Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Candeán,Mámoas,Ruta mámoas de Candeán — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa está situada no medio do parque do Vixiador, a carón do miradoiro de terra construído entre as árbores.

Na actualidade está en proceso de escavación e estudo, e isto dános conta das verdadeiras dimensións destas construcións unha vez abertas. Das cerca de corenta mámoas que hai no concello, por agora só dúas foron obxecto de escavacións: esta do Vixiador e a de Costa Freiría 1. Neste cometido hai que salientar a gran sensibilidade que está mostrando a comunidade de montes de Candeán, exemplo que invitamos a seguir noutras comunidades e que celebramos que tamén se estea a facer en comunidades de montes veciñas.

É unha mágoa, en cambio, que a única mámoa situada nun terreo municipal, a “Casa dos Mouros” tamén en Candeán, a máis completa e espectacular en número e disposición dos ortóstatos das conservadas, presente tal estado de abandono, sen intervención arqueolóxica que faga dela un referente de visitas e estudos.

Os outros tres xacementos arqueolóxicos en terreos municipais agardan no limbo dos xustos: a devandita mámoa neolítica da Madroa “Casa dos Mouros”, na que se fixo unha limpeza de terreo para incluíla na ruta das mámoas de Candeán; o conxunto rupestre “Pedra da Laxe” en Sárdoma, polo que hai que felicitar ao concello pola permuta urbanística que permitiu que non se construíse nesta parcela, pero que aí quedou; e o poboado galaico do Monte do Castro, que dentro de pouco vai parecer un elemento decorativo en pedra no xardín de herba que hai ao seu arredor.

Descrición

Da mámoa do Vixiador podemos admirar o seu enorme túmulo duns 30 m de diámetro no seu eixo maior e que acada uns 2 m de altura. O estado actual das escavacións permite decatarse da dimensión do traballo levado a cabo polos habitantes do neolítico para elaborar estes megálitos sen instrumentos metais. Un traballo comunal que nos dá idea da dimensión das súas crenzas máis alá da vida. Das súas propias vivendas non quedou rastro, o que quere dicir que non eran asentamentos e construcións moi sólidas, inda que vivisen preto das necrópoles de mámoas; e porén, para os seus mortos facían moradías eternas (ata chegarmos nós) e cun traballo colosal para a tecnoloxía da súa época.

A escavación actual revela a dimensión do tamaño dos ortoótatos, así como a dimensión da propia cámara funeraria, tanto en altura como en espazo interior. Unha foto anterior ao actual estado das escavacións permítenos valorar as características deste traballo.

As catas laterais permiten tamén decatarse da técnica de construción da propia mámoa que soterra os ortóstatos: distintas capas de terra e pedra que facilitan a permanencia e solidez do túmulo.

Os plásticos son necesarios neste momento para preservar calquera tipo de pinturas ou gravados que poida haber nas caras das lousas, tal como se descubriu no dolmen de Dombate. Fóra do túmulo hai outros ortóstatos tamén envoltos en plásticos. O descoñecemento das persoas que se achegan a visitar este xacemento á intemperie e sen indicacións ou advertencias de ningún tipo leva a que xa quitasen o plástico dalgunha das lousas (para ver o que hai dentro?).

Estado de conservación

Está claro que nun xacemento aberto, tan á intemperie coma este, situado nun lugar que co bo tempo é frecuentado por centos de persoas diarias, como non se faga algo con rapidez, non sabemos que vai ser del ou que utilidade lle vai acabar dando a curiosidade da xente; unhas persoas por descoñecemento e outras por comportamento desaprehensivo. É necesaria unha inmediata intervención con delimitación do lugar e información abundante in situ para que a xente saiba como comportarse ante un monumento destas características e no actual estado de escavacións.

Aínda que na Ruta das mámoas de Candeán esta necrópole aparece como a última visita marcada, nós estendemos o final ata a mámoa 2 do Vixiador, situada moi preto desta, pero que non aparece no roteiro oficial por estar xa no dentro de territorio redondelán.

Máis información

Galería de imaxes

Podedes ver neste enlace unha galería de  imaxes máis completa deste monumento megalítico.

Ruta das mámoas de Candeán

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.