Patrimonio cultural de Vigo

Ruta mámoas de Candeán

Mámoa I da subida á Madroa

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Localización

O lugar onde está situada esta mámoa –ou que de ela queda- chama bastante a atención no tocante á supervivencia ata a actualidade.

Atopámola ao lado dunha urbanización de vivendas e da estrada que comunica cos campos de fútbol da Madroa e a asociación veciñal de Candeán.

É a primeira mámoa coa que comeza –ou remata, segundo por onde se comece o percorrido- a Ruta das mámoas de Candeán.

Descrición

A mámoa aínda conserva túmulo e varios ortóstatos a pesar nas penosas condicións en que se atopa e da dificultade para podermos vela cun mínimo de claridade.

Para que sirva de orientación ás persoas que se aventuren a atopar esta mámoa, pasamos a darlle unha descrición dos dous elementos principais que conserva.

Tumúlo: a pesar de estar completamente cuberto de maleza, podemos observar a elevación que presenta sobre a horizontal do terreo. Nalgún punto pode chegar a 1 m de altura. As súas dimensións son de 16 m no eixo N/S e de 13,5 m no eixo L/O.

Cámara: está formada por catro lousas verticais que afloran dentro do cono de violación da mámoa. Dous dos chantos sobresaen uns corenta centímetros do chan. Apegado completamente a estes chantos medra unha árbore.

Estado de conservación

Calquera persoa que se achegue a este lugar, a primeira sorpresa que levará será a de preguntarse se alí hai realmente unha mámoa, porque parece case imposíbel e incríbel que poida existir un xacemento de varios milenios naquela parcela de terreo.

O estado en que se atopa é tan deplorábel que un se pregunta onde está a administración –sexa cal for- que non fai nada por salvar o que queda desta mámoa.

O estado en que está clama ao ceo máxime cando é o punto de partida da única ruta neolítica que temos neste momento en Vigo.

A mámoa, como xa dixemos está completamente cuberta de maleza; ten varias árbores encima e está cortada polo muro de peche dunha propiedade lindeira polo seu lado oeste e cortada tamén pola estrada asfaltada que pasa a rentes polo norte dela.

Asemade esta mámoa converteuse nun punto de acumulación de restrollos de labores no propio terreo.

Non hai letreiros informativos de ningún tipo, nin sequera o letreiro oficial de comezo de ruta arqueolóxica, xa que hai varios paneis ao longo do percorrido, mais ninguén podería pensar que esta ruta das mámoas de Candeán comeza precisamente aquí.

Valoración final

Como se pode promover dende a administración local a creación e difusió dunha fermosísima ruta neolítica pola parroquia de Candeán e logo deixala tan abandonada?

Imaxinemos calquera persoa que queira facela e veña ata este punto de inicio, que vai atopar? Se puider atopar algo debaixo de tanta maleza terá que facer un exercicio de adiviñación para precisar a amplitude do túmulo e despois intentar localizar as puntas superiores dos ortóstatos que afloran sobre a superficie do terreo.

Nas fichas do catálogo do PXOM de Vigo figura expresamente como “melloras necesarias”: “Compre negociar co propietario do muro de peche que corta o túmulo a adquisición dos terreos afectados pola protección integral do xacemento”.

Moi explícito este apuntamento. O mal xa está feito; durante moitos anos estivéronse levantando edificacións que estragaron unha boa parte do noso patrimonio colectivo sen que se executase un control específico das afectacións. Corporacións desinteresadas, desatentas, insensíbeis ou mesmo condescendentes. E dicimos corporacións e non gobernos, porque a responsabilidade administrativa non só corresponde ao partido que goberne nese momento, senón a todas as forzas políticas representadas na corporación municipal.

A veciñanza, en moitos casos, actúa por descoñecemento do dano real que está provocando, mais as corporacións municipais nunca poden actuar por descoñecemento; para iso están as catalogacións e informes técnicos oportunos.

Podedes acceder á galería fotográfica desta mámoa.

Para saber máis

Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).

Amigos do arqueolóxico. Megálitos de Pontevedra. (con debuxo esquemático e fotografía).

Navegadores GPS

Para chegar ata esta mámoa podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa "Casa dos Mouros" de Candeán

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Localización

Esta emblemática mámoa está situada moi preto dos campos de fútbol da Madroa, apegada a unha urbanización de vivendas. Hai un letreiro na estrada que indica a súa situación. Non de bería haber problema para localizala.

Esta mámoa forma parte da Ruta das mámoas de Candeán.

Descrición

Nome: o nome que a veciñanza lle dá a este megálito, “Casa dos Mouros”, merece un comentario que entra no imaxinario popular e na transmisión das lendas e dos seres míticos que poboan a paisaxe galega. Hai unha clara coincidencia en moitos lugares de Galicia na atribución das mámoas como lugares en que viven os mouros ou que foron construídos por eles, como é o caso da de Candeán.

Vigo carece dunha recollida a fondo de toda a nosa cultura tradicional oral. Lugares máxicos, animistas, con lendas, etc., hainos en todas as parroquias do municipio e principalmente naqueles lugares vinculados a xacigos arqueolóxicos. Cómpre unha inmediata acción neste sentido, xa que as persoas informantes desta cultura pertencen a unha xeración dunha idade moi avanzada, e cada unha destas persoas que falece é un libro de coñecementos etnográficos que desaparece.

Túmulo: apenas conservado. Pode apreciarse a contorna redonda que forma ao redor do dolmen distanciándonos o suficiente, principalmente cara ao leste. As súas dimensións son de 22,5 m no eixo N/S e 20 m no eixo L/O.

Tamén se poden observar pedras soltas sobre a mámoa que seguramente forman parte da coiraza do túmulo. Quizais cumprise unha adecuada intervención que permitise destacar a morfoloxía e dimensión do túmulo. Cantas máis persoas pisen indiscriminadamente por este lugar, con maior rapidez desaparecerá calquera vestixio da súa existencia e forma.

Dolmen: é un dos máis completos dos que se conservan en Vigo, e mesmo na contorna. Presenta 5 ortostatos veticais, máis a tampa superior, tirada contra un lado, apoiada nos ortóstatos verticais. a cámara mide uns 3 m de longo por 2 m de largo. A altura chega case aos 2 m.

Tampa: como acabamos de sinalar, está apoiado lateralmente contra os ortóstatos da cámara. de cara á súa posíbel recuperación e reposición, hai que destacar que está completa e non parece presentar ningún dano.

Ortóstatos da cámara: son cinco lousas. As dimensións van en progresión de altura dende os extremos ata a lousa central centro. Presentan unha inclinación cara ao centro da cámara.

Nas seguintes imaxes podemos ver, un por un, os cinco ortóstatos que compoñen a cámara vistos dende dentro (arriba) e dende fóra (abaixo).

A falta da correspondente e necesaria intevención para coñecer o principal exemplar do noso megalítico, non podemos saber as verdadeiras dimensións destas lousas.

Ortóstatos do corredor: apenas se percibe algunha das pedras do corredor. Están aínda soterradas, non sabemos cantas pode haber e precisaríase unha intervención arqueolóxica para determinar a súa morfoloxía.


Estado de conservación

Cando unha persoa se achega a esta mámoa, a máis importante das existentes en Vigo, non pode menos que pensar no pouco coidado que temos este patrimonio.

A limpeza e coidado de conservación habitual que debería ter este monumento megalítico non existe. Tratándose ademais dunha parcela municipal, non privada, o concello ten o deber de velar con maior responsabilidade pola súa boa conservación.

Maleza incontrolada que medra de calquera xeito e por calquera lugar. O estado actual da vexetación dá unha forte impresión de descoido que sofre esta mámoa. Nótase claramente que por aquí non pasan os coidados municipais ou cando menos que non existe unha planificación de atención e prevención do deterioro da contorna. Plásticos, paepis, botellas rotas no interior da proìa cámara, dan unha idea da paisaxe humana que acompaña esta mámoa.

Valoración final

A Casa dos Mouros está situada nunas das catro parcelas municipais que en existen elenetos destacados da nosa arte e arquitectura aqueolóxica. Que sexa municipal posibilita unha maior e mellor intervención das administracións no coidado e posta en valos da nosa arqueoloxía.

E non obstante, para empezar observamos que non existe un control nin planificación sequera da vexetación que debe medrar nesta parcela e principalmente ao redor da mámoa.

O máis salientábel non plano positivo é o investimento realizado na colocación de paneis informativos; mais estes paneis deben ser revisados periodicamente para previr e reparar os posíbeis deterioros, como lle sucede ao panel de entrada á parcela, ilexíbel na actualidade.

Neste sentido, vemos necesario colocar un segundo cartel na entrada da parcela facendo unha chamada de atención ao coidado que debe terse durante a visita para non deteriorar este monumento megalítico.

Por outra parte, hai que considerar tamén que se esta mámoa tivese a tampa posta no seu sitio, teriamos un dos monumentos neolíticos máis importantes e atraentes de Galicia no noso concello. Pensemos no atractivo que ten neste momento o dolmen de Axeitos, por exemplo, ou outros que se conservan completos polo noso país.

A reposición da tampa é un tema controvertido e para o que non hai unanimidade, mais tamén se fan certas reconstrucións nos nosos castros ou en xacigos romanos (Aquis Querquernis, p.e.) que se levaron a cabo e dalgún xeito foron aprobados e consentidos.

No caso da Casa dos Mouros a tampa está no propio lugar; só se trata de colocala no seu sitio.

A maiores disto, o feito de termos aquí mesmo a mámoa máis importante do noso concello, xunto con que forme parte da Ruta das mámoas de Candeán fan que non se entenda que este percorrido non teña a suficiente difusión no noso municipio. Na páxina do concello de Vigo aínda non existe unha descrición desta ruta, nin un mapa que se poida descargar. E podemos asegurar, sen dubidar, que é unha das principais rutas do neolítico que hai en Galicia.

Por agora o maior traballo divulgativo que podemos atopar por outros lugares da web é o pertencente á Comunidade de Montes de Candeán, no que nos ofrecen información sobre a riqueza arqueolóxica dos montes da súa parroquia e concretamente sobre esta ruta das mámoas á que eles tanto contribuíron.

Como é posíbel que aínda non existan visitas escolares para o alumnado de Vigo e de calquera outro lugar de Galicia, con materiais didácticos, que permitisen a aprendizaxe e comprensión in situ do que era un hábitat e cultura neolíticos? Mais isto requiriría o traballo conxunto de varias concellarías como Patrimonio, Educación, Cultura, Normalización Lingüística ou Medio Ambiente que creasen entre todos un programa conxunto de aplicación didáctica ao redor da nosa arqueoloxía. Pensalo e proxectalo parece de sentido común; tan pouco entendemento e colaboración existe entre os distintos departamentos?


Máis información

Rafael Ojea, “Vigo patrimonio cultural e natural”.

José Manuel Hidalgo Cuñarro, “UTILIZACION DIDÁCTICA DE LOS YACIMIENTOS ARQUEOLÓGICOS LOCALIZADOS EN PROPIEDADES MUNICIPALES”.

José Manuel Hidalgo Cuñarro, “EL FOLCLORE DE LOS YACIMIENTOS ARQUEOLÓGICOS VIGUESES”, en Arqueovigo

Amigos do arqueolóxico, Megalitos de España y su bilbiografía.


Tamén podedes acceder a unha galería de fotos desta impresionante mámoa.


Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS. Tamén podedes descargar directamente o lugar en que está esta mámoa para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa da Chan do Labrador (Candeán)

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Situación

(Ver en Google Maps)

Está moi próxima á asociación veciñal de Candeán, perfectamente sinalizada e a uns trinta metros do camiño que marca a Ruta das Mámoas de Candeán. A súa situación elevada con respecto ao camiño, na baixada do monte, permite unha boa apreciación xa dende a distancia.

Descrición

Esta mámoa mide uns 19 m de diámetro e 1,25 m de altura. Presenta un gran cono no seu interior, na parte central do túmulo. Non conserva ningún ortostato no seu interior, o que quere dicir que esta mámoa foi espoliada completamente; primeiro, seguramente, para buscar obxectos de valor no seu interior –coma na maioría destes túmulos-; máis tarde para levarlle os chantos de cara a un aproveitamento en cerramentos ou calquera outro uso.

Moi preto da mámoa hai unha gran rocha plana tirada que pode que formase parte do dolmen orixinal.

Estado de conservación

Este túmulo necesita un coidado en canto á proximidade de piñeiros que poidan danar coas súas raíces a súa estrutura e consistencia. Mostramos por adiantado o noso agradecemento á sensibilidade que a Comunidade de Montes de Candeán está mostrando na conservación de todas as mámoas que forman parte desta ruta arqueolóxica.

Esta mámoa aínda non foi escavada, e, polo tanto, descoñecemos o que pode agochar no seu interior, tanto na cámara funeraria coma no corredor de entrada.

Valoración final

Despexada de piñeiros ao seu arredor, ofrece unha fermosa visión da maxestosidade que estes túmulos lle conferían á paisaxe. Unha paisaxe que por primeira vez comezaba a ser transformada polo ser humano neolítico.

Pensemos que son as primeiras construcións monumentais e mesmo urbanísticas da nosa historia, da historia do ser humano no actual territorio galego.

Unha poboación que chegou a ser bastante numerosa dado o gran número de mámoas que existen aínda na actualidade e que son unha pequena parte das que realmente deberon existir e empregarse durante aqueles milleiros de anos (entre o V milenio e o II milenio antes da nosa era).

Podedes ver unha galería de fotos desta mámoa.

Máis información

Galería de imaxes

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa I da Chan do Touciños (Candeán)

Localización

Candeán é a parroquia que máis mámoas ten en Vigo. De feito hoxe en día xa podemos percorrer unha ruta preparada e sinalizada pola que podemos visitar e coñecer 14 túmulos funerarios do neolítico.

Esta mámoa pertencente ao conxunto tumular da Chan dos Touciños e está no barrio da Devesa, ao carón da canceira municipal e do cemiterio de Candeán.

Descrición

Esta en concreto distínguese polo ortostato de cubrición do comezo do corredor que aínda conserva. Se observades con atención, moi preto del hai outra pedra de cubrición tirada no chan.

Tamén interesa salientar que esta mámoa conta con 9 ortostatos da cámara e 2 do corredor, sobre as que está a pedra de cubrición á que aludimos.

En total esta mámoa ten uns 16 x 17 metros de diámetro e a súa altura é difícil de precisar debido á maleza que a cobre ao seu arredor.

Estado de conservación

Completamente abandonada; sobre todo chama a atención que conservando os ortostatos da cámara e o comezo do corredor, con cubrición incluída, esta mámoa debería ser obxecto dunha especial posta en valor.

Temos que valorar o traballo de intervención que se está realizando nalgunhas das mámoas de Candeán, mais as administracións van demasiado lentas. Todo este patrimonio está deteriorándose a unha velocidade máis rápida do que se está intervindo para a súa conservación.

É unha mágoa que o que se conservou ata nós dende hai uns cinco mil anos, esetea desaparecendo nos últimos tempos a unha velocidade tan grande. E temos os medios e recursos necesarios para impedilo, pero aí están agardando unha intervención, coma enfermos terminais, que para moitas quizais chegue demasiado tarde.

Máis información

Podedes acceder a unha galería fotográfica de Angel de Prado.

Navegadores GPS

Podedes vela tamén na Ruta das mámoas de Candeán e descargala ao voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa II da Chan dos Touciños (Candeán)

Localización

Esta mámoa está situada ao carón do cemiterio particular de Candeán,  na Ruta das mámoas de Candeán, e forma parte do grupo da Chan dos Touciños integrado por catro mámoas situadas nas proximidades do cemiterio privado de Candeán. Das catro que forman este grupo é a menos visíbel por non estar á beira do camiño da ruta, mais é doada de atopar no propio lugar, a uns metros da Mámoa I.

O mellor acceso é dende a zona do cemiterio, onde atopamos un pequeno cartel cun carreiro ao seu pé que nos conduce directamente a ela.

Descrición

A mámoa ten 16 m (N/S) x 14 m (L/O). A altura aproximada é de 1,5 m.

Cámara: presenta en total 9 ortóstatos na actualidade. Ata hai poucos anos aínda presentaba a pedra da cuberta, hoxe desaparecida. Comprobádeo na foto da páxina web de Amigos do Arqueolóxico. Na actualidade, podemos contar, polo tanto, 7 chantos na cámara e 2 no corredor, polo menos visíbeis, aínda que no estudo realizado por patrimonio histórico do concello de Vigo, no que tamén figura a tapa, aparecen tres chantos no corredor.

Hai numerosas pedras pequenas soltas por todo o túmulo, principalmente perceptíbeis xunta o corredor, que quizais formasen parte da súa coiraza.

O interesante desta mámoa é observar o número de chantos que aínda conserva e na que podemos apreciar o inicio do corredor xunto coa súa orientación: sueste.

Estado de conservación

O exceso de vexetación e maleza que hai ao seu arredor dificulta un pouco a súa inmediata localización. Está bastante descoidada, sen ningunha limpeza. Con árbores que medran libremente sobre o túmulo. A única sinalización con que conta é o pequeno letreiro que hai no camiño principal.

Botamos de menos unha maior e máis adecuada información in situ sobre a verdadeira importancia desta mámoa, tanto pola súa conservación como polas características que acabamos de describir.

Se queremos promover unha Ruta das mámoas de Candeán, o menos que se pode facer por parte da administración –principalmente a local- é realizar un labor de conservación e posta en valor á altura do que se quere transmitir ás persoas que realizan este percorrido. Dende logo, para atoparmos algunhas mámoas no estado en que están, mellor sería ter deixado o proxecto desta ruta para o momento en que realmente se faga ben. Agora mesmo, ante a falta de información e recomendacións sobre como visitar estes monumentos, calquera persoa pode tripar tranquilamente os túmulos e outro tipo de agresión que, co aumento de visitantes, só poden ir en detrimento da conservación deste patrimonio.

É necesario que fagamos unha correcta posta en valor do noso megalitismo, mais con toda a responsabilidade e despregue de medios por parte das entidades implicadas. Un simple letreiriño diante dunha mámoa, sen ningunha outra indicación de medidas de precaución por parte das persoas visitantes non garante en nada o seu futuro a medio ou longo prazo.

Valoración final

Esta é unha mámoa bastante completa en número de ortóstatos e representativa da configuración habitual destes megálitos. Conserva tamén bastante masa tumular, así como os típicos cachotes espallados polo túmulo pertencentes posibelmente á coiraza. Polo tanto consideramos que é un espléndido exemplar que pode servir de mostra e estudo do que os nosos devanceiros expresaron a través destas construcións.

Hai consideracións que, cando menos, podemos conxecturar acerca da posíbel visión e concepción da morte que os habitantes do neolítico podían ter naquel momento.

Lembremos que estas construcións, nalgúns casos ciclópeas para a tecnoloxía lítica da época, eran realizadas para ser “vistas e habitadas” polos mortos, xa que, logo da construción da cámara megalítica, era cuberta de terra quedando fóra da vista das persoas. Por outra parte, non nos consta que os habitantes do neolítico vivisen en construcións de pedra, o que lle dá moita máis importancia ao feito de que as “vivendas” dos mortos fosen realizadas con semellante esforzo.

É unha mágoa que desaparecese a pedra da cuberta, inexplicábel a estas alturas e despois de ter realizado a correspondente prospección oficial, seguramente por falta das oportunas precaucións por parte das entidades responsábeis da súa conservación.

Podedes ver unha galería de fotos desta mámoa.

Máis información na web:

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa III da Chan dos Touciños (Candeán)

Localización

(Ver en Google Maps)

Podemos vela ao carón do cemiterio privado de Candeán; demasiado preto do seu valado de cerramento. Forma parte do conxunto dos catro túmulos que existen neste lugar arqueolóxico denominado Chan dos Touciños.

Descrición

É unha das mámoas máis grandes que conservamos en Vigo. Mide 20×22 m de diámetro nos dous eixos principais. Ten uns 2 m de altura. Precisamente é na altura nun dos aspectos nos que máis destaca con respecto aos demais túmulos que hai no concello. O cono central ten uns 11 m de diámetro, no que conserva algún dos chantos da cámara.

Estado de conservación

Estivo a piques de desaparecer debido ás obras que se realizaron ao seu arredor; de feito, perdeu unha boa parte do túmulo na zona que está máis apegada ao valado do cemiterio. Daba mágoa observar o tremendo corte, a incomprensíbel mutilación á que foi sometida, sen control ningún por parte de ningunha das administracións. Isto produciuse a finais dos anos noventa do pasado século, cando a construción do cemiterio. na foto aérea que tendes no enlace “situación” pódese apreciar claramente este corte.

Dentro do camposanto tamén podemos ver os restos da mámoa IV da Chan dos Touciños, que foi incorporada dentro da obra, mais da que apenas queda a súa presenza manifesta, coma unha expresión de protesta polos centos de anos de agresión que tivo que soportar ata a súa testemuñal conservación na actualidade.

O túmulo que nos ocupa tivo que ser reconstruído no anaco que lle foi cortado. Con todo esta intervención valeu para aprender algo máis sobre a súa construción e as técnicas e materiais que empregaron para erixilo. Cando vos acheguedes poderedes decatarvos da gran cantidade de pedra que conserva por toda a superficie do túmulo aínda na actualidade.

Sábese, e así o explica o letreiro que ten ao seu pé, que logo de asentar os chantos empregaron dous tipos de terra diferentes, con distintas consistencias, para ocultar os ortostatos, e logo recuberta cunha capa de pedras.

Valoración final

Sería ideal poder afirmar que agresións deste tipo non volverán a ocorrer nunca máis, pero cando observamos ao noso arredor non podemos menos ca preguntarnos cando rematará esta sangría. Lembremos exemplos coma as mámoas do Mercantil (mirade nas fotos onde están aínda as pedras arrombadas –faranas desaparecer sen máis logo desta publicación?), ou as que foron afectadas pola construción da autoestrada de Puxeiros a Tui, amoreadas en terra de ninguén (probade a preguntar se son de Vigo ou de Mos).

Pero se nin tan sequera a única mámoa que temos en terreo municipal, a “Casa dos Mouros” en Candeán, conta aínda con ningún tipo de posta en valor didáctico ou histórico ou arqueolóxico, máis ca entrar dentro da Ruta das Mámoas de Candeán, illada nunha desesperante e desesperanzadora desolación e soidade, sen que ningunha adminsitración –principalmente a municipal- se poña a traballar seriamente neste labor.

Máis información

Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa IV da Chan dos Touciños (Candeán)

Situación: esta mámoa está no interior do cemiterio privado de Candeán, nun lugar habilitado especialmente para a súa “conservación”. Forma parte do conxunto formado por catro mámoas denominado Chan dos Touciños.

Descrición: o túmulo está moi alterado debido ás continuas agresións que sufriu.

Aínda se poden apreciar os seus 10 metros de diámetro e o medio metro de altura que conserva. Inicialmente tiña uns 11 ortostatos, hoxe en día apenas podemos atopar 3 chantos xuntos no centro da mámoa, arrodeados doutras pedras de difícil asignación, mesturadas con outras claramente modernas. Espallados pola mámoa tamén poden apreciarse outros elementos que poden ser ortostatos deste dolmen, mais que non se poden precisar con claridade.

Estado de conservación: por unha parte, lamentábel e penoso; por outra, menos mal que aínda está aí o que dela queda. Foi unha pena que se deixase estragar dende o principio, mesmo a punto de desaparecer, para despois facer un intento de posta en valor cos seus restos.

Valoración final: Paradoxos da historia, estamos ante un cemiterio dentro doutro cemiterio. Podería parece que os seres humanos escollemos os lugares dos modernos cemiterios por algunha reminiscencia dos antigos. A separación cronolóxica entrambos os dous é de máis de 5.000 anos. Pensemos que o actual é un cemiterio que data dos anos noventa; polo tanto, moi recente. Cunha lei de conservación do patrimonio en vigor, con gobernos democráticos de tradición progresista no concello, cunha serie de recursos legais e de vixilancia e control que permitirían que se evitase todo o dano que se produciu neste conxunto arqueolóxico (hai unha inmensa mámoa, Chan dos Touciños 3, apegada ao exterior do recinto que foi gravemente mutilada) e non se fixo nada.

E non obstante hai que dicir que é unha sorte que aínda poidamos conservala na actualidade. A pesar da inadecuada situación deste cemiterio, nunha zona de alta sensibilidade arqueolóxica, os seus promotores conscientes da súa relevancia histórica, reservaron un lugar dentro do recinto para a súa conservación. Dispúxose un deseño estrelado de pequenos vieiros de grava que converxen na mámoa dende distintos lugares e mantéñena limpa de maleza.

O estrago sufrido por esta tumba neolítica é case irrecuperábel. Agardemos que unha merecida prospección sirva par unha posta en valor e coñecemento das súas características iniciais.

Podedes ver unha galería de fotos desta mámoa.

Máis información na web:

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa I do Ferradouro (Candeán)

Arquivado en: Candeán,Ferradouro I-II,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este túmulo forma parte do conxunto de dúas mámoas chamadas do Ferradouro I e Ferradouro II, incluídas na Ruta das mámoas de Candeán. Distantes uns cincuenta metros unha da outra, atópanse a ambos os lados do camiño por onde discorre a ruta, entre o cemiterio de Candeán, onde están as mámoas da chan dos Touciños, e as mámoas de Costa Freiría, preto do parque do Vixiador. Ao seu carón eríxese un pequeno cartel descritivo.

Descrición

É dun tamaño inferior á súa parella ferradouro II. Mide 10m x 10,5m. A altura apenas sobrepasa os 0,50cm. Túmulo: está bastante arrasado e de difícil recoñecemento. Só a observación atenta das pequenas elevacións que presentan as mámoas, xunto coa presenza do cono de violación, con ou sen ortostatos, nos permiten identificar estas primeiras construcións do ser humano no noso concello.

Cámara: conserva dous ortóstatos, separados entre si. As demais pedras desaparaceron. Sobre a mámoa aínda se poden recoñecer pequenas pedras que seguramente formaron parte da coiraza que reforza o túmulo.

Estado de conservación

Pésimo; a pesar do letreiro que ten ao seu carón, non se realizan traballos de conservación e limpeza que a fagan cando menos algo maís recoñecíbel. Por outra parte, a construción dun camiño mesmo pola súa beira deteriorou o túmulo no lugar afectado.

Valoración final

A agresión do ser humano ao longo dos milenios contra estas construcións neolíticas fai que ás veces sexa un milagre a súa supervivencia ata os nosos días; principalmente a partir da explotación intensiva dos recursos forestais dos montes, coa incorporación de maquinaria pesada e labores de repoboamento e acondicionamento que arrasaron incontables elementos tan singulares do noso patrimonio. Esta mámoa é un bo exemplo desta continua agresión, que a deixou reducida a unha mínima expresión aínda recoñecíbel do que foi na súa orixe.

Máis información

Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa II do Ferradouro (Candeán)

Arquivado en: Candeán,Ferradouro I-II,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este túmulo forma parte do conxunto de dúas mámoas chamadas do Ferradouro, incluídas na Ruta das mámoas de Candeán. Distantes uns cincuenta metros unha da outra, atópanse a ambos os lados do camiño por onde discorre a ruta, entre o cemiterio de Candeán, onde están as mámoas da chan dos Touciños, e as mámoas de Costa Freiría, preto do parque do Vixiador. Ao seu carón eríxese un pequeno cartel descritivo.

Na colección Rutas arqueolóxicas viguesas 3, Cultura megalítica, editado polo museo de Castrelos, aparece co nome de Anta de Herminde.

Descrición

Conta cun túmulo bastante recoñecíbel aínda, do que sobresaen varios ortostatos.

Túmulo: mide 12 x 14 m e ten uns 80 cm de altura. Está bastante arrasado, aínda que se pode apreciar con certa claridade a súa forma sobre o terreo. Dispersas por todo o túmulo poden apreciarse pedras soltas que seguramente forman parte da coiraza da mámoa.

Cámara: está formada por un número de ortostatos sobre os que non existe unanimidade. Nalgúns lugares aparecen debuxados esquematicamente sete ortostatos; noutros aparecen nove.

Valoración final

Nos carteis descritivo botamos en falta indicacións sobre como comportarse ante cada unha destas mámoas: non subir sobre o túmulo, non manipular as pedras da cámara nin as que hai ciscadas sobre o túmulo formando parte da súa coiraza.

Tamén botamos de menos carteis máis descritivos das características destas mámoas: dimensións, debuxo esquemático, afectacións, contexto local e xeral, etc.

Máis información

Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa III de Costa Freiría (Candeán)

Forma parte do conxunto de tres mámoas que están situadas preto do parque do Vixiador, xunto coas mámoa I e mámoa II de Costa Freiría.

Mide 17 m de diámetro e 1 m de altura. Está bastante maltratada polo tempo e a acción humana. Mais aínda así conserva algúns chantos que son perfectamente visíbeis dentro do cono de violación que presenta no centro.

Contando con detemento os ortostatos que están á vista observamos que son 7 en total, algúns deles desprazados do sitio.

A mámoa aínda conserva a súa forma, un pouco alterada cara ao leste, e é perceptible a simple vista dende unha certa distancia.

Ao redor do túmulo tamén podedes observar multitude de pedras que seguramente forman parte da coiraza do recubrimento da propia mámoa.

Desde esta mámoa poden percibirse perfectamente a silueta dos tres túmulos que forman este conxunto.

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa II de Costa Freiría (Candeán)

Esta mámoa está situada moi preto do parque do Vixiador, ao lado da máis coñecida mámoa I de Costa Freiría, aínda que bastante peor conservada. Ao seu lado tamén está a terceira mámoa deste grupo, a mámoa III de Costa Freiría, formando parte da Ruta das Mámoas de Candeán.

O túmulo é perceptíbel con certa dificultade para calquera persoa pouco avezada na súa identificación. O feito de non contar con ningunha intervención que a saliente da contorna dificulta esta identificación.

Presenta un cartel identificador e brevemente descritivo que nos orienta do que nela podemos apreciar con maior relevancia.

Ten aproximadamente 13 m de diámetro e apenas uns 50 cm de altura.

Achegándonos a ela podemos observar varios chantos que asoman sobre a terra, que seguramente pertencen á propia cámara do dolmen.

Nesta derradeira foto observámola en primeiro plano, apenas distinguíndose do terreo, e ao fondo destaca en cambio a súa compañeira a mámoa I de Costa Freiría.

É unha mágoa non facer o esforzo de continuar as intervencións que se realizaron na mámoa I de cara a poñer en valor este conxunto megalítico. Isto permitiríanos comparar máis axeitadamente a diferenza de tamaños e formas tanto das mámoas coma dos chantos que as configuran, así como analizar a posíbel relación territorial e quen sabe se “urbanística” entre as tres construcións. O subsolo das mámoas e do terreo que as circunda pode desvelar sorpresas en canto á conformación destes conxuntos que aínda está por estudar a fondo.

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa I de Costa Freiría (Candeán)

A mámoa I de Costa Freiría está situada moi preto do parque do Vixiador. Foi escavada no ano 2006 para a súa investigación e posta en valor social. Incorporada como está dentro da Ruta das mámoas de Candeán, xunto con outra tamén escavada no propio parque do Vixiador, poñen en relevo esta iniciativa cultural de permitir visitar unhas catorce mámoas durante un fermoso percorrido ao longo de case catro quilómetros.

A sensibilidade mostrada neste caso pola Comunidade de Montes de Candeán debe ser un exemplo a seguir polas demais comunidades de montes que existen no noso territorio.

Trátase dunha mámoa sinalizada, ao igual ca as demais do percorrido, e que nos ofrece información no propio lugar das súas características e dos materiais nela atopados. Forma parte dun conxunto de tres mámoas sinalizadas e nomeadas como Costa Freiría I, II e III.

As súas dimensións son considerables, xa que ten 16 metros de diámetro e unha altura de 1,80 m. no seu interior conserva aínda 10 ortostatos; oito pertencentes á cámara e dous do corredor.

Na sinalización podemos ler que durante as escavacións atopáronse obxectos neolíticos de gran importancia: fragmentos de cerámica, unha punta de frecha, un fragmento dunha man de muíño, unha aixola e un machado puídos de anfibolita.

O túmulo está bastante rebaixado e deformado cara ao leste, a zona da entrada da cámara. Ao redor da mámoa de terra que arrodea os chantos poden observarse diversas pedras que poden formar parte da coiraza que reforza o túmulo.

Podedes ver neste enlace unha relación de fotos máis completa deste monumento megalítico.

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa 1 do Vixiador (Candeán)

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa está situada no medio do parque do Vixiador, a carón do miradoiro de terra construído entre as árbores.

Na actualidade está en proceso de escavación e estudo, e isto dános conta das verdadeiras dimensións destas construcións unha vez abertas. Das cerca de corenta mámoas que hai no concello, por agora só dúas foron obxecto de escavacións: esta do Vixiador e a de Costa Freiría 1. Neste cometido hai que salientar a gran sensibilidade que está mostrando a comunidade de montes de Candeán, exemplo que invitamos a seguir noutras comunidades e que celebramos que tamén se estea a facer en comunidades de montes veciñas.

É unha mágoa, en cambio, que a única mámoa situada nun terreo municipal, a “Casa dos Mouros” tamén en Candeán, a máis completa e espectacular en número e disposición dos ortóstatos das conservadas, presente tal estado de abandono, sen intervención arqueolóxica que faga dela un referente de visitas e estudos.

Os outros tres xacementos arqueolóxicos en terreos municipais agardan no limbo dos xustos: a devandita mámoa neolítica da Madroa “Casa dos Mouros”, na que se fixo unha limpeza de terreo para incluíla na ruta das mámoas de Candeán; o conxunto rupestre “Pedra da Laxe” en Sárdoma, polo que hai que felicitar ao concello pola permuta urbanística que permitiu que non se construíse nesta parcela, pero que aí quedou; e o poboado galaico do Monte do Castro, que dentro de pouco vai parecer un elemento decorativo en pedra no xardín de herba que hai ao seu arredor.

Descrición

Da mámoa do Vixiador podemos admirar o seu enorme túmulo duns 30 m de diámetro no seu eixo maior e que acada uns 2 m de altura. O estado actual das escavacións permite decatarse da dimensión do traballo levado a cabo polos habitantes do neolítico para elaborar estes megálitos sen instrumentos metais. Un traballo comunal que nos dá idea da dimensión das súas crenzas máis alá da vida. Das súas propias vivendas non quedou rastro, o que quere dicir que non eran asentamentos e construcións moi sólidas, inda que vivisen preto das necrópoles de mámoas; e porén, para os seus mortos facían moradías eternas (ata chegarmos nós) e cun traballo colosal para a tecnoloxía da súa época.

A escavación actual revela a dimensión do tamaño dos ortostatos, así como a dimensión da propia cámara funeraria, tanto en altura como en espazo interior. Unha foto anterior ao actual estado das escavacións permítenos valorar as características deste traballo.

As catas laterais permiten tamén decatarse da técnica de construción da propia mámoa que soterra os ortostatos: distintas capas de terra e pedra que facilitan a permanencia e solidez do túmulo.

Os plásticos son necesarios neste momento para preservar calquera tipo de pinturas ou gravados que poida haber nas caras das lousas, tal como se descubriu en Dombate. Fóra do túmulo hai outros ortostatos tamén envolveitos en plásticos. O descoñecemento das persoas que se achegan a visitar este xacemento á intemperie e sen indicacións ou advertencias de ningún tipo leva a que xa quitasen o plástico dalgunha das lousas (para ver o que hai dentro?).

Estado de conservación

Está claro que nun xacemento aberto, tan á intemperie coma este, situado nun lugar que co bo tempo é frecuentado por centos de persoas diarias, como non se faga algo con rapidez, non sabemos que vai ser del ou que utilidade lle vai acabar dando a curiosidade da xente; unhas persoas por descoñecemento e outras por comportamento desaprensivo. É necesaria unha inmediata intervención con delimitación do lugar e información abundante in situ para que a xente saiba como comportarse ante un monumento destas características e no actual estado de escavacións.

Aínda que na Ruta das mámoas de Candeán esta necrópole aparece como a última visita marcada, nós estendemos o final ata a mámoa 2 do Vixiador, situada moi preto desta, pero que non aparece no roteiro oficial por estar xa no dentro de territorio redondelán.

Máis información

Podedes ver neste enlace unha galería de  imaxes máis completa deste monumento megalítico.

Concello de Vigo, Áreas Etnoarqueolóxicas

Megalitos de España y su bibliografía, Mámoa do Vixiador

Navegadores GPS

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa 2 do Vixiador

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta é unha mámoa que está situada á beira do camiño asfaltado que comunica o parque forestal do Vixiador co monte Mirallo, tamén coñecido como monte Penide, na parroquia de Cabeiro en Redondela. É a vía directa dende o Vixiador para dirixirnos a visitar a Mámoa do Rei e o conxunto tumular que a arrodea.

Realmente, cando paseamos por estes lugares, estamos visitando o maior “parque arqueolóxico” de Galiza. O conxunto formado polos montes de Candeán e Cabral en Vigo e os montes das parroquias de Cabeiro, Trasmañó, Negros e Cedeira en Redondela comprenden máis de noventa mámoas, ao redor dunha vintena de estacións de gravados rupestres e catro castros. Un percorrido por máis de cinco mil anos de historia, todo no mesmo lugar xeográfico, comprendendo os tres principais períodos: neolítico, idade de bronce e idade de ferro. O proxecto do parque arqueolóxico xa está creado e é grandioso e ambicioso. Só falta que as administracións se curen da miopía na que viven. Esta é unha tarefa á que invitamos a participar a todas aquelas persoas que se apunten para crearmos entre todos un blog específico que dea a coñecer as marabillas e riqueza patrimonial deste conxunto arqueolóxico. Un blog colectivo elaborado entre todas aquelas persoas que temos inquedanza polo noso patrimonio e queiramos unir esforzos. Unha descrición máis detallada de proposta de parque arqueolóxico para estes montes podedes lela no blog do arqueólogo Hidalgo Cuñarro.

Descrición

A mámoa que nos ocupa nesta ocasión pasa desapercibida para quen non a coñeza, e son moitas as persoas que pasan decote ao seu lado. Ten uns once metros de diámetro e aproximadamente un metro e medio de altura. Está rodeada de maleza e en mal estado de conservación. O principal perigo desta mámoa e de tantas outras é o traballo forestal que se realiza ao seu arredor. Tractores desbrozadores que soben e baixan por elas debido á falta de protección e indicación, talas ou plantacións de árbores nos propios túmulos, todo tipo de vehículos pesados que realizan labores forestais pasando por riba das mámoas… e continúan aí despois de seis mil anos.

A pesar da maleza e árbores que a ocupan, pódese observar o cono central con varios chantos que aínda se conservan.

Aínda que esta mámoa xa non está dentro do concello de Vigo, senón de Redondela, a súa proximidade á Mámoa 1 do Vixiador e ao propio parque recomenda a súa inclusión neste percorrido neolítico polos montes de Candeán.

Navegadores GPS

Podedes vela tamén na Ruta das mámoas de Candeán e descargala ao voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)