Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Coruxo,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este singular cruceiro atópase sobre a praia da Fontaíña, tamén denominada areal da Sereíña, na parroquia de Coruxo.

A súa situación sobre o mar nunha paraxe de especial beleza entre Samil e o Vao, xunto coa súa especial fasquía, fan deste cruceiro un dos máis atractivos e interesantes que temos en Vigo.

Descrición

A singularidade deste cruceiro vén marcada pola tipoloxía á que se podería adscribir: os Cruceiros de Capela.

Este tipo de cruceiros son propios, maioritariamente, da zona da Barbanza con algúns exemplares que podemos atopar por terras de Rois ou mesmo ata o concello de Dodro.

Mais puntualizamos que se poderían adscribir a esta tipoloxía porque non chega a presentar as característica que os definen como tales, xa que o capitel que sostén a cruz non ten forma de capela, aínda que a primeira vista se lle puidese asemellar.

Fáltalle a abertura frontal que albergaría no seu interior a imaxe mariana correspondente: unha Virxe co meniño no colo, unha Milagreira, unha Inmaculada ou unha Dolorosa; aínda que a máis representativa e habitual sería a Virxe de Loreto (que lles dá a denominación tamén de Cruceiros de Loreto).

Hai outras características que tamén o apartan desta tipoloxía e que a continuación describiremos.

Base

Ten forma cuadrangular cun chanzo, sobre o que se dispón un pedestal cúbico sen ornamentación nin inscricións. Está biselado ao longo da contorna do bordo superior.

Fuste

Na tipoloxía dos cruceiros de capela, outra característica que os define é o fuste voluminoso que presentan, a modo de groso piar e de pouca altura en moitos casos.

Neste exemplar o fuste é semellante ao de calquera outro cruceiro tradicional. Presenta unha forma cuadrangular, achafranado nos catro cantos a partir de media altura do varal.

Na parte baixa do fuste, aínda non achafranado, atopamos unha representación pétrea de fornela con remate superior abovedado. Dentro desta fornela inscúlpese o relevo do Crucificado.

Sobre esta fornela aparecen outras dúas representacións escultóricas: a primeira é un franciscano e, sobre ela, unha figura dunha relixiosa.

Capitel

O capitel normal dos cruceiros tradicionais aparece substituído nos cruceiros de capela por un fornelo a modo de capela dentro do que se sitúa a figura mariana á que aludiamos máis arriba.

O exterior pode estar exento de decoración ou presentar as tres caras con figuras ou escenas relixiosas.

Neste exemplar que nos ocupa decatámonos da semellanza con esa fasquía, mais carece da principal característica que é o fornelo dentro do que estaría a figura mariana.

Este capitel vai sobre un pedestal con querubíns en cadansúa cara lateral. Esta representación figurativa é frecuente nos cruceiros de capela da Barbanza e tamén se pode ver no outro cruceiro destas características que existe en Vigo, o cruceiro de capela das Travesas, que reproduce todas as características propias destes cruceiros.

O capitel presenta as catro caras historiadas nas que están insculpidas as seguintes figuras: na cara frontal unha figura de Santiago Apóstolo (habitual tamén nos auténticos cruceiros de capela); unha escena da Paixón con Xesús portando a cruz; unha figura franciscana novamente; e finalmente unha representación ecuestre exenta doutras identificacións, que quizais puidese representar a Santiago Matamouros.

No cruceiro das Travesas tamén coinciden as insculturas do monxe franciscano, da escena da Paixón e, máis claramente, a representación de Santiago Matamouros co seu cabalo, espada e estandarte esmagando os inimigos da cristiandade.

A parte superior deste capitel ten forma abovedada, o que lle proporciona unha maior semellanza a unha forma de capela, tamén habitual nos cruceiros da Barbanza.

A Cruz

Sobre o capitel vai directamente a Cruz. Ten unha fasquía semellante á do varal: cuadrangular cos cantos achafranados.

Consta das tradicionais figuras do Crucificado na cara anterior, e a Virxe co Neno no colo na posterior.

Non é normal atopar a cara posterior da Cruz con esta representación da Virxe co Neno; normalmente atopamos unha escena da Paixón con Cristo xacente sobre a súa Nai, ou unha senlleira figura mariana.

Mais resulta curioso a coincidencia desta escena coa que aparece nalgúns casos nos cruceiros de Capela da Barbanza dentro da fornela. É coma se aquí se representase esa mesma figuración na parte posterior da Cruz, xa que o capitel foi esculpido sen a correspondente fornela.

A imaxe do Crucificado está sostida con tres cravos e presenta unha dramática contorsión con Cristo xa morto e a cabeza caída sobre o peito. Presenta unha fermosa elaboración sobresaínte da pedra base da cruz.

A escena da Virxe co Neno no colo está máis desgastada ca a do Crucificado por estar cara ao mar e recibir directamente as inclemencias meteorolóxicas. Esta figura está de pé, sostendo o Neno no brazo esquerdo e vai cuberta de manto e roupaxes.

Estado de conservación

A única consideración a este respecto é o desgaste que está sufrindo a cara posterior do cruceiro debido á acción das inclemencias que chegan da banda do mar. A figura da Virxe que está representada na Cruz manifesta claramente esta agresión climática.

Polo demais, o resto do cruceiro consérvase en boas condicións.

Valoración final

Só temos en Vigo dous cruceiros que, modernamente, reflicten unha semellanza cos históricos Cruceiros de Capela ou de Loreto da Barbanza. Este en particular recolle algúns elementos que o achegan a esa tipoloxía tanto na forma coma na figuración, mais, como vemos no presente traballo, presenta tamén outros detalles curiosos que o distinguen claramente daqueles modelos.

Esta variedade escultórica moderna dos nosos cruceiros tradicionais enriquece as expresións que son propias da nosa zona xeográfica e engade unha nova visión e interpretación da nosa arte popular, conectándonos dende o sur das Rías Baixas con outros lugares da nosa xeografía que teñen as súas formas de expresión artística e que nola achegan deste xeito.

É unha mágoa que non haxa ao carón deste cruceiro un cartel informativo que nos indique todas estas características que nos unen e distinguen ao mesmo tempo.

Máis información

Galería de imaxes

Galipedia, “Cruceiro de Capela

1 comentario

  1. Un traballo para coñecer o que está perto de nós, e non sempre dibulgado.

    Comentario by Xosé Lois — 10 marzo, 2013 @ 14:32

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.