Patrimonio cultural de Vigo

Localización:

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa está no interior do cemiterio privado de Candeán, nun lugar habilitado especialmente para a súa “conservación”. Forma parte do conxunto formado por catro mámoas denominado Chan dos Touciños.

Descrición:

O túmulo está moi alterado debido ás continuas agresións que sufriu.

Aínda se poden apreciar os seus 10 metros de diámetro e o medio metro de altura que conserva. Inicialmente tiña uns 11 ortóstatos, hoxe en día apenas podemos atopar 3 chantos xuntos no centro da mámoa, arrodeados doutras pedras de difícil asignación, mesturadas con outras claramente modernas. Espallados pola mámoa tamén poden apreciarse outros elementos que poden ser ortóstatos deste dolmen, mais que non se poden precisar con claridade.

Estado de conservación:

Por unha parte, lamentábel e penoso; por outra, menos mal que aínda está aí o que dela queda. Foi unha pena que se deixase estragar dende o principio, mesmo a punto de desaparecer, para despois facer un intento de posta en valor cos seus restos.

Valoración final:

Paradoxos da historia, estamos ante un cemiterio dentro doutro cemiterio. Podería parecer que os seres humanos escollemos os lugares dos modernos cemiterios por algunha reminiscencia dos antigos. A separación cronolóxica entrambos os dous é de máis de 5.000 anos. Pensemos que o actual é un cemiterio que data dos anos noventa; polo tanto, moi recente. Cunha lei de conservación do patrimonio en vigor, con gobernos democráticos no Concello, cunha serie de recursos legais e de vixilancia e control que permitirían que se evitase todo o dano que se produciu neste conxunto arqueolóxico (hai unha inmensa mámoa, Chan dos Touciños 3, apegada ao exterior do recinto que foi gravemente mutilada) e non se fixo nada.

 

E non obstante hai que dicir que é unha sorte que aínda poidamos conservala na actualidade. A pesar da inadecuada situación deste cemiterio, nunha zona de alta sensibilidade arqueolóxica, os seus promotores conscientes da súa relevancia histórica, reservaron un lugar dentro do recinto para a súa conservación. Dispúxose un deseño estrelado de pequenos vieiros de grava que converxen na mámoa dende distintos lugares e mantéñena limpa de maleza.

O estrago sufrido por esta tumba neolítica é case irrecuperábel. Agardemos que unha merecida prospección sirva par unha posta en valor e coñecemento das súas características iniciais.

Galería de imaxes:

Podedes ver unha galería de fotos desta mámoa.

Máis información na Web:

 

Ruta das mámoas de Candeán

2 comentarios

  1. […] século, cando a construción do cemiterio. Dentro do camposanto tamén podemos ver os restos da mámoa IV da Chan dos Touciños, que foi incorporada dentro da obra, mais da que apenas queda a súa presenza manifesta, coma unha […]

    Pingback by Mámoa 3 da Chan dos Touciños (Candeán) « Patrimonio cultural de Vigo — 1 julio, 2008 @ 21:13

  2. […] se construíu o cemiterio privado de Candeán, unha mámoa que quedaba dentro do recinto (Mámoa IV da Chan dos Touciños) foi conservada e mesmo destacada dentro do conxunto. Hoxe en día o cartel publicitario deste […]

    Pingback by As mámoas destruídas do Mercantil « Patrimonio cultural de Vigo — 30 julio, 2008 @ 23:15

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.