Localización
Este castro está situado no monte das Medoñas, no lugar de Estea. É moi doado chegar a el, xa que se atopa á beira da estrada de Camposancos (PO-552) que comunica Vigo con Baiona. O acceso é doado e ben sinalizado e existe unha boa zona de aparcadoiro.
Descrición
O seu curuto álzase ata os 165 metros sobre o nivel do mar. Domina unha ampla zona costeira de visión correspondente ás parroquias de Coruxo, Oia e Saiáns, xunto cos territorios costeiros de Nigrán e Baiona. Naturalmente, toda a ría de Vigo está baixo o seu dominio visual así coma os castros do Morrazo.
Dende o punto de vista da relación territorial con outros castros, seguramente habería que poñelo máis en relación cos castros do Val Miñor ca cos de Vigo. Na mesma continuidade da montaña atopamos preto outros catro asentamentos xa pertencentes ao concello de Nigrán.
Dimensións: a forma ovoidal que presenta establece dous eixos: norte-sur, 160 m; leste-oeste, 130 m.
Defensas: o sistema defensivo deste castro é un dos aspectos máis salientábeis a simple vista. Principalmente os foxos que o circundan, que destacan pola súa fondura e anchura.
Foxos: O lado norte é o único que non conta cun foxo defensivo. O resto do castro está arrodeado por un impoñente foxo que se pode percibir claramente ao dar unha volta polo seu perímetro.
Foxo oeste: é o máis destacable de toda a contorna do castro, xa que conta con 20 metros de anchura e 12 de profundidade. Este foxo vese na actualidade bastante pronunciado debido a unha canteira moderna que se abriu para extracción de pedra no lugar.
Foxos sur e leste: o foxo sur é menos pronunciado ca o resto, mais pode percibirse con claridade no noso percorrido ao redor da coroa do castro. Entre o sur e o leste está a entrada principal do castro. A partir deste punto, cara ao leste, o foxo volve a facerse novamente moi pronunciado.
Murallas: apenas se poden adiviñar restos de posíbel amurallamento na coroa do castro.
Terrazas
Son facilmente evidenciábeis dúas terrazas en socalcos descendentes dende a coroa do castro cara ao noroeste. O uso que se lle daría a estes dous espazos coñecerémolo en canto se realicen as escavacións que agora está pedindo este lugar de habitación castrexa e que descoñecemos polo momento.
Coroa
Son moi escasos os restos pétreos que se poden observar na parte máis alta do castro. Apenas unha zona de cachotes ao ar libre que parecen indicarnos a existencia dalgún tipo de construción. O resto do que aínda quede como aproveitábel posibelmente estea baixo terra agardando pola súa recuperación e saída á luz.
Dende este lugar podemos comprender o posicionamento estratéxico tan importante deste castro dentro do conxunto de territorios que domina. Tamén se pode observar a extensa planicie que descende suavemente ata a beira do mar. Esta perspectiva fainos pensar no aproveitamento tanto agrícola coma mariña que podían levar a cabo as persoas que habitaban nesta aldea da nosa idade de ferro.
Mina de auga
É de fasquía moderna e foi construída polos habitantes da parroquia para aproveitamento do manancial de auga que nace baixo o castro. Podemos ver unha canle de saída bastante definida sobre o terreo, ao longo do foxo oeste. A entrada da mina está ben elaborada en pedra de cachotaría e perpiaño. Descoñécese se este castro tiña algún sistema de almacenaxe de auga ou de manancial de uso naquela época. Á vista do exemplo desta mina, mais a presa que hai na parte sur do castro sobre o río Estea, onde se atopan varios muíños naviculares máis antigos ca o propio castro xunto a un conxunto de muíños xa modernos, podemos supoñer que a utilización e aproveitamento da auga xa estaría ben desenvolvida na época castrexa.
Machados de bronce
Vinculado a este castro atopouse un depósito de 27 machados pertencentes ao período final da idade de bronce (1200-700 a.e.). É o achado con maior cantidade de machados que exixe no noso concello, entre as numerosas descubertas realizadas por distintos lugares e que podemos atopar detallados na web Vigoarqueológico, do arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro, un dos especialistas máis coñecedores da nosa prehistoria. Outro destes achados tamén se producira no castro da Punta do Muíño en Alcabre.
Estado de conservación
Trala intervención realizada para a súa posta en valor e musealización ao ar libre, o seu estado de conservación é o apropiado.
O rozamento do monte que ocupa o castro debe ser un labor continuo, posto que a maleza medra vizosamente por todas as partes.
Valoración final
Positiva actuación ata o momento a que se levou a cabo neste castro. O investimento que se realizou dende a administración autonómica para a posta en valor deste enclave castrexo trouxo consigo unha mellor comprensión da importancia deste asentamento aldeán.
O rozamento e a creación dun percorrido guiado con bos carteis informativos fan que calquera visita se transforme nun paseo por todos e cada un dos recantos deste magnífico exemplo do mundo castrexo vigués.
Paralelamente, ao carón deste castro, e vinculados ao aproveitamento do curso de auga do río Estea, que pasa pola súa vertente norte, tamén se acondicionou a posibilidade de visitar un petróglifo anterior ao propio castro, formado por dous muíños naviculares situados ao pé do río, xunta unha fermosa represa que dispensa a auga para o conxunto formado por varios muíños tradicionais aproveitando a forte pendente da auga nese lugar.
Muíños prehistóricos e modernos, separados por milleiros de anos, mais unidos no mesmo espazo, que evidencian a utilización co mesmo fin que o ser humano vén realizando do río dende a nosa máis remota historia.
Parabéns por esta iniciativa e instamos a que se manteña unha constante atención a este espazo da nosa historia e etnografía evitando que se poida ver deteriorado en calquera momento.
Tampouco debe faltar a intención de continuar coas prospeccións futuras que nos dean a coñecer máis en detalle a urbanización castrexa existente tanto na coroa coma nas dúas terrazas inferiores.
Máis información
Podedes acceder a unha ampla galería de imaxes.
Fichas do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).
José Manuel Hidalgo Cuñarro, Arqueovigo.
José Manuel Hidalgo Cuñarro, «Hachas de la Edad de Bronce encontradas en Vigo», en Vigoarqueológico.
Navegadores GPS
Se queredes podedes coñecer a Rutas dos castros de Vigo e mesmo descargala para o voso navegador GPS.
Muitas grazas por facer público todos estes datos, especialmente o de este castro que ó que máis me gustou. É un labor mui meritorio o que fas co patrimonio de Vigo. Coñeces a aldea abandoada da Fraga en Beade? pasa por ela unha ruta de sendeirismo e non é nada vella pero non deixa de ser unha aldea abandoada no concello. Repito as muitas grazas porque realmente é algo mui valioso o que aquí compartes 🙂
Comentario by André — 13 septiembre, 2012 @ 11:07
A aldea da Fraga está considerada como medieval nun roteiro editado e está efectivamente abandonada debaixo do mato.
A maleza que hai decote no lugar impide poder facer un bo traballo sobre este enigmático lugar, pero os planos que hai sobre ela amosan o interesante que ten que ser facer un traballo de recuperación e posta en valor desta aldea.
Moitas grazas pola túa referencia.
Comentario by Xosé Couñago — 10 marzo, 2013 @ 17:38