Un Monumento Nacional no desleixo
No ano 1975 o Boletín Oficial do Estado publica a declaración do complexo castrexo de San Lourenzo e O Penedo como Monumento Nacional.
Que un castro vigués descoñecido para a inmensa maioría da poboación sexa un Monumento Nacional chama moito a atención; mais cales son os méritos que o fixeron merecente desta mención? Que foi deste monumento nacional dende entón ata a actualidade? En que estado se encontra hoxe en día?
Estes son interrogantes aos que tentaremos achegarnos neste artigo sobre o noso patrimonio vigués e agardamos que algunhas das respostas non nos deixen indiferentes.
Localización
(Ver en Google Maps)
Este castro tan peculiar está situado no barrio de San Lourenzo de Coruxo, ao carón da capela parroquial dedicada a este santo. Ten un acceso doado para chegar ata o seu emprazamento, mais a visita a algún dos lugares deste Monumento Nacional é de incerta aventura para as persoas que tenten achegarse a tan singular e interesantísimo patrimonio.
Coruxo é a parroquia de Vigo que máis depósitos arqueolóxicos posúe. Os máis numerosos son os petróglifos que inzan toda a zona interior e elevada da parroquia. Dende as cavidades naturais do Folón (das máis importantes de Europa pola súa natureza pétrea) con restos de utilización humana dende a máis remota historia, ata o patrimonio románico da igrexa de San Salvador, pasando por trinta e tres estacións de gravados rupestres catalogados oficialmente polo concello, xunto con outros dous recintos castrexos máis: o denominado Outeiro do Crasto e o castro da illa de Toralla.
Dende a beira do mar, coa illa de Toralla e a praia do Vao, ata as zonas altas dos montes do Fragoselo, esta parroquia amosa un rico e abondoso patrimonio tanto material coma inmaterial que paga a pena descubrir poñer en valor.
A este valor patrimonial tanto material como inmaterial, engádese o valor paisaxístico da contorna onde atopa o castro. Dende este enclave tense un perfecto dominio do val que discorre polas terras baixas de Coruxo, así como unha panorámica de toda a ría de Vigo.
Como territorio castrexo, seguindo os apuntamentos do arqueólogo Jose Manuel Hidalgo Cuñarro, este castro podemos relacionalo con outros da súa contorna máis próxima, como son o castro de Outeiro do Crasto –na propia parroquia de Coruxo-, por partillaren en común “a súa visibilidade dun quilómetro orientada cara ás terras fértiles da desembocadura do Lagares”, aos que se engadiría o castro de Casás en Comesaña, “que compartiría terras con eles debido á súa proximidade”.
Descrición
Todo o espazo castrexo está conformado por dous promontorios distantes entre si uns cento cincuenta metros. O recinto castrexo propiamente dito é o que recibe o nome actual de San Lourenzo; o segundo promontorio, máis pequeno e cunha utilización posiblemente diferente á habitacional, recibe o nome de O Penedo.
Todo este complexo castrexo está situado a 97 metros de altitude sobre o mar e ocupa unha superficie total de 0,17 hectáreas.
Achados arqueolóxicos
Os achados arqueolóxicos aparecidos no espazo e contorna deste castro están depositados no Museo de Castrelos e evidencian a presenza dunha clara romanización. O exdirector do museo e arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro descríbenos que se tratan de “fragmentos de cerámica castreña con decoración de acanaladuras y serie de líneas incisas dispuestas de forma oblicua. Asimismo se encontraron dos fusayolas y numerosos fragmentos de ánforas y tégulas.”
Castro de San Lourenzo
A coroa é de forma ovalada cunhas dimensións de 30 x 17 metros.
A terraza adxacente na zona oriental do castro mide 40 x 30 metros.
Defensas: nas zonas occidental e sur aprécianse un pronunciados terrapléns que lle serven de defensa natural. A continuación, cara ao sueste, aínda se pode ver o que foi na súa orixe un foso defensivo. Imaxe 27
Todo o promontorio está na actualidade poboado de árbores e abundante vexetación que dificultan a súa visita e apreciación.
O deterioro vese aumentado pola proliferación de canteiras e extracción de pedra por todo o recinto.
Non se evidencian restos de construcións castrexas.
Promontorio do Penedo
Esta é a parte máis interesante na actualidade deste conxunto castrexo e polo que lle valeu a declaración de Monumento Nacional, tanto polos restos arqueolóxicos aínda existentes no propio lugar, como polas tradicións e expresións antropolóxicas e etnográficas que se desenvolveron ao seu arredor.
O promontorio ten forma ovalada, cunhas dimensión duns 30 x 50 metros.
Está completamente rodeado e pechado por construcións de vivendas e cerrumes de propiedades particulares. Non ten acceso público na actualidade por ningures. Sempre se dependerá da boa vontade dalgunha persoa das propiedades lindeiras para poder pasar.
Podemos consideralo en si mesmo coma un gran complexo rupestre, xa que está formado por penedos con pías de especial relevancia, gravados, sucos, coviñas e chanzos escavados na rocha. Todos estes elementos rupestres están dispersos por todo o recinto e forman unha curiosa liña que podemos trazar dende o Penedo ata a actual capela de San Lourenzo.
Esa liña coincide co antigo “Camiño de San Lourenzo” que empregaban os devotos para subir dende a capela ata o Penedo seguindo unha serie de rochas con rebaixes a modo de chanzos que ían conformando durante a ascensións os denominados “Pasos do Santo”.
Fonte: https://www.celtiberia.net/
Hoxe en día estes “Pasos do Santo” desapareceron na súa maioría debido á moderna construción de vivendas que ocuparon e fixeron desaparecer completamente este ancestral camiño.
O Penedo
Comezando pola parte máis elevada, no cume do promontorio destaca un enorme penedo apoiado sobre varias grandes rochas. O acceso á súa parte superior non é sinxelo nin presenta elementos que o faciliten. Encima deste penedo existen varias pías de diferentes tamaños, dúas delas de maiores dimensións que ocupan a maioría da superficie superior da rocha.
Sobre este gran penedo, na parte oriental, hai un gravado cunha posíbel fasquía serpentiforme cunha cruz a cada lado.
Petróglifos
Fonte: https://www.celtiberia.net/
A maiores do que acabamos de describir, o principal e máis relevante é un gravado que ten forma oval, cunhas dimensións de 0,85 x 1 metros. No seu interior hai doce cazoletas. Está situado sobre unha laxe plana a nivel do chan, a uns 15 metros do Penedo en dirección norte, nese aliñamento cara á capela antes aludido.
As tradicións relixiosas orais identifícano coma a “Grella do Santo”.
Fonte: http://patrimoniogalego.net/
Pía do Santo
Descendendo polo promontorio outros 15 metros cara ao norte, mantendo ese aliñamento coa capela, chegamos ata o elemento máis importante de todo este conxunto rupestre.
Hoxe en día atópase, inexplicabelmente, acaroado a un peche de bloques de cemento e ladrillo pertencente a unha propiedade particular. Nas imaxes que se achegan pode observarse como era antigamente a súa disposición natural, e como está na actualidade.
Trátase dunha gran rocha que marca un pronunciado desnivel de terreo no descenso do promontorio. Sobre ela están talladas dúas destacábeis canalizacións laterais que descenden diagonalmente pola rocha converxendo nunha pía situada na súa base.
Esta pía é de forma cuadrangular cunhas dimensións duns 0,30 x 1 metros, e unha profundidade, segundo as fontes consultadas, de 75 centímetros. Na súa parte central presenta un rebaixe de desaugue. É de salientar a presenza de catro pequenos ocos que algúns estudosos atribuirían á probábel existencia dunha tampa de cubrición.
Na imaxe en branco e negro que ofrecemos aprécianse aínda con claridade os rebaixes corridos que servían a modo de chanzos para acceder á rocha.
Fonte: https://www.celtiberia.net/
Neste sentido que acabamos de apuntar, a disposición da pía coas súas canalizacións insculpidas e desaugues asociados foi interpretada por algúns estudosos como un altar de sacrificios, coas correspondentes canles e pías para conducir e conter o sangue.
No seu interior é habitual ver auga estancada, que nas tradicións orais a xente asegura que nunca seca. Ao estar asociada coa figura e martirio de san Lourenzo, tamén se afirma que esta auga estancada ten propiedades curadoras.
No día da romaría de san Lourenzo (1º domingo de agosto) que se celebra na capela adxacente ao castro, despois da misa as persoas devotas ascendían ata o promontorio castrexo do Penedo para realizar un ritual animista de curación, mollando panos na auga da pía e lavando as queimaduras ou males derivados que tiveren na pel.
Este percorrido de romaxe facíase, como apuntamos máis arriba, polo antigo “Camiño de San Lourenzo” que pasaba e unía todos estes puntos descritos do complexo rupestre do Penedo.
Tradicións
Baseados en textos clásicos das descricións que os romanos e gregos fixeron dos costumes galaicos, houbo investigadores que propuxeron a posíbel adscrición do conxunto de todo o complexo rupestre do Penedo a un santuario ao ar libre, do tipo dos atribuídos a pías encontradas en lugares próximos como Mougás en Oia –hoxe no Museo Provincial de Pontevedra- duns tres metros de longo, que posúe unha inscrición latina nos seus laterais. No contexto galaico, no noroeste peninsular tamén se atopan outros lugares vinculados a este tipo de interpretación.
Sobre o óvalo con cazoletas no seu interior, a tradición relixiosa denominouno “A Grella do Santo” e asóciao coas marcas que deixou a grella na que foi martirizado san Lourenzo. Nesta crenza popular tamén se engade que despois do martirio o santo foi introducido na auga da pía que leva o seu nome. Asemade tamén se recolleron testemuños que falan da tradición de meter na pía a propia imaxe do santo, que se atopa na capela próxima, no día da celebración da súa festividade. Testemuños orais relatan como se mantén a lembranza incluso de representacións teatralizadas amosando todo o proceso do martirio de San Lourenzo nestes lugares descritos.
Dentro destas tradicións de transmisión oral, noutros testemuños recollidos algunhas persoas afirman que orixinalmente todo este conxunto foi construído polos celtas ou polos romanos, ou que houbo gran presenza de soldados cando sucedeu o martirio do santo neste lugar.
É difícil para a arqueoloxía catalogar este patrimonio material do lugar do Penedo como un santuario rupestre ao ar libre, xa que os elementos existentes non din claramente por si mesmo que poida selo. Mais existe tamén paralelamente, como acabamos de ver, un patrimonio inmaterial de transmisión oral e ritual que pode permitirnos establecer unha relación máis antropolóxica coa simboloxía e significado deste interesante e misterioso enclave como posíbel santuario rupestre ao ar libre.
Vexamos algúns aspectos para esta consideración
É coñecida a estratexia adoptada pola Igrexa para cristianizar moitos lugares nos que aínda se mantiñan cultos ou ritos precristiáns, erixindo templos e asimilando as deidades locais e os ritos asociados. Esta convivencia entre o cristianismo e o paganismo subxacente é evidente na actualidade en moitos dos santuarios, ermidas e igrexas do noso país. Templos erixidos ao carón de fontes, árbores, pedras, lugares arqueolóxicos, etc, nos que paralelamente á celebración relixiosa oficial, a xente practica tamén rituais animistas vinculados ancestralmente e mitoloxicamente a estes lugares.
En todos eles é evidente a vinculación materializada de calquera xeito entre o ritual cristián e o precristián.
En San Lourenzo esta vinculación entre os diferentes espazos maniféstase de forma moi evidente:
Todo o lugar, tanto o castro coma os lugares referenciais do Penedo coma a propia capela próxima levan a común denominación de San Lourenzo.
Os testemuños das tradicións orais transmitiron a memoria da relación existente entre a celebración católica dentro da capela no día dedicado ao santo e os rituais desenvolvidos no Penedo a continuación.
Despois da eucaristía cristiá tiña lugar a romaría popular coa subida ata o Penedo polo antigo camiño, denominado “Camiño de San Lourenzo”, que conducía directamente dende a capela ata o promontorio; un camiño hoxe en día desaparecido debido á construción de vivendas.
Ao redor da romaría desenvolvíanse uns rituais que, aínda que expresados con linguaxes cristiás, conservan claramente algúns trazos anteriores ao cristianismo.
Por unha banda, o petróglifo ovalado con doce cazoletas no seu interior, adscrito probabelmente á Idade do Bronce cuns catro mil anos de antigüidade, foi tradicionalmente interpretado pola devoción popular como a marca que deixou a grella na que foi martirizado o santo. Mais non esquezamos, ao mesmo tempo, que todo este lugar do Penedo está vinculado por algúns investigadores aos altares de sacrificios humanos dos que nos falan as crónicas clásicas romanas e gregas. Martirio e sacrificio humano vense deste xeito relacionados significativamente.
Posteriormente, as tradicións orais fálannos de que San Lourenzo unha vez martirizado foi introducido na denominada “Pía do Santo” para a súa ablución nas súas augas. Cal era o sentido simbólico deste ritual?
Máis arriba adiantabamos que nas tradicións recollidas tamén se fala de que a auga estancada desta pía nunca se seca e á que se lle atribúen propiedades curadoras.
[Foto da esquerda] En Santa Mariña de Augas Santas (Allariz) tamén se conserva a tradición do martirio da santa nun recinto de posíbel carácter sagrado, tamén dentro dun castro, o de Armea, no que Mariña despois de ser queimada nos Fornos (un recinto subterráneo dentro do propio castro e de desigual interpretación segundo os distintos investigadores) é sacada milagrosamente ao exterior polo conduto de saída dos fumes e levada ata unha pía de auga estancada de fasquía antropomorfa, situada ao pé dun carballo no interior do propio castro tamén. E nesta pía, a santa curaba das queimaduras do seu martirio e recuperaba a vida. Hoxe en día a xente acode a esta pía para lavar calquera mal do seu corpo nestas “Augas Santas”.
Estas pías con augas estancadas e negras hainas por todo Galicia e son moi recorrentes para a realización de rituais animistas vinculados coa auga, a pedra e as árbores co fin de curar calquera mal que leve a persoa.
[Foto da dereita] Por poñer algúns exemplo, no concello do Covelo ao carón da ermida da Xestosa existe unha tumba antropomorfa escavada nunha laxe a nivel do chan con auga estancada na se realizan rituais de curación na súa auga, relacionados ademais coa utilización do pan no procedemento da curación (que nos lembra ao ritual do pan que se realiza con este mesmo fin curador e adiviñatorio na fonte de Santo André de Teixido aínda na actualidade).
[Foto inferior] Outro exemplo espectacular deste tipo de pías, e que claramente se asemella poloo penedo en que se desenvolve, é o existente no lugar de Penadauga, parroquia de Escuadro, en Silleda. As ablucións e lavados de calquera parte do corpo que aquí se realizan no primeiro domingo de agosto son asombrosos tanto pola cantidade de xente que acode como polas formas en que se expresa esta curación. No enlace anterior pode verse e ler detalladamente todos os rituais que se desenvolven ao redor deste penedo de Penadauga.
No Penedo de San Salvador de Coruxo, a xente tamén acudía (cando o acceso era público) á Pía do Santo, onde mollaba panos que despois pasaba polo corpo lavando as zonas que quería ver curadas.
Dende o punto de vista destas tradicións, a Pía do Santo, a través da relación do martirio e o depósito do corpo do santo na pía con auga, podemos vinculala a estes rituais de curación tan presentes en toda Galicia.
Mais por outra banda, este tipo de penedos con pías que se comunican entre si mediante canais que facilitan o transvase líquido dunhas a outras foi relacionado por algúns estudosos cos posíbeis altares de sacrificios que se recolle da transmisión dos textos clásicos. Neste senso poderíase vencellar de forma simple martirio e sacrificio humano, e o posterior vertido do seu sangue nas pías cun ritual que faría correr o sangue das pías superiores para outra situada debaixo polos canais tallados na rocha.
Estado de conservación
O promontorio do castro sufriu graves e numerosas alteracións en toda a súa contorna, até o punto de non podermos precisar na actualidade a súa estrutura e configuración orixinal. As construcións de vivendas e terreos de labor que se desenvolveron ao seu arredor estragaron unha gran parte do seu espazo até reducilo a como o podemos ver arestora.
Por outra parte, tal como se pode observar na galería de imaxes, o propio recinto conservado na actualidade está completamente desleixado e estragado.
O adxacente promontorio do Penedo, que tan interesante resultou amosar neste artigo tanto dende o punto de vista arqueolóxico coma dos seus valores antropolóxicos, é inaccesible hoxe en día debido a que todas as propiedades que o circundan fixeron obras de cerramento e construcións que non deixaron ningún vieiro libre para acceder a el. A maiores, algún dos muros de cerramento que se levantaron foi feito apegado totalmente á pía máis relevante deste conxunto rupestre ao ar libre.
Todo o lugar do Penedo se atopa nun estado de total abandono e estrago, e non existe ningún tipo de identificación dos elementos arqueolóxicos que lle valeron a declaración de Monumento Nacional.
Valoración final
O castro de san Lourenzo de Coruxo está considerado oficialmente Ben de Interese Cultural (BIC) e foi declarado Monumento Nacional, co nº 177, no Decreto 3741/1974 do 20 de decembro, BOE do 10 de marzo de 1975, a proposta do Museo Provincial de Pontevedra, polo que se declaraban monumentos histórico-artísticos de carácter nacional unha serie de gravados rupestres existentes na provincia de Pontevedra.
Pensar que Vigo poida contar realmente cun santuario prehistórico rupestre ao ar libre vinculado a un dos seus castros é unha noticia excepcional.
É de especial relevancia porque sería dos poucos exemplos existentes en todo o noroeste cultural galaico. Ademais hai que engadirlle o feito de estar situado no corazón das Rías Baixas, dominando as largacías panorámicas sobre a ría de Vigo, as marismas da desembocadura do Lagares e co horizonte fondal das míticas Illas Cíes completando todo este panorama paisaxístico.
Da culpabilidade desta desfeita, desta perda dunha oportunidade histórica única para a nosa arqueoloxía e etnografía non se salva ninguén.
Dende a avarenta cobiza da veciñanza que busca o proveito propio en contra do ben común, até unhas administracións ineptas e incompetentes no control do seu patrimonio máis valioso, especialmente por ter a consideración de Monumento Nacional, sen deixar atrás o desleixo e miopía dunha institución como a Igrexa que deixou perder unha tradición tan fermosa e chea de rituais enriquecedora da súa propia devoción.
A recuperación de gran parte da relevancia deste conxunto arqueolóxico non é imposíbel. Saltan á vista cales sería as intervencións precisas para poñer en valor social tanto o patrimonio material coma o inmaterial aínda conservado en San Lourenzo.
Máis información
Galería de imaxes
Procedencia dalgunhas imaxes
Celtiberia.net (1, 2, 3)
Patrimonio galego, O Penedo
Ruta dos castros de Vigo