Patrimonio cultural de Vigo

Castros

O Castriño (Coia)

Arquivado en: Castros,Coia — Xosé Couñago

Ver galería de imaxes

Localización

(Ver en Google Maps)

O barrio de Coia defínese ao redor dunha gran liña elevada central que discorre de leste a oeste cunha vertente cara ao sur sobre o val do Fragoso e outra vertente cara ao norte sobre a ría.

Esta vertente marítima componse de dúas valgadas (polas que discorren hoxe en día as rúas Tomás Paredes ao oeste e Coruña ao leste) divididas por un promontorio central, denominado o Castro-Castriño, por encima da que se coñece como curva de san Gregorio.

Encol deste promontorio sobre o mar é onde se atopaba encravado o Castriño, un dos cinco castros galaicos que se asentan ao carón do mar no litoral do concello vigués. Estes cinco castros son: O Sino e A Guía, en Teis; este castro do Castriño en Coia; Punta do Muíño de Vento, en Alcabre (baixo o actual Museo do Mar) e o castro da illa de Toralla.

Como castro marítimo habería que poñelo en relación cos seus castros veciños da beiramar viguesa en canto ao aproveitamento directo dos recursos que lle proporcionaba a ría. Mais tampouco debemos esquecer que a súa parte sur ábrese a terras de cultivo e pasto situadas entre as devanditas dúas valgadas que lle proporcionaban auga e terras fértiles.

Hoxe en día toda a área está completamente urbanizada e pódese acceder a el tanto dende a curva de san Gregorio, á beira do mar, por entre dous altos edificios, coma dende a parte superior do promontorio, atravesando un barrio de casas acaroadas, xunta o Fogar san Rafael.

Descrición

A súa planta puido ser probabelmente circular, e aínda na actualidade se poden apreciar certos trazos na súa coroa que así o parecen verificar.

Elévase a 33 metros sobre o mar.

A superficie estimada achegábao a 1 Ha de superficie e ten unhas dimensións duns 80 x 120 metros.

Nunha observación máis detida podemos decatarnos dalgunhas das estruturas naturais defensivas das que dispoñía este castro.

Todo o que é a zona norte e nordés posúe uns pronunciados terrapléns que se elevan máis de vinte metros sobre o terreo inferior. Este desnivel defensivo ten forma circular e bordea a coroa do castro.

Na vertente oeste foi identificado un foxo, con orientación norte-sur, duns corenta e cinco metros de longo e uns quince de largo. Este vestixio de foxo está agora mesmo dentro do recinto axardinado do edificio que arrodea o castro por esta parte.

Nas escavacións realizadas atopáronse sobre a zona norte da coroa restos de estruturas castrexas, mesmo pola parte traseira das pequenas casas construídas na actualidade.

As descubertas están formadas por varios pavimentos de xabre e arxila, a carón dun muro de cachotaría que podía ter forma circular. Asociado a un dos pavimentos tamén apareceu un oco de poste.

Achados materiais

Atopáronse numerosos fragmentos de cerámica castrexa de diferente tipoloxía, con decoracións variadas.

Tamén apareceron restos cerámicos foráneos representados fundamentalmente por ánforas púnicas e romanas e unha doa de cor azul.

Todos estes achados localizan temporalmente o castro entre os séculos IV e II antes da nosa era.

Estado de conservación

Todo o recinto castrexo está hoxe en día completamente estragado e alterado debido á invasión da cidade sobre este asentamento.

Edificáronse casas sobre a propia coroa, así como un parque con zonas axardinadas, construíronse edificios ao arredor do castro por debaixo dos terrapléns e o foxo foi empregado como entrada de acceso a un dos edificios e os seus garaxes.

Valoración final

Non deixa de ser unha interesante curiosidade a existencia dun castro galaico, aínda recoñecíbel nos seus trazos, no medio dunha gran urbanización de elevados edificios bastante modernos e coa súa coroa ocupada por un asentamento de pequenas vivendas unifamiliares na zona correspondente ao recinto castrexo primitivo orixinal.

Os cinco grandes edificios existentes apegados ao promontorio castrexo rodean unha gran parte do seu perímetro circular, debuxando e acentuando a contorna castrexa.

O dominio visual sobre o mar deste promontorio galaico foi cegado e substituído polas vistas que proporcionan na actualidade os pisos máis elevados destas torres de vivendas.

Deste xeito este miradoiro prehistórico sobre a ría foi fagocitado entre as fauces da modernidade a teor dun planeamento urbanístico que non respectou nin o ámbito de protección do recinto castrexo orixinal, nin a disposición paisaxística deste espazo humano habitado durante a Idade do Ferro galaica.

Máis información

Galería de imaxes

Eduardo Rodríguez Saiz, As lembranzas soterradas. Unha lectura arqueolóxica da Coia histórica, 2012, Instituto de Estudios Vigueses.

José Manuel Hidalgo Cuñarro, “Notas sobre los castros de Vigo (III)”, en Arqueovigo

José Manuel Hidalgo Cuñarro, “Notas sobre los castros de Vigo (V)”, en Arqueovigo

Concello de Vigo, PXOM, Tomo VI.

Castro de San Lourenzo – O Penedo (Coruxo)

Arquivado en: Castros,Coruxo — Xosé Couñago

Un Monumento Nacional no desleixo

No ano 1975 o Boletín Oficial do Estado publica a declaración do complexo castrexo de San Lourenzo e O Penedo como Monumento Nacional.

Que un castro vigués descoñecido para a inmensa maioría da poboación sexa un Monumento Nacional chama moito a atención; mais cales son os méritos que o fixeron merecente desta mención? Que foi deste monumento nacional dende entón ata a actualidade? En que estado se encontra hoxe en día?

Estes son interrogantes aos que tentaremos achegarnos neste artigo sobre o noso patrimonio vigués e agardamos que algunhas das respostas non nos deixen indiferentes.

Localización

(Ver en Google Maps)

Este castro tan peculiar está situado no barrio de San Lourenzo de Coruxo, ao carón da capela parroquial dedicada a este santo. Ten un acceso doado para chegar ata o seu emprazamento, mais a visita a algún dos lugares deste Monumento Nacional é de incerta aventura para as persoas que tenten achegarse a tan singular e interesantísimo patrimonio.

 

Coruxo é a parroquia de Vigo que máis depósitos arqueolóxicos posúe. Os máis numerosos son os petróglifos que inzan toda a zona interior e elevada da parroquia. Dende as cavidades naturais do Folón (das máis importantes de Europa pola súa natureza pétrea) con restos de utilización humana dende a máis remota historia, ata o patrimonio románico da igrexa de San Salvador, pasando por trinta e tres estacións de gravados rupestres catalogados oficialmente polo concello, xunto con outros dous recintos castrexos máis: o denominado Outeiro do Crasto e o castro da illa de Toralla.

Dende a beira do mar, coa illa de Toralla e a praia do Vao, ata as zonas altas dos montes do Fragoselo, esta parroquia amosa un rico e abondoso patrimonio tanto material coma inmaterial que paga a pena descubrir poñer en valor.

A este valor patrimonial tanto material como inmaterial, engádese o valor paisaxístico da contorna onde atopa o castro. Dende este enclave tense un perfecto dominio do val que discorre polas terras baixas de Coruxo, así como unha panorámica de toda a ría de Vigo.

Como territorio castrexo, seguindo os apuntamentos do arqueólogo Jose Manuel Hidalgo Cuñarro, este castro podemos relacionalo con outros da súa contorna máis próxima, como son o castro de Outeiro do Crasto –na propia parroquia de Coruxo-, por partillaren en común “a súa visibilidade dun quilómetro orientada cara ás terras fértiles da desembocadura do Lagares”, aos que se engadiría o castro de Casás en Comesaña, “que compartiría terras con eles debido á súa proximidade”.

Descrición

Todo o espazo castrexo está conformado por dous promontorios distantes entre si uns cento cincuenta metros. O recinto castrexo propiamente dito é o que recibe o nome actual de San Lourenzo; o segundo promontorio, máis pequeno e cunha utilización posiblemente diferente á habitacional, recibe o nome de O Penedo.

Todo este complexo castrexo está situado a 97 metros de altitude sobre o mar e ocupa unha superficie total de 0,17 hectáreas.

Achados arqueolóxicos

Os achados arqueolóxicos aparecidos no espazo e contorna deste castro están depositados no Museo de Castrelos e evidencian a presenza dunha clara romanización. O exdirector do museo e arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro descríbenos que se tratan de “fragmentos de cerámica castreña con decoración de acanaladuras y serie de líneas incisas dispuestas de forma oblicua.  Asimismo se encontraron dos fusayolas y numerosos fragmentos de ánforas y tégulas.”

Castro de San Lourenzo

A coroa é de forma ovalada cunhas dimensións de 30 x 17 metros.

A terraza adxacente na zona oriental do castro mide 40 x 30 metros.

Defensas: nas zonas occidental e sur aprécianse un pronunciados terrapléns que lle serven de defensa natural. A continuación, cara ao sueste, aínda se pode ver o que foi na súa orixe un foso defensivo. Imaxe 27

Todo o promontorio está na actualidade poboado de árbores e abundante vexetación que dificultan a súa visita e apreciación.

O deterioro vese aumentado pola proliferación de canteiras e extracción de pedra por todo o recinto.

Non se evidencian restos de construcións castrexas.

Promontorio do Penedo

Esta é a parte máis interesante na actualidade deste conxunto castrexo e polo que lle valeu a declaración de Monumento Nacional, tanto polos restos arqueolóxicos aínda existentes no propio lugar, como polas tradicións e expresións antropolóxicas e etnográficas que se desenvolveron ao seu arredor.

O promontorio ten forma ovalada, cunhas dimensión duns 30 x 50 metros.

Está completamente rodeado e pechado por construcións de vivendas e cerrumes de propiedades particulares. Non ten acceso público na actualidade por ningures. Sempre se dependerá da boa vontade dalgunha persoa das propiedades lindeiras para poder pasar.

Podemos consideralo en si mesmo coma un gran complexo rupestre, xa que está formado por penedos con pías de especial relevancia, gravados, sucos, coviñas e chanzos escavados na rocha. Todos estes elementos rupestres están dispersos por todo o recinto e forman unha curiosa liña que podemos trazar dende o Penedo ata a actual capela de San Lourenzo.

Esa liña coincide co antigo “Camiño de San Lourenzo” que empregaban os devotos para subir dende a capela ata o Penedo seguindo unha serie de rochas con rebaixes a modo de chanzos que ían conformando durante a ascensións os denominados “Pasos do Santo”.

Fonte: https://www.celtiberia.net/

Hoxe en día estes “Pasos do Santo” desapareceron na súa maioría debido á moderna construción de vivendas que ocuparon e fixeron desaparecer completamente este ancestral camiño.

O Penedo

Comezando pola parte máis elevada, no cume do promontorio destaca un enorme penedo apoiado sobre varias grandes rochas. O acceso á súa parte superior non é sinxelo nin presenta elementos que o faciliten. Encima deste penedo existen varias pías de diferentes tamaños, dúas delas de maiores dimensións que ocupan a maioría da superficie superior da rocha.

Sobre este gran penedo, na parte oriental, hai un gravado cunha posíbel fasquía serpentiforme cunha cruz a cada lado.

Petróglifos

Fonte: https://www.celtiberia.net/

A maiores do que acabamos de describir, o principal e máis relevante é un gravado que ten forma oval, cunhas dimensións de 0,85 x 1 metros. No seu interior hai doce cazoletas. Está situado sobre unha laxe plana a nivel do chan, a uns 15 metros do Penedo en dirección norte, nese aliñamento cara á capela antes aludido.

As tradicións relixiosas orais identifícano coma a “Grella do Santo”.

Fonte: http://patrimoniogalego.net/

Pía do Santo

Descendendo polo promontorio outros 15 metros cara ao norte, mantendo ese aliñamento coa capela, chegamos ata o elemento máis importante de todo este conxunto rupestre.

Hoxe en día atópase, inexplicabelmente, acaroado a un peche de bloques de cemento e ladrillo pertencente a unha propiedade particular. Nas imaxes que se achegan pode observarse como era antigamente a súa disposición natural, e como está na actualidade.

Trátase dunha gran rocha que marca un pronunciado desnivel de terreo no descenso do promontorio. Sobre ela están talladas dúas destacábeis canalizacións laterais que descenden diagonalmente pola rocha converxendo nunha pía situada na súa base.

Esta pía é de forma cuadrangular cunhas dimensións duns 0,30 x 1 metros, e unha profundidade, segundo as fontes consultadas, de 75 centímetros. Na súa parte central presenta un rebaixe de desaugue. É de salientar a presenza de catro pequenos ocos que algúns estudosos atribuirían á probábel existencia dunha tampa de cubrición.

Na imaxe en branco e negro que ofrecemos aprécianse aínda con claridade os rebaixes corridos que servían a modo de chanzos para acceder á rocha.

Fonte: https://www.celtiberia.net/

Neste sentido que acabamos de apuntar, a disposición da pía coas súas canalizacións insculpidas e desaugues asociados foi interpretada por algúns estudosos como un altar  de sacrificios, coas correspondentes canles e pías para conducir e conter o sangue.

No seu interior é habitual ver auga estancada, que nas tradicións orais a xente asegura que nunca seca. Ao estar asociada coa figura e martirio de san Lourenzo, tamén se afirma que esta auga estancada ten propiedades curadoras.

No día da romaría de san Lourenzo (1º domingo de agosto) que se celebra na capela adxacente ao castro, despois da misa as persoas devotas ascendían ata o promontorio castrexo do Penedo para realizar un ritual animista de curación, mollando panos na auga da pía e lavando as queimaduras ou males derivados que tiveren na pel.

Este percorrido de romaxe facíase, como apuntamos máis arriba, polo antigo “Camiño de San Lourenzo” que pasaba e unía todos estes puntos descritos do complexo rupestre do Penedo.

Tradicións

Baseados en textos clásicos das descricións que os romanos e gregos fixeron dos costumes galaicos, houbo investigadores que propuxeron a posíbel adscrición do conxunto de todo o complexo rupestre do Penedo a un santuario ao ar libre, do tipo dos atribuídos a pías encontradas en lugares próximos como Mougás en Oia –hoxe no Museo Provincial de Pontevedra– duns tres metros de longo, que posúe unha inscrición latina nos seus laterais. No contexto galaico, no noroeste peninsular tamén se atopan outros lugares vinculados a este tipo de interpretación.

Sobre o óvalo con cazoletas no seu interior, a tradición relixiosa denominouno “A Grella do Santo” e asóciao coas marcas que deixou a grella na que foi martirizado san Lourenzo. Nesta crenza popular tamén se engade que despois do martirio o santo foi introducido na auga da pía que leva o seu nome. Asemade tamén se recolleron testemuños que falan da tradición de meter na pía a propia imaxe do santo, que se atopa na capela próxima, no día da celebración da súa festividade. Testemuños orais relatan como se mantén a lembranza incluso de representacións teatralizadas amosando todo o proceso do martirio de San Lourenzo nestes lugares descritos.

Dentro destas tradicións de transmisión oral, noutros testemuños recollidos algunhas persoas afirman que orixinalmente todo este conxunto foi construído polos celtas ou polos romanos, ou que houbo gran presenza de soldados cando sucedeu o martirio do santo neste lugar.

É difícil para a arqueoloxía catalogar este patrimonio material do lugar do Penedo como un santuario rupestre ao ar libre, xa que os elementos existentes non din claramente por si mesmo que poida selo. Mais existe tamén paralelamente, como acabamos de ver, un patrimonio inmaterial de transmisión oral e ritual que pode permitirnos establecer unha relación máis antropolóxica coa simboloxía e significado deste interesante e misterioso enclave como posíbel santuario rupestre ao ar libre.

Vexamos algúns aspectos para esta consideración

É coñecida a estratexia adoptada pola Igrexa para cristianizar moitos lugares nos que aínda se mantiñan cultos ou ritos precristiáns, erixindo templos e asimilando as deidades locais e os ritos asociados. Esta convivencia entre o cristianismo e o paganismo subxacente é evidente na actualidade en moitos dos santuarios, ermidas e igrexas do noso país. Templos erixidos ao carón de fontes, árbores, pedras, lugares arqueolóxicos, etc, nos que paralelamente á celebración relixiosa oficial, a xente practica tamén rituais animistas vinculados ancestralmente e mitoloxicamente a estes lugares.

En todos eles é evidente a vinculación materializada de calquera xeito entre o ritual cristián e o precristián.

En San Lourenzo esta vinculación entre os diferentes espazos maniféstase de forma moi evidente:

Todo o lugar, tanto o castro coma os lugares referenciais do Penedo coma a propia capela próxima levan a común denominación de San Lourenzo.

Os testemuños das tradicións orais transmitiron a memoria da relación existente entre a celebración católica dentro da capela no día dedicado ao santo e os rituais desenvolvidos no Penedo a continuación.

Despois da eucaristía cristiá tiña lugar a romaría popular coa subida ata o Penedo polo antigo camiño, denominado “Camiño de San Lourenzo”, que conducía directamente dende a capela ata o promontorio; un camiño hoxe en día desaparecido debido á construción de vivendas.

Ao redor da romaría desenvolvíanse uns rituais que, aínda que expresados con linguaxes cristiás, conservan claramente algúns trazos anteriores ao cristianismo.

Por unha banda, o petróglifo ovalado con doce cazoletas no seu interior, adscrito probabelmente á Idade do Bronce cuns catro mil anos de antigüidade, foi tradicionalmente interpretado pola devoción popular como a marca que deixou a grella na que foi martirizado o santo. Mais non esquezamos, ao mesmo tempo, que todo este lugar do Penedo está vinculado por algúns investigadores aos altares de sacrificios humanos dos que nos falan as crónicas clásicas romanas e gregas. Martirio e sacrificio humano vense deste xeito relacionados significativamente.

Posteriormente, as tradicións orais fálannos de que San Lourenzo unha vez martirizado foi introducido na denominada “Pía do Santo” para a súa ablución nas súas augas. Cal era o sentido simbólico deste ritual?

Máis arriba adiantabamos que nas tradicións recollidas tamén se fala de que a auga estancada desta pía nunca se seca e á que se lle atribúen propiedades curadoras.

[Foto da esquerda] En Santa Mariña de Augas Santas (Allariz) tamén se conserva a tradición do martirio da santa nun recinto de posíbel carácter sagrado, tamén dentro dun castro, o de Armea, no que Mariña despois de ser queimada nos Fornos (un recinto subterráneo dentro do propio castro e de desigual interpretación segundo os distintos investigadores) é sacada milagrosamente ao exterior polo conduto de saída dos fumes e levada ata unha pía de auga estancada de fasquía antropomorfa, situada ao pé dun carballo no interior do propio castro tamén. E nesta pía, a santa curaba das queimaduras do seu martirio e recuperaba a vida. Hoxe en día a xente acode a esta pía para lavar calquera mal do seu corpo nestas “Augas Santas”.

Estas pías con augas estancadas e negras hainas por todo Galicia e son moi recorrentes para a realización de rituais animistas vinculados coa auga, a pedra e as árbores co fin de curar calquera mal que leve a persoa.

[Foto da dereita] Por poñer algúns exemplo, no concello do Covelo ao carón da ermida da Xestosa existe unha tumba antropomorfa escavada nunha laxe a nivel do chan con auga estancada na se realizan rituais de curación na súa auga, relacionados ademais coa utilización do pan no procedemento da curación (que nos lembra ao ritual do pan que se realiza con este mesmo fin curador e adiviñatorio na fonte de Santo André de Teixido aínda na actualidade).

[Foto inferior] Outro exemplo espectacular deste tipo de pías, e que claramente se asemella poloo penedo en que se desenvolve, é o existente no lugar de Penadauga, parroquia de Escuadro, en Silleda. As ablucións e lavados de calquera parte do corpo que aquí se realizan no primeiro domingo de agosto son asombrosos tanto pola cantidade de xente que acode como polas formas en que se expresa esta curación. No enlace anterior pode verse e ler detalladamente todos os rituais que se desenvolven ao redor deste penedo de Penadauga.

No Penedo de San Salvador de Coruxo, a xente tamén acudía (cando o acceso era público) á Pía do Santo, onde mollaba panos que despois pasaba polo corpo lavando as zonas que quería ver curadas.

Dende o punto de vista destas tradicións, a Pía do Santo, a través da relación do martirio e o depósito do corpo do santo na pía con auga, podemos vinculala a estes rituais de curación tan presentes en toda Galicia.

Mais por outra banda, este tipo de penedos con pías que se comunican entre si mediante canais que facilitan o transvase líquido dunhas a outras foi relacionado por algúns estudosos cos posíbeis altares de sacrificios que se recolle da transmisión dos textos clásicos. Neste senso poderíase vencellar de forma simple martirio e sacrificio humano, e o posterior vertido do seu sangue nas pías cun ritual que faría correr o sangue das pías superiores para outra situada debaixo polos canais tallados na rocha.

Estado de conservación

O promontorio do castro sufriu graves e numerosas alteracións en toda a súa contorna, até o punto de non podermos precisar na actualidade a súa estrutura e configuración orixinal. As construcións de vivendas e terreos de labor que se desenvolveron ao seu arredor estragaron unha gran parte do seu espazo até reducilo a como o podemos ver arestora.

Por outra parte, tal como se pode observar na galería de imaxes, o propio recinto conservado na actualidade está completamente desleixado e estragado.

O adxacente promontorio do Penedo, que tan interesante resultou amosar neste artigo tanto dende o punto de vista arqueolóxico coma dos seus valores antropolóxicos, é inaccesible hoxe en día debido a que todas as propiedades que o circundan fixeron obras de cerramento e construcións que non deixaron ningún vieiro libre para acceder a el. A maiores, algún dos muros de cerramento que se levantaron foi feito apegado totalmente á pía máis relevante deste conxunto rupestre ao ar libre.

Todo o lugar do Penedo se atopa nun estado de total abandono e estrago, e non existe ningún tipo de identificación dos elementos arqueolóxicos que lle valeron a declaración de Monumento Nacional.

Valoración final

O castro de san Lourenzo de Coruxo está considerado oficialmente Ben de Interese Cultural (BIC) e foi declarado Monumento Nacional, co nº 177, no Decreto 3741/1974 do 20 de decembro, BOE do 10 de marzo de 1975, a proposta do Museo Provincial de Pontevedra, polo que se declaraban monumentos histórico-artísticos de carácter nacional unha serie de gravados rupestres existentes na provincia de Pontevedra.

Pensar que Vigo poida contar realmente cun santuario prehistórico rupestre ao ar libre vinculado a un dos seus castros é unha noticia excepcional.

É de especial relevancia porque sería dos poucos exemplos existentes en todo o noroeste cultural galaico. Ademais hai que engadirlle o feito de estar situado no corazón das Rías Baixas,  dominando as largacías panorámicas sobre a ría de Vigo, as marismas da desembocadura do Lagares e co horizonte fondal das míticas Illas Cíes completando todo este panorama paisaxístico.

Da culpabilidade desta desfeita, desta perda dunha oportunidade histórica única para a nosa arqueoloxía e etnografía non se salva ninguén.

Dende a avarenta cobiza da veciñanza que busca o proveito propio en contra do ben común, até unhas administracións ineptas e incompetentes no control do seu patrimonio máis valioso, especialmente por ter a consideración de Monumento Nacional, sen deixar atrás o desleixo e miopía dunha institución como a Igrexa que deixou perder unha tradición tan fermosa e chea de rituais enriquecedora da súa propia devoción.

A recuperación de gran parte da relevancia deste conxunto arqueolóxico non é imposíbel. Saltan á vista cales sería as intervencións precisas para poñer en valor social tanto o patrimonio material coma o inmaterial aínda conservado en San Lourenzo.

Máis información

Galería de imaxes

Procedencia dalgunhas imaxes

Celtiberia.net (1, 2, 3)

Patrimonio galego, O Penedo

Castro das Torres de Padín (Teis)

Arquivado en: Castros,Teis — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

O promontorio denominado Torres de Padín está situado no barrio da Chumba, na parroquia de Teis, no lindeiro co concello de Redondela, na saída da autoestrada AP-9 en Teis.

As grandes curvas colgantes que forma o enlace existente nesta saída pasan xusto por encima do recinto.

O seu dominio sobre a ría e a zona de paso polos territorios da costa cara ás terras de Redondela fan del un asentamento importante dende o punto de vista estratéxico.

De feito, este castro está fechando polo nordeste a valgada do territorio que conforman os cinco castros desta zona do concello: castro de Vigo, castro do Monte da Guía, castro do Sino, castro da Madroa e Torres de Padín.

Por outra parte forma parte dunha liña de tres castros marítimos moi próximos entre si xunto co castro do Sino e o castro da Guía.

Descrición

Na actualidade este asentamento castrexo situado a 109 metros sobre o mar está completamente arruinado.

Os achados habitacionais castrexos son moi escasos, apenas se encontraron pavimentos de cabanas, mais non se encontrou o desenvolvemento de ningunha construción de pedra. O arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro, que dirixiu unhas escavacións de urxencia levadas a cabo en 1989, indícanos que a área de intervención foi moi reducida, dadas as circunstancias, para poder ter máis datos sobre as construcións castrexas.

Toda a zona nordeste e leste do castro foi completamente arrasada. O promontorio foi cortado pola metade literalmente. Unha agresión quizais só comparábel á urbanización moderna do castro da illa de Toralla, por certo outro dos que presentaba achados que o situaban entre os máis antigos habitados de Vigo.

Pola pendente norte do promontorio construíronse varias vivendas con galpóns que se van superpoñendo pola aba arriba do castro.

A caída oeste-noroeste do promontorio castrexo presenta varios aterrazamentos dos que nada se pode saber en canto á súa utilización debido a que non se puideron realizar as escavacións correspondentes nesta zona.

Non obstante, a pesar disto, foi un promontorio que ofreceu importantes sorpresas arqueolóxicas, xa que nas intervencións que se realizaron atopáronse restos pertencentes a distintas épocas históricas, dende o final da Idade do Bronce ata a etapa final da Idade Media, pasando naturalmente pola época castrexa.

Da Idade do Bronce, na súa etapa final entre os séculos IX e VII antes da nosa era, atopouse un anaco pertencente a un machado de bronce, unha importante descuberta que o pon en relación con outros dous castros vigueses nos que se atoparon tamén depósitos destes machados: o castro de Estea en Saiáns, e o castro da Punta do Muíño en Alcabre.

Desta mesma datación tamén apareceron restos cerámicos, un colgante e un anaco da vaíña dunha arma.

Da época castrexa, máis concretamente entre o s.II antes da nosa era e o século I da nosa era, atopáronse abundantes restos cerámicos de vasillas e de ánfora, así como fragmentos cerámicos ibero-púnicos, semellantes ao atopados noutros castros marítimos do noso concello como son o da illa de Toralla e o da Punta do Muíño en Alcabre (baixo o actual Museo do Mar). Este tipo de cerámicas son indicadores das relacións comerciais existentes naquela época co resto da península e co Mediterráneo.

Da época medieval consérvase unha construción defensiva datada ao redor dos séculos XIV-XV, que contaba con recinto amurallado, con foso incluído, coroado por unha torre na parte superior do promontorio, que foi derrubada polos Irmandiños no século XV.

Estado de conservación

É un dos castros que peor se conserva de todos os existentes en Vigo.

É o castro máis agredido de todos, pola súa proximidade e afectación por parte da autoestrada.

De feito, tal como xa apuntamos, fáltalle máis da metade de todo o promontorio, completamente arrasado.

Ao seu pé acumúlase todo tipo de material de obra e todo o recinto castrexo está fechado con aramado para ese uso de depósito de pedra e cascallo de obra.

Non se garda ningún tipo de prevención nin precaución nin distancia de protección. E aínda así conserva os restos dunha torre medieval histórica dentro do noso concello, vinculada a súa destrución a un dos momentos máis importantes da nosa historia: a revolta Irmandiña.

Valoración final

Estamos ante un dos castros máis antigos dos 27 existentes en Vigo. E non obstante tamén é un dos máis estragados e agredidos. No pouco que se escavou nel atopáronse evidencias que remontan o hábitat deste promontorio á Idade do Bronce, algo que moi poucos castros de Vigo presentan con constatación material de achados.

Os poucos exemplos de construcións que se atoparon da época castrexa foron debidos a que se tratou dunha escavación de urxencia realizada no ano 1989 nunha área moi reducida, para conceder permiso e paso inmediato ao arrasamento do castro por parte dunha empresa privada co visto e prace das administracións.

Esta agresión é algo totalmente incomprensíbel no momento en que foi consumada, en plena democracia e con leis protectoras do noso patrimonio. As administracións local e autonómica teñen que ser conscientes de que este asentamento histórico tan importante e estratéxico pertencente ao patrimonio cultural de Vigo está sendo usado na actualidade como unha propiedade privada cerrada ao paso e vixiada con videocámaras para depósito de material de construción e refugallos.

Unha das historias máis relevantes, á parte das anteriores, é a existencia sobre o seu cume dos restos dunha fortaleza medieval documentada nos séculos XIV e XV e que foi derrubada durante as revoltas Irmandiña. Isto é algo moi importante dentro da historia de Vigo ao documentarse deste xeito a presenza irmandiña no noso concello. Por iso chama tan poderosamente a atención que se permitise a agresión tan descomunal que sufriu este enclave tan destacado da nosa histoira.

Por outra parte é unha das escasas testemuñas de arquitectura defensiva medieval viguesa que aínda conservabamos. Na escavación de urxencia realizada deixouse constancia gráfica dos restos encontrados e os muros existentes.

As evidencias da súa utilización durante un período de tempo tan longo dende o Bronce final ata a Idade Media dános boa mostra do valor histórico e estratéxico tan importante que nos agarda neste promontorio.

O estado actual tan ruinoso e deturpado chama ao engano aínda así, pois no subsolo da metade que nos deixaron do promontorio garda tesouros que seguramente enriquecerían aínda moito máis o que coñecemos del ata o momento.

Máis información

Galería de imaxes

J.M. Hidalgo Cuñarro, «Sobre los tres castros más antiguos de Vigo«, en Vigoarqueologico. Arqueología de Vigo.

J,M. Hidalgo Cuñarro, «El Castro de «As Torres de Padín» en Teis (Vigo)«, en Vigoarqueologico. Arqueología de Vigo.

Concello de Vigo, Catálogo de Edificios, Bens e Elementos Protexidos do Concello de Vigo.

Navegadores GPS

Podedes descargar a posición deste castro no voso navegador GPS.

Se queredes podedes coñecer a Ruta dos castros de Vigo e descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Castro do Sino (Teis)

Arquivado en: Castros,Sin categoría,Teis — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Na parroquia de Teis, no lugar da Riouxa, atopamos este promontorio castrexo dominando as augas da ría. Está situado á beira da estrada que comunica Vigo con Chapela, ao carón do parque público que se estende aos seus pés.

É doadamente recoñecíbel polo colexio público que se edificou sobre a súa coroa.

Nos seus arredores están o peto de ánimas de Teis e o peto de ánimas do adro da igrexa parroquial.

Descrición

Altitude sobre o mar: 74 metros.

Dimensións: presenta unha forma ovoidal de 160 x 120 metros.

Defensas: case todo os seu perímetro conta con pronunciados terrapléns debidos á propia orografía deste outeiro, que chegan ata os 15 metros de altura na zona que descende sobre o mar. Estas características orográficas fan do Castro do Sino un enclave moi ben defendido en case toda súa contorna.

O punto máis vulnerábel sería a zona sueste, a entrada actual ao colexio, con menos pronunciamento do terreo e hoxe en día, ademais, bastante alterada polas construcións de vivendas.

Foxos: só te atoparon restos dun posíbel foxo na zona nordeste con forma de depresión que rodea a coroa a un nivel inferior.

Murallas: atopáronse restos da muralla na zona suroeste e outros posíbeis restos de muros na zona baixa do nordeste.

Terrazas: apréciase un posíbel aterrazamento na zona norte da coroa, mais difícil de precisar dada a alteración que sofre na actualidade esta parte superior do recinto.

Estado de conservación

A construción do colexio público sobre a coroa deste recinto castrexo levou consigo a case completa destrución e alteración de todo o recinto.

A construción do parque público da Riouxa tamén implicou a alteración do área de influencia do propio castro.

Por outra parte o consentimento de construción de vivendas na súa contorna e nos terrapléns que rodean a coroa tamén provocou importantes alteracións sobre este xacigo da Idade do Ferro galaica.

Non existe ningún tipo de sinalización nin descrición deste complexo castrexo nos seus arredores que informen da súa existencia.

Valoración final

Antes da destrución moderna deste recinto castrexo, atopáranse en distintas escavacións durante o século XX abundantes restos de utensilios domésticos e mesmo hai referencias da existencia dun cuncheiro.

É moi evidente a función controladora deste castro tanto sobre a ría coma sobre as terras de labor dos seus arredores. As súas especiais características orográficas e a localización nun lugar de comunicación entre o territorio da actual zona viguesa e a comarca redondelán outórganlle unha salientábel relevancia na súa contorna xeográfica.

Por outra parte podemos relacionalo territorialmente con outros tres castros que arrodean esta valgada de comunicación entre os dous territorios sinalados, que son o castro do Monte da Guía, o promontorio denominado Torres de Padín e o castro da Madroa.

Os catro castros comparten un territorio común agrícola e gandeiro e a actividade pesqueira da propia ría.

É unha mágoa a agresión que sufriu este castro debido á construción do colexio público xa que a súa caracterización como castro marítimo conservando todo o seu recinto e elementos construtivos faría del o principal exemplo deste tipo de castros na nosa fachada sobre a ría.

Alén disto, na actualidade moi poucas persoas son coñecedoras da súa existencia, aínda que se atopa nun lugar ben visíbel, accesíbel e cun parque público aos seus pés.

Toda a contorna deste castro precisa unha posta en valor cultural e paisaxística apropiada, relacionando os distintos elementos patrimoniais que existen ao seu arredor, dende o complexo territorial castrexo do que forma parte, pasando polos exemplos etnográficos e arquitectónicos da súa contorna (petos de ánimas, igrexa parroquial) ata a contextualización xeográfica e paisaxística na que se encontra situado.

Máis información

Galería de imaxes

Catálogo de Edificios, Bens e Elementos Protexidos do Concello de Vigo

Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Ruta dos castros de Vigo e descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Castro de Vigo

Arquivado en: Castros,Centro — Etiquetas: — Xosé Couñago

Localización

É o castro urbano de Vigo e está situado no corazón da cidade, no monte que leva o seu nome, hoxe en día un gran parque con moi diferentes utilizacións e variedade de zonas de diverso interese. Dos vinte e sete castros catalogados en Vigo este podería ser neste momento o máis interesante en canto á súa difusión e achegamento de persoas a visitalo, tanto polo tamaño das escavacións e musealización ata agora levadas a cabo como pola dimensión do que aínda queda por desenterrar. A súa céntrica situación permite un doado acceso dende calquera punto do concello.

Descrición

O estado actual de restauración permítenos apreciar diversos detalles moi importantes para comprendermos a forma de vida dos nosos devanceiros galaicos.

Na entrada do recinto, o primeiro que atopamos é a recreación de tres edificacións castrexas que formaban un conxunto con eirado central e que obedecen á súa función de centro de interpretación da vida castrexa. Unha excelente recreación con todo tipo de detalles en cada construción: a primeira é unha vivenda circular completa, con patio exterior cuberto e integrado na vivenda polo propio colmo de toda a edificación. No seu interior non falta detalle, dende a entrada ata os lugares habilitados para durmir na parte superior, con todo tipo de utensilios que representan a vida diaria.

A seguinte recreación circular reproduce un recinto de almacenaxe, con todos os elementos representativos no seu interior.

Non menos interesante resulta a terceira construción, de forma rectangular e cunha caracterización diferente nas súas paredes con respecto ás anteriores circulares. Nesta edificación reprodúcese o posíbel lugar de traballo e realización de labores artesanais.

Unha vez rematada a visita preparatoria, contamos con todas as claves para interpretar con maior apreciación cada unhas das construcións reais que visitaremos durante o percorrido pola musealización do castro de Vigo.

Comezaremos esta descrición dende o lado norte, a partir da entrada principal colocándonos na pasarela de madeira que discorre polo interior do castro para facilitar a súa visita. En primeiro lugar percorreremos a zona superior á pasarela e a continuación volveremos describindo a zona inferior deste xacigo castrexo.

A primeira construción que teriamos no extremo esquerdo é unha edificación das datadas entre as máis antigas deste castro, posibelmente pertencente ao século III a.e., escavada na propia rocha e que aínda conserva o fogar na zona semicircular e dous ocos, na zona rectangular, para sostemento de postes. Hoxe en día este chan está tapado con terra e non se poden apreciar os elementos descritos, mais podedes ler un artigo completo sobre esta vivenda na web Vigo Arqueológico, do arqueólogo Hidalgo Cuñarro, onde se observan con claridade estes detalles nunha imaxe correspondente ás escavacións orixinais. (foto dereita)

Un pouco máis arriba desta construción, no extremo superior do xacemento, podemos ver un conxunto formado por tres vivendas: a primeira delas de amplo semicírculo que se une, a a través dun pequeno muro, no seu canto dereito, con outra vivenda de planta cadrada. A vivenda circular conservaba na súa orixe unha prominente lareira central que desapareceu durante os últimos anos, tralo estado de abandono que sufríu o castro. Podedes ver unha espléndida imaxe desta lareira nun artigo publicado por Hidalgo Cuñarro na súa web Vigo Arqueológico. Ao longo do percorrido atoparemos varias vivendas con lareiras no chan situadas en distintos lugares do seu interior e con diferentes formas e tipoloxías. Este mesmo arqueólogo ten un interesante artigo na súa web Vigo Arqueológico dedicado aos diferentes fogares que podemos atopar no castro de Vigo. Recomendamos unha atenta lectura para unha mellor aproximación ás imaxes que tendes neste percorrido.

A continuación desta vivenda contemplamos outra de formas cuadrangulares, situada no extremo nordés do recinto que conserva restos de muros dunha construción anterior, sobre a que se superpuxo esta nova edificación. Esta superposicións fálanos da existencia de distintos períodos de habitación neste castro, que observaremos ao longo deste percorrido. (foto superior)

Na vivenda cuadrangular que está acaroada á anterior constatamos claramente a superposición de diferentes épocas de poboamento, xa que se aprecian dous muros de fasquía máis circular baixo os cimentos desta planta cadrada. (foto esquerda)

Á dereita destas primeiras construcións, atopamos un conxunto importante. unha gran cabana elíptica con peche de patio polo exterior. As características máis importantes son: conserva no interior un lar terreo e a carón del varios buratos para a colocación de postes de madeira; apegado ao exterior da súa parede norte podemos observar outro pequeno patio exterior. (foto dereita)

Ao pé desta vivenda elíptica temos ante nós outra circular que conserva o seu perímetro completo, máis elevado na súa zona posterior. Chama a atención a carencia de porta, mais consideremos que o que estamos vendo non é a parede da vivenda propiamente dita, senón os seus alicerces. Hai que ter presente que a porta de entrada aínda estaría máis arriba. En xeral todos os muros que observamos neste xacigo castrexo pertencen aos cimentos das edificacións. (foto esquerda)

Á dereita destas dúas construcións podemos observar un magnífico exemplo de vivenda circular con patio exterior pechado, semellante á reconstrución musealizada que se encontra na entrada do recinto. Analizar con atención unha e outra dános unha idea máis achegada á realidade de como foi a vivenda na súa orixe. Este patio exterior complétase con outra construción apegada de planta cadrada da que se conservan dúas paredes. Non se pode precisar se toda esta construción formaría un conxunto unitario de varias dependencias, ao xeito das que están recreadas na entrada, mais entra dentro desta posibilidade. (foto dereita)

A continuación destas construcións atopamos outra peza salientábel: unha vivenda circular (conservada só pola metade) que presenta un lar bastante completo no interior, coa particularidade de conservar as lousas verticais que o fechan arredor, con pedras na base da lareira con claros indicios aínda de estar queimadas polo lume; esta é a lareira mellor conservada de todas as existentes no castro. Tamén significaremos a súa posición, non no centro da estancia, senón acaroado a unha das paredes, unha posición diferente ás vistas ata agora no noso percorrido. Se vos fixades con atención observaredes que esta vivenda circular está superposta a outra de planta máis cadrada escavada na propia rocha e na que se observan claramente os traballos de picado que se realizaron para practicar o rebaixe da pedra. Isto indícanos que esta vivenda circular é posterior á que estaba incrustada na rocha, incluso se pode ver ao redor da parede circular, polo exterior, un pequeno rebaixe de canalización das augas do tellado (ver galería de imaxes). Mais se vos fixades aínda outro pouco de atención decatarédesvos de que esta vivenda circular foi, á súa vez, ocupada pola consgtrución de planta cadrada que acabamos de describir no parágrafo anterior.  (foto esquerda)

A seguinte construción que atopamos, xa na zona central do recinto actual,  ten forma circular incompleta, mais destaca o pequeno posíbel pozo ou silo que alberga no seu interior. O chan desta edificación é a propia rocha sobre a que se levanta. Isto permítenos apreciar o traballo de adaptación ao terreo tan irregular (xa que está en pendente) e pedregoso desta zona. Unha característica urbanística que aínda hoxe é característica en moitas aldeas galegas, nas que podemos constatar como o ser humano adaptou as súas construcións ás características do terreo, aproveitando, ao mesmo tempo, as posibilidades que este lle ofrece para satisfacer ás súas necesidades e servizos. (foto dereita)

Nunha posición superior á anterior, temos outra vivenda circular incompleta que presenta como particular característica unha pequena lousa vertical no seu interior, pertencente aos restos do fogar que alí existiu. Observemos, ademais, como o extremo norte desta construción tería a súa continuidade sobre a rocha nai do chan. Considerando que o que temos ante nós son os alicerces desta vivenda, podemos dectarnos de como asentaban os seus muros sobre esta rocha. (foto esquerda)

A continuación, un pequeno muro recto, perpendicular ao noso percorrido, márcanos o inicio dun conxunto de vivendas cun especial interese. A primeira vivenda que atopamos ten planta cadrada e é bastante ampla. Está integrada completamente na irregularidade e as rochas do terreo. Polo seu interior, e a un nivel inferior ás paredes, discorre unha canle escavada na propia pedra base. Esta canalización puido servir para unha condución de augas, anterior, en todo caso, á construción destas vivendas baixo as que discorre. Dentro desta construción podemos observar tamén a existencia doutro fogar. O arqueólogo Hidalgo Cuñarro ten un estudo máis detallado na súa web Vigo Arqueológico na que no la describe coma a vivenda que posúe máis características romanas, tanto pola forma coma polos materiais atopados nela. No recanto sur recreouse un anaco do que sería o chan orixinal desta vivenda. (foto dereita)

Ao seu carón, e coa mesma disposición ca a anterior, atopamos outra vivenda cuadrangular toda ela percorrida por unha gran canalización que a atravesa dun extremo ao outro, continuación da canle da vivenda anterior e que pasa dunha á outra por debaixo dos muros dos alicerces. O panel de información situado neste lugar detalla con maior precisión a fasquía e funcionalidade desta canalización: «O seu trazado é sinuoso, quizais seguindo as vetas da rocha. Aprécianse aínda as marcas de pico utilizadas na súa escavación.» Aproveitando a forte pendente do terreo nesta zona, encontramos outra canle que cruza transversalmente a canalización que acabamos de describir. (foto esquerda)

Esta segunda canalización podemos seguila dende a parte superior da escavación ata perderse no límite do xacigo coa estrada, na parte inferior. A descrición que figura no panel de información completa as imaxes que ofrecemos aquí: «A esta segunda canle asócianse varias pías; unha delas aínda conserva rebaixes e buratos para o peche. Esta canle tamén está cortada por outras menores; algunha delas levaría auga ata pequenos pozos situados máis abaixo.» (foto dereita)

Como remate do paseo habilitado para a visita, podemos observar no extremo sur do recinto varias construcións circulares, unha delas completa, outra ao seu lado incompleta cun muro recto cerrándoa, e finalmente unha terceira, tamén incompleta, por estar cortada pola beirarrúa da estrada que pasa á beira do castro. (foto da esquerda)

Seguidamente, a nosa mirada centrarase nunha construción de paredes cadradas. Signifiquemos como detalle que os recantos interiores son redondeados e os exteriores son rectos. A súa construción adáptase ás irregularidades do terreo e está asentada sobre a rocha nai en pendente. Polo seu interior, aproveitando esta pendente, discorre a canalización transversal arriba descrita. Podemos apreciar con claridade as dúas pías e as pequenas canalizacións transversais que as conectan coa principal. (foto superior dereita)

A seguinte construción é, sen dúbida, a máis interesante e enigmática das conservadas no castro. Ten forma elíptica, con remate circular na cabeceira sur e fachada recta na cabeceira norte. É unha edificación alongada que se estreita na súa zona central. Está escavada e refundida na propia rocha base. Poden distinguirse varias divisións no seu interior. Na parte central aprécianse os elementos máis destacados que marcan as divisións interiores. Na cabeceira sur dexérgase con claridade o efecto de refundimento na rocha e varios buratos pequenos escavados na laxe do chan. (foto superior)

Na zona central, máis estreita, observamos as divisións que illan esta parte das dúas cabeceiras. A dependencia norte ten un remate recto, bastante irregular á vista dos restos conservados. (foto dereita)

A interpretación desta edificación achéganos á comparación con construcións chamadas «monumentos con forno» que existen en todo o espazo galaico: Briteiros en Portugal, Espasante en Cariño, Vilameá en Allariz. Descoñécese con seguridade a verdadeira utilización destes lugares. Por unha parte asócianse a dedicacións termais, mais tamén non falta quen os identifique como templos asociados a rituais vinculados co lume e a auga.

Desandando o noso camiño na observación destas contrucións da parte baixa do castro, a seguinte construción que atopamos cara ao norte é unha pequena vivenda de forma elíptica, completa no seu muro perimetral. A inclinación actual que observamos das súas paredes correspóndese coa pendente do terreo. (foto esquerda)

A continuación temos un interesante conxunto formado por dúas edificacións cadradas apegadas, unha delas bastante incompleta, xunto a outra circular situada nun nivel inferior da pendente. (foto dereita)

A esta última construción circular continúanlle outras dúas edificacións circulares máis, todas elas moi próximas ao cerrado inferior do xacigo. Nesta parte baixa do castro, as vivendas están nunha zona chaira, sen verse sometidas á traballosa adaptación á pendente do terreo das construcións anteriores. (foto esquerda)

Estado de conservación

A intervención e investimentos realizados nos últimos anos, que propiciaron a súa musealización, foron unha gran aposta cultural para a nosa cidade. As edificacións prospectadas realzan a visión do que foi a distribución urbanística deste asentamento castrexo. As vivendas construídas á entrada do recinto son un centro de interpretación idealizado do que era o típico conxunto de edificacións asociadas exsitentes nos nosos castros.

Pódese matizar máis ou menos a calidade da musealización, mais o estado de total abandono que presentaba ata a súa intervención non podía continuar por máis tempo. Por fin saíron á superficie de entre a maleza, o lixo e o vandalismo o valioso legado que a historia preservou para nós. agora podemos deleitarnos na análise e observación detallada de todos e cada un dos elementos desenterrados ata a actualidade.

Valoración final

Ante museos ao aire libre coma este, situados no propio lugar da historia, con todo tipo de detalles sobre as características e recreacións deste hábitat deben facernos sentir orgullo do noso patrimonio e das nosas raíces, xa que este castro é o máis importante e representativo do poboamento da idade de ferro dentro do noso municipio.

O castro de Vigo é un dos catro elementos arqueolóxicos que están en terreos municipais. Cada un destes elementos pertence, ademais, a un período histórico diferente: a mámoa neolítica “Casa dos Mouros” de Candeán, o conxunto rupestre da idade do bronce da Laxe en Sárdoma, e a vila romana de Toralla en Coruxo.

Este castro, xunto coa coa vila romana de Toralla presentaron unha serie de  intervencións nos últimos anos que desenvocaron na súa musealización; hoxe en día xa son dous  lugares de visitas arqueolóxicas en Vigo, que podemos destacar, sen lugar a dúbidas, entre os mellores de Galicia.

A mámoa de Candeán foi incluída na ruta das mámoas de Candeán, mais alí quedou, sen ningunha outra intervención municipal que traballe unha liña de posta en valor didáctica deste elemento patrimonial de control directo do concello.

Os petróglifos da Laxe foron salvados grazas a unha permuta urbanística no seu momento, mais tamén alí ficou abandonado dende entón.

Mais se nos fixamos un pouco, decatarémonos que estes catro elementos xuntos e sumados permitirían un paseo didáctico polos principais períodos históricos da antigüidade. Permitiría a creación de roteiros educativos, culturais, arqueolóxicos… Este é un castro moi incompleto aínda nas verdadeiras dimensións que debe posuír pola contorna de todo este monte central vigués. O día que se decida a continuar coa súa escavación teremos a nosa propia “casa dos antepasados” no corazón mesmo da cidade, para goce de todos nós, dos escolares que se acheguen a aprender a historia in situ e dos milleiros de visitantes que se moven por Vigo cada ano.

Máis información

Galería de imaxes

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Rutas dos castros de Vigo e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Castro de Estea (Saiáns)

Arquivado en: Castros,Saiáns — Xosé Couñago

Localización

Este castro está situado no monte das Medoñas, no lugar de Estea. É moi doado chegar a el, xa que se atopa á beira da estrada de Camposancos (PO-552) que comunica Vigo con Baiona. O acceso é doado e ben sinalizado e existe unha boa zona de aparcadoiro.

Descrición

O seu curuto álzase ata os 165 metros sobre o nivel do mar. Domina unha ampla zona costeira de visión correspondentes ás parroquias de Coruxo, Oia e Saiáns, xunto cos territorios costeiros de Nigrán e Baiona. Naturalmente, toda a ría de Vigo está baixo o seu dominio visual así coma os castros do Morrazo.

Coroa, foxo oeste, foxo sur, foxo leste, terraza1, terraza 2Dende o punto de vista da relación territorial con outros castros, seguramente habería que poñelo máis en relación cos castros do Val Miñor ca cos de Vigo. Na mesma continuidade da montaña atopamos preto outros catro asentamentos xa pertencentes ao concello de Nigrán.

Dimensións: a forma ovoidal que presenta establece dous eixos: norte-sur, 160 m; leste-oeste, 130 m.

Defensas: o sistema defensivo deste castro é un dos aspectos máis salientábeis a simple vista. Principalmente os foxos que o circundan, que destacan pola súa fondura e anchura.

Foxos: O lado norte é o único que non conta cun foxo defensivo. O resto do castro está arrodeado por un impoñente foxo que se pode percibir claramente ao dar unha volta polo seu perímetro.

Foxo oeste: é o máis destacable de toda a contorna do castro, xa que conta con 20 metros de anchura e 12 de profundidade. Este foxo vese na actualidade bastante pronunciado debido a unha canteira moderna que se abriu para extracción de pedra no lugar.

Foxos sur e leste: o foxo sur é menos pronunciado ca o resto, mais pode percibirse con claridade no noso percorrido ao redor da coroa do castro. entre o sur e o leste está a entrada principal do castro. A partir deste punto, cara ao leste, o foxo volve a facerse novamente moi pronunciado.

Murallas: apenas se poden adiviñar restos de posíbel amurallamento na coroa do castro.

Terrazas

Son facilmente evidenciábeis dúas terrazas en socalcos descendentes dende a coroa do castro cara ao noroeste. O uso que se lle daría a estes dous espazos coñecerémolo en canto se realicen as escavacións que agora está pedindo este lugar de habitación castrexa e que descoñecemos polo momento.

Coroa

Son moi escasos os restos pétreos que se poden observar na parte máis alta do castro. Apenas unha zona de cachotes ao ar libre que parecen indicarnos a existencia dalgún tipo de construción. O resto do que aínda quede como aproveitábel posibelmente estea baixo terra agardando pola súa recuperación e saída á luz.

Dende este lugar poemos comprender o posicionamento estratéxico tan importante deste castro dentro do conxunto de teritorios que domina. Tamén se pode observar a extensa planicie que descende suavemente ata a beira do mar. Esta perspectiva fainos pensar no aproveitamente tanto agrícola coma mariña que podían levar a cabo as persoas que habitaban nesta aldea da nosa idade de ferro.

Mina de auga

É de fasquía moderna e foi construída polos habitantes da parroquia para aproveitamento do manancial de auga que nace baixo o castro. Podemos ver unha canle de saída bastante definida sobre o terreo, ao longo do foxo oeste. A entrada da mina está ben elaborada en pedra de cachotaría e perpiaño. Descoñécese se este castro tiña algún sistema de almacenaxe de auga ou de manancial de uso naquela época. Á vista do exemplo desta mina, mais a presa que hai na parte sur do castro sobre o río Estea, onde se atopan varios muíños naviculares máis antigos ca o propio castro xunto a un conxunto de muíños xa modernos, podemos supoñer que a utilización e aproveitamento da auga xa estaría ben desenvolvida na época castrexa.

Machados de bronce

Vinculado a este castro atopouse un depósito de 27 machados pertencentes ao período final da idade de bronce (1200-700 a.e.). É o achado con maior cantidade de machados que exise no noso concello, entre as numerosas descubertas realizadas por distintos lugares e que podemos atopar detallados na web Vigoarqueológico, do arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro, un dos especialistas máis coñecedores da nosa prehistoria. Outro destes achados tamén se producira no castro da Punta do Muíño en Alcabre.

Estado de conservación

Trala intervención realizada para a súa posta en valor e musealización ao ar libre, o seu estado de conservación é o apropiado.

O desbroce do monte que ocupa o castro debe ser un labor continuo, posto que a maleza medra vizosamente por todas as partes.

Valoración final

Positiva actuación ata o momento a que se levou a cabo neste castro. O investimento que se realizou dende a administración autonómica para a posta en valor deste enclave castrexo trouxo consigo unha mellor comprensión da importancia deste asentamento aldeán.

O desbrozamento e a creación dun percorrido guiado con bos carteis informativos fan que calquera visita se transforme nun paseo por todos e cada un dos recantos deste magnífico exemplo do mundo castrexo vigués.

Paralelamente, ao carón deste castro, e vinculados ao aproveitamento do curso de auga do río Estea, que pasa pola súa vertente norte, tamén se acondicionou a posibilidade de visitar un petróglifo anterior ao propio castro, formado por dous muíños naviculares situados ao pé do río, xunta unha fermosa represa que dispensa a auga para o consunto formado por varios muíños tradicionais aproveitando a forte pendente da auga nese lugar.

Muíños prehistóricos e modernos, separados por milleiros de anos, mais unidos no mesmo espazo, que evidencian a utilización co mesmo fin que o ser humano vén realizando do río dende a nosa máis remota historia.

Parabéns por esta iniciativa e instamos a que se manteña unha constante atención a este espazo da nosa historia e etnografía evitando que se poida ver deteriorado en calquera momento.

Tampouco debe faltar a intención de continuar coas prospeccións futuras que nos dean a coñecer máis en detalle a urbanización castrexa existente tanto na coroa coma nas dúas terrazas inferiores.

Máis información

Podedes acceder a unha ampla galería de imaxes.

Fichas do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

José Manuel Hidalgo Cuñarro, Arqueovigo.

José Manuel Hidalgo Cuñarro, «Hachas de la Edad de Bronce encontradas en Vigo», en Vigoarqueológico.

Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Rutas dos castros de Vigo e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Castro do Monte da Guía (Teis)

Arquivado en: Castros,Teis — Xosé Couñago

Localización

O Monte da Guía é un dos outeiros máis prominentes sobre o mar que hai no concello. Xunto co Monte do Castro que hai no centro da cidade, constitúen dous importantes promontorios de control sobre a súa contorna terrestre e marítima.

A montaña enteira ofrece uns fermosos e singulares percorridos que nos ofrecen a idea de como debeu ser o asentamento humano que existiu neste lugar durante a Idade de Ferro.

Descrición

O Castro da Guía é o segundo máis grande en extensión do concello, despois do Monte do Castro. Atópase a unha altura de 122 metros sobre o mar.

Este castro na actualidade está totalmente alterado pola intensa actividade humana urbanizadora de toda a montaña: vivendas, camiños, áreas diversas, a ermida do cumio, etc.

É moi difícil coñecer a forma e extensión global que tiña este asentamento. Sabemos que ocupaba o cimo e a ladeira do monte. Mantiña unha perfecta situación estratéxica de control dobre a ría e as terras de tránsito cara á zona de Redondela.

Existe unha conexión territorial evidente cos castros da súa contorna (O Sino, Torres de Padín e A Madroa), o que leva a investigadores como Hidalgo Cuñarro a clasificalos dentro dunha mesma agrupación con territorio común.

Hoxe só se pode conxecturar sobre a súa morfoloxía a partir duns restos dun muro conservados que se estende pola súa zona leste. Este muro aínda está pendente de estudos máis detallados para valorar a súa adscrición tipolóxica

A súa maior defensa é a orografía da montaña, con fortes pendentes que ocupan gran parte do seu perímetro, só suavizado pola parte sur da montaña, onde se construíron en épocas modernas numerosas vivendas.

As únicas evidencias que conservamos na actualidade das construcións castrexas son as referencias bibliográficas conservadas.

De acordo con estas referencias, existiría unha muralla na zona sur, os restos de dúas vivendas circulares atopadas durante a construción da estrada que sobe á ermida, un cuncheiro e diversos fragmentos cerámicos.

Tamén hai referencias bibliográficas ao achado de machados puídos.

Estado de conservación

Hoxe convertido nun parque público, xa non conserva case nada do hábitat castrexo orixinal.

As múltiples construcións e adecuacións para o uso actual desta zona foron eliminando calquera vestixio que puidese achegarnos ao coñecemento desta aldea da nosa Idade de Ferro.

Cómpre centrar a atención nos restos de muros que aínda se conservan na zona leste e facer unha posta en valor do mesmo. Polo menos teremos evidencia do único testemuño do que foi este lugar na súa orixe habitacional.

Valoración final

Este é un dos tres castros que ten a parroquia de Teis: Monte da Guía, Os Sinos e as Torres de Padín.

Este feito debería motivar unha posta en valor de conxunto para esta zona da cidade, non só como lugares de hábitat histórico, senón tamén como valor xeográfico de cada un destes tres emprazamentos.

Podería existir un centro de interpretación da cultura castrexa nesta parroquia, xunto coa valoración paisaxística dos mesmos. Isto levaría consigo a creación dunha ruta, de doada fasquía, dada a proximidade entre eles.

Tamén teñen en común entre os tres a proximidade ao mar, co que iso ten de significado tanto na economía coma nas relacións comerciais de costa. E tantas e tantas outras ideas que se poden poñer en práctica para a revalorización cultural desta zona do concello.

Máis información:

Hidalgo Cuñarro, «Notas sobre los castros de Vigo», en Arqueovigo (sete artigos).

Fichas do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

Galería de imaxes.


Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Ruta dos castros de Vigo e descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Castro da Punta do Muíño de Vento (Alcabre)

Arquivado en: Alcabre,Castros — Xosé Couñago

Situación

Este castro está situado á beira do mar, onde está agora enclavado o Museo do Mar, cunha parte do castro soterrado baixo o edificio e outra ao aire libre.

Descrición

Un claro exemplo de castro marítimo, cunha situación mesmo á beira do mar, sen evidencia de defensas semellantes ás dos castros do interior (murallas, fosos, terrapléns…). Conta en todo caso co mar como elemento defensivo cara ao norte e oeste, mais o resto do castro atópase en pendente dende unha parte máis elevada ata o mar.

Foi “descuberto” no ano 2001 a raíz das obras de reconversión do antigo matadoiro no actual Museo do Mar. Estas obras sacaron á luz un bo número de construcións que se introducían baixo os alicerces do edificio e se estendían ata o seu exterior, a parte máis visíbel e recuperada na actualidade.

As distintas estratificacións resultantes da escavación realizada amosou varios períodos identificábeis neste castro:

· Un asentamento moi antigo, como mínimo do s. VIII antes da nosa era, con evidencias de construcións circulares en materiais vexetais e palla-barro, xunto con materiais cerámicos e de bronce asociados a este período.

· A estratigrafía máis visíbel na actualidade desenvólvese a partir do século V a.e., con construcións en pedra, cunha continuidade que chegaría ata a o primeiro século da nosa era. A este longo período pertencen a maioría das construcións que observamos na superficie.
Profundando un pouco máis nas escavacións, os arqueólogos atoparon, dos primeiro momentos deste período, o altar de estilo púnico, de clara influencia fenicia, que hai dentro do recinto dunha das vivendas. Este altar consta na actualidade de tres pedras fincadas sobre unha superficie encaixada nunha estrutura cuadrangular. A vivenda que o arrodea é, en cambio, dun período posterior. Este altar xunto con numerosísimas pezas cerámicas, vinculadas á conserva en salmoira, atopadas nas prospeccións evidencian unha clara conexión cultural e económica co Mediterráneo que os arqueólogos comezan a destacar.

· A partir do século I da nosa era o castro foise abandonando. Xorden asentamentos romanos na súa contorna (vila romana de Punta Borralleiro, na praia do Cocho, e a vila romana do Fiunchal) e o castro é empregado como cemiterio para enterramentos de tipoloxía cristiá.

Estado de conservación

O aspecto máis salientábel a comentar é a ridícula parcela de castro que se nos permitiu conservar á vista. O castro ten unha clara continuidade cara ao interior do edificio do museo, mais tamén a ten aínda máis evidente cara ao mar. Mais o empeño de “urbanizar” a zona de contacto entre os dous edificios do museo coa creación dunha especie de praza intermedia imposibilitou calquera oportunidade de gozar hoxe en día cunha superficie moito maior.

A solución máis lóxica, atendendo á prioridade da conservación dun hábitat castrexo marítimo tan excepcional, sería a construción de pasarelas elevadas de comunicación entre os edificios, que permitirían ademais unha perfecta observación dos restos de construcións castrexas, evitando asemade o seu paulatino e incontrolado deterioro debido ao abusivo paso de persoas sobre os muros conservados e restaurados na actualidade.

O lamentábel da penosa solución á que se chegou foi a priorización dunha arquitectura moderna de firma sen saber facela convivir adecuadamente coa conservación doutro excepcional “museo do mar” situado precisamente debaixo dos seus alicerces.

Valoración final

Conservamos varios castros marítimos ou moi próximos ao mar en Vigo: o da Punta do Muíño en Alcabre, o da illa de Toralla, o Castro Castriño na curva de San Gregorio en Coia, e os do Monte da Guía e do Sino (A Riouxa) en Teis.

O arqueólogo Hidalgo Cuñarro considérao un dos tres castros máis antigos de Vigo, xunto co de Toralla e as Torres de Padín, en Teis, baseándose nos achados de cerámica e obxectos de bronce neles atopados, que os remontan ata o século VIII antes da nosa era. Nomeadamente, o de Alcabre presenta ademais un xacigo de 6 machados de bronce anteriores a este período sinalado.

Machados de bronce

Machados de bronce

Neste castro podemos sinalar, polo tanto, unha continuidade habitacional duns mil anos aproximadamente.

É moito o que aínda queda por escavar nel. O que podemos ver na actualidade é unha pequena parte da súa verdadeira dimensión. Descoñecemos completamente todo o que se oculta no subsolo do actual Museo do Mar. As escavacións rematan aos poucos metros baixo o edificio e poden verse a simple vista. É unha mágoa que non se continúe coa descuberta do moito que seguramente aínda nos agocha este asentamento castrexo, principalmente pola importancia da súa proximidade ao mar.

Hai exemplos de xacigos arqueolóxicos que se conservaron debaixo de construcións modernas sen demasiada complicación. Na rúa Rosalía de Castro, en pleno centro urbano hai un subterráneo preparado para visitar as salinas romanas que se conservaron a raíz da construción do aparcadoiro.

Foi unha pena que a poucos metros desta salina se deixase desaparecer un excepcional cemiterio romano na rúa Hospital, descuberto co gallo da construción dun edificio. Hoxe algunhas das súas tumbas, xunto cos esqueletos intactos, algúns deles impresionantes, languidecen no limbo do esquecemento no faiado do museo de Castrelos envolveitos en plásticos.

No castro de Alcabre, o Museo do Mar tería –como xa ten- un atractivo engadido: a visita dunha exposición no espazo museístico, xunto coa visita subterránea dun hábitat castrexo.

Un museo sobre outro museo, xa que o castro nos permite coñecer a evolución histórica da influencia do mar na cultura castrexa, dende un posíbel primeiro asentamento do bronce no lugar, a posterior chegada fenicia a estas costas, ata a conquista romana, pasando pola cultura do marisqueo, a pesca e o emprego do sal que se desenvolveu ao longo de todos eses séculos. Moitos destes elementos de cohesión histórica están aínda agochados nos subsolos dos edificios do museo. Teremos a sorte de descubrilos algún día?

Podedes ver unha galería máis completa de fotos neste enlace.

Tamén podedes acceder a un vídeo realizado por Anxel de Prado

Máis información

Alfredo González Ruibal, Xurxo Ayán Vila e Rafael Rodríguez
Martínez, Buscando a los púnicos en el Noroeste. Nuevas
aproximaciones a la presencia mediterránea en Galicia y el
norte de Portugal durante la Edad del Hierro
, in VI Coloquio Internacional del Centro de Estudios Fenicios y Púnicos (Sevilla, 30 de sept, 1-2 de oct. de 2009).

Se queredes podedes coñecer a Rutas dos castros de Vigo e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Ruta dos castros de Vigo

Arquivado en: Castros — Xosé Couñago

No catálogo oficial do concello de Vigo aparecen catalogados 25 castros. A maioría deles son completamente descoñecidos para as persoas que aquí vivimos. De feito podemos preguntar ou preguntarnos cantos castros coñecemos e veremos o limitado das nosas respostas.

Un patrimonio tan abundante coma descoñecido; por que?

Hai algún deles que estea escavado? Un par deles, a medias (o que está no monte do Castro do centro de Vigo –que ningún dos gobernos municipais de todas as cores que xa pasaron fixeron aínda nada pola súa posta en valor-, durmido no limbo do esquecemento; e o que está dentro ou debaixo ou encastrado daquela maneira no museo do Mar; un castro molesto para a obra que se priorizou naquel mesmo lugar e que malamente se soubo facer convivir: que mellor elemento para incorporar a un museo do mar ca un castro marítimo, a través do cal poder contar tantas cousas sobre a forma de vida, de marisqueo, de pesca, de construción marítima, de trebellos de pesca, etc que empregaron os nosos devanceiros que naquel mesmo e preciso lugar viviron. Por que a algúns parece molestarlles tanto a arquitectura que non transmite ou expresa modernidade? Cerramos paréntese.)

Agora invitámosvos a coñecer esta ruta dos castros de Vigo.

A maioría dos nosos castros sufriron a barbarie urbanística da intensiva ocupación do territorio vigués. Sobre eles construíronse urbanizacións (O Piricoto), colexios (castro do Sino en Teis), faraónicos complexos cívicos (Monte da Mina de Castrelos), e tanto outros con vivendas incontroladas por patrimonio que se foron construíndo sobre eles. A maior parte destas agresións foron realizadas na época actual, cando máis control e sensibilidade parece que debería haber. E digo por segunda vez “parece”, porque un xa non sabe en que crer.

A pesar de todos estes pesares, aínda temos en Vigo algún que outros castro que está sen escavar, que conserva baixo unha protectora capa de terra, mato e árbores todo o encanto do momento en que foi deshabitado. O día que o desenterremos atoparemos quizais outra marabilla coma os mellores castros que coñecemos polo territorio galego e galaico.

Pouco a pouco iremos publicando fotos e características descritivas dos nosos castros para que gocedes mellor das vosas visitas. Este é un labor ao que vos invitamos a colaborar. Cantos máis sexamos, máis contribuiremos a espallar o coñecemento do noso patrimonio.

Máis información sobre os castros e a cultura castrexa de Vigo.

Xosé Manuel Hidalgo Cuñarro: ten un excelente Blog sobre a nosa arqueoloxía, entre outros.

Rafael Ojea: unha ampla publicación web sobre o patrimonio de Vigo.

Uxío Noceda: unha curiosa web que non deixa indiferente.

Fichas do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

Podedes imprimir esta ruta ou descargala no voso navegador GPS e pasar uns bos momentos na descuberta interior dun concello que tantos desastres e tamén marabillas garda para nós neste noso territorio.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)