Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Castros,Teis — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

O promontorio denominado Torres de Padín está situado no barrio da Chumba, na parroquia de Teis, no lindeiro co concello de Redondela, na saída da autoestrada AP-9 en Teis.

As grandes curvas colgantes que forma o enlace existente nesta saída pasan xusto por encima do recinto.

O seu dominio sobre a ría e a zona de paso polos territorios da costa cara ás terras de Redondela fan del un asentamento importante dende o punto de vista estratéxico.

De feito, este castro está fechando polo nordeste a valgada do territorio que conforman os cinco castros desta zona do concello: castro de Vigo, castro do Monte da Guía, castro do Sino, castro da Madroa e Torres de Padín.

Por outra parte forma parte dunha liña de tres castros marítimos moi próximos entre si xunto co castro do Sino e o castro da Guía.

Descrición

Na actualidade este asentamento castrexo situado a 109 metros sobre o mar está completamente arruinado.

Os achados habitacionais castrexos son moi escasos, apenas se encontraron pavimentos de cabanas, mais non se encontrou o desenvolvemento de ningunha construción de pedra. O arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro, que dirixiu unhas escavacións de urxencia levadas a cabo en 1989, indícanos que a área de intervención foi moi reducida, dadas as circunstancias, para poder ter máis datos sobre as construcións castrexas.

Toda a zona nordeste e leste do castro foi completamente arrasada. O promontorio foi cortado pola metade literalmente. Unha agresión quizais só comparábel á urbanización moderna do castro da illa de Toralla, por certo outro dos que presentaba achados que o situaban entre os máis antigos habitados de Vigo.

Pola pendente norte do promontorio construíronse varias vivendas con galpóns que se van superpoñendo pola aba arriba do castro.

A caída oeste-noroeste do promontorio castrexo presenta varios aterrazamentos dos que nada se pode saber en canto á súa utilización debido a que non se puideron realizar as escavacións correspondentes nesta zona.

Non obstante, a pesar disto, foi un promontorio que ofreceu importantes sorpresas arqueolóxicas, xa que nas intervencións que se realizaron atopáronse restos pertencentes a distintas épocas históricas, dende o final da Idade do Bronce ata a etapa final da Idade Media, pasando naturalmente pola época castrexa.

Da Idade do Bronce, na súa etapa final entre os séculos IX e VII antes da nosa era, atopouse un anaco pertencente a un machado de bronce, unha importante descuberta que o pon en relación con outros dous castros vigueses nos que se atoparon tamén depósitos destes machados: o castro de Estea en Saiáns, e o castro da Punta do Muíño en Alcabre.

Desta mesma datación tamén apareceron restos cerámicos, un colgante e un anaco da vaíña dunha arma.

Da época castrexa, máis concretamente entre o s.II antes da nosa era e o século I da nosa era, atopáronse abundantes restos cerámicos de vasillas e de ánfora, así como fragmentos cerámicos ibero-púnicos, semellantes ao atopados noutros castros marítimos do noso concello como son o da illa de Toralla e o da Punta do Muíño en Alcabre (baixo o actual Museo do Mar). Este tipo de cerámicas son indicadores das relacións comerciais existentes naquela época co resto da península e co Mediterráneo.

Da época medieval consérvase unha construción defensiva datada ao redor dos séculos XIV-XV, que contaba con recinto amurallado, con foso incluído, coroado por unha torre na parte superior do promontorio, que foi derrubada polos Irmandiños no século XV.

Estado de conservación

É un dos castros que peor se conserva de todos os existentes en Vigo.

É o castro máis agredido de todos, pola súa proximidade e afectación por parte da autoestrada.

De feito, tal como xa apuntamos, fáltalle máis da metade de todo o promontorio, completamente arrasado.

Ao seu pé acumúlase todo tipo de material de obra e todo o recinto castrexo está fechado con aramado para ese uso de depósito de pedra e cascallo de obra.

Non se garda ningún tipo de prevención nin precaución nin distancia de protección. E aínda así conserva os restos dunha torre medieval histórica dentro do noso concello, vinculada a súa destrución a un dos momentos máis importantes da nosa historia: a revolta Irmandiña.

Valoración final

Estamos ante un dos castros máis antigos dos 27 existentes en Vigo. E non obstante tamén é un dos máis estragados e agredidos. No pouco que se escavou nel atopáronse evidencias que remontan o hábitat deste promontorio á Idade do Bronce, algo que moi poucos castros de Vigo presentan con constatación material de achados.

Os poucos exemplos de construcións que se atoparon da época castrexa foron debidos a que se tratou dunha escavación de urxencia realizada no ano 1989 nunha área moi reducida, para conceder permiso e paso inmediato ao arrasamento do castro por parte dunha empresa privada co visto e prace das administracións.

Esta agresión é algo totalmente incomprensíbel no momento en que foi consumada, en plena democracia e con leis protectoras do noso patrimonio. As administracións local e autonómica teñen que ser conscientes de que este asentamento histórico tan importante e estratéxico pertencente ao patrimonio cultural de Vigo está sendo usado na actualidade como unha propiedade privada cerrada ao paso e vixiada con videocámaras para depósito de material de construción e refugallos.

Unha das historias máis relevantes, á parte das anteriores, é a existencia sobre o seu cume dos restos dunha fortaleza medieval documentada nos séculos XIV e XV e que foi derrubada durante as revoltas Irmandiña. Isto é algo moi importante dentro da historia de Vigo ao documentarse deste xeito a presenza irmandiña no noso concello. Por iso chama tan poderosamente a atención que se permitise a agresión tan descomunal que sufriu este enclave tan destacado da nosa histoira.

Por outra parte é unha das escasas testemuñas de arquitectura defensiva medieval viguesa que aínda conservabamos. Na escavación de urxencia realizada deixouse constancia gráfica dos restos encontrados e os muros existentes.

As evidencias da súa utilización durante un período de tempo tan longo dende o Bronce final ata a Idade Media dános boa mostra do valor histórico e estratéxico tan importante que nos agarda neste promontorio.

O estado actual tan ruinoso e deturpado chama ao engano aínda así, pois no subsolo da metade que nos deixaron do promontorio garda tesouros que seguramente enriquecerían aínda moito máis o que coñecemos del ata o momento.

Máis información

Galería de imaxes

J.M. Hidalgo Cuñarro, “Sobre los tres castros más antiguos de Vigo“, en Vigoarqueologico. Arqueología de Vigo.

J,M. Hidalgo Cuñarro, “El Castro de “As Torres de Padín” en Teis (Vigo)“, en Vigoarqueologico. Arqueología de Vigo.

Concello de Vigo, Catálogo de Edificios, Bens e Elementos Protexidos do Concello de Vigo.

Navegadores GPS

Podedes descargar a posición deste castro no voso navegador GPS.

Se queredes podedes coñecer a Ruta dos castros de Vigo e descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.