Patrimonio cultural de Vigo

-

Petróglifos do Carballoso V. Monte Pequeno (Oia)

Gardado en: Oia, Petróglifos — Xosé Couñago @ -


Imaxes: Ángel de Prado

Localización

Este conxunto de gravados están situados no Monte Pequeno. O acceso é moi difícil xa que non hai puntos de referencia concretos que nos permitan orientarnos. Encóntrase a uns 200 metros ao noroeste do Carballoso IV, baixando polo mesmo camiño ata chegar preto das primeiras casas.

Forma parte do conxunto de cinco estacións de gravados rupestres denominados petróglifos do Carballoso.

Descrición

Un conxunto moi interesante, aínda que bastante estragado, situado sobre unha rocha fraccionada en tres partes, de 2,5 x 3,5 metros.

En cada unha das tres partes existen gravados de diferentes motivos.

Zona 1: combinación de 4 círculos concéntricos incompletos, con coviña central e suco de saída. A fractura da pedra interrompe a continuidade dos sucos circulares. Asociados ao círculo exterior hai un conxunto de cinco coviñas encerradas por sucos. A 50 cm desta figura podemos ver unha pequena cazoleta.

Zona 2: interesante conxunto de catro naviculares asociados a sucos e numerosas coviñas e cazoletas.

Naviculares: os catro manteñen a típica forma de rebaixe central con cadanseu rebaixe menor nos extremos. O conxunto presenta unha lixeira orientación radial. Chama a atención que nos dous centrais haxa dúas coviñas e unha gran cazoleta superpostas no seu interior. Isto pódenos facer pensar na contemporaneidade destes dous tipos de gravados.

Ao redor das formas naviculares podemos observar numerosas coviñas -unhas dispersas, outras agrupadas- e diversos sucos, algúns deles arrodeando unha agrupación de coviñas –no lateral dun dos naviculares-.

Zona 3: trala segunda fractura da rocha atopamos esta terceira zona na que, con dificultade, se poden chegar a apreciar algúns sucos e varias coviñas, algunhas delas agrupadas nun conxunto. Tamén se pode ver unha pequena cazoleta con círculo concéntrico ao seu redor asociado a outros pequenos sucos circulares.

Estado de conservación

Hai varios aspectos que saltan á vista dunha primeira consideración: o acusado desgaste que presentan os gravados, as fracturas da rocha, o lique que medra sobre os gravados, a maleza tan próxima á rocha, as árbores que medran sen control ao seu redor…

Calquera lume que haxa neste espazo afectaría considerabelmente o pouco que queda dos gravados máis superficiais, especialmente dos circulares.

Valoración final

Cando se aplicará un proxecto integral de limpeza preventiva destas rochas? É necesario liberar un espazo cun perímetro de protección que impida o crecemento de árbores e maleza que poidan afectar tanto pola acción das raíces, coma pola proliferación dos liques, a maleza que os oculta de calquera agresión por accións forestais, e, principalmente, a acción do perigosísimo lume.


Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

-

“Salinae”: as salinas romanas do Areal

Gardado en: Cidade, Romanización — Xosé Couñago @ -

Imaxes: Angel de Prado

Localización

As instalacións da musealización destas salinas romanas están situadas na rúa Rosalía de Castro de Vigo, na zona do Areal.

Fronte o centro de saúde vemos unha construción que dá entrada ao subterráneo onde se conservan.

Descrición

A Consellaría de Cultura, no díptico que publicou, defínea como “a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano”.

O percorrido comeza a nivel de rúa coa entrada nunha edificación que serve de recepción ás visitas. Unha baixada de varios metros de profundidade condúcennos a unha galería previa na que podermos contextualizar o mundo da roanización e a cultura das salinas, a través dunha serie de atractivos paneis e vitrinas: “Dous mil anos de historia”, “O sal da vida”, “Sal para salgaduras e salsas”, “Unha paisaxe reconstruída”, “A salina romana”, “Historia do sal” e “O sal despois de Roma”.

Esta exposición mostra diversos obxectos relacionados co mundo romano e a economía do sal: dende a famosa sandalia atopada noutras escavacións da zona do Areal, ata ánforas e diversos utensilios daquela época. Non falta mesma a cociña daquel momento, con detalladas explicacións, que inclúen un receitario,e mesmo a posibilidade de ulir a recreación da que era unha das salsas máis populares romanas, o “garum”, feita con sal e restos de peixes.

Cando entramos na sala principal na que se atopa a salina, impresiona moi positivamente a reconstrución paisaxística do Areal e a ría daquela época. Unhas paredes debuxadas con paisaxes que marcan unha continuidade visual cos elementos reais que temos no chan ante nós. Isto dános unha impresión moi plástica da dimensión que podían ter na súa totalidade e a situación en que estaban con respecto á liña de costa daquela época. Unha extensión que abranguía dende a actual rúa Pontevedra ata a rotonda de Guixar.

O xacigo amósanos unha superficie de 300 metros cadrados composta de cubetas construídas en pedra en perfecto estado de conservación. Estas cubetas foron construídas con diferentes tamaños e alturas para aproveitar, por un lado, as subidas e baixadas das mareas, e, por outro, a condución dos diferentes procesos de obtención do sal dunhas cubetas ás outras.

A visión de conxunto dános idea da gran produción salina que existía neste lugar durante os primeiros séculos da nosa era (I-III). A industria do sal tivo continuidade noutras zonas do concello ata o século XVIII.

O sal obtido era procesado en diversas factorías de salgadura distribuídas por distintos lugares da ribeira marítima: a máis próxima a estas salinas está agardando pola súa recuperación completa na rúa Marqués de Valadares, e hai outras constatadas no Fiunchal e O Cocho, en Alcabre.

Estado de conservación

Podemos catalogalo de excelente, dado o lugar en que se atopa, cunha crecente presión urbanística ao seu arredor. Que chegase ata a actualidade, comprendendo o que acabamos de sinalar, podemos consideralo case un milagre e a conxunción das circunstancias de titularidade pública urbanística que afectan á parcela na que se atopa.

Precisamente, a uns metros deste xacemento descubrírase tamén un cemiterio romano moi ben conservado, durante as obras de construción dun edificio, e foi completamente derruído. Hoxe en día, os restos daquela desfeita xacen nos faiados do museo de Castrelos envolveitos en bolsas de plástico: tumbas íntegras con esqueletos completos, agardando quen sabe que nin quen sabe por canto tempo.

Valoración final

Velaquí o resultado final do difícil proceso de convivencia entre o interese público e o interese privado: estas salinas conserváronse mercé a atoparse no subsolo dun terreo destinado a dotacións públicas (un centro de saúde). Corresponde co que sería o garaxe de calquera dos edificios que se construíron ao seu arredor.

Se non chega a existir esta parcela pública neste lugar, Vigo veríase abocado a perder “a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano”, en palabras da Consellaría de Cultura.

Os intereses privados da presión urbanística sobre esta zona provocaron a desaparición de todo o resto da explotación salina romana, incluído o gran cemiterio romano descuberto íntegro na súa proximidade, ao que fixemos referencia máis arriba e que tivo que ser completamente destruído para construír o garaxe subterráneo do edificio que se erixiu encima. Canto valían esas prazas de garaxe? Non había outra solución?

Botamos en falta unha adecuada divulgación deste espazo museístico (non hai unha páxina web específica nin no concello nin na Consellaría de Cultura).

Máis información

Hidalgo Cuñarro,”Visita a las salinas romanas del Areal de Vigo”, en Arqueovigo.

Faro de Vigo, “Un tesoro en las entralas de la ciudad“, 06.02.09 (reportaxe realizada co gallo da súa apertura.  Sería desexábel que esta permanecese o máis accesíbel posíbel ás persoas interesadas en coñecer máis a fondo este museo sexa cal for o lugar do mundo en que se atopen.

Navegadores GPS

Para chegar ata as Salinae podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

-

Castro do Monte da Guía (Teis)

Gardado en: Castros, Teis — Xosé Couñago @ -

Localización

O Monte da Guía é un dos outeiros máis prominentes sobre o mar que hai no concello. Xunto co Monte do Castro que hai no centro da cidade, constitúen dous importantes promontorios de control sobre a súa contorna terrestre e marítima.

A montaña enteira ofrece uns fermosos e singulares percorridos que nos ofrecen a idea de como debeu ser o asentamento humano que existiu neste lugar durante a Idade de Ferro.

Descrición

O Castro da Guía é o segundo máis grande en extensión do concello, despois do Monte do Castro. Atópase a unha altura de 122 metros sobre o mar.

Este castro na actualidade está totalmente alterado pola intensa actividade humana urbanizadora de toda a montaña: vivendas, camiños, áreas diversas, a ermida do cumio, etc.

É moi difícil coñecer a forma e extensión global que tiña este asentamento. Sabemos que ocupaba o cimo e a ladeira do monte. Mantiña unha perfecta situación estratéxica de control dobre a ría e as terras de tránsito cara á zona de Redondela.

Existe unha conexión territorial evidente cos castros da súa contorna (O Sino, Torres de Padín e A Madroa), o que leva a investigadores como Hidalgo Cuñarro a clasificalos dentro dunha mesma agrupación con territorio común.

Hoxe só se pode conxecturar sobre a súa morfoloxía a partir duns restos dun muro conservados que se estende pola súa zona leste. Este muro aínda está pendente de estudos máis detallados para valorar a súa adscrición tipolóxica

A súa maior defensa é a orografía da montaña, con fortes pendentes que ocupan gran parte do seu perímetro, só suavizado pola parte sur da montaña, onde se construíron en épocas modernas numerosas vivendas.

As únicas evidencias que conservamos na actualidade das construcións castrexas son as referencias bibliográficas conservadas.

De acordo con estas referencias, existiría unha muralla na zona sur, os restos de dúas vivendas circulares atopadas durante a construción da estrada que sobe á ermida, un cuncheiro e diversos fragmentos cerámicos.

Tamén hai referencias bibliográficas ao achado de machados puídos.

Estado de conservación

Hoxe convertido nun parque público, xa non conserva case nada do hábitat castrexo orixinal.

As múltiples construcións e adecuacións para o uso actual desta zona foron eliminando calquera vestixio que puidese achegarnos ao coñecemento desta aldea da nosa Idade de Ferro.

Cómpre centrar a atención nos restos de muros que aínda se conservan na zona leste e facer unha posta en valor do mesmo. Polo menos teremos evidencia do único testemuño do que foi este lugar na súa orixe habitacional.

Valoración final

Este é un dos tres castros que ten a parroquia de Teis: Monte da Guía, Os Sinos e as Torres de Padín.

Este feito debería motivar unha posta en valor de conxunto para esta zona da cidade, non só como lugares de hábitat histórico, senón tamén como valor xeográfico de cada un destes tres emprazamentos.

Podería existir un centro de interpretación da cultura castrexa nesta parroquia, xunto coa valoración paisaxística dos mesmos. Isto levaría consigo a creación dunha ruta, de doada fasquía, dada a proximidade entre eles.

Tamén teñen en común entre os tres a proximidade ao mar, co que iso ten de significado tanto na economía coma nas relacións comerciais de costa. E tantas e tantas outras ideas que se poden poñer en práctica para a revalorización cultural desta zona do concello.

Máis información:

Hidalgo Cuñarro, “Notas sobre los castros de Vigo”, en Arqueovigo (sete artigos).

Fichas do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

Galería de imaxes.


Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Ruta dos castros de Vigo e descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


-

Petróglifos do Carballoso IV (Oia)

Gardado en: Oia, Petróglifos — Xosé Couñago @ -

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está situado no lugar de Esteriz-Estomada, no Maúxo, moi preto da área recreativa de Oia e forma parte do conxunto de cinco estacións rupestres que levan o nome de “O Carballoso”, que se estende ao longo da parte baixa do camiño forestal que une a ermida de San Sebastián de Coruxo co parque forestal de Oia, na parte máis próxima a este último.

O acceso é bastante difícil, entre abundante vexetación de monte e sen ningún tipo de sinalización, a partir dun camiño paralelo á pista forestal.

Descrición

Está formado por un importante conxunto de rochas, con dous bloques principais paralelos, que podemos dividir en tres sectores.

Sector 1): a rocha máis grande, cunha superficie de 2,30 m x 3,00 m. Esta rocha presenta na zona central superior unha gran pía ao redor da que se atopan outras pías menores e os diferentes tipos de gravados:

Tres xadrezados, asociados a sucos e numerosa coviñas ao seu arredor. Sobre a pía principal hai un grupo de coviñas que resalta no conxunto formando por dúas fileiras paralelas que se estenden ata un dos xadrezados. O segundo dos xadrezados está situado ao carón tamén desta gran pía, asociado a diversas coviñas ao seu redor, e o terceiro dos xadrezados atopámolo na parte baixa da rocha, asociada a coviñas e outros sucos pouco definidos.

Ao pé desta gran rocha, fechándoa polo norte, hai outra de menor tamaño, cunha prominencia duns 50 cm de altura, de forma cónica, con gravados ao seu arredor. Presenta sucos con posíbeis formas zoomorfas asociados a coviñas ao redor da rocha.

Sector 2): unha rocha paralela á anterior, de 4 m de longo e aproximadamente un metro de largura. Presenta, como motivos máis salientábeis, dous xadrezados. Un destes xadrezados está continuado por dúas formas circulares con suco central. Ao longo desta rocha tamén podemos apreciar varios riscos e coviñas na súa lonxitude.

Sector 3): a uns 15 m do anterior conxunto, sobre unha rocha plana a rentes do chan podemos ver un conxunto formado por catro gravados naviculares. Só dous deles presentan un apreciábel rebaixe, mentres que os outros  son pouco perceptíbeis xa. Nalgúns aínda se poden distinguir os dous rebaixes secundarios que leva cada navicular en ámbolos extremos. Como curiosidade, chama a atención que os dous naviculares centrais estean lixeiramente superpostos, ou que o central máis grande presente un suco de saída cara á suave pendente da rocha.

Estado de conservación

Como sucede na maioría dos casos, o estado de conservación é o propio dos gravados rupestres á intemperie, acosados por plantacións intensivas –neste caso eucaliptos-, cos conseguintes traballos forestais, e os lumes que ao longo dos anos deterioran a superficie das rochas.

Faise necesaria unha intervención dende a administración que faga unha posta en valor da importancia deste xacigo en particular, coas medidas necesarias que se acorden coa comunidade de montes correspondente para que non sufra ningunha agresión debido a traballos forestais e incendios.

Por outra parte, os cinco xadrezados están cada vez máis deteriorados e con maiores dificultades para a súa apreciación. Cómpre neste caso unha intervención de protección especial para este conxunto de xadrezados que os preserve de ser pisados, rascados con obxectos, e evite que o lume de incendios poida chegar a atacalos.

Valoración final

Todo este conxunto destaca por dous factores principais: é a maior concentración de xadrezados que temos nos gravados rupestres do concello de Vigo, con cinco representacións no mesmo lugar. Por outra parte é importante a asociación ao conxunto de catro gravados naviculares que atopamos na súa contorna.

O peor é a non existencia de indicación de ningún tipo para chegar a este lugar. Soamente as persoas que o coñezan previamente ou agora grazas á localización GPS poden ter acceso á este fermoso conxunto de gravados.

Esta pista forestal que une a ermida de San Sebastián cos parques forestais de Oia e Saiáns está inzada de estacións rupestres, da cales apenas unha pequena parte está sinalizada, correspondente á zona de Coruxo. Os arredores da área recreativa forestal de Oia, onde se atopa o conxunto de gravados do Carballoso, non conta con ningún tipo de indicadores na actualidade.

A falta de luz de contraste, debido á basta presenza de eucaliptos sobre estas rochas, impide apreciar con claridade durante o día estes gravados que, paulatinamente van desaparecendo pola erosión, a acción humana e dos lumes.

Soamente o contraste luminoso de luz artificial nocturna permite neste momento unha mellor observación. Esta é unha experiencia que se podería promover en determinados momentos do ano e que xa se está levando a cabo noutros lugares por outros colectivos, como fai o Instituto de Estudos Miñoranos, con visitas guiadas nocturnas a lugares rupestres.

Nas fotos da galería que ofrecemos pode constatarse esta diferenza de observación entre a luz natural diúrna e a luz artificial nocturna.

Navegadores GPS

Para chegardes ata estes gravados, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

-

Muíño do Quenllo (Zamáns)

Gardado en: Muíños, Zamáns — Xosé Couñago @ -

 

Localización

Descendendo polo río Vilaza, dentro do conxunto de cinco muíños que atopamos nesta contorna de especial beleza, ocupa o cuarto lugar. Está situado a escasos dous metros da corrente e vémolo no seu estado ruinoso arrodeado as características árbores de ribeira: amieiros e salgueiros.

Descrición

Tipoloxía: coma o resto do conxunto, trátase dun típico muíño de cubo. O tamaño deste cubo é considerábel e conservado na súa totalidade.

Levada: a levada que podemos ver na actualidade remata os seus últimos metros en pedra, elevada sobre o desnivel do terro, ata chegar ao empate co cubo.

Edificación: o edificio ten unha gran superficie, con ampla fachada. A altura da paredes, adaptándose ao desnivel do terreo, dende a entrada principal, na parte elevada, ata unha maior altura sobre a saída do inferno.

Está construído combinando perpiaños irregulares e cachotes de diversos tamaños.

Presenta unha porta de baixa altura e considerábel profundidade, de acordo co grosor dos muros. Está construída con perpiaños (catro nas xambas e un no lintel).

O lintel presenta unha inscrición que pode facer referencia á data da súa construción: “ANO DE 1842.

Na parte posterior do edificio podemos ver dous fachinelos pequenos, verticais, para dar entrada de luz aos dous espazos interiores de moenda e de estancia.

Interior: presenta dous espazos diferenciados: o da moenda, entrando á esquerda, e o de estancia para as persoas.

Conserva varias pezas das moas no propio lugar. Tamén presenta un mesado baixo apegado á parede da fachada principal.

A ambos os lados da porta de entrada ábrese cadanseu fornelo cuadrangular.

Estado de conservación

Levada: merece unha intervención reconstrutiva que restitúas as pedras caída e perdidas, unha profunda limpeza de vexetación agresiva e a eliminación das árbores que medran no seu interior.

Teitume: perdeuna na súa totalidade e isto acelera o deterioro dos elementos que se conservan no interior do muíño e facilita que medre todo tipo de maleza.

Os muros exteriores presentan considerábel vexetación e plantas medrando por todos os ocos.

Valoración final

Este muíño, en canto se recupere suficientemente, mostrará varios elementos destacados que lle devolverán o sabor e fermosura da ambientación popular que caracteriza estas construcións.

O seu interior aínda conserva íntegras varias pezas e utilidades pétreas que facilitaban a estancia no seu interior; mesmo nos permiten imaxinar escenas variadas de convivencia, lecer e traballo no seu interior.

 

Podedes acceder á galería fotográfica deste muíño.

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

 

 

-

Cruceiro do adro da igrexa (Valadares)

Gardado en: Cruceiros, Valadares — Xosé Couñago @ -

Situación

No adro da igrexa de Valadares atopamos esta xoia da arte popular relixiosa de Vigo.

Dende este adro domínase unha ampla perspectiva da parroquia de Valadares coa cidade ao fondo, dada a súa posición elevada con respecto ao núcleo principal da parroquia.

O cruceiro forma conxunto coa igrexa, o cemiterio e o espléndido adro que o arrodea.

Ao lado do adro tamén se atopa o Baile Vello, antigo edificio recuperado para o lecer e celebracións da parroquia.

Descrición

O cruceiro conforma un conxunto con outras dúas cruces máis pequenas, constituíndo estes tres elementos o único “Calvario” existente no concello. Os Calvarios son conxuntos de tres cruces que representan a escena a crucifixión, con Xesús arrodeado dos outros dous condenados. Nestes caso as cruces acompañantes están exentas de figuracións. No noso país existen numerosos exemplos destas composicións escénicas, algunhas de especial fermosura, coma a do concello ourensán de Beade.

Datación: este é un dos datos máis salientábeis, xa que na base lemos a seguinte inscrición: “ANO 1664”.

Esta data converte o cruceiro de Valadares nun dos máis antigos de Vigo. Anteriores a el temos constancia epigráfica dos cruceiros do adro de Coruxo (1631) e o cruceiro da Costa en Castrelos (1641).

Seguramente existen outros tamén anteriores, mais faltan inscricións ou datos que os sitúen cronoloxicamente. Este é un importante traballo que algunhas das fontes documentais históricas poden axudar a desvelar.

Cruces acompañantes: son de escasa altura, lisas e sen decoración figurativa. Presentan como ornamentación a apreciar a forma hexagonal dos fustes e brazos das dúas cruces, co mantemento das caras dos extremos dos brazos e da cabeceira da cruz con forma cadrada.

Cruz principal

base: presenta un chanzo cuadrangular no que vai encastada a base que sostén o fuste do cruceiro. Esta base ten unha forma piramidal coas caras lisas e a inscrición arriba sinalada.

Fuste: cuadrangular na parte inferior e hexagonal no resto do varal. Non presenta decoración ningunha.

Capitel: a base adáptase á forma hexagonal do fuste. A continuación adopta forma cuadrangular para rematar cun aro circundante redondo. A decoración nas catro caras está composta por dúas liñas sinuosas lobuladas enfrontadas.

Cruz: lisa e de fasquía semellante ás cruces acompañantes: varal e brazos hexagonais con extremos rematados con forma cuadrangular.

Frontal: figura da crucifixión. Forma algo tosca, con pouca elaboración. A cabeza ladeada cos ollos pechados, con barba e cabelo longo con coroa de espiñas. Os brazos son un tanto desproporcionados e sen demasiada elaboración. As costelas marcadas no torso, con algunha marca máis que acentúa parte da musculatura. Todo o corpo está apegado á pedra, sen destaque artístico, agás na altura dos xeonllos, que sobresaen co efecto da flexión.

Envés: fermosísima Piedade con detallada elaboración. Un gran traballo de luz en cada pregamento do manto da Virxe, quen, nunha actitude piadosa, sostén o corpo do seu fillo morto no colo. Hai que salientar a desproporción entre o tamaña das dúas figuras desta escena: a Virxe é moito máis grande ca Xesús; de feito, Cristo semella o corpo dun neno pequeno no regazo da súa nai. Tal como Castelao apuntaba no seu libro As cruces de pedra na Galiza, os canteiros parecen diminuír o tamaño do fillo porque no colo das nosas nais todos parecemos pequenos. Chama a atención a diferenza tan grande de elaboración entre a figura da Virxe neste envés da cruz e a do crucificado na parte frontal. Isto sumado ao empequenecemento da figura de Xesús xacente no colo da nai, fai que a figura que realmente destaca neste conxunto é a da Virxe.

Estado de conservación

O estado de conservación xeral é bo. Está ben contextualizado e conserva a orixinalidade do conxunto que forma o Calvario. A pedra presenta un aspecto limpo e coidado.

A alteración máis salientábel sobre o conxunto é a agresión visual de tanto cable ao redor do cruceiro.

Valoración final

este adro de Valadares é un punto de referencia de patrimonio artístico da parroquia; polo tanto, o coidado coa contorna deste lugar debe ser especial.

Sobran varios elementos que provocan unha evidente agresión visual sobre o lugar, como son os letreiros en mal estado, os postes, o cableado…

Tamén falta unha sinalización adecuada que contextualice a singularidade deste Calvario, así como a súa antigüidade dentro do concello e que recolla a historia ou as tradicións que se existan ao redor deste cruceiro.

Este é un compromiso de todas as entidades implicadas na súa conservación e posta en valor: tanto a igrexa, coma os colectivos sociais da parroquia, así como as administracións correspondentes.

Podedes acceder a unha galería máis completa de fotos.

Navegadores GPS

Tamén podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

-

Petróglifos de Gondosende (Teis)

Gardado en: Petróglifos, Teis — Xosé Couñago @ -

Situación

O Camiño de Gondosende parte da rúa Doutor Corbal, á altura do comezo da baixada cara á praia da Punta. Este antigo camiño está asfaltado na actualidade e pódese chegar en coche xusto ata o lugar onde se atopan os petróglifos.

Os gravados están nunha laxe que hai no medio do camiño. Este vieiro toma neste punto dirección cara ao monte da Guía.

Descrición

A laxe na que se atopan mide 14 m de longo e 8 m de largo.

En primeiro lugar atopamos tres figuras de círculos concéntricos.

A primeira figura está composta por tres círculos concéntricos con coviña central e suco de saída.

Na segunda figura percíbense máis claramente dous círculos concéntricos con coviña central. Parece que poida haber máis círculos concéntricos cara ao exterior, mais o desgaste é demasiado acentuado.

A terceira figura é de menor tamaño e consta de dous círuclos concéntricos con coviña central.

Uns metros cara ao norte atopamos outra figura circular formada ao redor dunha protuberancia da propia rocha. O centro circular está situado no cumio da protuberancia, e ao seu redor desenvólvense varios círculos concétricos, dos que só dous se perciben con maior claridade.

Estado de conservación

O estado de conservación do conxunto é deplorábel. Ao quedaren baixo o paso da xente, a súa desaparición é inevitábel se non se adoptan medidas preventivas.

Os sucos apenas se notan xa; sobre todo nos que se atopan na zona máis plana. Hai trazos recollidos en láminas por investigadores que hoxe en día xa é moi difícil poder atopar.

A este ritmo de desaparición, en pouco tempo o único vestixio que teremos da súa existencia serán os debuxos e fotografías que se tomaron ata o presente.

Valoración final

Resulta incríbel que poidamos deixar desaparecer un dos poucos exemplos de gravados rupestres situados dentro da cidade. Outro dos exemplos de Petróglifos urbanos temólo en Sárdoma, nos gravados de Pedra da Laxe.

Cómpre unha urxente intervención que preveña a súa desaparición e aposte decididamente por unha posta en valor deste conxunto de gravados, aínda perceptíbeis na actualidade.

Podemos asegurar que son dos petróglifos máis deteriorados que existen no concello; polo tanto, non se pode facer agardar máis tempo algún tipo de acción.

Propoñemos que estando tan preto de varios centros de ensino, este sería un exemplo adecuado para a súa explotación didáctica co alumnado da contorna.

A creación de paneis informativos, zona de protección, materiais didácticos, etc. Mesmo se podería considerar a oportunidade, neste excepcional caso de especial deterioro, de resaltar dalgún xeito os gravados de cara á súa mellor percepción.

Na contextualización didáctica destes petróglifos enmarcaríase tamén a contorna castrexa na se atopan, evidenciando a continuidade histórica dende o Bronce ao Ferro.

Podese visitar unha galería de FOTOS deste conxunto de petróglifos.

Navegadores GPS

Para chegardes ata estes gravados, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)


Imaxes youtube de XOANARCODAVELLA:


Artigos Antigos »

Bloguea en WordPress.com.