Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Coia,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Goolge Maps)

Praza do Emigrante, nas Travesas, no comezo da avenida de Castelao. Unha contorna de numeroso tránsito de persoas que pasan ao seu carón, nun lugar de encontro e referencia nesta emblemática praza de Vigo.

Descrición

Estamos ante unha tipoloxía especial de cruceiro. Son os chamados cruceiros de capela ou de Loreto, en referencia á capela que vai baixo a cruz e á posible adscrición da imaxe mariana do seu interior. Son propios da zona do Barbanza, estendéndose puntualmente ata a zona de Rois. No noso concello temos dous exemplares realizados como modelos representativos deste estilo artístico e non como modelos propios da nosa zona. O outro exemplo do noso concello que se asemella a esta tipoloxía é o cruceiro da Fontaíña, en Coruxo.

A descrición vai ser interesante en canto aos contrastes e diferenzas que imos salientar entre estes cruceiros e os que son propios da nosa bisbarra.

Base

Cadrada cun chanzo, sobre a que se alza un pedestal cúbico liso. Nunha das caras contén a seguinte inscrición: “AVENIDA DE CASTELAO 1981”. Esta inscrición fai referencia a que se atopa no comezo desta avenida da cidade.

Fuste

O fuste deste tipo de cruceiros é moito máis voluminoso ca os tradicionais varais que coñecemos. De feito, podemos dicir que en lugar de fuste posúen un groso piar, menos alto e esvelto. Habitualmente son de sección octogonal regular en todas as caras ou de forma cadrada achafranada, como é o caso deste exemplo vigués.

Este fuste presenta uns elementos decorativos nos extremos dos chafráns con forma de vieiras, catro na parte inferior sobre o pedestal, e catro na parte superior, marcando o comezo dun pequeno capitel plano de catro caras, que serve de base para a capela que leva encima.

Na parte central do fuste atopamos outro elementos decorativo que non ten unha intención relixiosa como sucede nos varais tradicionais de calquera dos cruceiros galegos, senón que ten unha función puramente artística e mesmo literaria xa que fai referencia a unha das grandes obras de Castelao: “As cruces de pedra na Galiza”. Representa un libro aberto no que figura o título desta obra insigne da investigación sobre os nosos cruceiros, publicada no ano 1949, un ano antes da morte do noso escritor. Por debaixo do título da obra, nas dúas páxinas abertas deste elemento decorativo aparecen representadas varios exemplos das insculturas rupestres que el recolleu na súa obra, concretamente na páxina 16 do orixinal, pertencentes ao numerosos gravados rupestres que dende a prehistoria viñeron representando figuras cruciformes na nosa tradición cultural.

Normalmente neste tipo de cruceiros a figura que pode aparecer representada no fuste é un anxo con ás.

Capela ou fornelo

O capitel destes cruceiros aparece substituído por un fornelo aberto á fronte consagrado a unha devoción mariana. Neste exemplo de Vigo observamos que a capela vai sobre un pedestal a modo de capitel con cadanseu querubín en cada unha das caras.

A capela está formada por tres lousas cuadrangulares con abertura frontal. As paredes exteriores deste fornelo adoitan ser lisas e sen decoración.

Mais outras veces presentan fermosos baixorrelevos nas caras externas, como se represetna neste exemplo artístico de Vigo. Esta decoración era máis frecuente nos cruceiros máis antigos deste tipo (séculos XVI-XVII), e foi desaparecendo nos posteriores (séculos XVII-XVIII). Tamén podían presentar unha decoración de bólas nos bordos.

A decoración historiada exterior destas capelas acostuma a representar figuras como a Virxe, Santiago ou calquera outra imaxe relixiosa (Cristo, San Francisco, o papa San Clemente ou San Gregorio).

No cruceiro vigués aparecen representadas as seguintes figuras en cada unha das caras:

Unha figura franciscana, co clásico habito e bordón. Chama a atención as desproporcionadas dimensións dos brazos e das mans, cun marcado efecto medievalizante.

Unha figura de Santiago Matamouros, con cabalo, espada nunha man e estandarte con simboloxía xacobea na outra, esmagando baixo os pés a figura dun infiel.

Unha figura de Cristo portando a Cruz camiño do Calvario.

Normalmente a capeliña contén no seu interior a imaxe dunha Virxe, unha Inmaculada ou Dolorosa, soa ou co Neno Xesús no colo.

Estas capelas adoitan pechar por riba cun un teito plano rematado nun telladiño a catro augas. Noutros exemplares o teito remátase nunha bóveda de canón. Esta é a forma que tamén representa o cruceiro que temos en Vigo.

A Cruz

Sobre estas capela eríxese unha cruz coma nos cruceiros tradicionais. Normalmente só aparece a figura de Cristo e só ocasionalmente unha Piedade na parte de atrás.

No exemplar que temos en Vigo só aparece a figura do Cristo sobre unha cruz lisa rematada tamén en tres extremos florenzados.

A figura de Cristo aparece con cratro cravos, cos brazos en horizontal e as pernas flexionadas. A fasquía xeral é pouco elaborada e matizada. Salienta de toda ela a cabeza, na que se debuxa algo máis o cabelo e o rostro.

Significar en todo caso que o corpo do crucificado só estea fixado á cruz polas mans, os pés e pola zona lumbar. O torso sobresae da pedra cunha inclinación cara a adiante e a flexión da pernas, así como as propias pernas están esculpidas de forma individualizada.

Valoración final

Daniel R. Castelao foi un dos primeiros e mellores investigadores dos nosos cruceiros dedicando un apartado especial a estes cruceiros de capela. Dende este punto de vista, foi moi acertado colocar ao comezo da avenida que leva o seu nome un exemplo dun dos máis fermosos exemplares de cruceiros que temos no noso país, con referencia explícita no fuste ao seu libro “As cruces de pedra na Galiza”.

É unha mágoa que non apareza a correspondente información ao pé deste cruceiro tanto sobre a súa autoría (erro imperdoábel nunha obra moderna, cando tanto lamentamos non coñecermos a autoría da maioría dos cruceiros galegos da antigüidade), como sobre a tipoloxía e características deste cruceiros de capela.

En Vigo existe outro exemplar de cruceiro de capela. Está situado na praia da Fontaíña en Coruxo, sobre o mar.

Máis información

Galipedia, “Cruceiro de capela

Galería de imaxes

Orixe

Os exemplares históricos datados abranguen os séculos XVI, XVII e XVIII.

A maioría corresponden ao século XVII.

Hai discrepancias en canto á orixe desta tipoloxía de cruceiros de capela.

Unha teoría afirma que a súa orixe hai que buscala nos cruceiros góticos, tomando como referencia o voluminoso capitel que os caracterizaba con imaxes decorando as súas catro caras.

Outra das teorías fala da influencia das ordes mendicantes, moi devotas da figura da Virxe, especialmente a orde franciscana, presente en moitos destes cruceiros e tamén neste exemplar que temos en Vigo.

Por outra banda, algúns destes cruceiros presentan a advocación á Virxe de Loreto, de influencia italiana e que se tomou como protectora contra as incursións piratas nas nosas costas. Esta advocación mariana fixo pensar polo tanto nunha orixe destes cruceiros vencellados a esta protección específica. Mais hai autores que discrepan sobre esta orixe xa que advocación italiana desta santa remóntase ao ano 1587 e algúns destes cruceiros da nosa terra son máis antigos ca a data de inicio desta advocación nacida en Italia.

Non deixa de haber tamén quen os vencella cos rollos ou picotas existentes por España, tamén presentes en Portugal baixo o nome de Pelourinhos.

Á parte das teorías sobre a súa orixe tamén se recolleron prácticas propiciatorias para a protección dos pescadores contra as inclemencias do mar. Cando se desexa o feliz regreso dos mariñeiros, ben dunha longa travesía ou dunha xeira de galerna, os familiares viran a imaxe mariana do interior do fornelo cara ao lugar por onde ha de vir o barco que trae os seus seres queridos.

Outras prácticas que se vinculan a estes cruceiros son as realizadas por mulleres na procura da propiciación do amor, depositando flores ao seu carón, ou deixando trenzas do cabelo, segundo recolle o propio Castelao. Outro tipo de prácticas procuran o bo parto atando unha peza de roupa da parturiente ao cruceiro que non será retirado ata o seu propicio desenlace. Tamén se emprega nalgúns destes cruceiros a práctica de facer un lazo vexetal no cruceiro cando se quere recuperar un obxecto ou animal extraviado.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.