Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Bembrive,Igrexas,Románico — Xosé Couñago

Localización

A igrexa románica de Bembrive está situada mesmo no núcleo da parroquia . Chégase a ela con facilidade dende calquera punto do concello por estar preto da autovía Vigo – O Porriño.

Data de construción: Hai unha inscrición no interior do presbiterio, na parede setentrio­nal, en dúas ringleiras que di: “ARIAS : E : M : CC : XXIII ….. OBIIT RODERICUS …..”
“Arias, era 1223 (ano 1185), morreu Rodrigo…”

Tamén no muro setentrional da nave, no interior, ao longo dun perpiaño, hai un epígrafe con esta inscrición de data: «E : M : C C : L X I»
“Era milésima duocentésima sesaxésima prima = ano 1223″.

Ata hai pouco foi unha xoia románica con risco de agresións por falta da debida protección; mais hoxe en día, coa humanización da súa contorna, podemos gozar dunha igrexa na que soamente as decoración exteriores da fachada afean en ocasións a súa beleza.

Descrición

Estamos ante un románico de transición, con decoración historiada e vexetal, cuns entrelazados que percorren e están presentes en todas as fachadas do templo, como se tratase dun denominador común decorativo desta igrexa que non aparece nas outras dúas de Vigo (Coruxo e Castrelos).

Ábsida

Ten unha singular forma poligonal que chama a atención pola beleza da decoración que presenta. Esta forma poligonal é rara en Galicia e só existen outras 14 deste tipo (Aciveiro, Ancorados, Casteláns, Codeseda, Losón, Piñeiro e Tebra na nosa provincia; Hospital do Incio, Goo, Reimóndez e Reiriz na provincia de Lugo; Sar e Mens na provincia da Coruña, así como tamén na catedral de Compostela na capela chamada de san Bartolomeu).

Decoración da ábsida: observade as catro columnas entregas, de considerable dimensión, con decoración nalgunha delas con entrelazados na mesma base. Os capiteis: dous deles están decorados con motivos vexetais habituais (follas en espiral e follas con pomas); outro deles ten un fermoso traballo de grosos e perfectamente conservados entrelazados que salienta polo efecto de envolvemento ao redor de todo o capitel, exemplos deste tipo haino repartido por diferentes igrexas galegas, por exemplo Gargantáns. No capitel central destaca unha figura humana cun animal cuadrúpede a cada lado; a figura humana parece estar sentada e viste unha especie de saio longo e está cos brazos enlazados no peito. Hai algunha interpretación que establece que se podería tratar de Daniel entre os Leóns.

Os canzorros podemos ver unha cabeza vacúa, unha figura sentada con algo nas mans bastante deteriorada; outro personaxe cunha especie de bocoi ou quizais bombo (Tomiño, Tebra, Moaña, Barrantes); a seguir un personaxe cunha posible careta animal sostida coas mans sobre o rostro; a continuación un posible león rampante; máis á esquerda podedes ver dous músicos: un frautista e un violinista co típico cruzamento de pernas medieval; na seguinte serie hai un torso animal semellante ao dun león, mais un aparente danzante nunha curiosa forma contorsionada cabeza a abaixo, unindo brazos e pernas por detrás do corpo, con apreciación da roupa. Acompañando toda esta figuración temos outros canzorros con formas xeometrizantes moi fermosas, todas como variación do tema de proas: rolos, lobulados, follas picudas, bólas… todo un deleite decorativo para delongar a mirada en cada un deles. Entre algúns dos canzorros apreciaredes uns exuberantes exemplos de hexafolios dentro dun círculo con botón central, semellante aos observados na igrexa de Castrelos.

A escena figurada no seu conxunto, con músicos, danzantes e animais semella un grupo de animación, divertimento ou interpretación (Tabeirós, Fiestras, Moaña, Ouzande, Angoares). A pregunta sería qué interpretación nos merece esta escena nunha igrexa, tería algún significado asociado á relixión (Daniel entre os leóns)?, sería pura liberdade expresiva dos nosos canteiros rurais da idade media?

Fachada norte

O rechamante a primeira vista son os grosos contrafortes, non orixinais, senón introducidos máis tarde para evitar o derrubamento das paredes, isto obsérvase concretamente no apegado que está un deles á porta norte. A porta, de arco apuntado, románico de transición, regálanos unha rechamante decoración ante a que paga a pena pararnos un pouco. A chambrá ten sete fileiras de tacos con decoración dentada externa; as arquivoltas teñen decoración de baquetóns. Os capiteis presentan distintos motivos: o da dereita representa formas vexetais picudas e o da esquerda un entrelazado semellante ao que vemos na ábsida, do que salienta a fermosura da súa fasquía envolvente. Sobranceando sobre eles deleitámonos no atractivo e suxerente tímpano desta porta: un cruciforme característico medieval que atopamos noutras igrexas, p.e. Escuadro (Silleda) e en tantas cruces antefixas dos tellados do románico. Neste caso salienta ademais a decoración anexa, formada por círculos e espirais que os nosos canteiros recolleron da tradición popular que afunde as súas raíces na decoración e simboloxía castrexa.

Fachada sur

Unha fachada case plana, sen porta medieval, da que só conserva o tímpano reaproveitado, destacan os enormes contrafortes que sosteñen os muros. Evidénciase que fachada orixinal derrubouse por algún motivo e foi novamente levantada, pero sen respectar a decoración orixinal. Ten moitos elementos soltos aproveitados doutras decoracións orixinais ciscadas por distintos lugares de toda a parede: hexafolios, un capitel sobresaíndo do centro do muro; un perpiaño historiado con dous arcos, baixo un dos cales hai unha figura semellante á do capitel da ousia, da que nos preguntamos a onde podería ter pertencido. Os canzorros desapareceron do beiril. Pero o que máis chama a atención é a moderna porta que substituíu a orixinal románica –que aínda se conserva vista polo interior da igrexa-, unha aberración que aínda por riba mutilou o fermosísimo tímpano orixinal, unha enigmática figura animal (algúns autores falan dun cánido, algún outro dun posible Agnus Dei), en pé sobre as patas traseiras e que ten entre os seus dentes o extremo dun entrelazado –outra vez o entrelazado que envolve todas a igrexa en cada unha das súas representacións-. Un exemplo semellante a este tímpano podemos velo na igrexa románica de S. Martiño de Moaña.

Fachada occidental

Presenta arco apuntado propio do románico de transición, lembremos que é unha igrexa de finais do s. XII. Ten un gran parecido coa porta principal de Arcade. A chambrá exterior ten seis fileiras de tacos, a seguir, dúas arquivoltas decoradas con hexafolios inscritos en circos e entrelazados. O tímpano orixinal desapareceu. Os capiteis están decorados con formas vexetais, un entrelazado semellante ao da porta norte e figuras animais nos dous capiteis interiores. Estas parellas de figuras animais, quizais leóns afrontados, chaman a atención pola decoración de entrelazados por entre as súas patas. Lembremos que o entrelazado é a decoración máis recorrente en toda esta igrexa (capiteis, bases de columnas, arquivoltas, tímpano das portas sur e norte…). Este entrelazado tamén está presente nós ábacos superiores dos capiteis da dereita; en cambio nos ábacos dos capiteis da esquerda podemos ver hexafolios. As columnas son monolíticas e as dúas interiores teñen unha fermosa feitura entorchada, dando mostra da mestría dos nosos canteiros rurais, amosadas en moitas das nosas igrexas románicas. A espadana da fachada, como ben poderedes decatarvos, non é románica, senón posterior.

Máis información

FRANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA, Itinerario polas igrexas románicas de Vigo

Agardamos que as FOTOS que poñemos ao voso dispor sexan do voso agrado e utilidade.

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

1 comentario

  1. e unha pagina muy interesante e fermosa que mellor maneira de coñecer o noso gustoume todo , pero sabes que vivo tan preto e doume de conta que non coñezco vigo un saudo

    Comentario by maria — 5 febrero, 2011 @ 12:00

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.