Patrimonio cultural de Vigo

Petróglifos

Petróglifo do Viveiro IV (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

(Ver en Googel Maps)

O grupo IV do viveiro atopase perto do de Leixiades II e esta nun camiño que baixa ao regato dentro de unha propiedade delimitada por pedras sen traballar colocadas facendo un recinto.

Forma parte do grupo de cinco lugares de gravados denominados O Viveiro, situados pola beira norte da pista forestal que conduce dende a capela de San Sebastián de Coruxo ata o parque forestal de Oia e Saiáns.

Descrición

No referido lugar atopamos unha lousa a rentes do chan de 3 x 5 metros.

Sobre a laxe aprécianse 4 coviñas, con diámetros entre os 3 e os 7 centímetros.

Tamén se pode localizar un círculo incompleto con outra coviña central.

Estado de conservación

O desgaste da superficie da rocha fai cada vez máis complicada a visualización destes gravados.

Por outra parte a maleza propia do lugar no que se atopa a laxe, dificulta nalgunhas ocasións a localización das coviñas.

A falta de entrada de luz solar debido ás abundantes árbores que existen no lugar tamén impiden a visualización doada dos gravados durante gran parte do día.

Valoración final

A localización desta rocha é bastante complicada. Non existe ningún tipo de indicación e resulta difícil describir un guieiro que conduza ata ela debido á falta de referencias concretas nesta zona.

A principal referencia para atopar esta rocha serán as coordenadas xeográficas que se poidan introducir nun navegador GPS.

Máis información

Catálogo de Edificios, Bens e Elementos Protexidos do Concello de Vigo

Navegadores GPS

Para chegar ata este petróglifo podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifo do Viveiro III (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

(Ver en Goolge Maps)

Forma parte do conxunto de pretróglifos do Viveiro, que consta de cinco estacións rupestres, e está situado na vertente norte do camiño forestal que comunica a ermida de San Sebastián de Coruxo coas áreas recreativas de Oia e Saiáns.

O Viveiro III esta tamen dentro dunha propiedade delimitada por pedras, (nas fotos podes ver que esta perto da entrada da mesma). Está xusto na entrada da propiedade e o que entra pasa por riba da pedra. Recentemente fixeron unha corta de árbores, como se pode observar nas fotografias, e as maquinas pasan por riba dos gravados.

Descrición

A rocha mide 1,50 x 1,70 m e apenas sobresae do terreo. Conta cunha fendedura central ao redor da cal se dispoñen as figuras que podemos observar.

Existen unhas 15 coviñas que oscilan entre os 3 cm e os 10 cm de diámetro.

Estado de conservación

Tal como se pode observar nas imaxes, o estado de conservación é moi malo debido a varias circunstancias apreciábeis a simple vista, como son a gran cantidade de maleza que cobre a rocha e os traballos forestais que se realizan ao seu redor.

Os gravados son perceptíbeis con moita dificultade, e mesmo non se pode precisar con exactitude o número exacto de coviñas que o compoñen.

Valoración final

O propio plan xeral de ordenación urbana de Vigo recolle nun mapa a delimitación do conxunto que forman as cinco estacións rupestres denominadas “Viveiro”, así coma doutras seis rochas máis nas que se inclúen os petróglifos de Castiñeirón, Presa das Rodas, As Presas, Leixíades 1 e 2 e Lapa Furada.

Todo o conxunto formado por estas dez rochas poderías ser perfectamente tratado e preparado para a súa visita autoguiada para coñecer tanto a paraxe natural coma humana na que se inscriben estes gravados.

Coa suficiente información, medidas de precaución e coidado constante non tería que haber problemas para unha posta en valor social deste legado patrimonial.

Neste momento, os indicadores dalgúns destes petróglifos están moi illados uns dos outros, sen conexión informativa entre eles, sen percorrido estruturado, nin paneis informativos suficientes que permitan ter unha visión de conxunto en todo momento que permita os visitantes situarse contextualmente con respecto ao valor e importancia de todo este conxunto.

Máis información

Podedes acceder a unha galería de imaxes destes gravados rupestres, do álbum web de Ángel de Prado.

Navegadores GPS

Para chegar ata este petróglifo podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifo de Leixiades II (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

(Ver en Goolge Maps)

Está próximo á beira da pista que vai dende a capela de S. Sebastián en Coruxo ata o parque forestal de Saiáns.

No mapa que se acompaña máis abaixo, ampliando a foto, tedes marcado o camiño para chegar. Indo dende a capela, chegamos á altura do campo de fútbol, onde hai unha encrucillada. Tomamos o camiño da dereita e avanzamos uns 1200 m. Atopamos entón un pequeno sendeiro que baixa á nosa dereita. Seguimos por uns 200 m ata chegarmos a unha encrucillada; descendemos uns 20 m polo camiño que atopamos de fronte e seguindamente saímos do camiño á esquerda. No medio das árbores veremos un afloramento rochoso. Unha das rochas, cortada polos canteiros e que aínda conserva as marcas dos puntos de corte é a que presenta as figuras que imos describir.

Descrición

Rocha: horizontal, cortada. Dimensións: 2 x 1,70 m.

Gravados:

  • Motivo principal, no centro da rocha, composto por 4 círculos concéntricos, cun diámetro total de 41 cm, con coviña central e suco de saída que rematan unha cazoleta de 12 cm de diámetro.
  • Asociado a este motivo vai apegado un círculo de 11 cm de diámetro con coviña e suco de saída cara ao sueste.
  • Composición de 3 círculos concéntricos, o exterior incompleto, cun diámetro total de 32 cm, con coviña central e suco de saída cara ao noroeste.
  • Apegado a un dos puntos de corte da pedra hai un motivo composto por 2 círculos concéntricos incompletos, cun diámetro total de 21 cm e coviña central.
  • 30 cm ao norte desta figura hai un círculo incompleto, de 17 cm de diámetro, con coviña central.
  • Dispersas pola rocha hai varias coviñas máis.

Acompañando esta rocha hai outras dúas con outros motivos máis simples:

  • 4 m ao sueste vemos unha rocha con coviñas e un pequeno círculo con coviña central.
  • 5 m ao suroeste podemos atopar outra rocha na que hai unha figura cruciforme.

Estado de conservación

A falta de mantemento e coidados por parte da administración local, como responsábel máis directo, fan que sobre as rochas se acumule todo tipo de vexetación e liques.

Os liques e carrizos son daniños para a conservación dos sucos na rocha.

Por outra banda, a vexetación invasora chega en moitos casos a ocultar completamente os petróglifos.

Non hai indicadores nin paneis informativos de ningún tipo. Chegar ata estes petróglifos é toda unha aventura de pescuda e descuberta para quen non vaia equipado de material cartográfico ben preciso.

Valoración final

Por regra xeral, os petróglifos en Vigo non contan con accións regulares de mantemento, coidado, vixilancia e posta en valor.

Falta unha acción decidida por parte da acción conxunta das concellarías implicadas, como poden ser Cultura, Patrimonio, Medio Ambiente e Educación, para levar a cabo un proxecto integral de actuación sobre os noso gravados rupestres.

A educación nos centros de ensino a través de material didáctico apropiado, o coidado medio ambiental na contorna dos xacigos, a posta en valor e mantemento por parte de patrimonio e a proxección social que Cultura debe achegar forman un conxunto de actuacións que poidan dar posibilidades de facer chegar á cidadanía un dos principais expoñentes da arte, cultura e sociedade dos devanceiros que nos legaron estes símbolos que hoxe en día forman parte da nosa identidade.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

/a

Petróglifo da Chan de Arriba (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Fotografías: Angel de Prado.

Localización

Está situado no lugar de Fragoselo, na parroquia de Coruxo. (Ver en Google Maps).

A chegada a este lugar non é doada por non estar preto dunha pista principal de comunicación. Imprimide a imaxe detallada ou descargade a posición GPS da súa localización.

Descrición

Trátase dunha rocha na que aparece unha figura oval formada por máis de 70 coviñas que non sobrepasan os 3 cm de tamaño cada unha delas. Ten un diámetro maior de 2,45 m e un diámetro menor de 1,80 m.

Estado de conservación

Consérvase en bo estado e cun letreiro localizador de madeira, preto da súa localización.

Valoración final

É unha representación rara en canto á disposición das coviñas formando un óvalo. Non aparece asociada a outros gravados (só hai dúas cazoletas illadas ao seu redor). Está próxima a outra estación de petróglifos que en cambio está profusamente decorada, a Chan Grande, pertencente xa a Oia, a uns 200 m cara ao oeste.

Máis información

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifo do Viveiro 1 (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está situado no lugar de Fragoselo, na parroquia de Coruxo (Ver en Google Maps). Podemos velo sobre unha elevación rochosa cunha lixeira inclinación cara ao norte, no bordo dunha vertente cara ao regato. A rocha ten 2,30 x 1,40 m.

Descrición

Atopamos seis pías das denominadas muíños naviculares. Destaca a profundidade dalgúns deles, que mesmo chegan aos 10 cm. Nos extremos de cada pía hai cadanseu rebaixe oval, habitual neste tipo de petróglifos.

Atópanse distribuídos en dous eixos con forma semicircular. A distribución é de tres naviculares en disposición paralela na banda oriental, dous naviculares paralelos na outra banda do semicirco, en orientación occidental, e un último navicular desprazado dos demais cara ao sur.

Neste último navicular poden observarse uns sucos conectados co rebaixe central e cun dos pequenos rebaixes do extremo.

Este tipo de disposición en paralelo tamén se pode ver noutro conxunto de petróglifos naviculares existente en Coruxo, o chamado petróglifo dos Pintos, na parroquia de Oia.

Nunha rocha adxacente obsérvanse dúas coviñas.

Estado de conservación

Hai unha clara agresión por exceso de eucaliptos ao redor des rocha, con todas as consecuencias que trae consigo. O illamento das pedras permite a non agresión humana tan frecuente noutros lugares; pero non existe ningún tipo de posta en valor cultural deste xacemento do Bronce galaico. A conservación e preservación durante milleiros de anos deste tipo de gravados, que conseguiron safarse ademais da esquilma dos pedreiros, é unha prioridade nuns momentos en que se pasou da explotación intensiva de canteiras á explotación intensiva dos recursos forestais, todo sempre en detrimento e desaparición deste legado patrimonial do que aínda non fomos quen de descifrar o seu significado.

Valoración final

A escaseza destes conxuntos naviculares, dos que apenas temos representacións no concello (cfr. Petróglifo dos Pintos, en Oia), fai que sexa necesaria unha posta en valor e en relación destes agrupamentos, así como unha adecuada difusión das posíbeis significacións ás que poden estar asociados.

Máis información:

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Angel de Prado, Petroglifos do Maúxo.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifo Os Pintos (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está na parroquia de Oia, no lugar da Ermida, á beira da avenida Ricardo Mella. Mentres que outros petróglifos son difíciles de atopar nas zonas interiores do concello, este é moi fácil, xa que se encontra mesmo á beira da estrada. Cantas veces teremos pasado polo seu carón nos nosos desprazamentos entre Vigo e Nigrán!

(Ver en Google Maps)

Descrición

Trátase dunha laxe de 8m x 3m. Nela podemos observar catro rebaixes naviculares. Teñen forma rectangular, con rebaixe central que lles dá o nome de “naviculares”. A ambos os lados da sección lonxitudinal de cada un dos catro rectángulos hai outros dous pequenos rebaixes, excepto nun deles. Este trazo é común á maioría destes petróglifos naviculares existentes en Galicia.

Chama a atención esta agrupación, todos en paralelo, que seguramente puido ter algún tipo de significado para os seus creadores. Este tipo de disposición en paralelo tamén se pode ver noutro conxunto de petróglifos naviculares existente en Coruxo, o chamado petróglifo do Viveiro I.

Estes rebaixes, segundo as fontes, poderían ter sido empregados como muíños. Pero que tipo de muíños? De uso doméstico ou ritual? O máis certo é que descoñecemos case todo do comportamento antropolóxico destes devanceiros nosos que gravaron na pedra a súa escritura simbólica –no mesmo momento en que os exipcios tamén escribían os seus xeróglifos-, unha escritura que aínda non fomos capaces de traducir ou interpretar con certeza.

Estado de conservación

Este petróglifo sobrevive como pode nunha pequena elevación rodeada de dúas estradas, varias vivendas, un cerrado de bloques, eucaliptos ao seu carón, nunha pedra xa partida por canteiros e as obras da estrada. Quen sabe o que terá desaparecido ao seu arredor!

Aparece catalogado, e supoñemos que protexido, nunha ficha do novo Plan Xeral de Vigo.

Non ten sinalización nin información de ningún tipo. Sacada a devandita catalogación, está no máis completo dos abandonos. Nalgúns casos isto pode actuar como elemento conservador (sobre todo cando se trata de lugares pouco accesíbeis), mais neste caso máis ben pode ser á inversa, xa que a presión agresiva que ten ao seu arredor pode facelo desaparecer en calquera momento; por iso fai especialmente falla unha posta en valor deste petróglifo, con indicadores, paneis explicativos, debuxos, fotos, etc.

Máis información:

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifo Presa das Rodas (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está situado en Fragoselo, a 300 metros da capela de San Sebastián, pola pista que vai ao campo de fútbol. Á beira da pista hai un cartel indicador de madeira. A partir de media tarde, as árbores dificultan coa súa sombra a apreciación das representacións gravadas. Están nun afloramento rochoso inclinado cara ao nacente, cunha elevación de apenas 30 cm.

(Ver en Google Maps)

Descrición

A rocha mide 8m x 7m e presenta combinacións de círculos, coviñas e sucos en tres seccións diferentes:

Na zona norte da rocha (á nosa dereita de fronte a ela) hai unha serie de círculos (simples, dous círculos concéntricos, círculos incompletos) unidos entre si por sucos orientados en distintas direccións. Completando os espazos entre estas figuras hai numerosas coviñas agrupadas entre si.

Zona central: hai tres cazoletas dispersas aliñadas entre elas. Sobre as dúas da esquerda hai catro círculos concéntricos con suco de saída. No extremo do suco hai un círculo simple máis pequeno con coviña central.

Zona sur: no extremo da rocha hai tres cazoletas xuntas.

Estado de conservación

Ao estar ben indicado, e ao lado da pista, faise susceptíbel de maiores agresións por parte das persoas que se acheguen a el sen coñecementos do que non se debe facer ante un gravado rupestre.

É urxente que se dispoña unha boa información á súa beira (paneis, fotografías, debuxos esquemáticos) que eviten que a xente sinta a necesidade de rascar con obxectos que os deterioren irremediabelmente. Xa existen exemplos desta boa información, como se fixo nos petróglifos do Carballoso, nesta mesma ruta de Coruxo.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifos da Chan Grande (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está no lugar chamado Tomada do Maúxo Pequeno, no Fragoselo, xa na parroquia de Oia. Chégase a ela por camiños forestais, ben dende a ermida de San Sebastián de Coruxo, ou ben dende a estrada de Camposancos, subindo polo Camiño de Esteriz. (Ver en Google Maps)

Descrición

A roca mide 4,00m x 3,70m. Presenta diversos motivos:

Círculos: son os motivos máis abundantes: destacan tres figuras con círculos concéntricos de 3, 4 e 5 aneis con coviña central. A de cinco círculos concéntricos, a máis grande das tres, mide 58 cm de diámetro. Repartidas por toda a pedra hai moitas máis figuras circulares pequenas de 1 ou 2 aneis, en moitos casos con coviña central. En total poden percibirse máis de vinte combinacións circulares.

Sucos: asociados aos círculos hai unha serie de sucos, case sempre coa mesma orientación lineal NO-SL. Teñen nalgúns casos un dos seus extremos no centro dalgunhas figuras circulares concéntricas –motivo bastante común nos gravados galaicos. Tamén se pode apreciar a fasquía serpentiforme dalgúns destes sucos, co seu discorrer perfectamente paralelo e ondulante.

Coviñas: hai numerosas coviñas esparexidas por toda a pedra. Algunhas delas forman parte da zona central dos círculos, e as demais están repartidas por todo o resto da roca.

Observacións

As figuras circulares principais están no centro da pedra, e ao seu arredor distribúense as figuras circulares máis pequenas, ocupando case todo o resto do espazo menos a zona por onde discorren os sucos máis destacados e longos.

Máis información

Galería de imaxes.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifos do Carballoso V. Monte Pequeno (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Ángel de Prado

Localización

Este conxunto de gravados están situados no Monte Pequeno. O acceso é moi difícil xa que non hai puntos de referencia concretos que nos permitan orientarnos. Encóntrase a uns 200 metros ao noroeste do Carballoso IV, baixando polo mesmo camiño ata chegar preto das primeiras casas.

Forma parte do conxunto de cinco estacións de gravados rupestres denominados petróglifos do Carballoso.

Descrición

Un conxunto moi interesante, aínda que bastante estragado, situado sobre unha rocha fraccionada en tres partes, de 2,5 x 3,5 metros.

En cada unha das tres partes existen gravados de diferentes motivos.

Zona 1: combinación de 4 círculos concéntricos incompletos, con coviña central e suco de saída. A fractura da pedra interrompe a continuidade dos sucos circulares. Asociados ao círculo exterior hai un conxunto de cinco coviñas encerradas por sucos. A 50 cm desta figura podemos ver unha pequena cazoleta.

Zona 2: interesante conxunto de catro naviculares asociados a sucos e numerosas coviñas e cazoletas.

Naviculares: os catro manteñen a típica forma de rebaixe central con cadanseu rebaixe menor nos extremos. O conxunto presenta unha lixeira orientación radial. Chama a atención que nos dous centrais haxa dúas coviñas e unha gran cazoleta superpostas no seu interior. Isto pódenos facer pensar na contemporaneidade destes dous tipos de gravados.

Ao redor das formas naviculares podemos observar numerosas coviñas -unhas dispersas, outras agrupadas- e diversos sucos, algúns deles arrodeando unha agrupación de coviñas –no lateral dun dos naviculares-.

Zona 3: trala segunda fractura da rocha atopamos esta terceira zona na que, con dificultade, se poden chegar a apreciar algúns sucos e varias coviñas, algunhas delas agrupadas nun conxunto. Tamén se pode ver unha pequena cazoleta con círculo concéntrico ao seu redor asociado a outros pequenos sucos circulares.

Estado de conservación

Hai varios aspectos que saltan á vista dunha primeira consideración: o acusado desgaste que presentan os gravados, as fracturas da rocha, o lique que medra sobre os gravados, a maleza tan próxima á rocha, as árbores que medran sen control ao seu redor…

Calquera lume que haxa neste espazo afectaría considerabelmente o pouco que queda dos gravados máis superficiais, especialmente dos circulares.

Valoración final

Cando se aplicará un proxecto integral de limpeza preventiva destas rochas? É necesario liberar un espazo cun perímetro de protección que impida o crecemento de árbores e maleza que poidan afectar tanto pola acción das raíces, coma pola proliferación dos liques, a maleza que os oculta de calquera agresión por accións forestais, e, principalmente, a acción do perigosísimo lume.

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifos do Carballoso IV (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está situado no lugar de Esteriz-Estomada, no Maúxo, moi preto da área recreativa de Oia e forma parte do conxunto de cinco estacións rupestres que levan o nome de “O Carballoso”, que se estende ao longo da parte baixa do camiño forestal que une a ermida de San Sebastián de Coruxo co parque forestal de Oia, na parte máis próxima a este último.

O acceso é bastante difícil, entre abundante vexetación de monte e sen ningún tipo de sinalización, a partir dun camiño paralelo á pista forestal.

Descrición

Está formado por un importante conxunto de rochas, con dous bloques principais paralelos, que podemos dividir en tres sectores.

Sector 1): a rocha máis grande, cunha superficie de 2,30 m x 3,00 m. Esta rocha presenta na zona central superior unha gran pía ao redor da que se atopan outras pías menores e os diferentes tipos de gravados:

Tres xadrezados, asociados a sucos e numerosa coviñas ao seu arredor. Sobre a pía principal hai un grupo de coviñas que resalta no conxunto formando por dúas fileiras paralelas que se estenden ata un dos xadrezados. O segundo dos xadrezados está situado ao carón tamén desta gran pía, asociado a diversas coviñas ao seu redor, e o terceiro dos xadrezados atopámolo na parte baixa da rocha, asociada a coviñas e outros sucos pouco definidos.

Ao pé desta gran rocha, fechándoa polo norte, hai outra de menor tamaño, cunha prominencia duns 50 cm de altura, de forma cónica, con gravados ao seu arredor. Presenta sucos con posíbeis formas zoomorfas asociados a coviñas ao redor da rocha.

Sector 2): unha rocha paralela á anterior, de 4 m de longo e aproximadamente un metro de largura. Presenta, como motivos máis salientábeis, dous xadrezados. Un destes xadrezados está continuado por dúas formas circulares con suco central. Ao longo desta rocha tamén podemos apreciar varios riscos e coviñas na súa lonxitude.

Sector 3): a uns 15 m do anterior conxunto, sobre unha rocha plana a rentes do chan podemos ver un conxunto formado por catro gravados naviculares. Só dous deles presentan un apreciábel rebaixe, mentres que os outros son pouco perceptíbeis xa. Nalgúns aínda se poden distinguir os dous rebaixes secundarios que leva cada navicular en ámbolos extremos. Como curiosidade, chama a atención que os dous naviculares centrais estean lixeiramente superpostos, ou que o central máis grande presente un suco de saída cara á suave pendente da rocha.

Estado de conservación

Como sucede na maioría dos casos, o estado de conservación é o propio dos gravados rupestres á intemperie, acosados por plantacións intensivas –neste caso eucaliptos-, cos conseguintes traballos forestais, e os lumes que ao longo dos anos deterioran a superficie das rochas.

Faise necesaria unha intervención dende a administración que faga unha posta en valor da importancia deste xacigo en particular, coas medidas necesarias que se acorden coa comunidade de montes correspondente para que non sufra ningunha agresión debido a traballos forestais e incendios.

Por outra parte, os cinco xadrezados están cada vez máis deteriorados e con maiores dificultades para a súa apreciación. Cómpre neste caso unha intervención de protección especial para este conxunto de xadrezados que os preserve de ser pisados, rascados con obxectos, e evite que o lume de incendios poida chegar a atacalos.

Valoración final

Todo este conxunto destaca por dous factores principais: é a maior concentración de xadrezados que temos nos gravados rupestres do concello de Vigo, con cinco representacións no mesmo lugar. Por outra parte é importante a asociación ao conxunto de catro gravados naviculares que atopamos na súa contorna.

O peor é a non existencia de indicación de ningún tipo para chegar a este lugar. Soamente as persoas que o coñezan previamente ou agora grazas á localización GPS poden ter acceso á este fermoso conxunto de gravados.

Esta pista forestal que une a ermida de San Sebastián cos parques forestais de Oia e Saiáns está inzada de estacións rupestres, da cales apenas unha pequena parte está sinalizada, correspondente á zona de Coruxo. Os arredores da área recreativa forestal de Oia, onde se atopa o conxunto de gravados do Carballoso, non conta con ningún tipo de indicadores na actualidade.

A falta de luz de contraste, debido á basta presenza de eucaliptos sobre estas rochas, impide apreciar con claridade durante o día estes gravados que, paulatinamente van desaparecendo pola erosión, a acción humana e dos lumes.

Soamente o contraste luminoso de luz artificial nocturna permite neste momento unha mellor observación. Esta é unha experiencia que se podería promover en determinados momentos do ano e que xa se está levando a cabo noutros lugares por outros colectivos, como fai o Instituto de Estudos Miñoranos, con visitas guiadas nocturnas a lugares rupestres.

Nas fotos da galería que ofrecemos pode constatarse esta diferenza de observación entre a luz natural diúrna e a luz artificial nocturna.

Navegadores GPS

Para chegardes ata estes gravados, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifo do Carballoso III

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Na dorsal descendente baixo o camiño, sobre unha rocha horizontal de 2,5 x 1,7 metros. Non é de doada localización, mais está entre as rochas que conforman Carballoso II e Carballoso IV, moi preto do parque forestal de Oia.

Descrición

Esta rocha plana presenta un pequeno conxunto de figuras de enigmática interpretación.

Son catro os elementos principais que podemos observar:

Un figura ovoide reticulada no seu interior.

Unha cazoleta asociada á liña ovoide da que parte un suco cunha certa traza serpentiforme.

A ambos os lados da figura ovoide hai cadanseus sucos de trazado serpentiforme.

Estado de conservación

Os gravados son cada vez máis difíciles de observar e precisar. O desgaste da pedra é moi considerábel.

O principal coidado que hai que ter aquí é o traballo forestal que se desenvolva ao seu redor.

Valoración final

Cómpre pór en marcha canto antes un plan de conservación e posta en valor destes gravados que están desaparecendo a unha velocidade alarmante.

O desgaste natural da rocha, acelerado pola chuvia ácida por un lado e a actividade forestal por outro, fan no seu conxunto que estes gravados teñan os anos, ou meses, contados.

Compre tomar exemplo doutros lugares de Europa (Valcamonica en Italia, ou Alta en Noruega, etc.) que se preocuparon por estes temas e lograron poñer freo a esta degradación patrimonial.

Neste sentido é loábel o esforzo do Instituto de Estudos Miñoranos tentando facer unha gran aposta respectuosa e non daniña para dar a coñecer os gravados rupestres do Alto dos Lameiros en Bahiña, Baiona.

Lamentabelmente, atopámonos cunha administración que en nada parece ter cambiado, aínda con gobernaren agora forzas políticas diferentes.

Os gravados rupestres continúan, en liñas xerais, igual ca sempre, cunha Lei de Patrimonio que, tamén en liñas xerais, nin fai nin deixa facer, e ten as persoas profesionais e especialistas da arqueoloxía amordazadas e coas mans atadas ante calquera tipo de iniciativa.

A nivel local, a nosa administración podía facer moito polos numerosos gravados existentes no concello de Vigo. Hai lugares de sobra onde intervir, mesmo algún conxunto de petróglifos, coma os de Pedra da Laxe en Sárdoma, en terreos municipais; mais o tempo pasa, os principais partidos políticos existentes na cidade xa pasaron todos tamén polo goberno municipal, e todo continúa igual.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifos do Carballoso II (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Non é doado dar con este conxunto de gravados rupestres. Están preto da pista forestal que comunica Coruxo, dende a ermida de San Sebastián, con Oia, a 2,3 km da ermida. Hai que abandonar a pista e dirixirse monte a través na busca destes afloramentos rochosos. Nas inmediacións encóntranse tamén os petróglifos do Carballoso III, IV e V.

Descrición

Hai varias rochas con distintos tipos de gravados. Comezaremos a describilas de oeste a leste.

  • Rocha de 1m x 0,8m: vemos unha figura cuadrangular de 3×5 cuadrículas. Ao seu lado hai unha figura circular incompleta.
  • Rocha de 3,40m x 2,50m. De norte a sur vemos:
  • Unha figura oval incompleta, dividida en tres zonas interiores por senllos sucos. En cada unha destas zonas hai varias coviñas.
  • Asociadas a este figura oval hai dúas cazoletas.
  • Tres figuras formadas por sucos, con formas cuadrangulares incompletas.
  • Ao lado destas figuras vemos unha cazoleta duns 10 cm de diámetro.
  • A continuación atopamos dúas figuras circulares incompletas apegadas, con coviñas no seu interior asociadas a pequenos sucos.
  • A última figura é un pequeno círculo con coviña central e suco de saída.
  • Rematamos a observación da rocha con varias coviñas e sucos imprecisos.

Seguidamente atopamos cinco pequenas rochas, de menos dun metro, nas que hai coviñas e cazoletas. Na rocha central hai unha gran cazoleta duns 25 cm de diámetro asociada a outras dúas de menor tamaño.

A rocha situada no extremo leste presenta dous gravados.

  • Figura oval dividida por un suco central con numerosas coviñas en ambas as seccións.
  • Apegada a esta hai unha figura formada por tres círculos concéntricos, con coviñas centrais.

Estado de conservación

A propia ficha do catálogo do PXOM declara que unha “gran cantidade de maleza, musgos e líquenes ocultan por completo as rochas” (sic). Deste xeito conclúe que o seu estado de conservación é “malo”.

Na fotos pode observarse como as rochas están sen ningún tipo de protección nin coidado. Non se aprecia ningún tipo de labores de conservación e preservación.

O abandono deste conxunto rupestre é total, o que nos leva a preguntarnos se o departamento de patrimonio tanto local como provincial teñen constancia do lamentábel estado da situación que sofren estes gravados.

Valoración final

Cando nos achegamos a nun lugar así, no que observamos e nos abraiamos do estado de conservación do noso patrimonio, decatámonos da paulatina degradación á que se ven sometidos estes petróglifos pola desatención de todas as persoas e entidades implicadas: dende as comunidades de montes ata as diferentes administracións.

As comunidades de montes deben tomar conciencia de que non só teñen árbores nos montes, de que hai unha riqueza tamén nos seus territorios que non se cuantifica en euros, senón nun valor patrimonial que mestura arte, historia e antropoloxía.

Non só as árbores teñen raíces; tamén nós, como pobo, temos raíces. E esas raíces están moi á vista en cada un dos gravados das nosas rochas. Forman parte da nosa identidade e da imaxe que temos de nós mesmos e que transmitimos ao mundo.

Os labores forestais realizados sen as debidas precaucións causan danos irreparábeis nas rochas e nos seus gravados.

As administracións teñen o deber de informar e implicar as comunidades de montes na conservación de todo este legado histórico, xa que o labor forestal cada vez máis intensivo que se realizan nos montes aceleran as posibilidades de desaparición do noso patrimonio arqueolóxico.

E mentres isto sucede, onde están e para onde miran as nosas administracións?

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifo do Outeiro do Castro (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Están situados no lugar chamado Outeiro do Castro, preto da estrada do Fragoselo. Están formados por dous conxuntos de gravados: un deles situado no cumio do outeiro, repartido en pedras fracturadas; o outro, que aquí mostramos, está un pouco máis abaixo, a uns dez metros de distancia, ao pé da verea, sobre unha laxe de 2m x 3m.

Descrición

Laxe sur

A laxe está fracturada en tres partes, e en cada unha delas hai figuras representadas.

Na parte esquerda hai tres gravados de círculos concéntricos: un incompleto no bordo da pedra; ao seu carón, outro con coviña central e dous círculos; máis á dereita un terceiro gravado con coviña central e tres círculos concéntricos.

Na parte central poden verse tres gravados circulares: o máis próximo a nós, de difícil apreciación, ten coviña central, un primeiro círculo completo e un segundo círculo incompleto; a seguir outro gravado de tres circos concéntricos con coviña central; finalmente, outro gravado de tres circos concéntricos con coviña central tamén.

Na parte dereita distínguense dous gravados circulares con tres circos concéntricos e coviña central.

Laxe do outeiro

Na zona superior do outeiro, as laxes teñen diferentes gravados bastante interesantes tamén.

Muíños naviculares: no bordo da zona sur da laxe superior, atopamos dous muíños naviculares cos seus correspondentes rebaixes dos extremos.

Reticulares: a continuación dos muíños, podemos observar varios gravados con motivos reticulares.

1º Reticulado: cando menos pódense observar dez fileiras de cuadrículas nunha das orientacións do taboleiro.

2º Reticulado: é de tamaño inferior e apenas se poden apreciar o número posíbel de cuadrículas.

Coviñas: finalmente, a uns cinco metros ao leste dos anteriores gravados, observaremos sen problema dúas coviñas dun tamaño medio.

Estado de conservación

Como podemos ver nas fotos, non hai coidado das pedras, xa que o lique e o carrizo invaden os gravados pouco a pouco.

Tampouco hai panel informativo con fotos ou debuxos dos gravados que permitan unha clara observación sen necesidade de ocasionar ningunha agresión indesexesábel.

Falta tamén, coma en case todos, unha información sobre como debemos “portarnos” ante un gravado rupestre, que precaucións debemos gardar, etc.

Outra información

Podedes acceder a unha galería de imaxes destes petróglifos.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifo das Millaradas 1 (Matamá)

Arquivado en: Matamá,Petróglifos — Xosé Couñago


Localización

No barrio da Moo, parroquia de Matamá, está situado este petróglifo vigués, un dos máis emblemáticos e representativos do noso repertorio rupestre por ser a única representación dun cervo existente no noso concello.

Hai que dirixirse á estrada Baixada da Moo, a carón do segundo cinto de circunvalación de Vigo, no monte que hai detrás da única casa que se atopa ao lado da ponte que atravesa a autovía, atoparedes un interesante conxunto de varias rochas ricamente gravadas con diversos motivos rupestres.

O motivo deste artigo é a rocha que contén o denominado “cervo das Millaradas”. De entrada non é doado dar con esta figura, xa que hai moita maleza e dependendo de como medre, pode resultar complicado dar con ela, a pesar de que o mato onde se atopa está delimitado.

Descrición

A rocha na que está gravado mide 5 m x 2,2 m. Ten unha lixeira inclinación que a fai oscilar entre os 20 cm e os 40 cm de altura.

A figura do cervo mide 42 cm de longo e 38 cm de altura.

O corpo representa unha fermosa silueta estilizada de cérvido, con liñas que acentúan a actitude de movemento do animal. Apréciase que non é unha figura estática: o arqueamento das patas, xunto coa inclinación que presentan con respecto ao corpo expresan esa actitude de mobilidade.

A silueta está interrompida nas patas traseiras, xa que non teñen punto de unión baixo o corpo do cervo. Isto permítenos supoñer que o silueteado comeza e remata en cada unha destas patas.

A cabeza contén un trazo interior, tamén arqueado, co que buscaron representar a boca do animal. Sobre a cabeza destaca unha espléndida cornamenta, tamén mantendo a liña arqueada dos outros trazos do seu corpo, matizando dúas puntas interiores en cada corno. O debuxo redondo do arqueado enfrontado de ambos os cornos fai semellar un círculo concéntrico aberto pola parte superior.

Na parte traseira do animal, o lugar do rabo aparece representado cun círculo pechado apegado á traseira do animal..

Ao redor da figura podemos ver dúas coviñas: unha entre a cornamenta e o lombo; outra baixo as patas dianteiras.

Diante do gravado do cervo temos dous círculos concéntricos con coviña central: o exterior mide 22 cm de diámetro e o interior mide 12 cm.

Estado de conservación

En repetidas ocasión que visitamos este gravado, aparece ás veces sobre trazado con pedras ou outros elementos. Este tipo de agresión sabemos que levará en pouco tempo á súa alteración e posterior desaparición.

Non hai ningún tipo de información sobre o coidado especial que hai que ter durante a visita destas figuras. É necesario insistir no perigoso que resulta para os gravados que se sobretracen con calquera material.

O perigo de incendio de toda a maleza que arrodea a figura é outro dos perigos que o acosan, mais ao mesmo tempo tamén o ocultan de visitas pouco respectuosas.

Valoración final

Canto máis oculto está un gravado rupestre, menos perigo de agresións humanas vai ter (sacado que se trate dun lugar no que se desenvolvan traballos agrícolas ou forestais).

Se os expoñemos á vista e visita da xente, o perigo que corren é enorme cando se deixan á intemperie e libre albedrío das persoas que se achegan. Se se opta pola súa exposición, e imprescindíbel que se dispoña a máxima información posíbel para evitar calquera agresión. Canta máis información, mellor: debuxos e fotografías dos gravados, para que non teñan que sobretrazalos; información contextual da datación e figuración representada; delimitación ben patente do lugar e da rocha; información exhaustiva de como comportarse ante un gravado e as precaucións e prohibicións máis importantes; concienciación da necesidade de contribuír á súa preservación non pisando, nin sobredebuxando, nin tocando os gravados, etc.

Apenas se poden contar cos dedos dunha man os gravados rupestres en Vigo que neste momento teña in situ este tipo de información.

Non houbo ata agora unha administración municipal que acometese este labor tan necesario e importante. Un patrimonio tan milenario e misterioso nos seus significados para nós estamos deixando que se degrade a unha velocidade como nunca antes existira, tendo máis protección “administrativa” ca nunca, pero cunha atención moi insuficiente con respecto ao interese cada vez maior que espertan na sociedade.

Máis información

Galería de imaxes

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Vídeo do Cervo da Millaradas

Petroglifo da Lapa Furada / O Cortiño / As Laxiadas (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Este conxunto de petróglifos forma parte dun grupo de once estacións de gravados que hai nesta contorna e está situado próximo ao camiño da Subida a San Sebastián, cara a Oia, pasando os petróglifos, tamén próximos a este camiño, de Castiñeirón, Presa das Rodas e As Presas e O Pontón.

Conforme collemos a desviación por esta pista para Oia, a cincocentos cincuenta metros atopamos unha desviación á nosa dereita. Outros cen metro por este novo camiño e atoparemos a indicación do petróglifo nun cartel de madeira.

O primeiro que atopamos a carón deste indicador é unha gran rocha oca pola parte inferior, a Lapa Furada. Aos pés dela xa podemos observar varias cazoletas.

O petróglifo que nos interesa está situado uns corenta metros ao nordeste, nun conxunto de rochas prominente sobre a pequena pendente que o arrodea. Concretamente podemos atopalo na parte lateral inferior desta prominencia.

Descrición

Atopamos dúas pequenas laxes con cadanseu muíño navicular como elemento máis salientable a simple vista, cunha separación de apenas dous metros e a diferente altura entre si.

Rocha superior: presenta un muíño navicular con cadanseu rebaixe nos extremos. Nun deles observamos un semicírculo atravesa diametralmente por un suco. Na parte lateral do muíño aparecen unhas curiosas liñas sinuosas, como serpentiformes, pero de dificultosa apreciación polo acusado desgaste da superficie.

Rocha inferior: presenta un muíño navicular con cadanseu rebaixe nos extremos. Nun dos extremos hai un círculo incompleto con coviña central, asociado a outras cinco coviñas. No outro extremo podemos contar ata quince coviñas máis.

Estado de conservación

Non dispoñen de protección, mais a dificultade inicial para atopalos serve de primeira defensa contra as agresións habituais nestes gravados. A conservación dos muíños naviculares é boa; non así os gravados asociados, que apenas son xa perceptíbeis. Neste caso, os dedos serán a nosa mellor guía para apreciar os distintos sucos presentes nas laxes.

Valoración final

A indicación do cartel de madeira non fai referencia á localización exacta deste conxunto. Calquera persoa pode pensar nas coviñas que hai xusto ao pé da Lapa Furada como os petróglifos de referencia sinalados.

Só as persoas que dispoñan de catálogos de gravados rupestres poderán facer unha pescuda pola contorna tentando localizalos ata dar con eles a uns corenta metros de distancia da indicación.

É unha mágoa que ao lado do letreiro non haxa un debuxo esquemático ou fotografía dos gravados, cunha descrición apropiada.

Máis información

Galería de imaxes

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifo das Leixiades 1 / O Pontón (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Este conxunto de petróglifos está situado próximo ao camiño da Subida a San Sebastián, cara a Oia, pasando os petróglifos, tamén próximos a este camiño, de Castiñeirón, Presa das Rodas e As Presas.

Conforme collemos a desviación por esta pista para Oia, aos poucos metros podemos ver o conxunto de rochas que afloran sobre o cavorco que forma o regato.

Forma parte dun grupo de once estacións de gravados que hai nesta contorna.

Descrición

O conxunto está formado por 6 rochas gravadas con distintos motivos.

A) unha rocha cun gravado navicular con cadanseu rebaixe nos extremos.

B) Dous metros ao sur desta hai unha rocha con dous gravados naviculares, con cadanseu rebaixe nos extremos, máis dúas coviñas a carón dun dos naviculares.

C) O máis interesante é a figura serpentiforme –que aparece nalgún outro petróglifo de Vigo, p.e., A Chan Grande en Oia-, cuns 80 cm de lonxitude e ondulante de norte a sur. No resto da rocha podemos apreciar sucos indeterminados unindo cazoleta de distintos diámetros, entre 4 cm e 9 cm. Tamén chegamos a ver un círculo case completo, duns 40 cm de diámetro, con diversos sucos dentro e fóra del.

D) Nesta rocha temos a representación máis destacábel do conxunto. Trátase de 3 circos concéntricos, de 34 cm de diámetro, con suco de entrada-saída (nordés-suroeste) e cazoletiña central. No extremo deste suco apreciamos dous circos concéntricos incompletos con coviñas entre os seus sucos. Na zona oeste desta rocha hai unha figura circular con coviñas ao seu redor e algún suco indeterminado.

E) Nesta rocha hai un gravado formado por 2 circos concéntricos con coviña central.

F) Uns 6 m cara ao leste hai outra rocha que presenta un gravado formado por 4 circos concéntricos con coviña central e un pequeno suco. Ao seu lado hai varios sucos curvilíneos en disposición paralela.

Estado de conservación

O exceso de árbores invasoras que hai ao seu arredor, tan prexudiciais tamén para o resto da vexetación, impide que entre a luz tan necesaria para a perfecta visión destes gravados. Por outra parte, o crecemento destas árbores entre as propias rochas provoca unha agresión directa sobre a súa conservación.

Tampouco existe ningún tipo de paneis e indicadores, con información precisa e específica sobre eles que permita a súa visión e comprensión sen necesidade de repasalos con obxectos que poidan causar danos irreparábeis nos sucos, xa de seu bastante desgastados.

Valoración final

Visitar os nosos petróglifos é unha odisea en moitos casos debido á dificultade de localización.

Un patrimonio tan fermoso, tan milenario, tan enigmático no seu significado, tan admirábel pola beleza da súa realización; un patrimonio que tanto significou para os nosos antepasados e que agora esmoreza baixo a maleza, ou desapareza baixo as desconsideradas gadoupas da presión urbanística e o progreso.

Merecemos que nos abran os lugares de lecer das nosas zonas forestais para o paseo natural e tamén cultural. Queremos descontaminarnos da cidade nos aínda grandes bosques periurbanos que temos pateando entre unha cultura milenaria que entre todos podemos contribuír a conservar e divulgar.

Nada se perde nin se deteriora se poñemos o empeño en que non suceda.

Mais para iso cómpren unhas administracións –principiando pola municipal- que saiban implicar a todos os sectores da sociedade interesados en que a nosa cultura máis antiga exista e deixe de ser ocultada e permanecer agochada da vista da xente. Así non a conservamos mellor; así só a tapamos con terra ou maleza para que ninguén se achegue a ela.

Nós sentímonos responsábeis de cada pedra gravada hai miles de anos polas mans que hoxe levamos nos nosos xenes. Queremos contribuír a facer o posíbel para que este patrimonio sexa de todos, estea mellor conservado e se promova unha responsabilidade pola súa conservación e transmisión entre toda a cidadanía.

Os representantes que eliximos ano tras ano, cada lexislatura dun partido diferente, non o están facendo, e nós, mentres, lamentando ver todo este irrepetíbel patrimonio á deriva.

Máis información

Galería de imaxes

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Vídeo dos petróglifos do Pontón

Petróglifo As Presas (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este castro está situado no conxunto de gravados do monte de Fragoselo, onde están situados outros petróglifos importantes coma Castiñeirón, Presa das Rodas, O Pontón, Leixiades, Lapa Furada ou o grupo de Viveiro. Este en particular está moi próximo a Presa das Rodas, introducíndose por un camiño que hai a continuación destes gravados, atoparemos a laxe cun indicador..

Descrición

Trátase dunha rocha de 2,80 x 0,70 m. Sobre ela podemos distinguir numerosas coviñas. Unha desta coviñas situada no centro da laxe está conectada cun suco que percorre a pedra nunha lonxitude de 1,20 m, describindo unha lixeira curva.

As coviñas son de diferentes tamaños, chegando algunha delas aos 10 cm de diámetro. Non teñen unha organización precisa, aínda que se observa unha distribución en canto á concentración de coviñas máis anchas (no centro da rocha) e outras máis pequenas (do centro cara a un extremo).

Estado de conservación

Tal como pode observarse nas fotos, o lugar está bastante descoidado e falto de limpeza. Claro que deixar esta rocha ao descuberto sen máis, tamén sería dunha grande irresponsabilidade polo perigo de inmediata agresión que sufriría.

Valoración final

Como resultado da concentración de once rochas con gravados que hai próximas entre si neste monte en concreto, poderíase crear facilmente un pequeno itinerario por este lugar coas oportunas indicacións tanto para a súa posta en valor como para a súa conservación. É necesario un continuo labor didáctico in situ que ensine aos visitantes o comportamento adecuado ante este patrimonio milenario que reside entre o patrimonio natural dos nosos montes, ao tempo que se pode ensinar a forma de vida e referencias culturais dos habitantes da idade do bronce no noso territorio.

Máis información

Podedes acceder a unha galería de imaxes máis completa destes gravados.

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Vídeo do petróglifo As Presas

Petróglifo da Pedra Moura (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

O petróglifo de Fragoselo tamén chamado “Pedra Moura” está situado nos montes de Coruxo, nun lugar que forma parte da maior concentración de gravados rupestres do concello de Vigo.

Chégase a esta laxe doadamente dende a ermida de San Sebastián. Hai dous paneis indicadores á entrada do camiño que nos conduce ata a “Pedra Moura”. Alí atoparemos un cerrado que, na súa parte superior, vese claramente que está construído sobre a rocha dos gravados.

Descrición

Esta rocha mide 10,5m x 4,5m, e presenta unha lixeira caída cara ao sur. Trátase do maior conxunto de gravados rupestres sobre unha rocha que hai en todo Vigo, e fai dela, ao mesmo tempo, o máis importante dos testemuños do bronce que chagou ata nós no noso concello.

Figuras: toda a rocha está ateigada de gravados nos que se aprecian unha gran cantidade de combinacións circulares, cazoletas, coviñas e mesmo o que se interpreta como oito pares de pegadas de zoomorfo. É importante ir a unha hora do día -mediodía- en que o sol permita ver sensibelmente ben as figuras, xa que as árbores axiña proxectan a súa sombra, impedindo a adecuada observación.

A figura que máis destacada e que mellor se observa nesta estación de arte rupestre é a gran representación de círculos concéntricos que mide 124 cm. de diámetro, con seis círcos concéntricos e unha gran cruz inscrita no centro.

Tamén é de salientar o suco que percorre a rocha polo centro en sentido lonxitudinal, que actúa como canle distribuidora das figuras a ambos os lados.

Lendas

Outro aspecto importante deste lugar arqueolóxico é a existencia de lendas ao redor da pedra gravada. Entre as variantes que se poden escoitar, o denominador común é a presenza de tesouros, mouras e serpes común a moitos outros lugares arqueolóxicos de todo Galiza. De feito, que se lle chame “Pedra Moura” xa nos dá referencia da característica etnográfica deste lugar. Esta lenda podedes lela no libro Arte rupestre nos montes do Maúxo, publicado polo museo de Castrelos.

Logo do enorme traballo de recollida arqueolóxica feito no noso territorio, agora queda por facer unha exhaustiva recollida do patrimonio inmaterial: o mundo das lendas, do animismo, dos seres máxicos galaicos.

Estado de conservación

A pesar da intervención levada a cabo para a sinalización e do cerrado, máis ou menos acertado, realizado ao se redor, a verdade é que o deterioro desta rocha é palpable; tanto que apenas se notan a metade dos gravados que aparecen representados en diversos debuxos. Cómpre acometer unha intervención que impida o paulatino e acelerado proceso de desaparición dos gravados, tanto desta rocha coma das demais existentes.

Tamén se botan de menos uns paneis in situ con debuxos explicativos das distintas figuracións, para impedir que as persoas visitantes remarquen desaprensivamente os gravados con pedras, xices ou anacos de tella. Sinalizar excesivamente un lugar arqueolóxico para despois deixalo abandonado á súa sorte é imprudente e irresponsábel.

Do mesmo xeito que existe un equipo de traballadores  dedicado á conservación de parques e xardíns da cidade, debería existir tamén outro dedicado diariamente ao mantemento destes lugares arqueolóxicos máis relevantes e sinalizados.

Máis información

Podedes acceder a unha detallada galería de imaxes.

Máis información na web podedes atopala nas páxinas de J.M. Hidalgo Cuñarro, Rafael Ojea e no catálogo do PXOM Tomo VI.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifos do Carballoso – Outeiro de Lucas I (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Está situado sobre unha pequena elevación rochosa, cunhas espectaculares vistas sobre a ría, con Toralla e as Cíes ao fondo. Os gravados están no seu cumio, nunha pedra horizontal.

Dentro do conxunto que forman os cinco conxuntos de gravados denominados O Carballoso, este é o único que está en terras de Coruxo; os demais están xa en Oia.

Todos eles se atopan paralelos á pista que une Coruxo con Oia dende a ermida de S. Sebastián ata o parque forestal de Oia.

Descrición

Hai dúas combinacións circulares e un rebaixe navicular.

A. Un petróglifo con dous círculos concéntricos completos e unha coviña central. Ten aproximadamente uns 28 cm de diámetro.

B. Un petróglifo formado por tres círculos concéntricos –o exterior incompleto-, sen coviña central e cun suco de saída en dirección sueste. Mide uns 36 cm de diámetro. Está situado a un metro e medio do anterior en dirección suroeste.

C. Un petróglifo navicular cun rebaixe en cada extremo. Está situado entre os dous petróglifos circulares, en dirección oeste. Mide uns 70 cm de longo e uns 24 cm de largo.

Estado de conservación: non hai especiais incidencias que estean danando estes gravados. Conta cunha sinalización adecuada, aínda que non representa os gravados na súa totalidade, senón só parcialmente os círculos concéntricos A e o navicular. Falta un debuxo ou fotografía que permita visualizalos todos de vez sen necesidade de riscar neles con ningún tipo de marcador agresivo.

Valoración final: o cartel ofrece unha ampla información, tanto dos elementos paisaxísticos que se contemplan dende este lugar, como das interpretacións e contextualizacións dos gravados que nos ocupan. Achega interesante información sobre os resultados das análises de residuos do interior do petróglifo navicular, no que destaca a posíbel función de muíño, coma os restos de materiais asociados a ritos funerarios ou a substancias narcóticas. Poden ter que ver as formas circulares con rituais ou representacións que fagan referencia á morte ou ao máis alá? Nunha época en que a vida humana era tan breve, e na que xa se herdara un concepto moi importante da relación cos mortos (as mámoas agochan no seu interior moradas mortuorias realizadas nun elemento eterno, a pedra, megálitos de complexa construción para a tecnoloxía lítica da época, construídos para seren vistos só polos defuntos), poderían ter que ver as construción circulares con rituais de comunicación co máis alá, foren deidades, foren defuntos?

Máis información:

Podedes acceder a unha galería de imaxes.

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifos de Gondosende (Teis)

Arquivado en: Petróglifos,Teis — Xosé Couñago

Situación

O Camiño de Gondosende parte da rúa Doutor Corbal, á altura do comezo da baixada cara á praia da Punta. Este antigo camiño está asfaltado na actualidade e pódese chegar en coche xusto ata o lugar onde se atopan os petróglifos.

Os gravados están nunha laxe que hai no medio do camiño. Este vieiro toma neste punto dirección cara ao monte da Guía.

Descrición

A laxe na que se atopan mide 14 m de longo e 8 m de largo.

En primeiro lugar atopamos tres figuras de círculos concéntricos.

A primeira figura está composta por tres círculos concéntricos con coviña central e suco de saída.

Na segunda figura percíbense máis claramente dous círculos concéntricos con coviña central. Parece que poida haber máis círculos concéntricos cara ao exterior, mais o desgaste é demasiado acentuado.

A terceira figura é de menor tamaño e consta de dous círuclos concéntricos con coviña central.

Uns metros cara ao norte atopamos outra figura circular formada ao redor dunha protuberancia da propia rocha. O centro circular está situado no cumio da protuberancia, e ao seu redor desenvólvense varios círculos concétricos, dos que só dous se perciben con maior claridade.

Estado de conservación

O estado de conservación do conxunto é deplorábel. Ao quedaren baixo o paso da xente, a súa desaparición é inevitábel se non se adoptan medidas preventivas.

Os sucos apenas se notan xa; sobre todo nos que se atopan na zona máis plana. Hai trazos recollidos en láminas por investigadores que hoxe en día xa é moi difícil poder atopar.

A este ritmo de desaparición, en pouco tempo o único vestixio que teremos da súa existencia serán os debuxos e fotografías que se tomaron ata o presente.

Valoración final

Resulta incríbel que poidamos deixar desaparecer un dos poucos exemplos de gravados rupestres situados dentro da cidade.

Sobre todo tendo en conta que só hai dous petróglifos declarados de protección BIC en Vigo: este e o de Pedra Moura en Coruxo.

Outro dos exemplos de Petróglifos urbanos temólo en Sárdoma, nos gravados de Pedra da Laxe.

Cómpre unha urxente intervención que preveña a súa desaparición e aposte decididamente por unha posta en valor deste conxunto de gravados, aínda perceptíbeis na actualidade.

Podemos asegurar que son dos petróglifos máis deteriorados que existen no concello; polo tanto, non se pode facer agardar máis tempo algún tipo de acción.

Propoñemos que estando tan preto de varios centros de ensino, este sería un exemplo adecuado para a súa explotación didáctica co alumnado da contorna.

A creación de paneis informativos, zona de protección, materiais didácticos, etc. Mesmo se podería considerar a oportunidade, neste excepcional caso de especial deterioro, de resaltar dalgún xeito os gravados de cara á súa mellor percepción.

Na contextualización didáctica destes petróglifos enmarcaríase tamén a contorna castrexa na se atopan, evidenciando a continuidade histórica dende o Bronce ao Ferro.

Podese visitar unha galería de FOTOS deste conxunto de petróglifos.

Navegadores GPS

Para chegardes ata estes gravados, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)


Petróglifo do Viveiro II (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Fotografías: Angel de Prado.

Localización

Do grupo que forman as cinco rochas do Viveiro este é o máis afastado do conxunto, podemos chegar a el baixando pola pista que vai ao petróglifo da Lapa Furada. A rocha atoparémola sobresaínte no bordo da vertente.

(Ver en Google Maps)

Descrición

Na rocha aprécianse oito coviñas enriba, aínda ben visíbeis, nunha superficie de 1,40 x 0,60 m.

Estado de conservación

Onde está situado fixeron unha corta e os eucaliptos comezan a medrar, o que provoca que desde a pista non se mire esta rocha. Por outra parte, un pouco máis arriba da rocha deixaron amoreado todos os restos da corta. Cabe sinalar que se este amontoamento de troncos se chega a facer un pouco máis abaixo, taparían a rocha. Queremos supoñer que os responsábeis destas árbores coñecen a situación destes xacigos arqueolóxicos.

Valoración final

Ten unhas boas vistas á ría e á cidade, que en canto medren as árbores desaparecerá.

Hai que poñer en evidencia que o día que se fixeron estas fotos baixaban por esa pista camións formigoneiras para unha obra que están facendo máis abaixo, nas ultimas casas que hai antes do monte. Salientamos este feito e a súa gravidade por canto en vez de acceder pola parte inferior á obra, os camións soben ata a capela de San Sebastián, seguen pola pista cara a Oia e logo baixan pola pista que vai a Lapa Furada; a continuación pasa polo Viveiro V e van dar ás casas do barrio de Burdés.

O caso é que, coas fochas da pista, os camións van deixando regueiros de formigón polo camiño. Unha cousa que sempre nos chamou a atención é que non importa o afastados das pistas e sendeiros que nos atopemos, incluso estando no máis mesto do bosque, sempre atopamos lixo por onde vaiamos: latas de refrescos, bolsas plásticas, botellas, latas de aceites dos que traballan con maquinarias, rodas, colchóns restos de electrodomésticos, etc.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifo de Castiñeirón (Coruxo)

Arquivado en: Coruxo,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

Está situado moi preto da ermida de San Sebastián de Coruxo, á beira da estrada que se dirixe ao campo de fútbol.

Non ten indicador para dar con el; hai que camiñar pola beira esquerda da estrada uns cincuenta metros cara ao campo de fútbol e xa se ve a laxe a uns dez metros da estrada, no monte.

Forma parte dun conxunto de laxes que foron esnaquizadas polos canteiros; polo tanto, a saber cantos gravados se perderon baixo as marretas dos picapedreiros.

Descrición

A figura conservada ten formas circulares; partindo dunha cazoleta central, desenvólvense concentricamente ao seu redor tres círculos, os dous primeiros completos e o terceiro incompleto, por estar asociado a outro círculo externo máis grande.

Estado de conservación

O estado de conservación é coma en todos os demais casos, de acelerada descomposición. Urxe tomar medidas para a conservación da pedra no estado actual evitando o seu paulatino e acelerado desgaste.

Tense apuntado que en poucos anos desaparecerán unha boa parte dos petróglifos galegos debido tanto ao desgaste climatolóxico coma á acción humana.

Máis información

Podedes ver unha relación máis ampla aquí de fotos.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Un petróglifo nunha casa? (Coia)

Arquivado en: Centro,Cidade,Coia,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Será esta unha das testemuñas do destino de tantos e tantos dos nosos nosos petróglifos que foron esnaquizados polos pedreiros nos montes galegos para servir de cachotes ou perpiaños de moitas casas?

Existe a crenza de que así é, de que se trata dun exemplo desta reutilización, e ademais nunha casa do barrio de Coia en Vigo; concreamente ao lado da igrexa de San Martiño, detrás de Alcampo.

Realmente os dous gravados con circos concéntricos así nolo fan pensar; mais unha observación máis detallada ponnos en dúbida sobre esta afirmación.

Descrición

De observardes completamente a composición, atopades á dereita dos dous círculos concéntricos unha estrela de cinco puntas cunha elaboración que xa nos fai dubidar. Representábanse este tipo de estrelas na época do bronce? Revisados os principais motivos que aparecen nos manuais de uso non aparecen por ningures.

Por outra banda resulta moi curiosa a distribución dos tres elementos: forman parte dun mesmo perpiaño, están ben aliñados coa configuración do perpiaño e a parte que corresponde ao hexafolio ten unha forma máis redondeada.

Observando aínda cun pouco máis de atención, decatarémonos de que o perpiaño está realmente en posición horizontal, e que polo tanto haberá que entender a forma da peza na verdadeira fasquía para a que foi realizada, que é en posición vertical.

Completando todos estes datos poderemos concluír doadamente que non se trata dun gravado rupestre da Idade do Bronce, senón dunha característica estela funeraria medieval. A existencia dunha igrexa ao seu carón fainos pensar na posibilidade dun antigo cemiterio naquel lugar, do que quizais sobrevivise esta estela.

Máis información

Se queredes ter unha boa resposta a todas estas incógnitas, reenvíovos á excente páxina dun dos mellores inverstigadores da nosa arqueoloxía: José Manuel Hidalgo Cuñarro.

Imaxe superior: Eladio Cortizo, Panoramio

Imaxe inferior: José Manuel Idalgo Cuñarro

Petróglifos da Pedra da Laxe (Sárdoma)

Arquivado en: Petróglifos,Sárdoma — Xosé Couñago

Localización

Este valiosísimo conxunto rupestre vigués está situado no lugar da Laxe, na parroquia de Sárdoma.

É a única representación de armas que temos entre a multitude de gravados rupestres existentes en Vigo. Ser a única alabarda existente nos nosos petróglifos dálle maior valor por canto o lugar en que se encontra está moi próximo ao centro urbano, sometido a unha presión urbanística en aumento, rodeado de novas construcións e urbanizacións que mesmo estiveron a punto de custarlle a vida ao conxunto rupestre no que está incluído.

Hoxe sobrevive daquela maneira, abandonado, descoidado, sen ningún proxecto de posta en valor, desprotexido de calquera acción incontrolada ao estar situado no medio dunha urbanización con constante trasfego de persoas e coches (está mesmo ao pé do semáforo superior que regula a subida e baixada de Sárdoma).

Descrición

Ten ao seu favor o estar situado nunha parcela que agora é municipal; e isto é algo que se conquistou intelixentemente, pero que agora non podemos deixar abandonado.
Cómpre unha posta en valor deste conxunto rupestre, entre outras razóns por unha peculiaridade especial que posúe: ten
representacións de gravados rupestres que abarcan dende os máis antigos existentes (uns 4.000 anos de antigüidade), pasando por outros que chegan ata épocas máis recentes. É dicir, temos nestas pedras unha visión panorámica da historia e evolución dos nosos petróglifos. Qué mellor oportunidade para que os nosos escolares teñan a oportunidade de achegarse con unidades didácticas adecuadas ao coñecemento da historia dos gravados rupestres que temos no noso concello.

Máis información

Podedes ver unha galería de imaxes sobre os diversos petróglifos destas laxes.

Tamén vos invitamos a ver unha descrición completa deste gravado nun blog especializado escrito por un dos mellores arqueólogos que temos na nosa provincia, Hidalgo Cuñarro. Ler os seus artigos é un verdadeiro pracer para calquera persoa amante da arqueoloxía, porque é un dos inverstigadores con maior traxectoria de traballo na prehistoria que temos na provincia.

Navegadores GPS

Podedes descargar a localización destes gravados pra o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).