Patrimonio cultural de Vigo

Alcabre

Castro da Punta do Muíño de Vento (Alcabre)

Arquivado en: Alcabre,Castros — Xosé Couñago

Situación

Este castro está situado á beira do mar, onde está agora enclavado o Museo do Mar, cunha parte do castro soterrado baixo o edificio e outra ao aire libre.

Descrición

Un claro exemplo de castro marítimo, cunha situación mesmo á beira do mar, sen evidencia de defensas semellantes ás dos castros do interior (murallas, fosos, terrapléns…). Conta en todo caso co mar como elemento defensivo cara ao norte e oeste, mais o resto do castro atópase en pendente dende unha parte máis elevada ata o mar.

Foi “descuberto” no ano 2001 a raíz das obras de reconversión do antigo matadoiro no actual Museo do Mar. Estas obras sacaron á luz un bo número de construcións que se introducían baixo os alicerces do edificio e se estendían ata o seu exterior, a parte máis visíbel e recuperada na actualidade.

As distintas estratificacións resultantes da escavación realizada amosou varios períodos identificábeis neste castro:

· Un asentamento moi antigo, como mínimo do s. VIII antes da nosa era, con evidencias de construcións circulares en materiais vexetais e palla-barro, xunto con materiais cerámicos e de bronce asociados a este período.

· A estratigrafía máis visíbel na actualidade desenvólvese a partir do século V a.e., con construcións en pedra, cunha continuidade que chegaría ata a o primeiro século da nosa era. A este longo período pertencen a maioría das construcións que observamos na superficie.
Profundando un pouco máis nas escavacións, os arqueólogos atoparon, dos primeiro momentos deste período, o altar de estilo púnico, de clara influencia fenicia, que hai dentro do recinto dunha das vivendas. Este altar consta na actualidade de tres pedras fincadas sobre unha superficie encaixada nunha estrutura cuadrangular. A vivenda que o arrodea é, en cambio, dun período posterior. Este altar xunto con numerosísimas pezas cerámicas, vinculadas á conserva en salmoira, atopadas nas prospeccións evidencian unha clara conexión cultural e económica co Mediterráneo que os arqueólogos comezan a destacar.

· A partir do século I da nosa era o castro foise abandonando. Xorden asentamentos romanos na súa contorna (vila romana de Punta Borralleiro, na praia do Cocho, e a vila romana do Fiunchal) e o castro é empregado como cemiterio para enterramentos de tipoloxía cristiá.

Estado de conservación

O aspecto máis salientábel a comentar é a ridícula parcela de castro que se nos permitiu conservar á vista. O castro ten unha clara continuidade cara ao interior do edificio do museo, mais tamén a ten aínda máis evidente cara ao mar. Mais o empeño de “urbanizar” a zona de contacto entre os dous edificios do museo coa creación dunha especie de praza intermedia imposibilitou calquera oportunidade de gozar hoxe en día cunha superficie moito maior.

A solución máis lóxica, atendendo á prioridade da conservación dun hábitat castrexo marítimo tan excepcional, sería a construción de pasarelas elevadas de comunicación entre os edificios, que permitirían ademais unha perfecta observación dos restos de construcións castrexas, evitando asemade o seu paulatino e incontrolado deterioro debido ao abusivo paso de persoas sobre os muros conservados e restaurados na actualidade.

O lamentábel da penosa solución á que se chegou foi a priorización dunha arquitectura moderna de firma sen saber facela convivir adecuadamente coa conservación doutro excepcional “museo do mar” situado precisamente debaixo dos seus alicerces.

Valoración final

Conservamos varios castros marítimos ou moi próximos ao mar en Vigo: o da Punta do Muíño en Alcabre, o da illa de Toralla, o Castro Castriño na curva de San Gregorio en Coia, e os do Monte da Guía e do Sino (A Riouxa) en Teis.

O arqueólogo Hidalgo Cuñarro considérao un dos tres castros máis antigos de Vigo, xunto co de Toralla e as Torres de Padín, en Teis, baseándose nos achados de cerámica e obxectos de bronce neles atopados, que os remontan ata o século VIII antes da nosa era. Nomeadamente, o de Alcabre presenta ademais un xacigo de 6 machados de bronce anteriores a este período sinalado.

Machados de bronce

Machados de bronce

Neste castro podemos sinalar, polo tanto, unha continuidade habitacional duns mil anos aproximadamente.

É moito o que aínda queda por escavar nel. O que podemos ver na actualidade é unha pequena parte da súa verdadeira dimensión. Descoñecemos completamente todo o que se oculta no subsolo do actual Museo do Mar. As escavacións rematan aos poucos metros baixo o edificio e poden verse a simple vista. É unha mágoa que non se continúe coa descuberta do moito que seguramente aínda nos agocha este asentamento castrexo, principalmente pola importancia da súa proximidade ao mar.

Hai exemplos de xacigos arqueolóxicos que se conservaron debaixo de construcións modernas sen demasiada complicación. Na rúa Rosalía de Castro, en pleno centro urbano hai un subterráneo preparado para visitar as salinas romanas que se conservaron a raíz da construción do aparcadoiro.

Foi unha pena que a poucos metros desta salina se deixase desaparecer un excepcional cemiterio romano na rúa Hospital, descuberto co gallo da construción dun edificio. Hoxe algunhas das súas tumbas, xunto cos esqueletos intactos, algúns deles impresionantes, languidecen no limbo do esquecemento no faiado do museo de Castrelos envolveitos en plásticos.

No castro de Alcabre, o Museo do Mar tería –como xa ten- un atractivo engadido: a visita dunha exposición no espazo museístico, xunto coa visita subterránea dun hábitat castrexo.

Un museo sobre outro museo, xa que o castro nos permite coñecer a evolución histórica da influencia do mar na cultura castrexa, dende un posíbel primeiro asentamento do bronce no lugar, a posterior chegada fenicia a estas costas, ata a conquista romana, pasando pola cultura do marisqueo, a pesca e o emprego do sal que se desenvolveu ao longo de todos eses séculos. Moitos destes elementos de cohesión histórica están aínda agochados nos subsolos dos edificios do museo. Teremos a sorte de descubrilos algún día?

Podedes ver unha galería máis completa de fotos neste enlace.

Tamén podedes acceder a un vídeo realizado por Anxel de Prado

Máis información

Alfredo González Ruibal, Xurxo Ayán Vila e Rafael Rodríguez
Martínez, Buscando a los púnicos en el Noroeste. Nuevas
aproximaciones a la presencia mediterránea en Galicia y el
norte de Portugal durante la Edad del Hierro
, in VI Coloquio Internacional del Centro de Estudios Fenicios y Púnicos (Sevilla, 30 de sept, 1-2 de oct. de 2009).

Se queredes podedes coñecer a Rutas dos castros de Vigo e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Cruceiro de Alcabre

Arquivado en: Alcabre,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

Atópase no cruzamento da Castaña e do Freixeiro, ao lado da avenida de Europa, á altura do colexio Amor de Dios. É un fermoso cruceiro de encrucillada, erguido sobre tres gradas de forma octogonal, que embelecen aínda máis o lugar de cruzamentos de rúas no que se encontra, conferíndolle unha maior sensación de redondez á rotonda que de seu establece o cruceiro entre o paso continuado de vehículos.

Descrición

A columna é cilíndrica e lisa, distinguíndose do clásico aspecto poligonal da maioría dos cruceiros. O aspecto de redondez que lle dan as gradas vese reforzado polo fuste completamente redondo do cruceiro, producíndose un harmonioso efecto visual entre estes dous elementos.

O capitel é composto: volutas e imaxes de anxelotes, anelado na parte inferior e con base cadrada como remate superior O cruceiro ten unha crucifixión no anverso e unha Piedade no reverso. O Cristo non presenta unha desenvolvida elaboración. Non se representa co contorsionismo e separación que se observa noutros sobresalientes exemplares do noso concello; aínda así, transmite unha equilibrada sensación de serenidade.

A Piedade amósanos unha Virxe envolveita nun gran manto que lle dá un pronunciado volume, sostén no seu colo a figura xacente de Xesús. Chama a atención o tamaño máis pequeno da figura do fillo no colo da nai. Tamén é de salientar a desproporción dos brazos e mans, principalmente nas mans da Virxe sostendo o seu fillo.

Estado de conservación

A impresión que dá unha peza de arte tan indefensa, facendo os labores de rotonda, sen protección ningunha, rodeada do tráfico tan intenso que se mova ao seu arredor é arrepiante. Este cruceiro está pedindo a berros de socorro que se lle coloque unha defensa ao seu redor para protexelo do desaforado tráfico que circula ao seu carón. Cada día que pasa estamos tentando o demo coa sorte desta piadosa construción popular. Cando o teñamos esnaquizado no chan, irrecuperable, insubstituíble, lamentaremos ou falaremos das medidas que se puideron ter adoptado?

Por outra parte, tamén se observa o paso do tempo de da agresión medioambiental. Está cuberto de carrizo e presenta algunha greta evidente (observade a base da cruz, sobre o capitel) que fan pensar nun rápido deterioro que podemos aventurar onde vai acabar. De feito, a dúas das esquinas da base da cruz, no capitel, xa lles falta un anaco de pedra co correspondente esnaquizamento da voluta. E que dicir dos cables que o rodean por todas as partes, mal endémico xa do noso patrimonio; cando aprenderemos a manter o respecto da distancia para a preservación da beleza destas obras de arte popular.