Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

100_3799Localización

(Ver en Google Maps)

Esta emblemática mámoa está situada moi preto dos campos de fútbol da Madroa, apegada a unha urbanización de vivendas. Hai un letreiro na estrada que indica a súa situación. Non debería haber problema para localizala.

Esta mámoa forma parte da Ruta das mámoas de Candeán.

Descrición

Nome: o nome que a veciñanza lle dá a este megálito, “Casa dos Mouros”, merece un comentario que entra no imaxinario popular e na transmisión das lendas e dos seres míticos que poboan a paisaxe galega. Hai unha clara coincidencia en moitos lugares de Galicia na atribución das mámoas como lugares en que viven os mouros ou que foron construídos por eles, como é o caso da de Candeán.

Vigo carece dunha recollida a fondo de toda a nosa cultura tradicional oral. Lugares máxicos, animistas, con lendas etc., hainos en todas as parroquias do municipio e principalmente naqueles lugares vinculados a xacementos arqueolóxicos. Cómpre unha inmediata acción neste sentido, xa que as persoas informantes desta cultura pertencen a unha xeración dunha idade moi avanzada, e cada unha destas persoas que falece é un libro de coñecementos etnográficos que desaparece.

Túmulo da mámoaTúmulo: apenas conservado. Pode apreciarse a contorna redonda que forma ao redor do dolmen distanciándonos o suficiente, principalmente cara ao leste. As súas dimensións son de 22,5 m no eixo N/S e 20 m no eixo L/O.

Tamén se poden observar pedras soltas sobre a mámoa que seguramente forman parte da coiraza do túmulo. Quizais cumprise unha adecuada intervención que permitise destacar a morfoloxía e dimensión do túmulo. Cantas máis persoas pisen indiscriminadamente por este lugar, con maior rapidez desaparecerá calquera vestixio da súa existencia e forma.

100_8868Dolmen: é un dos máis completos dos que se conservan en Vigo, e mesmo na contorna. Presenta 5 ortóstatos verticais, máis a tampa superior, tirada contra un lado, apoiada nos ortóstatos verticais. a cámara mide uns 3 m de longo por 2 m de largo. A altura chega case aos 2 m.

Tampa: como acabamos de sinalar, está apoiado lateralmente contra os ortóstatos da cámara de cara á súa posíbel recuperación e reposición, hai que destacar que está completa e non parece presentar ningún dano.

Ortóstatos da cámara: son cinco lousas. As dimensións van en progresión de altura dende os extremos ata a lousa central centro. Presentan unha inclinación cara ao centro da cámara.

Nas seguintes imaxes podemos ver, un por un, os cinco ortóstatos que compoñen a cámara vistos dende dentro (arriba) e dende fóra (abaixo).

A falta da correspondente e necesaria intervención para coñecer o principal exemplar do noso megalítico, non podemos saber as verdadeiras dimensións destas lousas.

Ortóstatos do corredor: apenas se percibe algunha das pedras do corredor. Están aínda soterradas, non sabemos cantas pode haber e precisaríase unha intervención arqueolóxica para determinar a súa morfoloxía.

100_3824Estado de conservación

Cando unha persoa se achega a esta mámoa, a máis importante das existentes en Vigo, non pode menos que pensar no pouco coidado que temos este patrimonio.

A limpeza e coidado de conservación habitual que debería ter este monumento megalítico non existe. Tratándose ademais dunha parcela municipal, non privada, o concello ten o deber de velar con maior responsabilidade pola súa boa conservación.

Maleza incontrolada que medra de calquera xeito e por calquera lugar. O estado actual da vexetación dá unha forte impresión de descoido que sofre esta mámoa. Nótase claramente que por aquí non pasan os coidados municipais ou cando menos que non existe unha planificación de atención e prevención da deterioración da contorna. Plásticos, papeis, botellas rotas no interior da propia cámara, dan unha idea da paisaxe humana que acompaña esta mámoa.

100_3827Valoración final

A Casa dos Mouros está situada nunha das catro parcelas municipais que en existen elementos destacados da nosa arte e arquitectura arqueolóxica. Que sexa municipal posibilita unha maior e mellor intervención das administracións no coidado e posta en valos da nosa arqueoloxía.

E non obstante, para empezar observamos que non existe un control nin planificación sequera da vexetación que debe medrar nesta parcela e principalmente ao redor da mámoa.

O máis salientábel non plano positivo é o investimento realizado na colocación de paneis informativos; mais estes paneis deben ser revisados periodicamente para previr e reparar as posíbeis deterioracións, como lle sucede ao panel de entrada á parcela, ilexíbel na actualidade.

Neste sentido, vemos necesario colocar un segundo cartel na entrada da parcela facendo unha chamada de atención ao coidado que debe terse durante a visita para non deteriorar este monumento megalítico.

Por outra parte, hai que considerar tamén que se esta mámoa tivese a tampa posta no seu sitio, teriamos un dos monumentos neolíticos máis importantes e atraentes de Galicia no noso concello. Pensemos no atractivo que ten neste momento o dolmen de Axeitos, por exemplo, ou outros que se conservan completos polo noso país.

100_3823A reposición da tampa é un tema controvertido e para o que non hai unanimidade, mais tamén se fan certas reconstrucións nos nosos castros ou en xacementos romanos (Aquis Querquernis, p.e.) que se levaron a cabo e dalgún xeito foron aprobados e consentidos.

No caso da Casa dos Mouros a tampa está no propio lugar; só se trata de colocala no seu sitio.

A maiores disto, o feito de termos aquí mesmo a mámoa máis importante do noso concello, xunto con que forme parte da Ruta das mámoas de Candeán fan que non se entenda que este percorrido non teña a suficiente difusión no noso municipio. Na páxina do concello de Vigo aínda non existe unha descrición desta ruta, nin un mapa que se poida descargar. E podemos asegurar, sen dubidar, que é unha das principais rutas do neolítico que hai en Galicia.

Por agora o maior traballo divulgativo que podemos atopar por outros lugares da Web é o pertencente á Comunidade de Montes de Candeán, no que nos ofrecen información sobre a riqueza arqueolóxica dos montes da súa parroquia e concretamente sobre esta ruta das mámoas á que eles tanto contribuíron.

Como é posíbel que aínda non existan visitas escolares para o alumnado de Vigo e de calquera outro lugar de Galicia, con materiais didácticos, que permitisen a aprendizaxe e comprensión in situ do que era un hábitat e cultura neolíticos? Mais isto requiriría o traballo conxunto de varias concellarías como Patrimonio, Educación, Cultura, Normalización Lingüística ou Medio Ambiente que creasen entre todos un programa conxunto de aplicación didáctica ao redor da nosa arqueoloxía. Pensalo e proxectalo parece de sentido común; tan pouco entendemento e colaboración existe entre os distintos departamentos?

Actualización 2020

Na visita realizada no mes de xullo de 2020 a esta segunda mámoa do percorrido da ruta das mámoas de Candeán obsérvase que o tempo xoga en contra deste monumento megalítico. Neste momento xa non conta con ningún tipo de sinalización para chegar ata ela ou para poder localizala. O panel que había na entrada do camiño de subida desapareceu completamente. Se non se sabe onde se encontra, pasaremos de longo sen localizala.

Lembremos que se trata do principal exemplo do megalitismo conservado no concello de Vigo.

Tampouco conta con ningún tipo de panel con información sobre as dúas características, historia, descrición, significado etc. O que había na subida á mámoa desapareceu completamente.

Urxe que a Administración local realice unha posta en valor cultural desta mámoa para tratar de evitar que siga sufrindo máis agresións coma a que tivo lugar en 2016 con grafitis.

Máis información

José Manuel Hidalgo Cuñarro, “UTILIZACION DIDÁCTICA DE LOS YACIMIENTOS ARQUEOLÓGICOS LOCALIZADOS EN PROPIEDADES MUNICIPALES”.

José Manuel Hidalgo Cuñarro, “EL FOLCLORE DE LOS YACIMIENTOS ARQUEOLÓGICOS VIGUESES”, en Arqueovigo

Amigos do arqueolóxico, Megalitos de España y su bilbiografía.

 

Galería de imaxes

Tamén podedes acceder a unha galería de fotos desta impresionante mámoa.


Ruta das mámoas de Candeán

 

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.