Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está situado no lugar de Esteriz-Estomada, no Maúxo, moi preto da área recreativa de Oia e forma parte do conxunto de cinco estacións rupestres que levan o nome de “O Carballoso”, que se estende ao longo da parte baixa do camiño forestal que une a ermida de San Sebastián de Coruxo co parque forestal de Oia, na parte máis próxima a este último.

O acceso é bastante difícil, entre abundante vexetación de monte e sen ningún tipo de sinalización, a partir dun camiño paralelo á pista forestal.

Descrición

Está formado por un importante conxunto de rochas, con dous bloques principais paralelos, que podemos dividir en tres sectores.

Sector 1): a rocha máis grande, cunha superficie de 2,30 m x 3,00 m. Esta rocha presenta na zona central superior unha gran pía ao redor da que se atopan outras pías menores e os diferentes tipos de gravados:

Tres xadrezados, asociados a sucos e numerosa coviñas ao seu arredor. Sobre a pía principal hai un grupo de coviñas que resalta no conxunto formando por dúas fileiras paralelas que se estenden ata un dos xadrezados. O segundo dos xadrezados está situado ao carón tamén desta gran pía, asociado a diversas coviñas ao seu redor, e o terceiro dos xadrezados atopámolo na parte baixa da rocha, asociada a coviñas e outros sucos pouco definidos.

Ao pé desta gran rocha, fechándoa polo norte, hai outra de menor tamaño, cunha prominencia duns 50 cm de altura, de forma cónica, con gravados ao seu arredor. Presenta sucos con posíbeis formas zoomorfas asociados a coviñas ao redor da rocha.

Sector 2): unha rocha paralela á anterior, de 4 m de longo e aproximadamente un metro de largura. Presenta, como motivos máis salientábeis, dous xadrezados. Un destes xadrezados está continuado por dúas formas circulares con suco central. Ao longo desta rocha tamén podemos apreciar varios riscos e coviñas na súa lonxitude.

Sector 3): a uns 15 m do anterior conxunto, sobre unha rocha plana a rentes do chan podemos ver un conxunto formado por catro gravados naviculares. Só dous deles presentan un apreciábel rebaixe, mentres que os outros son pouco perceptíbeis xa. Nalgúns aínda se poden distinguir os dous rebaixes secundarios que leva cada navicular en ámbolos extremos. Como curiosidade, chama a atención que os dous naviculares centrais estean lixeiramente superpostos, ou que o central máis grande presente un suco de saída cara á suave pendente da rocha.

Estado de conservación

Como sucede na maioría dos casos, o estado de conservación é o propio dos gravados rupestres á intemperie, acosados por plantacións intensivas –neste caso eucaliptos-, cos conseguintes traballos forestais, e os lumes que ao longo dos anos deterioran a superficie das rochas.

Faise necesaria unha intervención dende a administración que faga unha posta en valor da importancia deste xacigo en particular, coas medidas necesarias que se acorden coa comunidade de montes correspondente para que non sufra ningunha agresión debido a traballos forestais e incendios.

Por outra parte, os cinco xadrezados están cada vez máis deteriorados e con maiores dificultades para a súa apreciación. Cómpre neste caso unha intervención de protección especial para este conxunto de xadrezados que os preserve de ser pisados, rascados con obxectos, e evite que o lume de incendios poida chegar a atacalos.

Valoración final

Todo este conxunto destaca por dous factores principais: é a maior concentración de xadrezados que temos nos gravados rupestres do concello de Vigo, con cinco representacións no mesmo lugar. Por outra parte é importante a asociación ao conxunto de catro gravados naviculares que atopamos na súa contorna.

O peor é a non existencia de indicación de ningún tipo para chegar a este lugar. Soamente as persoas que o coñezan previamente ou agora grazas á localización GPS poden ter acceso á este fermoso conxunto de gravados.

Esta pista forestal que une a ermida de San Sebastián cos parques forestais de Oia e Saiáns está inzada de estacións rupestres, da cales apenas unha pequena parte está sinalizada, correspondente á zona de Coruxo. Os arredores da área recreativa forestal de Oia, onde se atopa o conxunto de gravados do Carballoso, non conta con ningún tipo de indicadores na actualidade.

A falta de luz de contraste, debido á basta presenza de eucaliptos sobre estas rochas, impide apreciar con claridade durante o día estes gravados que, paulatinamente van desaparecendo pola erosión, a acción humana e dos lumes.

Soamente o contraste luminoso de luz artificial nocturna permite neste momento unha mellor observación. Esta é unha experiencia que se podería promover en determinados momentos do ano e que xa se está levando a cabo noutros lugares por outros colectivos, como fai o Instituto de Estudos Miñoranos, con visitas guiadas nocturnas a lugares rupestres.

Nas fotos da galería que ofrecemos pode constatarse esta diferenza de observación entre a luz natural diúrna e a luz artificial nocturna.

Navegadores GPS

Para chegardes ata estes gravados, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.