Localización
Este valiosísimo conxunto rupestre vigués está situado no lugar da Laxe, na parroquia de Sárdoma.
É a única representación de armas que temos entre a multitude de gravados rupestres existentes en Vigo. Ser a única alabarda existente nos nosos petróglifos dálle maior valor por canto o lugar en que se encontra está moi próximo ao centro urbano, sometido a unha presión urbanística en aumento, rodeado de novas construcións e urbanizacións que mesmo estiveron a punto de custarlle a vida ao conxunto rupestre no que está incluído.
Hoxe sobrevive daquela maneira, abandonado, descoidado, sen ningún proxecto de posta en valor, desprotexido de calquera acción incontrolada ao estar situado no medio dunha urbanización con constante trasfego de persoas e coches (está mesmo ao pé do semáforo superior que regula a subida e baixada de Sárdoma).
Descrición
Ten ao seu favor o estar situado nunha parcela que agora é municipal; e isto é algo que se conquistou intelixentemente, pero que agora non podemos deixar abandonado.
Cómpre unha posta en valor deste conxunto rupestre, entre outras razóns por unha peculiaridade especial que posúe: ten representacións de gravados rupestres que abarcan dende os máis antigos existentes (uns 4.000 anos de antigüidade), pasando por outros que chegan ata épocas máis recentes. É dicir, temos nestas pedras unha visión panorámica da historia e evolución dos nosos petróglifos. Qué mellor oportunidade para que os nosos escolares teñan a oportunidade de achegarse con unidades didácticas adecuadas ao coñecemento da historia dos gravados rupestres que temos no noso concello.
Máis información
Podedes ver unha galería de imaxes sobre os diversos petróglifos destas laxes.
Tamén vos invitamos a ver unha descrición completa deste gravado nun blog especializado escrito por un dos mellores arqueólogos que temos na nosa provincia, Hidalgo Cuñarro. Ler os seus artigos é un verdadeiro pracer para calquera persoa amante da arqueoloxía, porque é un dos inverstigadores con maior traxectoria de traballo na prehistoria que temos na provincia.
Navegadores GPS
Podedes descargar a localización destes gravados pra o voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).
[…] de Vigo. Hai lugares de sobra onde intervir, mesmo algún conxunto de petróglifos, coma os de Pedra da Laxe en Sárdoma, en terreos municipais; mais o tempo pasa, os principais partidos políticos existentes […]
Pingback by Petróglifo do Carballoso III « Patrimonio cultural de Vigo — 13 septiembre, 2011 @ 9:39