Localización
(Ver en Google Maps)
Esta mámoa está situada moi preto do parque do Vixiador, ao lado da máis coñecida mámoa I de Costa Freiría, aínda que bastante peor conservada. Ao seu lado tamén está a terceira mámoa deste grupo, a mámoa III de Costa Freiría, formando parte da Ruta das Mámoas de Candeán.
O túmulo é perceptíbel con certa dificultade para calquera persoa pouco avezada na súa identificación. O feito de non contar con ningunha intervención que a saliente da contorna dificulta esta identificación.
Descrición
Presenta un cartel identificador e brevemente descritivo que nos orienta do que nela podemos apreciar con maior relevancia.
Ten aproximadamente 13 m de diámetro e apenas uns 50 cm de altura.
Achegándonos a ela, podemos observar varios chantos que asoman sobre a terra, que seguramente pertencen á propia cámara do dolmen.
Nesta derradeira foto observámola en primeiro plano, apenas distinguíndose do terreo, e ao fondo destaca en cambio a súa compañeira a mámoa I de Costa Freiría.
Valoración Final
É unha mágoa non facer o esforzo de continuar as intervencións que se realizaron na mámoa I de cara a poñer en valor este conxunto megalítico. Isto permitiríanos comparar máis axeitadamente a diferenza de tamaños e formas tanto das mámoas coma dos chantos que as configuran, así como analizar a posíbel relación territorial e quen sabe se “urbanística” entre as tres construcións. O subsolo das mámoas e do terreo que as circunda pode desvelar sorpresas en canto á conformación destes conxuntos que aínda está por estudar a fondo.
Máis información
Catálogo do PXOM do Concello de Vigo
Galería de imaxes
Ruta das mámoas de Candeán