montes do Maúxo, publicado polo museo de Castrelos.

Logo do enorme traballo de recollida arqueolóxica feito no noso territorio, agora queda por facer unha exhaustiva recollida do patrimonio inmaterial: o mundo das lendas, do animismo, dos seres máxicos galaicos.

Reproducimos aquí a lenda da moura que está asociada a este conxunto de gravados rupestres, publicada no traballo de María Alonso Alonso titulado «De mouras, tártalos e acompañamentos: un estudo da tradición oral da parroquia de Coruxo (Vigo)»:

«As lendas que aparecen no corpus do estudo relacionado coa parroquia de Coruxo teñen principalmente como protagonista unha personaxe feminina ou moura que normalmente se caracteriza pola súa enorme fermosura e que aparece ao amencer ou ao crepúsculo peiteando a súa longa melena rubia cun peite dourado. En Coruxo, a moura está constantemente relacionada con dúas diferentes localizacións específicas: A Pedra Moura e O Penedo da Moura. Aprimeira atópase na Devesa, na zona alta de Fragoselo, lugar ben coñecido polos petróglifos que esconde e que se poden ver ao redor da  Pedra Moura e deron pé á construción dun valado protector xa que, ata hai pouco, estes petróglifos atopábanse nun lamentable estado de abandono.

Lateral esquerdo, figuras principais de círculos concéntricos

Lateral esquerdo, figuras principais de círculos concéntricos

O segundo referente é un monólito de granito dun tamaño relativamente grande e redondeado que coma o anterior ten un petróglifo pero neste caso na súa superficie. Atópase na zona coñecida coma Pedra Longa, tamén en Fragoselo. Débese destacar o feito de que a gran maioría das lendas referidas ás mouras en Coruxo teñen como referencia topográfica a zona de Fragoselo xa que é a máis próxima ao monte e aos numerosos restos arqueolóxicos da vila.
Despois de analizar as diferentes lendas relacionadas coas mouras no corpus, pódense destacar unha serie de características en común. Normalmente aparecen para peitear a súa longa melena rubia coas primeiras luces do día saíndo do penedo que é o lugar no que están enfeitizadas. Considéranse presas dun feitizo que as teñen condenadas a vivir no penedo como gardas de incribles tesouros e soamente un varón virxe pode liberalas. De feito, dise que o mozo que pase a proba e libere a moura será premiado co ouro que está agochado dentro do penedo.

Lateral esquerdo, figura principal

Lateral esquerdo, figura principal

Tendo en conta algunhas das lendas, parece ser que o proceso para romper o encantamento é o seguinte: despois de que o mozo acorda coa moura a axuda, ela volve introducirse no penedo para saír convertida en serpe; a continuación, a serpe sobe enroscándose polas pernas do mozo ata chegar á súa cabeza e pon un caravel vermello no seu bico; a única condición que debe cumprir o mozo é a de non mencionar nunca a Deus xa que en caso contrario o encantamento duplicaríase e a moura quedaría condenada a vivir dentro do penedo para sempre. Son varias as historias recollidas no corpus que fan referencia a este proceso de desencantamento pero en ningunha destas o mozo é capaz de completar o seu labor sen gritar o nome de Deus en canto sente a serpe subirlle polo corpo. Estas historias rematan coa moura entrando no penedo en forma de serpe e desaparecendo para sempre».

Zona inferior da rocha

Visa desde a zona inferior da rocha

Estado de conservación

A pesar da intervención levada a cabo para a sinalización e do cerrado, máis ou menos acertado, realizado ao se redor, a verdade é que o deterioro desta rocha é palpable; tanto que apenas se notan a metade dos gravados que aparecen representados en diversos debuxos que podemos atopar en publicacións. Cómpre acometer unha intervención que impida o paulatino e acelerado proceso de desaparición dos gravados, tanto desta rocha coma das demais existentes.

Tamén se botan de menos uns paneis in situ con debuxos explicativos das distintas figuracións, para impedir que as persoas visitantes remarquen desaprensivamente os gravados con pedras, xices ou anacos de tella. Sinalizar excesivamente un lugar arqueolóxico para despois deixalo abandonado á súa sorte é imprudente e irresponsábel.

Zona inferior da rocha desde o lateral esquerdo

Zona inferior da rocha desde o lateral esquerdo

Do mesmo xeito que existe un equipo de traballadores  dedicado á conservación de parques e xardíns da cidade, debería existir tamén outro dedicado diariamente ao mantemento destes lugares arqueolóxicos máis relevantes e sinalizados.

De igual meneira que xa se pode ver noutros lugares de Galicia coma Mogor ou a Caeira, aquí é necesario que se constrúa unha pasarela ao redor da rocha, con paneis explicativos e debuxos que conciencien os visitantes de que non se deben pisar os gravados.

Máis información

Galería de imaxes.

J.M. Hidalgo Cuñarro, Vigo arqueológico.

Concello de Vigo, Catálogo do PXOM.

Zona inferior da rocha

Zona inferior da rocha

María Alonso Alonso, De mouras tártalos e acompañamentos. Un estudo da tradición oral da parroquia de Coruxo.pdf, Universidade de Vigo, 2011.

Mancomunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vigo, A lenda da Moura, (vídeo youtube)

Navegadores GPS

 

Ruta dos petróglifos de Coruxo

Petróglifos do Carballoso – Outeiro de Lucas I (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Está situado sobre unha pequena elevación rochosa, cunhas espectaculares vistas sobre a ría, con Toralla e as Cíes ao fondo. Os gravados están no seu cumio, nunha pedra horizontal.

Dentro do conxunto que forman os cinco conxuntos de gravados denominados O Carballoso, este é o único que está en terras de Coruxo; os demais están xa en Oia.

Todos eles se atopan paralelos á pista que une Coruxo con Oia dende a ermida de S. Sebastián ata o parque forestal de Oia.

Descrición

Hai dúas combinacións circulares e un rebaixe navicular.

A. Un petróglifo con dous círculos concéntricos completos e unha coviña central. Ten aproximadamente uns 28 cm de diámetro.

B. Un petróglifo formado por tres círculos concéntricos –o exterior incompleto-, sen coviña central e cun suco de saída en dirección sueste. Mide uns 36 cm de diámetro. Está situado a un metro e medio do anterior en dirección suroeste.

C. Un petróglifo navicular cun rebaixe en cada extremo. Está situado entre os dous petróglifos circulares, en dirección oeste. Mide uns 70 cm de longo e uns 24 cm de largo.

Estado de conservación: non hai especiais incidencias que estean danando estes gravados. Conta cunha sinalización adecuada, aínda que non representa os gravados na súa totalidade, senón só parcialmente os círculos concéntricos A e o navicular. Falta un debuxo ou fotografía que permita visualizalos todos de vez sen necesidade de riscar neles con ningún tipo de marcador agresivo.

Valoración final: o cartel ofrece unha ampla información, tanto dos elementos paisaxísticos que se contemplan dende este lugar, como das interpretacións e contextualizacións dos gravados que nos ocupan. Achega interesante información sobre os resultados das análises de residuos do interior do petróglifo navicular, no que destaca a posíbel función de muíño, coma os restos de materiais asociados a ritos funerarios ou a substancias narcóticas. Poden ter que ver as formas circulares con rituais ou representacións que fagan referencia á morte ou ao máis alá? Nunha época en que a vida humana era tan breve, e na que xa se herdara un concepto moi importante da relación cos mortos (as mámoas agochan no seu interior moradas mortuorias realizadas nun elemento eterno, a pedra, megálitos de complexa construción para a tecnoloxía lítica da época, construídos para seren vistos só polos defuntos), poderían ter que ver as construción circulares con rituais de comunicación co máis alá, foren deidades, foren defuntos?

Máis información:

Podedes acceder a unha galería de imaxes.

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Igrexa románica de Coruxo

Arquivado en: Coruxo,Igrexas,Románico — Xosé Couñago

Localización

A igrexa románica de Coruxo está situada na estrada de Camposancos, á altura do cruzamento coa estrada que conduce a Fragoselo.

Este templo é un dos tres edificios románicos que se conservan en Vigo, aínda que é o máis incompleto deles. Só se conservou a cabeceira; o resto do edificio é posterior.

Aínda así, a partir desta cabeceira conservada, podemos deducir que era o máis grande dos existentes, xa que as tres ousias que se poden ver na cabeceira indícannos que se trataba dun edificio de nave basilical, con tres posibles corredores interiores -un central e dous laterais. Curiosamente a planta actual non se correspondería con esa configuración inicial, xa que agora mesmo podemos decatarnos de que esta nave é máis estreita do que cabería esperar. Normalmente as igrexas románicas que existiron en Vigo foron derrubadas para ampliar en épocas posteriores debikdo ao aumento de poboación, ou aproveitando un derrubamento producido por calquera circunstancia; non obstante, neste caso parece que se propuduciu o contrario, que se reduciu o seu volume e espazo interior.

Datos históricos

A actual cabeceira románica está datada no último terzo do século XII, sen termos unha referencia concrta da súa data de edificación.

A orixe do templo é monacal: un mosteiro dependente do máis poderoso existente en Melón, a quen lle subministraría seguramente produtos agrícolas e do mar. Durante o século XIII chegou a contar con vinte e cinco monxes. A súa crise e extinción monacal está vinculada ao crecemento do mosteiro de Oia.

Descrición

Xanela setentrional.Cabeceira dende o exterior: está composta por tres ousias semicirculares; a central moito máis alta e voluminosa ca as laterais.

Ousia norte: podemos ver unha xanela semicircular, con chambrá exterior de tacos e unha arquivolta entre columnas decorada con formas baquetoneadas. A entrada de luz central ten forma estreita característica das seteiras. As columnas da xanela desapareceron, así como as basas. Só conserva os capeiteis, decorados con foliados. Sobre o capitel, o ábaco está decorado cun dobre motivo: leteis horizontais e unha curva de nacela. O beirado superior desta ábsida é achaflanado.

Ousia central: presenta unha altura, largura e profundidade maior ca as ousias laterais. Ten tres xanelas semicirculares sen ornamentación ningunha, mais cunha función de entrada de luz evidente ao interior do altar maior. A cuarta xanela, enreixada, é bastante moderna. O beirado superior é achaflanado decorado con canzorros de motivos xeométricos, de norte a sur: tres filas de dentes de serra, dous baquetóns verticais, planos superpostos, tres baquetóns verticais, punta de proa, punta de proa, bilobulado, punta de proa, tres baquetóns verticais, dous baquetóns veticais, plano simple, tres baquetóns verticais, tres baquetóns verticais e punta de proa. Este tipo de elementos decorativos é propio de edificios protogóticos (a partir do último terzo do s. XII, ata o primeiro cuarto do s. XIII).

Xanela meridional. Detalle dos capiteis.Ousia sur: podemos ver unha xanela semicircular, con chambrá exterior de tacos e unha arquivolta entre columnas decorada con formas baquetoneadas. A entrada de luz central ten forma estreita característica das seteiras. As columnas da xanela ten capeiteis e basas. Os fustes destas columnas son monolíticos. Nos capiteis podemos ver cadanseu personaxe cos brazos en asas. Hai analistas que os identifican con Adán e Eva nunha posible representación do Paraíso ou do pecado orixinal. Os canzorros superiores, baixo o beirado, son cinco e todos eles decorados con puntas de proa.

Cabeceira dende o interior: combinación de arcos e bóvedas de medio punto con apuntados, propios do románico de transición, a partir do último terzo do século XII.

Ousia sur: arco triunfal e bóveda de medio punto. Remate no fondo da ousia con bóveda de forno. A xanela é de arco de medio semicircular con columnas, basas e capiteis decorados con motivos foliados.

Ousia central: Arco triunfal e bóveda apuntados, a diferenza das ousias laterais. No interior desta ousia adquire unha forma de bóveda de forno.

Ousia norte: igual ca na sur, arco triunfal e bóveda de medio punto. Remate no fondo da ousia con bóveda de forno. A xanela é de arco de medio semicircular con columnas, basas e capiteis decorados con motivos foliados.

Estado de conservación

Danos que se observan:

Unha das xanelas, a da zona norte, xa non ten columnas baixo os seus capiteis vexetais (a máis próxima ao semáforo).

As chambrás exteriores das dúas xanelas (de tacos ou xadrezado) están moi desgastadas (comparar coas das outras dúas igrexas –Castrelos e Bembrive-).

As figuras humanas que hai nos capiteis dunha das xanelas están moi erosionadas e apenas recoñecibles.

Adro da igrexa

No adro tamén hai un cruceiro moi singular e dos máis antigos de Vigo, que ten unha fermosa lenda: fálanos dun tesouro ou gran cantidade de cartos enterrados debaixo do mesmo cando foi construído por un personaxe do Santo Oficio. Na base do cruceiro poden lerse os datos da súa fundación; mais, pola outra banda da base, hai outra inscrición que di que foi trasladado de lugar e pintado. Aínda se poden ver cruceiro policromados por outros lugares dos arredores. É unha mágoa que se deixasen de pintar a maioría deles.

Diante da porta principal existe outro cruceiro de fermosa fasquía.

Este adro complétase cunha fermosa e senlleira oliveira de admirábel porte.

Máis información

Galería de fotos.

FRANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA, Itinerario polas igrexas románicas de Vigo

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifo do Viveiro II (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Do grupo que forman as cinco rochas do Viveiro este é o máis afastado do conxunto, podemos chegar a el baixando pola pista que vai ao petróglifo da Lapa Furada. A rocha atoparémola sobresaínte no bordo da vertente.

(Ver en Google Maps)

Descrición

Na rocha aprécianse oito coviñas enriba, aínda ben visíbeis, nunha superficie de 1,40 x 0,60 m.

Estado de conservación

Onde está situado fixeron unha corta e os eucaliptos comezan a medrar, o que provoca que desde a pista non se mire esta rocha. Por outra parte, un pouco máis arriba da rocha deixaron amoreado todos os restos da corta. Cabe sinalar que se este amontoamento de troncos se chega a facer un pouco máis abaixo, taparían a rocha. Queremos supoñer que os responsábeis destas árbores coñecen a situación destes xacementos arqueolóxicos.

Valoración final

Ten unhas boas vistas á ría e á cidade, que en canto medren as árbores desaparecerá.

Hai que poñer en evidencia que o día que se fixeron estas fotos baixaban por esa pista camións formigoneiras para unha obra que están facendo máis abaixo, nas ultimas casas que hai antes do monte. Salientamos este feito e a súa gravidade por canto en vez de acceder pola parte inferior á obra, os camións soben ata a capela de San Sebastián, seguen pola pista cara a Oia e logo baixan pola pista que vai a Lapa Furada; a continuación pasa polo Viveiro V e van dar ás casas do barrio de Burdés.

O caso é que, coas fochas da pista, os camións van deixando regueiros de formigón polo camiño. Unha cousa que sempre nos chamou a atención é que non importa o afastados das pistas e sendeiros que nos atopemos, incluso estando no máis mesto do bosque, sempre atopamos lixo por onde vaiamos: latas de refrescos, bolsas plásticas, botellas, latas de aceites dos que traballan con maquinarias, rodas, colchóns restos de electrodomésticos etc.

Máis información

Concello de Vigo, Catálogo do PXOM

Ángel de Prado, Petróglifos do Maúxo

Navegadores GPS

Ruta do petróglifos de Coruxo

Lavadoiro do Camiño do Abade (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Lavadoiros — Xosé Couñago

Este fermosísimo lavadoiro está situado no Camiño do Abade, moi preto da igrexa románica de Coruxo.

É unha das pezas mellor conservadas entre os lavadoiros vigueses, sobre todo porque a maioría deles sufriron reformas que transformaron a súa fasquía orixinal, principalmente no tocante aos teitumes. Este exemplo de Coruxo conserva aínda unha teitume de madeira e tella que nos dá idea de cómo deberon ser a meirande parte dos lavadoiros do concello.

A pesar de non ter ningunha indicación e de non figurar en ningunha parte, este lavadoiro destaca por si mesmo e chama a atención tanto pola súa dimensión coma pola fermosura da construción. Ademais de longo, salienta tamén a súa largura e a das trabes transversais que van de columna a columna.

As trabes de madeira chaman a atención pola súa elaboración e entramado sobre columnas con caída a dúas augas con tella plana do país.

O teitume está construído con sete treitos de trabes en forma triangular e cadansúa vertical no centro. Estas verticais tamén van unidas entre si con outros madeiros diagonais, conferíndolle a todo o conxunto un fermoso e curioso entramado de madeira.

Conta cunha gran pía única de dúas follas de lavado ao longo. Estas follas están canteadas en redondo. Esta pía está chea de auga e en uso na actualidade.

Ten catro parellas de columnas en pedra que sosteñen o teitume. Por un flado van encastradas nun pequeno muro que fai de contención do terreo en baixada. Este muro tamén serve de pousadoiro.

Ten cano de entrada de auga e canle de desaugue. A canle de desaugue está toda ela feita en pedra e introduce mediante volta a auga debaixo do propio lavadoiro antes de mandala ao regato.

Ao carón do lavadoiro tamén se conserva algunha pedra labrada en forma de canle que formou parte da conformación orixinal do lavadoiro.

Agardamos que as FOTOS que poñemos ao voso dispor sexan do voso agrado e utilidade.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Cruceiro da Taberna (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

Este cruceiro está situado no cruzamento entre a estrada de Camposancos e o Camiño do Abade, moi preto da igrexa románica de Coruxo.

Descrición

Base: simple e de forma cuadrangular. Sen inscrición ningunha. De novo os anónimos canteiros que non asinan as súas obras.

Fuste: octogonal e liso, sen ningunha decoración.

Capitel: simple e cuadrangular. Apenas un recanteo na súa parte inferior.

Cruz: a única parte destacable do conxunto. Presenta unha Crucifixión e unha Paixón. A cruz propiamente imita a madeira con formar redondeadas e nodosidades.

Crucifixión: é unha figura pouco elaborada, con escaso naturalismo e un resalte volumétrico no que só as pernas se separan da pedra de base. O rostro sen destacábel expresividade, así como os matrices fisiolóxicos da figura.

Paixón: a figura destacada é a da Virxe, aínda así sen demasiados matices. A roupaxe é volumétrica e envolvente, mais sen elaboración artística. As mans están algo desproporcionadas respecto do natural. Tampouco a figura do Cristo xacente está proporcionada con respecto á da nai. É bastante máis pequena, cumprindo aquela máxima que xa

Castelao nos deixara na que afirmaba que en moitos casos se representa máis pequena porque todos somos nenos no colo das nosas nais. Aos pés da Virxe hai, como é común en moitos cruceiros, unha cabeza de anxo, coma se a Virxe estivese suspendida no ar, sen ningún outro apoio que a cabeza do anxo que a sostén.

Estado de conservación

A contorna na que está situado deixa que desexar para destacar a súa presenza, sobre todo debido á maior importancia que se lle deu á concesión da colocación dun valado publicitario ao seu carón; un enorme valado publicitario ao carón dun elemento do noso patrimonio cultural.

A destacar positivamente, a pequena zona verde na que está, xunto co cadeado de protección que hai ao seu arredor, un cadeado que faría moita máis falta noutros cruceiros moito máis expostos aos vehículos ca este. Parabéns para quen o fixo e agardemos que a administración local tome nota para a protección doutros que están en moito maior perigo.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Corredoira do Monte do Gato (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Xeral — Xosé Couñago

Nesta ocasión, como patrimonio de Vigo, tamén queremos presentar un camiño antigo, unha desas corredoiras que xa forman parte do catálogo etnográfico do concello.

Localización

Está situada na parroquia de Coruxo e deambula ao longo de varios centos de metros por un lugar frondoso da parroquia que vai dende o Monte do Gato ata o remate do Camiño a Bouzós.

Seguindo un pouco máis adiante chégase ata as covas do Folón, tamén na parroquia de Coruxo.

Descrición

O seu comezo no Monte do Gato, ao pé dunha construción arruinada, invita a perdernos entre o verdello da rebouza alta que o bordea. Apenas uns pasos máis adiante xa encontramos un fermoso e sólido muro de cachote ben preparado, que salienta a beleza do propio camiño.

Seguindo a corredoira atopamos un pequeno lavadoiro de regato, quizais unha posíbel levada. A pouco que vos fixedes no fondo da auga veredes tritóns nadando suavemente.

O camiño continúa por unha paraxe na que as laxes do chan manteñen as pegadas das rodeiras dos carros que ao longo de tantos séculos foron afondando coa súa marca os sucos do da ceifa labrega.

Ao final o camiño vólvese máis irregular e estreito ata desembocar nunha pista asfaltada (Camiño a Bouzós) para dar acceso a unhas vivendas.

Queda por buscar a continuidade desta corredoira e prolongala o máis posíbel para o goce de calquera camiñante que se achegue a coñecela.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes descargar a localización da entrada a esta corredoira para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifo de Castiñeirón (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Está situado moi preto da ermida de San Sebastián de Coruxo, á beira da estrada que se dirixe ao campo de fútbol.

Non ten indicador para dar con el; hai que camiñar pola beira esquerda da estrada uns cincuenta metros cara ao campo de fútbol e xa se ve a laxe a uns dez metros da estrada, no monte.

Forma parte dun conxunto de laxes que foron esnaquizadas polos canteiros; polo tanto, a saber cantos gravados se perderon baixo as marretas dos picapedreiros.

Descrición

A figura conservada ten formas circulares; partindo dunha cazoleta central, desenvólvense concentricamente ao seu redor tres círculos, os dous primeiros completos e o terceiro incompleto, por estar asociado a outro círculo externo máis grande.

Estado de conservación

O estado de conservación é coma en todos os demais casos, de acelerada descomposición. Urxe tomar medidas para a conservación da pedra no estado actual evitando o seu paulatino e acelerado desgaste.

Tense apuntado que en poucos anos desaparecerán unha boa parte dos petróglifos galegos debido tanto ao desgaste climatolóxico coma á acción humana.

Máis información

Concello de Vigo: Ficha do PXOM de Vigo

Galería de imaxes

Podedes ver unha relación máis ampla aquí de fotos.

Cruceiro do adro de Coruxo

Arquivado en: Coruxo,Cruceiros — Xosé Couñago

Está situado no adro da igrexa románica de Coruxo, á beira da Polo outro lado aparece outra inscrición con outra data diferente e distante no tempo: “FUE TRASLADADO PULIDO Y PINTADO EN JUNIO DE 1853”. Tamén nesta inscrición observamos outro dato curioso: do mesmo xeito que máis de douscentos anos antes fora gravado co motivo e data de construción, agora é novamente gravado con indicación das operacións realizadas sobre el e a data en que se fixo. Foi pulido, douscentos vinte e dous anos despois da súa construción; o que denota que tras dous séculos á intemperie anovóuselle a cara da pedra para devolverlle a fermosura orixinal da pedra (ata a actualidade pasou un século e medio máis e agora está pedindo un pulido a berros; está completamente cheo de carriza). Tamén se nos indica na inscrición que foi pintado. Aínda se conservan por Galicia moitos cruceiros pintados, outros co restos de policromía; mais na maioría dos casos xa se deixou de facer esta práctica.

O fuste é liso e hexagonal e lévanos ata un capitel con base de colar, decorado nas catro caras, rematado en volutas nos recantos da parte superior.

A cruz ten dúas figuracións clásicas: un Cristo crucificado e unha Piedade. A cruz está bastante ben realizada, con imitación á madeira e trazo irregular e tosco. O Cristo non está moi elaborado; acentúa certas fasquías dos seu corpo cun certo xogo volumétrico, mais en xeral está bastante apegado á pedra. A Piedade é o máis fermoso da figuración. Unha Virxe en pedra de principios do século XVII, na que os nosos canteiros verteron a súa visión da nai de Xesús coma unha muller galega daquel tempo. O seu fillo completamente inerte no seu colo, mesmo cun tamaño inferior ao da súa nai, quizais porque como dicía Castelao, no colo das nosas nais todos somos coma nenos pequenos para elas. Aos pés da Virxe está representada a cabeza dun pequeno anxelote con dúas ás sobresaíndo aos lados.

Este cruceiro conserva tamén unha tradición. Foi lugar de parada de procesións e enterros, con lectura de responsos. Por outra parte chegou ata nós a lenda de que un santo ou un crego, segundo as versións, enterrou un tesouro debaixo del, mais ninguén foi quen por agora de dar con el.

Podedes ver máis fotos neste enlace.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Cruceiro do adro da igrexa de Coruxo 2

Arquivado en: Coruxo,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

Este cruceiro está situado diante da entrada principal da igrexa románica de Coruxo, na estrada de Camposancos.

Descrición

Basa cadrada de tres chanzos.

Varal redondo, monolítico, cun adorno anelado ao seu redor a metade de altura. Remata cun capitel tamén redondo sobre o que se apoia a cruz.

A cruz presenta dúas iconografías clásicas: un Cristo crucificado e unha Piedade. Unha composición pouco elaborada e escasamente salientable.

O Cristo está toscamente tallado, sen desenvolvemento volumétrico, nin expreso naturalismo. Non se atende á representación estética, senón máis ben á puramente funcional.

A Piedade é dunha representación aínda máis tosca ca o Cristo. Mesmo a figura do fillo morto parece máis un moneco ca un corpo xacente. Salienta neste sentido o escaso tamaño da figura de Cristo con respecto á da Virxe. A elaboración das figuras carece de calquera elemento resaltable; en todo caso, mencionar o pequeno rostro de anxelote que hai aos pés da Virxe.

Podedes ver neste enlace máis fotos.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)