Patrimonio cultural de Vigo

Oia

Petróglifo Os Pintos (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está na parroquia de Oia, no lugar da Ermida, á beira da avenida Ricardo Mella. Mentres que outros petróglifos son difíciles de atopar nas zonas interiores do concello, este é moi fácil, xa que se encontra mesmo á beira da estrada. Cantas veces teremos pasado polo seu carón nos nosos desprazamentos entre Vigo e Nigrán!

(Ver en Google Maps)

Descrición

Trátase dunha laxe de 8m x 3m. Nela podemos observar catro rebaixes naviculares. Teñen forma rectangular, con rebaixe central que lles dá o nome de “naviculares”. A ambos os lados da sección lonxitudinal de cada un dos catro rectángulos hai outros dous pequenos rebaixes, excepto nun deles. Este trazo é común á maioría destes petróglifos naviculares existentes en Galicia.

Chama a atención esta agrupación, todos en paralelo, que seguramente puido ter algún tipo de significado para os seus creadores. Este tipo de disposición en paralelo tamén se pode ver noutro conxunto de petróglifos naviculares existente en Coruxo, o chamado petróglifo do Viveiro I.

Estes rebaixes, segundo as fontes, poderían ter sido empregados como muíños. Pero que tipo de muíños? De uso doméstico ou ritual? O máis certo é que descoñecemos case todo do comportamento antropolóxico destes devanceiros nosos que gravaron na pedra a súa escritura simbólica –no mesmo momento en que os exipcios tamén escribían os seus xeróglifos-, unha escritura que aínda non fomos capaces de traducir ou interpretar con certeza.

Estado de conservación

Este petróglifo sobrevive como pode nunha pequena elevación rodeada de dúas estradas, varias vivendas, un cerrado de bloques, eucaliptos ao seu carón, nunha pedra xa partida por canteiros e as obras da estrada. Quen sabe o que terá desaparecido ao seu arredor!

Aparece catalogado, e supoñemos que protexido, nunha ficha do novo Plan Xeral de Vigo.

Non ten sinalización nin información de ningún tipo. Sacada a devandita catalogación, está no máis completo dos abandonos. Nalgúns casos isto pode actuar como elemento conservador (sobre todo cando se trata de lugares pouco accesíbeis), mais neste caso máis ben pode ser á inversa, xa que a presión agresiva que ten ao seu arredor pode facelo desaparecer en calquera momento; por iso fai especialmente falla unha posta en valor deste petróglifo, con indicadores, paneis explicativos, debuxos, fotos, etc.

Máis información:

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifos da Chan Grande (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está no lugar chamado Tomada do Maúxo Pequeno, no Fragoselo, xa na parroquia de Oia. Chégase a ela por camiños forestais, ben dende a ermida de San Sebastián de Coruxo, ou ben dende a estrada de Camposancos, subindo polo Camiño de Esteriz. (Ver en Google Maps)

Descrición

A roca mide 4,00m x 3,70m. Presenta diversos motivos:

Círculos: son os motivos máis abundantes: destacan tres figuras con círculos concéntricos de 3, 4 e 5 aneis con coviña central. A de cinco círculos concéntricos, a máis grande das tres, mide 58 cm de diámetro. Repartidas por toda a pedra hai moitas máis figuras circulares pequenas de 1 ou 2 aneis, en moitos casos con coviña central. En total poden percibirse máis de vinte combinacións circulares.

Sucos: asociados aos círculos hai unha serie de sucos, case sempre coa mesma orientación lineal NO-SL. Teñen nalgúns casos un dos seus extremos no centro dalgunhas figuras circulares concéntricas –motivo bastante común nos gravados galaicos. Tamén se pode apreciar a fasquía serpentiforme dalgúns destes sucos, co seu discorrer perfectamente paralelo e ondulante.

Coviñas: hai numerosas coviñas esparexidas por toda a pedra. Algunhas delas forman parte da zona central dos círculos, e as demais están repartidas por todo o resto da roca.

Observacións

As figuras circulares principais están no centro da pedra, e ao seu arredor distribúense as figuras circulares máis pequenas, ocupando case todo o resto do espazo menos a zona por onde discorren os sucos máis destacados e longos.

Máis información

Galería de imaxes.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifos do Carballoso V. Monte Pequeno (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Ángel de Prado

Localización

Este conxunto de gravados están situados no Monte Pequeno. O acceso é moi difícil xa que non hai puntos de referencia concretos que nos permitan orientarnos. Encóntrase a uns 200 metros ao noroeste do Carballoso IV, baixando polo mesmo camiño ata chegar preto das primeiras casas.

Forma parte do conxunto de cinco estacións de gravados rupestres denominados petróglifos do Carballoso.

Descrición

Un conxunto moi interesante, aínda que bastante estragado, situado sobre unha rocha fraccionada en tres partes, de 2,5 x 3,5 metros.

En cada unha das tres partes existen gravados de diferentes motivos.

Zona 1: combinación de 4 círculos concéntricos incompletos, con coviña central e suco de saída. A fractura da pedra interrompe a continuidade dos sucos circulares. Asociados ao círculo exterior hai un conxunto de cinco coviñas encerradas por sucos. A 50 cm desta figura podemos ver unha pequena cazoleta.

Zona 2: interesante conxunto de catro naviculares asociados a sucos e numerosas coviñas e cazoletas.

Naviculares: os catro manteñen a típica forma de rebaixe central con cadanseu rebaixe menor nos extremos. O conxunto presenta unha lixeira orientación radial. Chama a atención que nos dous centrais haxa dúas coviñas e unha gran cazoleta superpostas no seu interior. Isto pódenos facer pensar na contemporaneidade destes dous tipos de gravados.

Ao redor das formas naviculares podemos observar numerosas coviñas -unhas dispersas, outras agrupadas- e diversos sucos, algúns deles arrodeando unha agrupación de coviñas –no lateral dun dos naviculares-.

Zona 3: trala segunda fractura da rocha atopamos esta terceira zona na que, con dificultade, se poden chegar a apreciar algúns sucos e varias coviñas, algunhas delas agrupadas nun conxunto. Tamén se pode ver unha pequena cazoleta con círculo concéntrico ao seu redor asociado a outros pequenos sucos circulares.

Estado de conservación

Hai varios aspectos que saltan á vista dunha primeira consideración: o acusado desgaste que presentan os gravados, as fracturas da rocha, o lique que medra sobre os gravados, a maleza tan próxima á rocha, as árbores que medran sen control ao seu redor…

Calquera lume que haxa neste espazo afectaría considerabelmente o pouco que queda dos gravados máis superficiais, especialmente dos circulares.

Valoración final

Cando se aplicará un proxecto integral de limpeza preventiva destas rochas? É necesario liberar un espazo cun perímetro de protección que impida o crecemento de árbores e maleza que poidan afectar tanto pola acción das raíces, coma pola proliferación dos liques, a maleza que os oculta de calquera agresión por accións forestais, e, principalmente, a acción do perigosísimo lume.

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifos do Carballoso IV (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Está situado no lugar de Esteriz-Estomada, no Maúxo, moi preto da área recreativa de Oia e forma parte do conxunto de cinco estacións rupestres que levan o nome de “O Carballoso”, que se estende ao longo da parte baixa do camiño forestal que une a ermida de San Sebastián de Coruxo co parque forestal de Oia, na parte máis próxima a este último.

O acceso é bastante difícil, entre abundante vexetación de monte e sen ningún tipo de sinalización, a partir dun camiño paralelo á pista forestal.

Descrición

Está formado por un importante conxunto de rochas, con dous bloques principais paralelos, que podemos dividir en tres sectores.

Sector 1): a rocha máis grande, cunha superficie de 2,30 m x 3,00 m. Esta rocha presenta na zona central superior unha gran pía ao redor da que se atopan outras pías menores e os diferentes tipos de gravados:

Tres xadrezados, asociados a sucos e numerosa coviñas ao seu arredor. Sobre a pía principal hai un grupo de coviñas que resalta no conxunto formando por dúas fileiras paralelas que se estenden ata un dos xadrezados. O segundo dos xadrezados está situado ao carón tamén desta gran pía, asociado a diversas coviñas ao seu redor, e o terceiro dos xadrezados atopámolo na parte baixa da rocha, asociada a coviñas e outros sucos pouco definidos.

Ao pé desta gran rocha, fechándoa polo norte, hai outra de menor tamaño, cunha prominencia duns 50 cm de altura, de forma cónica, con gravados ao seu arredor. Presenta sucos con posíbeis formas zoomorfas asociados a coviñas ao redor da rocha.

Sector 2): unha rocha paralela á anterior, de 4 m de longo e aproximadamente un metro de largura. Presenta, como motivos máis salientábeis, dous xadrezados. Un destes xadrezados está continuado por dúas formas circulares con suco central. Ao longo desta rocha tamén podemos apreciar varios riscos e coviñas na súa lonxitude.

Sector 3): a uns 15 m do anterior conxunto, sobre unha rocha plana a rentes do chan podemos ver un conxunto formado por catro gravados naviculares. Só dous deles presentan un apreciábel rebaixe, mentres que os outros son pouco perceptíbeis xa. Nalgúns aínda se poden distinguir os dous rebaixes secundarios que leva cada navicular en ámbolos extremos. Como curiosidade, chama a atención que os dous naviculares centrais estean lixeiramente superpostos, ou que o central máis grande presente un suco de saída cara á suave pendente da rocha.

Estado de conservación

Como sucede na maioría dos casos, o estado de conservación é o propio dos gravados rupestres á intemperie, acosados por plantacións intensivas –neste caso eucaliptos-, cos conseguintes traballos forestais, e os lumes que ao longo dos anos deterioran a superficie das rochas.

Faise necesaria unha intervención dende a administración que faga unha posta en valor da importancia deste xacigo en particular, coas medidas necesarias que se acorden coa comunidade de montes correspondente para que non sufra ningunha agresión debido a traballos forestais e incendios.

Por outra parte, os cinco xadrezados están cada vez máis deteriorados e con maiores dificultades para a súa apreciación. Cómpre neste caso unha intervención de protección especial para este conxunto de xadrezados que os preserve de ser pisados, rascados con obxectos, e evite que o lume de incendios poida chegar a atacalos.

Valoración final

Todo este conxunto destaca por dous factores principais: é a maior concentración de xadrezados que temos nos gravados rupestres do concello de Vigo, con cinco representacións no mesmo lugar. Por outra parte é importante a asociación ao conxunto de catro gravados naviculares que atopamos na súa contorna.

O peor é a non existencia de indicación de ningún tipo para chegar a este lugar. Soamente as persoas que o coñezan previamente ou agora grazas á localización GPS poden ter acceso á este fermoso conxunto de gravados.

Esta pista forestal que une a ermida de San Sebastián cos parques forestais de Oia e Saiáns está inzada de estacións rupestres, da cales apenas unha pequena parte está sinalizada, correspondente á zona de Coruxo. Os arredores da área recreativa forestal de Oia, onde se atopa o conxunto de gravados do Carballoso, non conta con ningún tipo de indicadores na actualidade.

A falta de luz de contraste, debido á basta presenza de eucaliptos sobre estas rochas, impide apreciar con claridade durante o día estes gravados que, paulatinamente van desaparecendo pola erosión, a acción humana e dos lumes.

Soamente o contraste luminoso de luz artificial nocturna permite neste momento unha mellor observación. Esta é unha experiencia que se podería promover en determinados momentos do ano e que xa se está levando a cabo noutros lugares por outros colectivos, como fai o Instituto de Estudos Miñoranos, con visitas guiadas nocturnas a lugares rupestres.

Nas fotos da galería que ofrecemos pode constatarse esta diferenza de observación entre a luz natural diúrna e a luz artificial nocturna.

Navegadores GPS

Para chegardes ata estes gravados, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Petróglifo do Carballoso III

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Na dorsal descendente baixo o camiño, sobre unha rocha horizontal de 2,5 x 1,7 metros. Non é de doada localización, mais está entre as rochas que conforman Carballoso II e Carballoso IV, moi preto do parque forestal de Oia.

Descrición

Esta rocha plana presenta un pequeno conxunto de figuras de enigmática interpretación.

Son catro os elementos principais que podemos observar:

Un figura ovoide reticulada no seu interior.

Unha cazoleta asociada á liña ovoide da que parte un suco cunha certa traza serpentiforme.

A ambos os lados da figura ovoide hai cadanseus sucos de trazado serpentiforme.

Estado de conservación

Os gravados son cada vez máis difíciles de observar e precisar. O desgaste da pedra é moi considerábel.

O principal coidado que hai que ter aquí é o traballo forestal que se desenvolva ao seu redor.

Valoración final

Cómpre pór en marcha canto antes un plan de conservación e posta en valor destes gravados que están desaparecendo a unha velocidade alarmante.

O desgaste natural da rocha, acelerado pola chuvia ácida por un lado e a actividade forestal por outro, fan no seu conxunto que estes gravados teñan os anos, ou meses, contados.

Compre tomar exemplo doutros lugares de Europa (Valcamonica en Italia, ou Alta en Noruega, etc.) que se preocuparon por estes temas e lograron poñer freo a esta degradación patrimonial.

Neste sentido é loábel o esforzo do Instituto de Estudos Miñoranos tentando facer unha gran aposta respectuosa e non daniña para dar a coñecer os gravados rupestres do Alto dos Lameiros en Bahiña, Baiona.

Lamentabelmente, atopámonos cunha administración que en nada parece ter cambiado, aínda con gobernaren agora forzas políticas diferentes.

Os gravados rupestres continúan, en liñas xerais, igual ca sempre, cunha Lei de Patrimonio que, tamén en liñas xerais, nin fai nin deixa facer, e ten as persoas profesionais e especialistas da arqueoloxía amordazadas e coas mans atadas ante calquera tipo de iniciativa.

A nivel local, a nosa administración podía facer moito polos numerosos gravados existentes no concello de Vigo. Hai lugares de sobra onde intervir, mesmo algún conxunto de petróglifos, coma os de Pedra da Laxe en Sárdoma, en terreos municipais; mais o tempo pasa, os principais partidos políticos existentes na cidade xa pasaron todos tamén polo goberno municipal, e todo continúa igual.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Petróglifos do Carballoso II (Oia)

Arquivado en: Oia,Petróglifos — Xosé Couñago

Imaxes: Angel de Prado

Localización

Non é doado dar con este conxunto de gravados rupestres. Están preto da pista forestal que comunica Coruxo, dende a ermida de San Sebastián, con Oia, a 2,3 km da ermida. Hai que abandonar a pista e dirixirse monte a través na busca destes afloramentos rochosos. Nas inmediacións encóntranse tamén os petróglifos do Carballoso III, IV e V.

Descrición

Hai varias rochas con distintos tipos de gravados. Comezaremos a describilas de oeste a leste.

  • Rocha de 1m x 0,8m: vemos unha figura cuadrangular de 3×5 cuadrículas. Ao seu lado hai unha figura circular incompleta.
  • Rocha de 3,40m x 2,50m. De norte a sur vemos:
  • Unha figura oval incompleta, dividida en tres zonas interiores por senllos sucos. En cada unha destas zonas hai varias coviñas.
  • Asociadas a este figura oval hai dúas cazoletas.
  • Tres figuras formadas por sucos, con formas cuadrangulares incompletas.
  • Ao lado destas figuras vemos unha cazoleta duns 10 cm de diámetro.
  • A continuación atopamos dúas figuras circulares incompletas apegadas, con coviñas no seu interior asociadas a pequenos sucos.
  • A última figura é un pequeno círculo con coviña central e suco de saída.
  • Rematamos a observación da rocha con varias coviñas e sucos imprecisos.

Seguidamente atopamos cinco pequenas rochas, de menos dun metro, nas que hai coviñas e cazoletas. Na rocha central hai unha gran cazoleta duns 25 cm de diámetro asociada a outras dúas de menor tamaño.

A rocha situada no extremo leste presenta dous gravados.

  • Figura oval dividida por un suco central con numerosas coviñas en ambas as seccións.
  • Apegada a esta hai unha figura formada por tres círculos concéntricos, con coviñas centrais.

Estado de conservación

A propia ficha do catálogo do PXOM declara que unha “gran cantidade de maleza, musgos e líquenes ocultan por completo as rochas” (sic). Deste xeito conclúe que o seu estado de conservación é “malo”.

Na fotos pode observarse como as rochas están sen ningún tipo de protección nin coidado. Non se aprecia ningún tipo de labores de conservación e preservación.

O abandono deste conxunto rupestre é total, o que nos leva a preguntarnos se o departamento de patrimonio tanto local como provincial teñen constancia do lamentábel estado da situación que sofren estes gravados.

Valoración final

Cando nos achegamos a nun lugar así, no que observamos e nos abraiamos do estado de conservación do noso patrimonio, decatámonos da paulatina degradación á que se ven sometidos estes petróglifos pola desatención de todas as persoas e entidades implicadas: dende as comunidades de montes ata as diferentes administracións.

As comunidades de montes deben tomar conciencia de que non só teñen árbores nos montes, de que hai unha riqueza tamén nos seus territorios que non se cuantifica en euros, senón nun valor patrimonial que mestura arte, historia e antropoloxía.

Non só as árbores teñen raíces; tamén nós, como pobo, temos raíces. E esas raíces están moi á vista en cada un dos gravados das nosas rochas. Forman parte da nosa identidade e da imaxe que temos de nós mesmos e que transmitimos ao mundo.

Os labores forestais realizados sen as debidas precaucións causan danos irreparábeis nas rochas e nos seus gravados.

As administracións teñen o deber de informar e implicar as comunidades de montes na conservación de todo este legado histórico, xa que o labor forestal cada vez máis intensivo que se realizan nos montes aceleran as posibilidades de desaparición do noso patrimonio arqueolóxico.

E mentres isto sucede, onde están e para onde miran as nosas administracións?

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Muíños de Gontade (Oia)

Arquivado en: Muíños,Oia — Xosé Couñago

Localización

Este fermoso conxunto monumental etnográfico de muíños restaurados está situado na estrada de Camposancos, no lugar de Gontade, a carón das Roteas, no lindeiro entre as parroquias de Oia e Coruxo. Chegar ata a súa situación é moi doado, xa que se atopan á beira da estrada e cun bo aparcadoiro diante.
O bosque que os envolve íllaos perfectamente da circulación viaria, e a entrada no seu recinto semella trasladarnos, de súpeto, nunha viaxe no tempo e no espazo.
Están todos eles á beira do rego da Carballosa, que nace xunta o Cabezo de Saiáns e se xunta co rego do Vao, na marisma que hai preto do encontro co mar.

Forman parte da Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo, que podedes descargar no voso GPS.

Descrición

O conxunto está formado por catro muíños. Tres deles atopámolos xuntos, no lugar indicado para o acceso, e presentan una gradación en ascenso aproveitando o desnivel do terreo, moi próximos entre eles, compartindo a auga da levada común que cae dun a outro consecutivamente.
O cuarto muíño atópase a uns douscentos metros de distancia, ao carón da presa de onde parte a levada que conduce a auga ata os outros tres muíño. A paraxe que conforma o lugar en que se encontra este cuarto muíño é dunha especial fermosura.

Muíño 1

Levada

Construída en perpiaños irregulares combinados con cachotes. Presenta unha fasquía bastante sólida e elevándose paulatinamente para adaptarse á pendente. Ten un percorrido moi curto xa que recolle directamente as augas do muíño que está a continuación na súa parte superior.

Cubo

Trátase dun característico muíño de cubo galego. Esta estrutura está ben conservada, con todos os elementos propios: cubo cuadrangular realizado en pedra, con lixeira inclinación para conducir a auga ata o inferno do muíño; os perpiaños laterais sobresaíntes dispóñense coa mesma inclinación do cubo; a tampa superior, tamén en perpiaño, non cobre as pedras laterais, senón que pecha a parte superior do muro do cubo, apoiándose en posición inclinada sobre as pedras laterais, sobresaíndo máis alta ca elas. A entrada do cubo non se atopa apegado á parede do edificio, senón a uns dous metros de distancia, que é a que o separa a inclinación do cubo. Esta construción está tapada cunha reixa metálica para impedir a caída no interior ou o paso de obxectos de maior tamaño.

Edificación

Planta rectangular con tellado a unha auga na mesma dirección ca a inclinación do terreo. Conserva o tellado completo. As paredes son de perpiaños irregulares combinados con cachotes. Presenta unha porta no lateral norte e un fachinelo sobre o inferno como entrada de luz para o tremiñado. Sobre a porta un gran lintel pétreo e un letreiro ao carón coa seguinte inscrición: “CONXUNTO DE MUÍÑOS / E FRAGA DE GONTADE / RESTAURADO POLA ESCOLA TALLER /PATRIMONIO HISTÓRICO DE VIGO / ANO 1.997”.
O inferno conserva o rodicio completo e en bo estado.

Estado de conservación

A conservación, logo da restauración do conxunto, é bastante boa. Non se pode acceder ao seu interior por estar a porta fechada.

Muíño 2

Levada

Igual ca no muíño anterior, a levada é moi curta, xa que recolle a auga que sae directamente do seguinte muíño que ten na súa parte superior. Está construída con perpiaños irregulares combinados con cachotes.

Cubo

Está realizado con grandes perpiaños e presenta unha lixeira inclinación; esta inclinación prolóngase cara ao exterior mediante a elevación dos perpiaños terminais dos laterais e da cabeceira do cubo. A diferenza do muíño 1, a pedra remate da cabeceira do cubo non sobresae por encima das laterais, senón que está á súa mesma altura. Unha reixa metálica impide calquera caída no seu interior ou o paso de obxectos grandes.

Edificación

Planta rectangular con tellado a unha auga na mesma dirección ca a inclinación do terreo. Conserva o tellado completo. Coma no muíño 1, as paredes están compostas por perpiaños irregulares combinados con cachotes. Os cantos da parede inferior están construídos cuns perpiaños irregulares de considerábel tamaño, seguramente para soportar o enorme peso das paredes sobre o desnivel do terreo. Presenta unha porta no lateral norte e un fachinelo sobre o inferno como entrada de luz para o tremiñado. A carón da porta observamos un pousadoiro sobresaínte de forma arredondada. O inferno está alintelado e conserva os seus elementos característicos.

Estado de conservación

Igual ca o anterior, presenta un bo estado de conservación exterior. Descoñecemos o interior por estar fechado.

Muíño 3

Levada

Consérvase completa no seu último treito. Vén directamente da presa situada a uns douscentos metros de distancia, onde se atopa o cuarto muíño. Os últimos metros desta levada forman unha curva que vai collendo altura a medida que se achega ao cubo, no comezo da caída da pendente do monte. Combina perpiaños irregulares con cachotes. Pódense observar algúns perpiaños atravesados na levada con rebaixes nas caras laterais para introducir unha pequena comporta.

Cubo

Cuadrangular e con caída en inclinación, coma os anteriores. Presenta a particularidade de ter unha entrada moito maior e elevada.

Edificación

Estrutura rectangular a unha soa auga en dirección da pendente do terreo. O Tellado está completo. As paredes son de perpiaños irregulares combinados con cachotes. Porta lateral no norte e fachinelo sobre o inferno.

Estado de conservación

Igual ca os anteriores, a restauración efectuada no ano 1997 non presenta especiais deterioración. O muíño permanece fechado baixo chave e non se pode visitar o seu interior.

Levada

Comunicando estes tres muíños co cuarto discorre unha levada ao longo duns douscentos metros. Hoxe en día só se pode apreciar a súa canle, xa que as pedras ou rego que o delimitaban non se conservan. Os seu trazado é sinuoso e cunha suave pendente apenas perceptíbel. Remata no regueiro que sae da presa construída para este fin no rego da Carballosa, arriba mencionado.

Muíño 4

Levada

Unha pequena desviación do rego da Carballosa, que bordea o propio muíño, conduce a auga por unha curta levada que verte a súa auga no interior do cubo. Esta levada, no achegamento ao muíño, cobre unha apreciábel altura para favorecer a forza da corrente na caída polo interior do cubo. Esta elevación está realizada cunha sólida construción de cachote.

Cubo

Construído con grandes perpiaños, ten forma cuadrangular e con caída en inclinación. Esta inclinación prolóngase cara ao exterior mediante a elevación dos perpiaños terminais dos laterais e da cabeceira do cubo. A entrada non ten ningún tipo de reixa de protección.

Edificación

Planta rectangular con tellado a unha auga. Paredes de cachotes e perpiaños irregulares. O tellado está incompleto e en malas condicións, xa que unha parte del cedeu e derrubouse. A porta abre no lateral norte, ten lintel superior e un perpiaño lateral de maior altura a modo de xamba. O único fachinelo que presenta ábrese sobre o inferno e está realizado con dous perpiaños laterais e outro superior como lintel. Non ten porta e pódese ver o interior, no que observamos a existencia dunha moa no tremiñado, con restos doutras pezas polo chan. O inferno tamén está coroado na entrada por un lintel.

Estado de conservación

Considerando o conxunto tan fermoso en que se encadra, non se entende unha restauración tan coidada e que logo se deixa abandonada ata o seu derrubamento. O interior está bastante deteriorado e descoidado, debido á caída de parte do tellado e o entullo formado no chan. Estes museos etnográficos ao ar libre merecen unha atención continuada para evitar  a súa degradación paulatina e de custosa recuperación posterior.

Presa

Xa non é habitual atopar estas presas subministradoras de auga para os muíños. Neste caso conservamos a construción, aínda que  non ten o uso para o que foi realizada. A levada que conducía a auga ata os tres primeiros muíños aquí descritos foi cegada e agora a presa ten a súa continuidade no  propio regato. As súas dimensións son de dous metros de ancho por uns dez metros de longo.

Estado de conservación

A conservación da presa é bastante aceptábel en canto aos elementos propios da súa construción, coas pedra de canalización na súa saída e as rañuras nos laterais dos perpiaños para as comportas.

Valoración final

É unha mágoa a pouca difusión entre a poboación que teñen estes conxuntos etnográficos de muíños. Son museos ao ar libre que deberían ser tratados e considerados como tales, coas correspondentes intervencións que así o fixesen significar.
Hai uns anos, logo da súa restauración, este lugar foi empregado como aula etnográfica do pan e formaba parte dun programa municipal de visitas escolares tan interesantes como necesarias para que as novas xeracións tivesen un coñecemento práctico e directo do mundo cultural e económico que viviron moitos dos seus pais e avós; mais o proxecto foi posteriormente abandonado. Sirva esta valoración como chamada de atención para que se volva recuperar esta iniciativa.
A concienciación cidadá para a súa conservación e difusión é un labor que hai que facer chegar a través de todos os medios dos que dispón unha administración local. O aproveitamento didáctico é indubidábel: son aulas etnográficas situadas no seu emprazamento orixinal e con todas as características auténticas da tradición arquitectónica popular.

Máis información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.

Tamén podedes descargar a Ruta dos conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)