Situación
Está moi próxima á asociación veciñal de Candeán, perfectamente sinalizada e a uns trinta metros do camiño que marca a Ruta das Mámoas de Candeán. A súa situación elevada con respecto ao camiño, na baixada do monte, permite unha boa apreciación xa dende a distancia.
Descrición
Esta mámoa mide uns 19 m de diámetro e 1,25 m de altura. Presenta un gran cono no seu interior, na parte central do túmulo. Non conserva ningún ortostato no seu interior, o que quere dicir que esta mámoa foi espoliada completamente; primeiro, seguramente, para buscar obxectos de valor no seu interior –coma na maioría destes túmulos-; máis tarde para levarlle os chantos de cara a un aproveitamento en cerramentos ou calquera outro uso.
Moi preto da mámoa hai unha gran rocha plana tirada que pode que formase parte do dolmen orixinal.
Estado de conservación
Este túmulo necesita un coidado en canto á proximidade de piñeiros que poidan danar coas súas raíces a súa estrutura e consistencia. Mostramos por adiantado o noso agradecemento á sensibilidade que a Comunidade de Montes de Candeán está mostrando na conservación de todas as mámoas que forman parte desta ruta arqueolóxica.
Esta mámoa aínda non foi escavada, e, polo tanto, descoñecemos o que pode agochar no seu interior, tanto na cámara funeraria coma no corredor de entrada.
Valoración final
Despexada de piñeiros ao seu arredor, ofrece unha fermosa visión da maxestosidade que estes túmulos lle conferían á paisaxe. Unha paisaxe que por primeira vez comezaba a ser transformada polo ser humano neolítico.
Pensemos que son as primeiras construcións monumentais e mesmo urbanísticas da nosa historia, da historia do ser humano no actual territorio galego.
Unha poboación que chegou a ser bastante numerosa dado o gran número de mámoas que existen aínda na actualidade e que son unha pequena parte das que realmente deberon existir e empregarse durante aqueles milleiros de anos (entre o V milenio e o II milenio antes da nosa era).
Podedes ver unha galería de fotos desta mámoa.
Máis información
- Natureza viva (premer sobre os túmulos).
- Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo).
- Amigos do arqueolóxico. Megálitos de Pontevedra. (con debuxo esquemático).
Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)