Está situada no monte da Guía, sobre a ría de Vigo, encima dun antigo castro galaico, hoxe xa case completamente desaparecido.
Tal como o seu nome indica, esta ermida está dedicada á Virxe da Guía. Tamén ten a advocación do Sagrado Corazón de Xesús, neste senso no último dos proxectos realizados, de Gómez Román, estaba pensado que levase no seu cumio unha figura do Sagrado Corazón de Xesús, pero non chegou a realizarse.
Antes desta construción había outra que estaba en bastante mal estado. Antonio Palacios foi o primeiro arquitecto que acometeu un proxecto en 1930 para levantar no seu lugar un gran templo a semellanza do da Vera Cruz do Carballiño e o Templo Votivo do Mar de Panxón. Lembremos que a característica máis salientable destes dous edificios é a gran torre que os preside.
Cando máis tarde Gómez Román acomete a construción do edificio definitivo baixo o seu propio proxecto, conserva a idea dunha gran torre que destacase sobranceiramante sobre o resto do edificio. Finalmente a gran torre deseñada por Gómez Román con remate na imaxe antes mencionada tampouco se puido facer como estaba proxectada debido ás dificultades económicas que iso levaba consigo.
Si se mantivo a evidente desproporción entre a torre e o corpo da igrexa, aínda que con menor tamaño.
Planta: é de estilo basilical con remate nunha ousia poligonal. Ese tipo de ousia ten unha semellanza coa románica de Bembrive en Vigo.
Nave: dende a sinxeleza que expresa o interior, hai unha harmoniosa relación de formas e espazos que acentúan a impresión estética do exterior. Os dous arcos superpostos acentuando o contraste entre a pedra e o caleado branco conducen a nosa vista ata o interior dunha ábsida presidida por unha imaxe da Virxe da Guía enmarcada entre dúas xanelas verticais que iluminan un interior semicircular que nos achega sensacións románicas.
Fachada: case exenta de decoración, resaltaremos os dous motivos vexetais sobre os que se erixe un frontón partido cunha vieira central. O beirado da fachada tamén segue as mesmas liñas do frontón partido no centro, no que se coloca unha fermosa cruz pétrea, creando un espazo de unión entre o beirado e o frontón. A inspiración clasicista de Román na fachada contrasta con outros elementos que observaremos dando un paseo ao seu arredor.
Torre: destaca o seu volume con respecto ao resto do edificio. O corpo inferior é liso ata o comezo do campanario. A esta altura Román comeza un detallado traballo de resalte barroquizante deste derradeiro tramo. O campanario ten xanelas de medio punto a catro caras, con chafráns decorados con remate en volutas na parte inferior.
Corpo central: é de curta lonxitude e en contraste tanto coa súa altura coma coa da propia torre. Consegue un efecto de estruturas superpostas, conseguida polo emprego de soportais laterais e corpos anexos, coma o que contén un fornelo coa imaxe do Sagrado Corazón. Esta fermosa superposición volumétrica que se elevan unhas sobre as outras lémbranos outros templos de orixe prerrománica coma o de Santa Comba de Bande.
As paredes combinan o estucado branco con perpiaño nos cantos e panos de paredes, tan característico da arquitectura en Galicia. Sobre os estucados dispón unha serie de xanelas con vidreiras para dar entrada de luz dende distintos puntos da igrexa. Estas xanelas teñen forma de cruz de brazos iguais e circulares.
Non podemos deixar de salientar unha evidente influencia románica tamén nalgúns detalles decorativos, como son os canzorros dos beirados do corpo central, ou a cruz antefixa de clara fasquía medievalizante sobre o cumial do pincho traseiro, así coma a forma poligonal da ousia, presente en numerosas igrexas románicas.
Tamén chamará a nosa atención a imaxe da Virxe que hai nun fornelo situado na canto dereito da fachada. Destaca no conxunto o elaborado dosel que a alberga. A imaxe coroada da Virxe, sedente, co seu fillo no colo presenta algúns detalles que non deixaremos pasar por alto. A pesar do realce real que lle outorga a coroa, os seus pés van calzados con zocos tradicionais galegos. O outro detalle é a ausencia da cabeza da figura do neno Xesús. A barca que leva nos brazos, así coma a orientación das dúas figuras cara ao mar evidencian a merecida advocación de Virxe da Guía dos mariñeiros.
Por último, non deixedes de pasear por este fermosísimo parque, cheo de recantos tan inesquecibles coma as súas indescritibles postas de sol.
E aquí vos deixamos unha relación máis ampla de fotos da igrexa da Guía.