Patrimonio cultural de Vigo

Costa Freiría I,II,III

Mámoa III de Costa Freiría (Candeán)

Forma parte do conxunto de tres mámoas que están situadas preto do parque do Vixiador, xunto coas mámoa I e mámoa II de Costa Freiría.

Mide 17 m de diámetro e 1 m de altura. Está bastante maltratada polo tempo e a acción humana. Mais aínda así conserva algúns chantos que son perfectamente visíbeis dentro do cono de violación que presenta no centro.

Contando con detemento os ortostatos que están á vista observamos que son 7 en total, algúns deles desprazados do sitio.

A mámoa aínda conserva a súa forma, un pouco alterada cara ao leste, e é perceptible a simple vista dende unha certa distancia.

Ao redor do túmulo tamén podedes observar multitude de pedras que seguramente forman parte da coiraza do recubrimento da propia mámoa.

Desde esta mámoa poden percibirse perfectamente a silueta dos tres túmulos que forman este conxunto.

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa II de Costa Freiría (Candeán)

Esta mámoa está situada moi preto do parque do Vixiador, ao lado da máis coñecida mámoa I de Costa Freiría, aínda que bastante peor conservada. Ao seu lado tamén está a terceira mámoa deste grupo, a mámoa III de Costa Freiría, formando parte da Ruta das Mámoas de Candeán.

O túmulo é perceptíbel con certa dificultade para calquera persoa pouco avezada na súa identificación. O feito de non contar con ningunha intervención que a saliente da contorna dificulta esta identificación.

Presenta un cartel identificador e brevemente descritivo que nos orienta do que nela podemos apreciar con maior relevancia.

Ten aproximadamente 13 m de diámetro e apenas uns 50 cm de altura.

Achegándonos a ela podemos observar varios chantos que asoman sobre a terra, que seguramente pertencen á propia cámara do dolmen.

Nesta derradeira foto observámola en primeiro plano, apenas distinguíndose do terreo, e ao fondo destaca en cambio a súa compañeira a mámoa I de Costa Freiría.

É unha mágoa non facer o esforzo de continuar as intervencións que se realizaron na mámoa I de cara a poñer en valor este conxunto megalítico. Isto permitiríanos comparar máis axeitadamente a diferenza de tamaños e formas tanto das mámoas coma dos chantos que as configuran, así como analizar a posíbel relación territorial e quen sabe se “urbanística” entre as tres construcións. O subsolo das mámoas e do terreo que as circunda pode desvelar sorpresas en canto á conformación destes conxuntos que aínda está por estudar a fondo.

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Mámoa I de Costa Freiría (Candeán)

A mámoa I de Costa Freiría está situada moi preto do parque do Vixiador. Foi escavada no ano 2006 para a súa investigación e posta en valor social. Incorporada como está dentro da Ruta das mámoas de Candeán, xunto con outra tamén escavada no propio parque do Vixiador, poñen en relevo esta iniciativa cultural de permitir visitar unhas catorce mámoas durante un fermoso percorrido ao longo de case catro quilómetros.

A sensibilidade mostrada neste caso pola Comunidade de Montes de Candeán debe ser un exemplo a seguir polas demais comunidades de montes que existen no noso territorio.

Trátase dunha mámoa sinalizada, ao igual ca as demais do percorrido, e que nos ofrece información no propio lugar das súas características e dos materiais nela atopados. Forma parte dun conxunto de tres mámoas sinalizadas e nomeadas como Costa Freiría I, II e III.

As súas dimensións son considerables, xa que ten 16 metros de diámetro e unha altura de 1,80 m. no seu interior conserva aínda 10 ortostatos; oito pertencentes á cámara e dous do corredor.

Na sinalización podemos ler que durante as escavacións atopáronse obxectos neolíticos de gran importancia: fragmentos de cerámica, unha punta de frecha, un fragmento dunha man de muíño, unha aixola e un machado puídos de anfibolita.

O túmulo está bastante rebaixado e deformado cara ao leste, a zona da entrada da cámara. Ao redor da mámoa de terra que arrodea os chantos poden observarse diversas pedras que poden formar parte da coiraza que reforza o túmulo.

Podedes ver neste enlace unha relación de fotos máis completa deste monumento megalítico.

Se queredes podedes coñecer a Rutas das mámoas de Candeán e mesmo descargala para o voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)