Patrimonio cultural de Vigo

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa está situada ao carón do cemiterio particular de Candeán,  na Ruta das mámoas de Candeán, e forma parte do grupo da Chan dos Touciños integrado por catro mámoas situadas nas proximidades do cemiterio privado de Candeán. Das catro que forman este grupo é a menos visíbel por non estar á beira do camiño da ruta, mais é doada de atopar no propio lugar, a uns metros da Mámoa I.

O mellor acceso é dende a zona do cemiterio, onde atopamos un pequeno cartel cun carreiro ao seu pé que nos conduce directamente a ela.

Descrición

A mámoa ten 16 m (N/S) x 14 m (L/O). A altura aproximada é de 1,5 m.

Cámara: presenta en total 9 ortóstatos na actualidade. Ata hai poucos anos aínda presentaba a pedra da cuberta, hoxe desaparecida. Comprobádeo na foto da páxina web de Amigos do Arqueolóxico. Na actualidade, podemos contar, polo tanto, 7 chantos na cámara e 2 no corredor, polo menos visíbeis, aínda que no estudo realizado por patrimonio histórico do concello de Vigo, no que tamén figura a tapa, aparecen tres chantos no corredor.

Hai numerosas pedras pequenas soltas por todo o túmulo, principalmente perceptíbeis xunta o corredor, que quizais formasen parte da súa coiraza.

O interesante desta mámoa é observar o número de chantos que aínda conserva e na que podemos apreciar o inicio do corredor xunto coa súa orientación: sueste.

Estado de conservación

O exceso de vexetación e maleza que hai ao seu arredor dificulta un pouco a súa inmediata localización. Está bastante descoidada, sen ningunha limpeza. Con árbores que medran libremente sobre o túmulo. A única sinalización con que conta é o pequeno letreiro que hai no camiño principal.

Botamos de menos unha maior e máis adecuada información in situ sobre a verdadeira importancia desta mámoa, tanto pola súa conservación como polas características que acabamos de describir.

Se queremos promover unha Ruta das mámoas de Candeán, o menos que se pode facer por parte da Administración –principalmente a local- é realizar un labor de conservación e posta en valor á altura do que se quere transmitir ás persoas que realizan este percorrido. Dende logo, para atoparmos algunhas mámoas no estado en que están, mellor sería ter deixado o proxecto desta ruta para o momento en que realmente se faga ben. Agora mesmo, ante a falta de información e recomendacións sobre como visitar estes monumentos, calquera persoa pode tripar tranquilamente os túmulos e outro tipo de agresión que, co aumento de visitantes, só poden ir en detrimento da conservación deste patrimonio.

É necesario que fagamos unha correcta posta en valor do noso megalitismo, mais con toda a responsabilidade e despregue de medios por parte das entidades implicadas. Un simple letreiriño diante dunha mámoa, sen ningunha outra indicación de medidas de precaución por parte das persoas visitantes non garante en nada o seu futuro a medio ou longo prazo.

Valoración final

Esta é unha mámoa bastante completa en número de ortóstatos e representativa da configuración habitual destes megálitos. Conserva tamén bastante masa tumular, así como os típicos cachotes espallados polo túmulo pertencentes posibelmente á coiraza. Polo tanto consideramos que é un espléndido exemplar que pode servir de mostra e estudo do que os nosos devanceiros expresaron a través destas construcións.

Hai consideracións que, cando menos, podemos conxecturar acerca da posíbel visión e concepción da morte que os habitantes do neolítico podían ter naquel momento.

Lembremos que estas construcións, nalgúns casos ciclópeas para a tecnoloxía lítica da época, eran realizadas para ser “vistas e habitadas” polos mortos, xa que, logo da construción da cámara megalítica, era cuberta de terra quedando fóra da vista das persoas. Por outra parte, non nos consta que os habitantes do neolítico vivisen en construcións de pedra, o que lle dá moita máis importancia ao feito de que as “vivendas” dos mortos fosen realizadas con semellante esforzo.

É unha mágoa que desaparecese a pedra da cuberta, inexplicábel a estas alturas e despois de ter realizado a correspondente prospección oficial, seguramente por falta das oportunas precaucións por parte das entidades responsábeis da súa conservación.

 

 

 

 

 

 

 

 

 Actualización 2020

Na visita realizada en xullo de 2020 foi imposible poder ver esta mámoa.

A pesar de estar indicada co correspondente carteliño, detrás del só hai unha inmensa matogueira impenetrable de maleza e arbustos que non deixan ver nada.

Este é o terceiro elemento da ruta das mámoas de Candeán que non podemos visitar debido á falta de conservación.

Este é un labor que lle corresponde á Administración local para poder realizar unha visita completa a todo o conxunto de mámoas que forman esta ruta.

A continuación tendes unhas imaxes do estado actual do lugar onde se atopa esta mámoa:

IMG_20200628_175447

 

Máis información

 

Ruta das mámoas de Candeán

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.