Localización
A mámoa I de Costa Freiría está situada moi preto do parque do Vixiador. Foi escavada no ano 2006 para a súa investigación e posta en valor social. Incorporada como está dentro da Ruta das mámoas de Candeán, xunto con outra tamén escavada no propio parque do Vixiador, poñen en relevo esta iniciativa cultural de permitir visitar unhas catorce mámoas durante un fermoso percorrido ao longo de case catro quilómetros.
A sensibilidade mostrada neste caso pola Comunidade de Montes de Candeán debe ser un exemplo a seguir polas demais comunidades de montes que existen no noso territorio.
Descrición
Trátase dunha mámoa sinalizada, ao igual ca as demais do percorrido, e que nos ofrece información no propio lugar das súas características e dos materiais nela atopados. Forma parte dun conxunto de tres mámoas sinalizadas e nomeadas como Costa Freiría I, II e III.
As súas dimensións son considerables, xa que ten 16 metros de diámetro e unha altura de 1,80 m. no seu interior conserva aínda 10 ortóstatos; oito pertencentes á cámara e dous do corredor.
Na sinalización podemos ler que durante as escavacións atopáronse obxectos neolíticos de grande importancia: fragmentos de cerámica, unha punta de frecha, un fragmento dunha man de muíño, unha aixola e un machado puídos de anfibolita.
O túmulo está bastante rebaixado e deformado cara ao leste, a zona da entrada da cámara. Ao redor da mámoa de terra que arrodea os chantos poden observarse diversas pedras que quizais forman parte da coiraza que reforza o túmulo.
Máis información
- Catálogo do PXOM do Concello de Vigo
- Patrimonio Galego (patrimoniogalego.net)
Galería de imaxes
Podedes ver neste enlace unha relación de fotos máis completa deste monumento megalítico.