Patrimonio cultural de Vigo

Teis

Castro das Torres de Padín (Teis)

Arquivado en: Castros,Teis — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

O promontorio denominado Torres de Padín está situado no barrio da Chumba, na parroquia de Teis, no lindeiro co concello de Redondela, na saída da autoestrada AP-9 en Teis.

As grandes curvas colgantes que forma o enlace existente nesta saída pasan xusto por encima do recinto.

O seu dominio sobre a ría e a zona de paso polos territorios da costa cara ás terras de Redondela fan del un asentamento importante dende o punto de vista estratéxico.

De feito, este castro está fechando polo nordeste a valgada do territorio que conforman os cinco castros desta zona do concello: castro de Vigo, castro do Monte da Guía, castro do Sino, castro da Madroa e Torres de Padín.

Por outra parte forma parte dunha liña de tres castros marítimos moi próximos entre si xunto co castro do Sino e o castro da Guía.

Descrición

Na actualidade este asentamento castrexo situado a 109 metros sobre o mar está completamente arruinado.

Os achados habitacionais castrexos son moi escasos, apenas se encontraron pavimentos de cabanas, mais non se encontrou o desenvolvemento de ningunha construción de pedra. O arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro, que dirixiu unhas escavacións de urxencia levadas a cabo en 1989, indícanos que a área de intervención foi moi reducida, dadas as circunstancias, para poder ter máis datos sobre as construcións castrexas.

Toda a zona nordeste e leste do castro foi completamente arrasada. O promontorio foi cortado pola metade literalmente. Unha agresión quizais só comparábel á urbanización moderna do castro da illa de Toralla, por certo outro dos que presentaba achados que o situaban entre os máis antigos habitados de Vigo.

Pola pendente norte do promontorio construíronse varias vivendas con galpóns que se van superpoñendo pola aba arriba do castro.

A caída oeste-noroeste do promontorio castrexo presenta varios aterrazamentos dos que nada se pode saber en canto á súa utilización debido a que non se puideron realizar as escavacións correspondentes nesta zona.

Non obstante, a pesar disto, foi un promontorio que ofreceu importantes sorpresas arqueolóxicas, xa que nas intervencións que se realizaron atopáronse restos pertencentes a distintas épocas históricas, dende o final da Idade do Bronce ata a etapa final da Idade Media, pasando naturalmente pola época castrexa.

Da Idade do Bronce, na súa etapa final entre os séculos IX e VII antes da nosa era, atopouse un anaco pertencente a un machado de bronce, unha importante descuberta que o pon en relación con outros dous castros vigueses nos que se atoparon tamén depósitos destes machados: o castro de Estea en Saiáns, e o castro da Punta do Muíño en Alcabre.

Desta mesma datación tamén apareceron restos cerámicos, un colgante e un anaco da vaíña dunha arma.

Da época castrexa, máis concretamente entre o s.II antes da nosa era e o século I da nosa era, atopáronse abundantes restos cerámicos de vasillas e de ánfora, así como fragmentos cerámicos ibero-púnicos, semellantes ao atopados noutros castros marítimos do noso concello como son o da illa de Toralla e o da Punta do Muíño en Alcabre (baixo o actual Museo do Mar). Este tipo de cerámicas son indicadores das relacións comerciais existentes naquela época co resto da península e co Mediterráneo.

Da época medieval consérvase unha construción defensiva datada ao redor dos séculos XIV-XV, que contaba con recinto amurallado, con foso incluído, coroado por unha torre na parte superior do promontorio, que foi derrubada polos Irmandiños no século XV.

Estado de conservación

É un dos castros que peor se conserva de todos os existentes en Vigo.

É o castro máis agredido de todos, pola súa proximidade e afectación por parte da autoestrada.

De feito, tal como xa apuntamos, fáltalle máis da metade de todo o promontorio, completamente arrasado.

Ao seu pé acumúlase todo tipo de material de obra e todo o recinto castrexo está fechado con aramado para ese uso de depósito de pedra e cascallo de obra.

Non se garda ningún tipo de prevención nin precaución nin distancia de protección. E aínda así conserva os restos dunha torre medieval histórica dentro do noso concello, vinculada a súa destrución a un dos momentos máis importantes da nosa historia: a revolta Irmandiña.

Valoración final

Estamos ante un dos castros máis antigos dos 27 existentes en Vigo. E non obstante tamén é un dos máis estragados e agredidos. No pouco que se escavou nel atopáronse evidencias que remontan o hábitat deste promontorio á Idade do Bronce, algo que moi poucos castros de Vigo presentan con constatación material de achados.

Os poucos exemplos de construcións que se atoparon da época castrexa foron debidos a que se tratou dunha escavación de urxencia realizada no ano 1989 nunha área moi reducida, para conceder permiso e paso inmediato ao arrasamento do castro por parte dunha empresa privada co visto e prace das administracións.

Esta agresión é algo totalmente incomprensíbel no momento en que foi consumada, en plena democracia e con leis protectoras do noso patrimonio. As administracións local e autonómica teñen que ser conscientes de que este asentamento histórico tan importante e estratéxico pertencente ao patrimonio cultural de Vigo está sendo usado na actualidade como unha propiedade privada cerrada ao paso e vixiada con videocámaras para depósito de material de construción e refugallos.

Unha das historias máis relevantes, á parte das anteriores, é a existencia sobre o seu cume dos restos dunha fortaleza medieval documentada nos séculos XIV e XV e que foi derrubada durante as revoltas Irmandiña. Isto é algo moi importante dentro da historia de Vigo ao documentarse deste xeito a presenza irmandiña no noso concello. Por iso chama tan poderosamente a atención que se permitise a agresión tan descomunal que sufriu este enclave tan destacado da nosa histoira.

Por outra parte é unha das escasas testemuñas de arquitectura defensiva medieval viguesa que aínda conservabamos. Na escavación de urxencia realizada deixouse constancia gráfica dos restos encontrados e os muros existentes.

As evidencias da súa utilización durante un período de tempo tan longo dende o Bronce final ata a Idade Media dános boa mostra do valor histórico e estratéxico tan importante que nos agarda neste promontorio.

O estado actual tan ruinoso e deturpado chama ao engano aínda así, pois no subsolo da metade que nos deixaron do promontorio garda tesouros que seguramente enriquecerían aínda moito máis o que coñecemos del ata o momento.

Máis información

Galería de imaxes

J.M. Hidalgo Cuñarro, “Sobre los tres castros más antiguos de Vigo“, en Vigoarqueologico. Arqueología de Vigo.

J,M. Hidalgo Cuñarro, “El Castro de “As Torres de Padín” en Teis (Vigo)“, en Vigoarqueologico. Arqueología de Vigo.

Concello de Vigo, Catálogo de Edificios, Bens e Elementos Protexidos do Concello de Vigo.

Navegadores GPS

Podedes descargar a posición deste castro no voso navegador GPS.

Se queredes podedes coñecer a Ruta dos castros de Vigo e descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Castro do Sino (Teis)

Arquivado en: Castros,Sin categoría,Teis — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Na parroquia de Teis, no lugar da Riouxa, atopamos este promontorio castrexo dominando as augas da ría. Está situado á beira da estrada que comunica Vigo con Chapela, ao carón do parque público que se estende aos seus pés.

É doadamente recoñecíbel polo colexio público que se edificou sobre a súa coroa.

Nos seus arredores están o peto de ánimas de Teis e o peto de ánimas do adro da igrexa parroquial.

Descrición

Altitude sobre o mar: 74 metros.

Dimensións: presenta unha forma ovoidal de 160 x 120 metros.

Defensas: case todo os seu perímetro conta con pronunciados terrapléns debidos á propia orografía deste outeiro, que chegan ata os 15 metros de altura na zona que descende sobre o mar. Estas características orográficas fan do Castro do Sino un enclave moi ben defendido en case toda súa contorna.

O punto máis vulnerábel sería a zona sueste, a entrada actual ao colexio, con menos pronunciamento do terreo e hoxe en día, ademais, bastante alterada polas construcións de vivendas.

Foxos: só te atoparon restos dun posíbel foxo na zona nordeste con forma de depresión que rodea a coroa a un nivel inferior.

Murallas: atopáronse restos da muralla na zona suroeste e outros posíbeis restos de muros na zona baixa do nordeste.

Terrazas: apréciase un posíbel aterrazamento na zona norte da coroa, mais difícil de precisar dada a alteración que sofre na actualidade esta parte superior do recinto.

Estado de conservación

A construción do colexio público sobre a coroa deste recinto castrexo levou consigo a case completa destrución e alteración de todo o recinto.

A construción do parque público da Riouxa tamén implicou a alteración do área de influencia do propio castro.

Por outra parte o consentimento de construción de vivendas na súa contorna e nos terrapléns que rodean a coroa tamén provocou importantes alteracións sobre este xacigo da Idade do Ferro galaica.

Non existe ningún tipo de sinalización nin descrición deste complexo castrexo nos seus arredores que informen da súa existencia.

Valoración final

Antes da destrución moderna deste recinto castrexo, atopáranse en distintas escavacións durante o século XX abundantes restos de utensilios domésticos e mesmo hai referencias da existencia dun cuncheiro.

É moi evidente a función controladora deste castro tanto sobre a ría coma sobre as terras de labor dos seus arredores. As súas especiais características orográficas e a localización nun lugar de comunicación entre o territorio da actual zona viguesa e a comarca redondelán outórganlle unha salientábel relevancia na súa contorna xeográfica.

Por outra parte podemos relacionalo territorialmente con outros tres castros que arrodean esta valgada de comunicación entre os dous territorios sinalados, que son o castro do Monte da Guía, o promontorio denominado Torres de Padín e o castro da Madroa.

Os catro castros comparten un territorio común agrícola e gandeiro e a actividade pesqueira da propia ría.

É unha mágoa a agresión que sufriu este castro debido á construción do colexio público xa que a súa caracterización como castro marítimo conservando todo o seu recinto e elementos construtivos faría del o principal exemplo deste tipo de castros na nosa fachada sobre a ría.

Alén disto, na actualidade moi poucas persoas son coñecedoras da súa existencia, aínda que se atopa nun lugar ben visíbel, accesíbel e cun parque público aos seus pés.

Toda a contorna deste castro precisa unha posta en valor cultural e paisaxística apropiada, relacionando os distintos elementos patrimoniais que existen ao seu arredor, dende o complexo territorial castrexo do que forma parte, pasando polos exemplos etnográficos e arquitectónicos da súa contorna (petos de ánimas, igrexa parroquial) ata a contextualización xeográfica e paisaxística na que se encontra situado.

Máis información

Galería de imaxes

Catálogo de Edificios, Bens e Elementos Protexidos do Concello de Vigo

Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Ruta dos castros de Vigo e descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Castro do Monte da Guía (Teis)

Arquivado en: Castros,Teis — Xosé Couñago

Localización

O Monte da Guía é un dos outeiros máis prominentes sobre o mar que hai no concello. Xunto co Monte do Castro que hai no centro da cidade, constitúen dous importantes promontorios de control sobre a súa contorna terrestre e marítima.

A montaña enteira ofrece uns fermosos e singulares percorridos que nos ofrecen a idea de como debeu ser o asentamento humano que existiu neste lugar durante a Idade de Ferro.

Descrición

O Castro da Guía é o segundo máis grande en extensión do concello, despois do Monte do Castro. Atópase a unha altura de 122 metros sobre o mar.

Este castro na actualidade está totalmente alterado pola intensa actividade humana urbanizadora de toda a montaña: vivendas, camiños, áreas diversas, a ermida do cumio, etc.

É moi difícil coñecer a forma e extensión global que tiña este asentamento. Sabemos que ocupaba o cimo e a ladeira do monte. Mantiña unha perfecta situación estratéxica de control dobre a ría e as terras de tránsito cara á zona de Redondela.

Existe unha conexión territorial evidente cos castros da súa contorna (O Sino, Torres de Padín e A Madroa), o que leva a investigadores como Hidalgo Cuñarro a clasificalos dentro dunha mesma agrupación con territorio común.

Hoxe só se pode conxecturar sobre a súa morfoloxía a partir duns restos dun muro conservados que se estende pola súa zona leste. Este muro aínda está pendente de estudos máis detallados para valorar a súa adscrición tipolóxica

A súa maior defensa é a orografía da montaña, con fortes pendentes que ocupan gran parte do seu perímetro, só suavizado pola parte sur da montaña, onde se construíron en épocas modernas numerosas vivendas.

As únicas evidencias que conservamos na actualidade das construcións castrexas son as referencias bibliográficas conservadas.

De acordo con estas referencias, existiría unha muralla na zona sur, os restos de dúas vivendas circulares atopadas durante a construción da estrada que sobe á ermida, un cuncheiro e diversos fragmentos cerámicos.

Tamén hai referencias bibliográficas ao achado de machados puídos.

Estado de conservación

Hoxe convertido nun parque público, xa non conserva case nada do hábitat castrexo orixinal.

As múltiples construcións e adecuacións para o uso actual desta zona foron eliminando calquera vestixio que puidese achegarnos ao coñecemento desta aldea da nosa Idade de Ferro.

Cómpre centrar a atención nos restos de muros que aínda se conservan na zona leste e facer unha posta en valor do mesmo. Polo menos teremos evidencia do único testemuño do que foi este lugar na súa orixe habitacional.

Valoración final

Este é un dos tres castros que ten a parroquia de Teis: Monte da Guía, Os Sinos e as Torres de Padín.

Este feito debería motivar unha posta en valor de conxunto para esta zona da cidade, non só como lugares de hábitat histórico, senón tamén como valor xeográfico de cada un destes tres emprazamentos.

Podería existir un centro de interpretación da cultura castrexa nesta parroquia, xunto coa valoración paisaxística dos mesmos. Isto levaría consigo a creación dunha ruta, de doada fasquía, dada a proximidade entre eles.

Tamén teñen en común entre os tres a proximidade ao mar, co que iso ten de significado tanto na economía coma nas relacións comerciais de costa. E tantas e tantas outras ideas que se poden poñer en práctica para a revalorización cultural desta zona do concello.

Máis información:

Hidalgo Cuñarro, “Notas sobre los castros de Vigo”, en Arqueovigo (sete artigos).

Fichas do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

Galería de imaxes.


Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Ruta dos castros de Vigo e descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).


Petróglifos de Gondosende (Teis)

Arquivado en: Petróglifos,Teis — Xosé Couñago

Situación

O Camiño de Gondosende parte da rúa Doutor Corbal, á altura do comezo da baixada cara á praia da Punta. Este antigo camiño está asfaltado na actualidade e pódese chegar en coche xusto ata o lugar onde se atopan os petróglifos.

Os gravados están nunha laxe que hai no medio do camiño. Este vieiro toma neste punto dirección cara ao monte da Guía.

Descrición

A laxe na que se atopan mide 14 m de longo e 8 m de largo.

En primeiro lugar atopamos tres figuras de círculos concéntricos.

A primeira figura está composta por tres círculos concéntricos con coviña central e suco de saída.

Na segunda figura percíbense máis claramente dous círculos concéntricos con coviña central. Parece que poida haber máis círculos concéntricos cara ao exterior, mais o desgaste é demasiado acentuado.

A terceira figura é de menor tamaño e consta de dous círuclos concéntricos con coviña central.

Uns metros cara ao norte atopamos outra figura circular formada ao redor dunha protuberancia da propia rocha. O centro circular está situado no cumio da protuberancia, e ao seu redor desenvólvense varios círculos concétricos, dos que só dous se perciben con maior claridade.

Estado de conservación

O estado de conservación do conxunto é deplorábel. Ao quedaren baixo o paso da xente, a súa desaparición é inevitábel se non se adoptan medidas preventivas.

Os sucos apenas se notan xa; sobre todo nos que se atopan na zona máis plana. Hai trazos recollidos en láminas por investigadores que hoxe en día xa é moi difícil poder atopar.

A este ritmo de desaparición, en pouco tempo o único vestixio que teremos da súa existencia serán os debuxos e fotografías que se tomaron ata o presente.

Valoración final

Resulta incríbel que poidamos deixar desaparecer un dos poucos exemplos de gravados rupestres situados dentro da cidade.

Sobre todo tendo en conta que só hai dous petróglifos declarados de protección BIC en Vigo: este e o de Pedra Moura en Coruxo.

Outro dos exemplos de Petróglifos urbanos temólo en Sárdoma, nos gravados de Pedra da Laxe.

Cómpre unha urxente intervención que preveña a súa desaparición e aposte decididamente por unha posta en valor deste conxunto de gravados, aínda perceptíbeis na actualidade.

Podemos asegurar que son dos petróglifos máis deteriorados que existen no concello; polo tanto, non se pode facer agardar máis tempo algún tipo de acción.

Propoñemos que estando tan preto de varios centros de ensino, este sería un exemplo adecuado para a súa explotación didáctica co alumnado da contorna.

A creación de paneis informativos, zona de protección, materiais didácticos, etc. Mesmo se podería considerar a oportunidade, neste excepcional caso de especial deterioro, de resaltar dalgún xeito os gravados de cara á súa mellor percepción.

Na contextualización didáctica destes petróglifos enmarcaríase tamén a contorna castrexa na se atopan, evidenciando a continuidade histórica dende o Bronce ao Ferro.

Podese visitar unha galería de FOTOS deste conxunto de petróglifos.

Navegadores GPS

Para chegardes ata estes gravados, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)


Igrexa da Guía (Teis)

Arquivado en: Igrexas,Teis — Xosé Couñago

Está situada no monte da Guía, sobre a ría de Vigo, encima dun antigo castro galaico, hoxe xa case completamente desaparecido.

Tal como o seu nome indica, esta ermida está dedicada á Virxe da Guía. Tamén ten a advocación do Sagrado Corazón de Xesús, neste senso no último dos proxectos realizados, de Gómez Román, estaba pensado que levase no seu cumio unha figura do Sagrado Corazón de Xesús, pero non chegou a realizarse.

Antes desta construción había outra que estaba en bastante mal estado. Antonio Palacios foi o primeiro arquitecto que acometeu un proxecto en 1930 para levantar no seu lugar un gran templo a semellanza do da Vera Cruz do Carballiño e o Templo Votivo do Mar de Panxón. Lembremos que a característica máis salientable destes dous edificios é a gran torre que os preside.

Cando máis tarde Gómez Román acomete a construción do edificio definitivo baixo o seu propio proxecto, conserva a idea dunha gran torre que destacase sobranceiramante sobre o resto do edificio. Finalmente a gran torre deseñada por Gómez Román con remate na imaxe antes mencionada tampouco se puido facer como estaba proxectada debido ás dificultades económicas que iso levaba consigo.

Si se mantivo a evidente desproporción entre a torre e o corpo da igrexa, aínda que con menor tamaño.

Planta: é de estilo basilical con remate nunha ousia poligonal. Ese tipo de ousia ten unha semellanza coa románica de Bembrive en Vigo.

Nave: dende a sinxeleza que expresa o interior, hai unha harmoniosa relación de formas e espazos que acentúan a impresión estética do exterior. Os dous arcos superpostos acentuando o contraste entre a pedra e o caleado branco conducen a nosa vista ata o interior dunha ábsida presidida por unha imaxe da Virxe da Guía enmarcada entre dúas xanelas verticais que iluminan un interior semicircular que nos achega sensacións románicas.

Fachada: case exenta de decoración, resaltaremos os dous motivos vexetais sobre os que se erixe un frontón partido cunha vieira central. O beirado da fachada tamén segue as mesmas liñas do frontón partido no centro, no que se coloca unha fermosa cruz pétrea, creando un espazo de unión entre o beirado e o frontón. A inspiración clasicista de Román na fachada contrasta con outros elementos que observaremos dando un paseo ao seu arredor.

Torre: destaca o seu volume con respecto ao resto do edificio. O corpo inferior é liso ata o comezo do campanario. A esta altura Román comeza un detallado traballo de resalte barroquizante deste derradeiro tramo. O campanario ten xanelas de medio punto a catro caras, con chafráns decorados con remate en volutas na parte inferior.

Corpo central: é de curta lonxitude e en contraste tanto coa súa altura coma coa da propia torre. Consegue un efecto de estruturas superpostas, conseguida polo emprego de soportais laterais e corpos anexos, coma o que contén un fornelo coa imaxe do Sagrado Corazón. Esta fermosa superposición volumétrica que se elevan unhas sobre as outras lémbranos outros templos de orixe prerrománica coma o de Santa Comba de Bande.

As paredes combinan o estucado branco con perpiaño nos cantos e panos de paredes, tan característico da arquitectura en Galicia. Sobre os estucados dispón unha serie de xanelas con vidreiras para dar entrada de luz dende distintos puntos da igrexa. Estas xanelas teñen forma de cruz de brazos iguais e circulares.

Non podemos deixar de salientar unha evidente influencia románica tamén nalgúns detalles decorativos, como son os canzorros dos beirados do corpo central, ou a cruz antefixa de clara fasquía medievalizante sobre o cumial do pincho traseiro, así coma a forma poligonal da ousia, presente en numerosas igrexas románicas.

Tamén chamará a nosa atención a imaxe da Virxe que hai nun fornelo situado na canto dereito da fachada. Destaca no conxunto o elaborado dosel que a alberga. A imaxe coroada da Virxe, sedente, co seu fillo no colo presenta algúns detalles que non deixaremos pasar por alto. A pesar do realce real que lle outorga a coroa, os seus pés van calzados con zocos tradicionais galegos. O outro detalle é a ausencia da cabeza da figura do neno Xesús. A barca que leva nos brazos, así coma a orientación das dúas figuras cara ao mar evidencian a merecida advocación de Virxe da Guía dos mariñeiros.

Por último, non deixedes de pasear por este fermosísimo parque, cheo de recantos tan inesquecibles coma as súas indescritibles postas de sol.

E aquí vos deixamos unha relación máis ampla de fotos da igrexa da Guía.

Peto de ánimas de Teis

Arquivado en: Petos de ánimas,Teis — Xosé Couñago

Localización

Está situado na estrada a Redondela (Avda. de Galicia ), fronte ao parque da Riouxa.

Na actualidade está nunha posición moi próxima á beira da estrada. Sobre unha beirarrúa estreita, cun farol ao seu carón.

Non ten protección ningunha nin indicación do seu valor e significado. Cando un elemento do noso patrimonio non está posto en valor, está nun maior risco de sufrir unha agresión: unhas veces por descoñecemento, outras por falta de consideración cara a algo que non se valora.

Exemplos coma este poñen en evidencia que é necesario acometer un plan de posta en valor de todo este patrimonio popular; por unha parte no propio lugar onde se atopa, a través do paneis e protección correspondente; por outra parte a través dun labor divulgativo e pedagóxico. Probade a preguntar ao voso arredor qué é un peto de ánimas, veredes como diminúen as respostas a medida que descende a idade.

Descrición

Este peto é quizais o máis fermoso e representativo de Vigo.
Foi restaurado e mostra unha fermosa policromía.
Non ten fornelo e está completamente ao descuberto todo el.

A cruz está apoiada sobre unha bóla (cfr. Sampaio), cunha figura de Cristo ben traballada e expresiva. Baixo esta cruz hai unha Virxe de sinxela e fermosa fasquía.

Falta a data da súa construción e na parte inferior da construción podemos ler unha inscrición incompleta:“A DEVOCION DE D. FRANCISCO ROSEY (?)….”. Quizais na continuación ilexible puidese estar a data de construción.

O retablo está labrado en pedra, completamente policromado.
A figura principal é San Francisco salvando ánimas do purgatorio.
Hai sete personaxes entre as chamas, sen distincións significativas entre elas.
Están colocadas tamén en dous planos horizontais, co santo sobre eles cerrando o conxunto.

Hai harmonía paralelística na distribución das figuras:
Dúas reviradas nos extremos.
Dúas agarradas coas mans ao santo.
Tres formando un triángulo central.
San Francisco como figura destacada central, elevado sobre as demais, inferior á Virxe e a Cristo.

Hai unha composición tamén en vertical moi acentuada, coa elevada altura das figuras divinas.
Cristo preside o mundo, e debaixo do mundo está o inframundo no que se atopa o inferno e o purgatorio.

En definitiva, un peto ao que paga a pena achegarse en calquera momento, sobre todo á tardiña, para apreciar as tonalidades que os raios de sol do empardecer lle proporcionan ás cores da pedra.

Un peto bastante parecido a este podemos velo en Petelos (Mos) no lugar de Rexenxo.

Máis información

Galería de imaxes.

Navegadores GPS

Se queredes descargar a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador GPS, premede no enlace.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Peto de ánimas do adro da igrexa de Teis

Arquivado en: Petos de ánimas,Teis — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Goolge Maps)

Está situado no adro da igrexa parroquial de Teis.

Pertence á tipoloxía dos petos con cruceiro (cfr. Peto de ánimas da rúa Poboadores, no barrio histórico)

Descrición

A cruz é sinxela. A súa parte inferior é un peto de ánimas e a parte superior é un cruceiro. O cruceiro consta dunha columna lisa e octogonal, coroada por un capitel sinxelo, cuadrangular e moi estreito.

Formou parte do Vía Crucis procesional arredor da igrexa.

O peto de ánimas está instalado nun bloque de pedra con forma rectangular e recortes na parte superior. Nel estase a representar a escena das almiñas entre as lapas. Todas as almiñas teñen as mans unidas en actitude de súplica. A composición da figuración é triangular, con sete figuras. A principal parece un personaxe relevante da sociedade.

As figuras están bastante esluídas e desdebuxadas.

O retablo pétreo non ten protección propia nin está dentro dun fornelo.

Neste sentido podemos asocialo coa tipoloxía dos petos abertos.

Fáltalle tamén a portiña que tiña na parte baixa e ao seu arredor podemos apreciar diversos pegotes de cemento.

Apenas conserva policromía nalgunhas das figuras.

Non conserva ningunha inscrición nin data de construción.

Mais non deixedes de entrar no templo, xa que, á parte de se teren descuberto frescos detrás do altar maior, dentro da igrexa tamén hai un fermoso retablo en madeira que representa unha elaborada escena de ánimas no purgatorio.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Se queredes descargar a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador GPS, premede no enlace.