Patrimonio cultural de Vigo

Saiáns

Conxunto etnográfico dos Muíños de Estea (Saiáns)

Arquivado en: Muíños,Saiáns — Xosé Couñago

Localización

Podemos acceder a este conxunto de muíños dende a estrada vella Vigo-Baiona.

Están situados moi preto do castro de Estea, hoxe en día sinalizado e visitábel. Tómase a mesma entrada que para o castro, mais en lugar de continuar á dereita na nosa subida ao castro, collemos o camiño que o bordea pola esquerda.

Forman parte da Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo, que podedes descargar no voso navegador GPS.

Descrición xeral

Trátase dun conxunto de catro muíños situados e pendente sobre o regato de Estea, cun encoro na parte superior.

A descrición comezarémola dende a zona superior, en baixada.

Presa

É unha construción e boas dimensións e ben afortalada na cabeceira do encoro con perpiaños regulares e irregulares, cunha abertura central na parte inferior do muro da presa e un rebaixe de rebordamento na parte superior central do muro. A altura deste muro é de 1,60 m. A lonxitude da presa é duns 20 metros.

Muíño 1

Levada

A auga chega ata este muíño por unha levada que provén directamente da presa. Esta levada está construída con cachotes para darlle elevación e conducir a auga á marxe do regato de Estea.

A parte final desta levada está composta por unha canalización labrada en pedra de fermosa talladura.

Cubo

Estamos ante un característico muíño de cubo galego. Esta estrutura está ben conservada, con todos os elementos propios: cubo cuadrangular realizado en pedra, con lixeira inclinación para conducir a auga ata o inferno do muíño; os perpiaños laterais sobresaíntes dispóñense coa mesma inclinación do cubo. A parte superior do cubo está aberta e conta na actualidade cun enreixado de protección.

Edificación

Planta rectangular con tellado a unha auga na mesma dirección ca a inclinación do terreo. Non conserva a estrutura do teitume.

As paredes están compostas por perpiaños irregulares combinados con cachotes.

Posúe unha porta de entra lateral e un pequeno fachinelo de entrada de luz sobre a zona de moenda.

No interior só se atopa unha roda da moa e restos de tella do teitume.

O inferno está alintelado cun perpiaño de estrutura triangular de grandes dimensións.

Estado de conservación

Está completamente arruinado, sen teitume nin apenas elementos característicos  da súa funcionalidade. O interior necesita unha limpeza e organización dos poucos elementos que conserva.

Muíño 2

Levada

Consérvase en moi mal estado, invadida de vexetación e raíces que ameazan con estragala completamente.

Percíbese que aproveita o desnivel con respecto ao muíño 1 e está construído sobre unha estrutura de cachotes que lle proporcionasen a elevación necesaria para deixar caer a auga polo cubo dende a altura precisa.

Cubo

Semellante ao do muíño 1, coa diferenciación de que os perpiaños naturais non sobresaen mantendo a inclinación da caída do cubo, senón que sedispoñen horizontalmente sobre a entrada. O perpiaño sobresaínte da cabeceira do cubo é o que está inclinado de acordo coa pendente desta construción.

O cubo está cuberto cun enreixado metálico de seguridade.

Edificación

Muíño de estrutura cuadrangular, realizado con cachotes e perpiaños irregulares. Presenta disposicion da cubrición a unha auga na mesma inclinación ca a pendente do terreo.

Non conserva a estrutura do teitume.

Presenta unha porta na fachada inferior do muíño. Está realizada con perpiaños: dous en cada unha das xambas e ouro superior no lintel da entrada.

Tamén destaca o fachinelo desta mesma fachada, sobre o inferno, dando luz directamente na zona de moenda. Está realizado con dúas pedra a modo de xambas laterais, outra atravesando toda a parte inferior baixo as xambas e un lintel superior sobre as dúas xambas.

O interior do muíño conservaunicamente unha das rodas da moa, así como restos de cahotes e tellas da cubrición.

Inferno

A boca do inferno está construída con perpiaños irregulares. Presenta un remate superior alintelado cun perpiaño longo sobre outros dous amochetados delimitando a entrada.

No interior do inferno non se conserva ningún dos elementos característicos.

Estado de conservación

O estado é moi ruinoso. Parte da levada está esborrallada, así coma a cubrición enteira. O interior presenta abundantes restos de tellas e cachotes.

Muíño 3

Levada

Está completamente estragada e desfeita. Todo está removido e con ramllaxe, vexetación e terras soterrando a levada.

Cubo

No ten a perfección de perpiaños regulares coma os dous muíños anteriores. As pedras que se observan na parte superior son de considerábel tamaño, mais de fasquía máis irregular. Destaca a da cabeceira inclinada sobre as laterais marcando a pendente do cubo.

Edificación

Ten forma cuadrangular a unha auga, con paredes de cachotes e pequenos  perpiaños irregulares.

A estrutura está moi deteriorada e cunha das paredes laterais derruída completamente.

A porta de entrada estivo seguramente na fachada inferior. Hai un posíbel perpiaño tombado que podería pertencer á xamba da porta. Na outra xamba consérvase o que parece ser o perpiaño inferior. Nada se conserva de calquera fachinelo que puidese ter.

Inferno

Presenta un perpiaño longo irregular a modo de lintel e dous pares de perpiaños bastante toscos como xambas da entrada do inferno.

Estado de conservación

Tal e como está, percíbese que pode desaparecer en calquera momento. As paredes non están consolidades e nótanse os constantes desprendementos de cachotes das paredes.

A aparencia global é a dunha estrutura que se mantén a duras penas en equilibrio, con perdas constantes de pedras.

Valoración final

Malia o esforzo realizado en poñer ao descuberto este conxunto etnográfico formado por tres muíños, non podemos deixar de facer unha chamada de atención polo seu desastroso estado de conservación.

É unha mágoa, porque hai varios elementos importantes que conflúen na súa posta en valor. Por unha parte as tres construción forman un conxunto unitario de aproveitamento hidráulico e orográfico. Por outra conservan en moi bo estado a presa orixinal que os abastece  de auga.

Mais como dato relevante, destacamos a súa proximidade de con dous xacigos arqueolóxicos de especial relevancia neste lugar de Estea: os muíños naviculares da Idade de Bronce e o Castro de Estea.

Os muíños naviculares están situados entre a presa e as actuais construcións. Isto é indicativo da continuidade da actividade humanda vinculada á moenda dende a antigüidade precastrexa ata a actualidade. É dicir, estamos ante dous tipos de muíños que, estando uns ao lado dos outros,  distáncianse entre si arredor de catro mil anos no tempo.

A proximidade do castro de Estea, ao carón deste regato, construído a finais da Idade do Bronce, hai máis de dous mil cincocentos anos, márcanos unha continuidade habitacional deste enclave, que conecta varios períodos da nosa historia antiga cohesionados entre si. Non esquezamos que os labores agrícolas, e por tanto a muiñada entre elas, era unha das actividades básicas da economía castrexa.

O Castro de Estea tivo unha mellora na súa posta en valor social con indicadores e posibilidades de visitas autoguiadas a través de itinerarios e paneis que fan o percorrido e recoñecemento deste hábitat moi atractivo. Sería desexábel que esta recuperación tivese a súa continuidade coa conexión dos outros dous elementos patrimoniais que forman todo este conxunto cultural tan relevante: os muíños naviculares, o castro e os muíños de cubo da actualidade xunto coa presa asociada.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Para chegar ata estes muíños, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.
Tamén podedes descargar a Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador.

No espazo web de Jesús Simón atoparedes unha interesante ruta de sendeirismo entre este conxunto etnográfico e o conxunto de muíños de Estea (Saiáns), coa visita ao castro de Estea e os muíños naviculares da Idade do Bronce de Estea.

No espazo web de Jesús Simón atoparedes unha interesante ruta de sendeirismo entre este conxunto etnográfico e o conxunto de muíños de Gontade (Oia).

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programaPoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Castro de Estea (Saiáns)

Arquivado en: Castros,Saiáns — Xosé Couñago

Localización

Este castro está situado no monte das Medoñas, no lugar de Estea. É moi doado chegar a el, xa que se atopa á beira da estrada de Camposancos (PO-552) que comunica Vigo con Baiona. O acceso é doado e ben sinalizado e existe unha boa zona de aparcadoiro.

Descrición

O seu curuto álzase ata os 165 metros sobre o nivel do mar. Domina unha ampla zona costeira de visión correspondentes ás parroquias de Coruxo, Oia e Saiáns, xunto cos territorios costeiros de Nigrán e Baiona. Naturalmente, toda a ría de Vigo está baixo o seu dominio visual así coma os castros do Morrazo.

Coroa, foxo oeste, foxo sur, foxo leste, terraza1, terraza 2Dende o punto de vista da relación territorial con outros castros, seguramente habería que poñelo máis en relación cos castros do Val Miñor ca cos de Vigo. Na mesma continuidade da montaña atopamos preto outros catro asentamentos xa pertencentes ao concello de Nigrán.

Dimensións: a forma ovoidal que presenta establece dous eixos: norte-sur, 160 m; leste-oeste, 130 m.

Defensas: o sistema defensivo deste castro é un dos aspectos máis salientábeis a simple vista. Principalmente os foxos que o circundan, que destacan pola súa fondura e anchura.

Foxos: O lado norte é o único que non conta cun foxo defensivo. O resto do castro está arrodeado por un impoñente foxo que se pode percibir claramente ao dar unha volta polo seu perímetro.

Foxo oeste: é o máis destacable de toda a contorna do castro, xa que conta con 20 metros de anchura e 12 de profundidade. Este foxo vese na actualidade bastante pronunciado debido a unha canteira moderna que se abriu para extracción de pedra no lugar.

Foxos sur e leste: o foxo sur é menos pronunciado ca o resto, mais pode percibirse con claridade no noso percorrido ao redor da coroa do castro. entre o sur e o leste está a entrada principal do castro. A partir deste punto, cara ao leste, o foxo volve a facerse novamente moi pronunciado.

Murallas: apenas se poden adiviñar restos de posíbel amurallamento na coroa do castro.

Terrazas

Son facilmente evidenciábeis dúas terrazas en socalcos descendentes dende a coroa do castro cara ao noroeste. O uso que se lle daría a estes dous espazos coñecerémolo en canto se realicen as escavacións que agora está pedindo este lugar de habitación castrexa e que descoñecemos polo momento.

Coroa

Son moi escasos os restos pétreos que se poden observar na parte máis alta do castro. Apenas unha zona de cachotes ao ar libre que parecen indicarnos a existencia dalgún tipo de construción. O resto do que aínda quede como aproveitábel posibelmente estea baixo terra agardando pola súa recuperación e saída á luz.

Dende este lugar poemos comprender o posicionamento estratéxico tan importante deste castro dentro do conxunto de teritorios que domina. Tamén se pode observar a extensa planicie que descende suavemente ata a beira do mar. Esta perspectiva fainos pensar no aproveitamente tanto agrícola coma mariña que podían levar a cabo as persoas que habitaban nesta aldea da nosa idade de ferro.

Mina de auga

É de fasquía moderna e foi construída polos habitantes da parroquia para aproveitamento do manancial de auga que nace baixo o castro. Podemos ver unha canle de saída bastante definida sobre o terreo, ao longo do foxo oeste. A entrada da mina está ben elaborada en pedra de cachotaría e perpiaño. Descoñécese se este castro tiña algún sistema de almacenaxe de auga ou de manancial de uso naquela época. Á vista do exemplo desta mina, mais a presa que hai na parte sur do castro sobre o río Estea, onde se atopan varios muíños naviculares máis antigos ca o propio castro xunto a un conxunto de muíños xa modernos, podemos supoñer que a utilización e aproveitamento da auga xa estaría ben desenvolvida na época castrexa.

Machados de bronce

Vinculado a este castro atopouse un depósito de 27 machados pertencentes ao período final da idade de bronce (1200-700 a.e.). É o achado con maior cantidade de machados que exise no noso concello, entre as numerosas descubertas realizadas por distintos lugares e que podemos atopar detallados na web Vigoarqueológico, do arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro, un dos especialistas máis coñecedores da nosa prehistoria. Outro destes achados tamén se producira no castro da Punta do Muíño en Alcabre.

Estado de conservación

Trala intervención realizada para a súa posta en valor e musealización ao ar libre, o seu estado de conservación é o apropiado.

O desbroce do monte que ocupa o castro debe ser un labor continuo, posto que a maleza medra vizosamente por todas as partes.

Valoración final

Positiva actuación ata o momento a que se levou a cabo neste castro. O investimento que se realizou dende a administración autonómica para a posta en valor deste enclave castrexo trouxo consigo unha mellor comprensión da importancia deste asentamento aldeán.

O desbrozamento e a creación dun percorrido guiado con bos carteis informativos fan que calquera visita se transforme nun paseo por todos e cada un dos recantos deste magnífico exemplo do mundo castrexo vigués.

Paralelamente, ao carón deste castro, e vinculados ao aproveitamento do curso de auga do río Estea, que pasa pola súa vertente norte, tamén se acondicionou a posibilidade de visitar un petróglifo anterior ao propio castro, formado por dous muíños naviculares situados ao pé do río, xunta unha fermosa represa que dispensa a auga para o consunto formado por varios muíños tradicionais aproveitando a forte pendente da auga nese lugar.

Muíños prehistóricos e modernos, separados por milleiros de anos, mais unidos no mesmo espazo, que evidencian a utilización co mesmo fin que o ser humano vén realizando do río dende a nosa máis remota historia.

Parabéns por esta iniciativa e instamos a que se manteña unha constante atención a este espazo da nosa historia e etnografía evitando que se poida ver deteriorado en calquera momento.

Tampouco debe faltar a intención de continuar coas prospeccións futuras que nos dean a coñecer máis en detalle a urbanización castrexa existente tanto na coroa coma nas dúas terrazas inferiores.

Máis información

Podedes acceder a unha ampla galería de imaxes.

Fichas do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

José Manuel Hidalgo Cuñarro, Arqueovigo.

José Manuel Hidalgo Cuñarro, “Hachas de la Edad de Bronce encontradas en Vigo”, en Vigoarqueológico.

Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Rutas dos castros de Vigo e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)