Patrimonio cultural de Vigo

Igrexas

Igrexa de Bouzas

Arquivado en: Bouzas,Igrexas — Xosé Couñago

Imaxes : Javier Albertos

Localización

Na vila de Bouzas de Vigo, á beira do mar, ao carón da praia e o paseo marítimo, está situada esta emblemática igrexa, baixo a advocación de san Miguel.  Foi levantada sobre unha base rochosa que formaba un promontorio rodeado polo propio mar ata comezos do século XX.

(Ver en Google Maps)

Descrición

A igrexa actual, logo das diferentes reedificacións e engadidos, presenta unha base principal rectangular rematada nunha cabeceira con ábsida semicircular.

A igrexa de Bouzas tivo un precedente medieval que por necesidades de ampliación foi reconstruída no século XVI. Esta obra tivo lugar en 1596 baixo o mandado do capitán de Bouzas Álvaro Correa. Nesta reconstrución sería cando se levantaría a actual ábsida, a porta da fachada sur e a sancristía.

Posteriormente, en 1697 foi reedificada novamente. No interior da igrexa podemos ver un medallón no que se menciona esta reconstrución baixo a autoría de Manuel Troncoso de Ojea e a súa irmá Isabel.

Cabeceira

A ábsida da cabeceira ten forma semicircular e foi levantada na reedificación de finais do XVI.

Presenta dúas xanelas; delas, na actualidade unha soa dá entrada de luz exterior no lateral sur; a outra quedou incorporada pola ampliación da sancristía.

Acaroada ao lateral norte da ábsida levantouse en 1778 a sancristía con dúas xanelas rectangulares e porta de entrada ao leste por esta mesma zona da cabeceira. Esta sancristía foi resultado da ampliación doutra moito máis reducida do século anterior que existía no mesmo lugar.

Sobre as caídas dos tellado a dúas augas érguense cadanseu pináculo decorativos con motivos de bólas superpostas. O pinche desta sancristía está coroado por unha cruz simple.

Fachada norte

A fachada norte está formada por unha continuidade varios corpos volumétricos que se van superpoñendo gradualmente. A parede da nave principal, reforzada cun contraforte e no que se abre un estreito, vai continuado por un primeiro volume sobresaínte con tellado a unha auga, no que se abre unha xanela cuadrangular a occidente pertencente á capela DA Virxe do Carme, da que sabemos que xa estaba construída en 1778.

A continuación, sobresaíndo con respecto ao anterior, érguese outro corpo construtivo pertencente á capela de san Antonio, cunha xanela cuadrangular a occidente e outra no interior ao leste; no exterior conta con dúas gárgolas cilíndricas nos seus extremos, correspondentes ás dúas vertentes de augas do tellado. Foi construída en 1675 e o retablo pertence ao ano 1760.

Seguidamente levántase un terceiro corpo construtivo máis elevado ca os dous anteriores, con forma marcadamente cuadrangular, sen tellado, rematado por unha cornixa pétrea perimétrica, sobre a que se ergue todo en volta un muro pétreo ornamentado nas catro esquinas por pequenas columnas coroadas por pináculos piramidais rematados en cadansúa bóla. Cada un dos cantos desta construción presenta unha gárgola cilíndrica con remate ornamentado. No seu interior encóntrase a capela dedicada á Virxe do Rosario. Foi construída en 1596 e reedificada en 1697, seguida dunha ampliación en 1800 para o Bon Xesús.

Nesta fachada tamén podemos atopar o escudo de armas das familias Peña e Correa. Este escudo está pola parte exterior da capela do Rosario, pertencente á reedificación ordenada polo capitán Correa.

O escudo de armas deste militar foi adoptado pola propia vila de Bouzas a raíz da defensa que don Álvaro capitaneou ante unha incursión do pirata Drake.

Fachada occidental

Os elementos que máis destacan a primeira vista son o impoñente campanario e o frontón superior da porta occidental.

Campanario

O campanario está situado nun lateral, como corpo independente. Ata ben entrado o século XX contaba cun reloxo. Presenta unha estrutura cuadrangular  que se eleva en tres tramos decrecendo na súa anchura. O primeiro tramo chega ata case a altura da cornixa da nave central e só presenta unha pequena abertura estreita de luz na parte superior da parede sur. O segundo tramo é o máis curto e remata nunha cornixa perimétrica con molduras boceladas sobre a que se ergue o campanario. O terceiro tramo é o que contén a parte alta do campanario cos seus característicos elementos. Este campanario cuadrangular está aberto  polas súas catro fachadas con cadanseu arco de medio punto onde se aloxan as campás. Cada arco vai cerrado na súa parte inferior cunha varanda e balaústres de pedra.

Neste terceiro tramo tamén chama an atención ornamental catro fileiras decorativas de molduras boceladas todo en volta da torre, espalladas entre a parte inferior deste tramo ata a parte superior da torre. O remate superior está formado por unha varanda pétrea rodeando todo o cumio do campanario decorada con catro pináculos nos recantos.

Porta occidental

Estamos ante unha porta con arco de medio punto enmarcada cun alfiz ao seu redor. As arquivoltas apóianse sobre dúas bases decoradas con motivos cilíndricos.

O van da porta aparece sen tímpano baixo o arco. Por encima da porta discorre unha cornixa sobre a que se sitúa o frontón.

O frontón é triangular, con resalte superior. Sobre o frontón elévanse tres pináculos ornamentais. No tímpano do frontón aparece unha figura en pedra.

Sobre o frontón ábrese un óculo redondo coa mesma ornamentación lobulada existente na porta. No seu interior unha composición de vidreira enmarcada por unha forma cruciforme. Podemos apreciar unha continuidade estética entre este óculo e o arco da propia porta, tanto pola ornamentación referida coma pola forma redonda de ambos.

Esta fachada remata na parte superior cun pinche coroado por unha cruz de catro brazos iguais con circo central.

Fachada sur

Nesta fachada repítense algunhas das estruturas que xa describimos na zona norte. O percorrido  central presenta unha continuidade de dous corpos volumétricos superpostos gradualmente cara á cabeceira da igrexa. A parede principal da fachada contén tres contrafortes e a porta sur desta igrexa.

O primeiro corpo está exento de decoración e só presenta unha fachinelo vertical no centro. Correspóndese coa capela dedicada a san Xoán. Foi construída en 1674.

O segundo corpo, apegado á cabeceira, ten como única decoración un pequeno arco cego no cetro que acolle na actualidade un farol de iluminación do adro. Na parede leste deste corpo ábrese unha xanela enreixada. É a entrada de luz para a capela interior dedicada na actualidade á Inmaculada e que foi construída en 1589.

Porta sur

A entrada desta fachada ten unha forma semellante no básico á porta occidental, sacado que lle falta toda a ornamentación clasicista na que esta vai enmarcada.

Presenta un arco de medio punto cunha arquivolta trilobulada que se apoia sobre dos pares de bases cilíndricos con ornamentación de tres aretes pétreos. Envolvendo o arco vai unha decoración a modo de chambrana lisa.

Sobre a porta podemos ver un nicho coa imaxe de san Miguel vitorioso na loita contra o demo, ao que esmaga baixo os seus pés. A figura do santo está policromada e representado con alas, vestido de armadura completa, con capa, escudo e espada.

A figura do demo aparece baixo os seus pés encollido, espido e coa típica caracterización de cornos e rostro diabólico.

Interior

O interior dá cabida a unha ampla nave con arcos apuntados, rematados no testeiro con arco de medio punto.

Unha das composicións escultóricas máis interesantes que podemos atopar paseando polo seu interior é a escena do paso procesional que representa a pesca milagrosa, con Xesús andando sobre as augas ao carón da barca na que pescan os seus discípulos.

Cabeceira

Baixo una arco de medio punto e unha bóveda de canón, a ábsida semicircular acolle a figura do Cristo do Aflixidos.

Parede sur

Vemos en primeiro lugar a capela dedicada a san Xoán erixida en 1674, coa imaxe correspondente. A partir de 1878 tamén se acolle a devoción a san Xosé.

A seguinte capela, de 1589, está dedicada na actualidade á Inmaculada, inda que inicialmente foi dedicada a san Telmo.

Parede norte

Contén tres capelas. A primeira, está dedicada á Virxe do Carme.

A segunda capela foi edificada en 1675 e foi dedicada a santo Antonio. O retablo é do ano 1760.

A terceira capela, edificada en 1596, está dedicada á Virxe do Rosario, inda que tamén nunha ampliación posterior, en 1800, deu cabida ao culto ao Bon Xesús.

Adro

O adro está completamente empedrado e rodeado na parte exterior por un muro baixo.

Neste adro salienta a solemne fasquía dunha inmorredoira oliveira á que se lle atribúen máis de catro séculos de antigüidade.

Sobre o adro tamén encontramos a casa reitoral, un edificio construído en 1946.

Etnografía

Ao redor de todas as historias que se foron creando verbo desta igrexa e a súa influencia no imaxinario popular da vila, existe unha fermosa lenda titulada O Cabaleiro da Cunchas que podemos ler na web da Confraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas.

Valoración final

A evolución histórica e arquitectónica deste edificio vai parella coa evolución histórica da propia vila de Bouzas, xa que nesta igrexa quedaron reflectidos os testemuños dos principais acontecementos e personaxes que marcaron o decorrer da vida das súas xentes.

Xa que logo, é unha mágoa que no haxa paneis informativos que nos guíen neste coñecemento ao redor do edificio e no seu interior.

Sobre todo se consideramos o lugar emblemático e estratéxico que ocupa na vila, e á redor da que se desenvolven os principais actos relixiosos e sociais de Bouzas, como son a Procesión anual do Santísimo Cristo dos Aflixidos , as feiras populares y os recoñecidos fogos artificiais que se celebran no verán.

Máis información

Imaxes do interior da igrexa: Javier Albertos, Vigoenfotos.

Confraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas, “Un paseo por Bouzas”, en Vila de Bouzas.

Alfredo Campos, “Iglesia de San Miguel de Bouzas”, en Alfredo esculturas y monumentos.

Concello de Vigo, parroquias.

María Dolores Ruíz Gestoso, Cabaleiro das Cunchas. Cabaleiro de Bouzas.

Igrexa de Sta. Mariña (Cabral)

Arquivado en: Cabral,Igrexas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

A situación da igrexa, dominando o amplo val que se abre sobre o concello ata o mar dende o delongado e aberto adro que a arrodea, xunto coas dimensións en altura da construción, fan salientar este edificio nada máis achegarnos a el.

Descrición

Descoñecemos a data de construción; aínda así, a datación do retablo do altar maior en 1746 danos unha idea de que cando menos debe ser anterior a este ano. Presenta elementos de típica adscrición ao estilo barroco, coma moitas outras igrexas de Vigo (ornamentación dos laterais da fachada en forma de pilastras, rematadas en alciprés pétreo con bóla superior, fornelo sobre a porta principal, espadana semellante a outros exemplares do concello), tamén presenta elementos ornamentais que permiten apuntala cara ao estilo neoclásico. Chama a atención a primeira vista a altura da nave, máis alta aínda na cabeceira, con respecto ao ancho da igrexa. Curiosamente a cabeceira é máis alta, pero máis estreita ca o resto do edificio, o que acentúa esa sensación de altura e de monumentalidade do edificio.

Sacado as dimensións referidas, o que vai centrar a nosa mirada é a fachada principal, xa que o resto dos muros non presenta apenas elementos que salientar.

Fachada principal: organízase sobre varios elementos ornamentais distribuídos harmonicamente na súa correlación. Liñas verticais, marcadas polas pilastras dos cantos laterais, da porta, do fornelo e da guarnición da xanela central; esta linearidade vertical vese acentuada pola concentración central dos elementos máis salientábeis (porta, fornelo, xanela e campanario). Liñas horizontais, marcadas polos linteis da porta, da cornixa superior –que divide a fachada en dous corpos- e a cornixa inferior da espadana. Conxuntando estes dous elementos distribuidores, están os frontóns triangulares sobre o fornelo, o frontón do corpo superior da fachada e o frontón de remate da espadana. Tres frontóns alternantes entre eles, sobre unha mesma vertical central.

Porta: rodenado a porta vai un xogo lineal de molduras con remate superior en cóbado nas dúas esquinas. Este conxunto está enmarcado por pilastras sobre as que se labran cadanseu fuste que se unen un ao outro por un soporte corrido superior, mantendo unha continuidade decorativa, que serve de base para o fornelo da Virxe.

Fornelo: as pilastras que enmarcan este fornelo son semellantes ás da porta, estabelecendo deste xeito unha continuidade decorativa. A media altura do fornelo podemos observar outro elemento ornamental consistente nunha pequena cornixa que divide este pequeno frontispicio en dous corpos, a semellanza –en miniatura- do propio frontispicio da igrexa. Este fornelo remata cun frontón triangular de molduras, en consonancia coas molduras das cornixas que se estenden polo resto do edificio.

Xanela: marca o comezo vertical do corpo superior da fachada. Está enmarcada por unhas sinxelas pero fermosas molduras que a fan sobresaír da fachada; á súa vez esta xanela está tamén enmarcada pola propia cornixa horizontal do frontispicio, orixinando unha curiosa interrupción da liña horizontal bordeando a xanela.

Corpo superior da fachada: a súa forma de frontón está rodeada por unha cornixa que se interrompe na súa parte central, por un lado para rodear a xanela que contén, por outro para servir de base á espadana que se ergue no centro. Esta cornixa mantén o xogo decorativo de molduras que se desenvolve por todo o edificio.

Espadana: presenta dobre arco con cadansúa campá. A espadana está coroada por un frontón, acentuando a verticalidade triangular da fachada. Sobranceando a espadana e as pilastras laterais da fachada hai catro pináculos piramidais rematados en cadansúa bóla.

Interior

O máis salientábel do seu interior son os retablos e pinturas que posúe.

Pinturas

Os frescos que podemos ver hoxe en día apareceron ao retirar os retablos que os cubrían. Están situados decorando todo o espazo que ocupaban os retablos, un na parede norte e outro na parede sur.

Posibelmente serán orixinais da data de edificacicón da igrexa. Tamén parece probábel que nun primeiro momento fixesen as funcións de «retablos» pintados na propia parede, quizais por insuficiente diñeiro para pagar a encarga nun principio dos que despois substituíron estas pinturas.

En todo caso, á vista da data que figura nos retablos de madeira posteriores, podemos asegurar que estes frescos foron pintados antes de 1746.

Parede norte

Arquivolta e xambas do oco do retablo están decoradas cun debuxo que imita unha banda en espiral que se vai desenrolando ao longo de todo o percorrido. O efecto está conseguido contrastando cunha cor máis escura a parte exterior da banda e cunha cor más clara a parte interior. As zonas intermedias de cada volta da banda están decoradas á súa vez cunha figura trifoliada bastante esquemática, a modo de recheo.

Interior da arquivolta e xambas: está decorada cun entrelazado floral con remates trifoliados.

Figuración superior: enmarcada con bandas florais aparece representada a crucifixión de Xesús. Aos pés do crucificado están pintadas dúas figuras femininas que poden representar a María a nai de Xesús, represnetada pola aréola divina sobre a súa cabeza e a Madalena no outro lado da cruz.

Figuración inferior: enmarcadas con bandas florais aparecen duas figuras de santos sobre un fondo de paisaxe.

Parede sur

Arquivolta e xambas do oco do retablo están decoradas, coma no caso anterior, cun debuxo que representa unha banda en espiral que se vai desenrolando ao longo de todo o percorrido. O efecto está conseguido contrastando cunha cor máis escura a parte exterior da banda e cunha cor más clara a parte interior. As zonas intermedias de cada volta da banda están decoradas á súa vez cunha figura trifoliada bastante esquemática, a modo de recheo.

Interior da arquivolta e xambas: está decorada cun entrelazado floral con remates trifoliados.

Figuración superior: enmarcada con bandas florais aparece unha figura da Virxe María envolveita en grandes mantos, co Neno no colo, sobre fondo de cortinaxes, sostendo na súa man un groso pau co que semella bater nunha figura demoníaca que hai aos seus pés.

Figuración inferior: enmarcadas con bandas florais aparecen tres figuras femininas santas, coas corespondentes aréolas de divindade, unha delas portando unha palma na man, sobre un fondo de paisaxe.

Retablos

Altar maior

Fermosa fasquía barroca policromada, con catro culumnas torneadas con abundante decoración vexetal, creando tres espazos centrais para senllos fornelos receptores de figuras de santos. O remate superior baixo arco amosa unha figura de Santa María.

Baixo ela, dous anxos sosteñen un medallón no que figura o ano de creación desta obra artísitica: 1746.

Retablo sur

Dedicado ao Corazón e María, a escultura da santa figura nun fornelo central arrodeado de abundate decoración iconográfica formada por sete medallóns nos que se representan escenas da vida da Virxe e da súa paixón ante a morte de Xesús. O retablo é de coloración marfil con ornamentacións en dourado. Sobre o fornelo que contén a imaxe aparece un corazón atravesado por sete espadas e a ambos os lados unha inscrición co ano de factura deste retablo: 1753.

Retablo norte

É dun estilo semellante ao anterior, con base de cor marfil e ornamentación en dourados.  O fornelo central está ocupado por unha figura artística do Ecce Homo de medio corpo. Ao seu arredor disponse a decoración iconográfica antes referida formada por medallóns nos que se representan escenas da paixón de Xesús. Sobre o fornelo dous querubíns custodian outro medallón con coroa real encima que representa no seu interior a imaxe do denominado «Pano da Verónica». Na parte superior do retablo figura a isncrición do ano de realización: 1754.

Máis información

Tendes no seguinte enlace unha completa galería de imaxes.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

.

Igrexa románica de Coruxo

Arquivado en: Coruxo,Igrexas,Románico — Xosé Couñago

Localización

A igrexa románica de Coruxo está situada na estrada de Camposancos, á altura do cruzamento coa estrada que conduce a Fragoselo.

Este templo é un dos tres edificios románicos que se conservan en Vigo, aínda que é o máis incompleto deles. Só se conservou a cabeceira; o resto do edificio é posterior.

Aínda así, a partir desta cabeceira conservada, podemos deducir que era o máis grande dos existentes, xa que as tres ousias que se poden ver na cabeceira indícannos que se trataba dun edificio de nave basilical, con tres posibles corredores interiores -un central e dous laterais. Curiosamente a planta actual non se correspondería con esa configuración inicial, xa que agora mesmo podemos decatarnos de que esta nave é máis estreita do que cabería esperar. Normalmente as igrexas románicas que existiron en Vigo foron derrubadas para ampliar en épocas posteriores debikdo ao aumento de poboación, ou aproveitando un derrubamento producido por calquera circunstancia; non obstante, neste caso parece que se propuduciu o contrario, que se reduciu o seu volume e espazo interior.

Datos históricos

A actual cabeceira románica está datada no último terzo do século XII, sen termos unha referencia concrta da súa data de edificación.

A orixe do templo é monacal: un mosteiro dependente do máis poderoso existente en Melón, a quen lle subministraría seguramente produtos agrícolas e do mar. Durante o século XIII chegou a contar con vinte e cinco monxes. A súa crise e extinción monacal está vinculada ao crecemento do mosteiro de Oia.

Descrición

Xanela setentrional.Cabeceira dende o exterior: está composta por tres ousias semicirculares; a central moito máis alta e voluminosa ca as laterais.

Ousia norte: podemos ver unha xanela semicircular, con chambrá exterior de tacos e unha arquivolta entre columnas decorada con formas baquetoneadas. A entrada de luz central ten forma estreita característica das seteiras. As columnas da xanela desapareceron, así como as basas. Só conserva os capeiteis, decorados con foliados. Sobre o capitel, o ábaco está decorado cun dobre motivo: leteis horizontais e unha curva de nacela. O beirado superior desta ábsida é achaflanado.

Ousia central: presenta unha altura, largura e profundidade maior ca as ousias laterais. Ten tres xanelas semicirculares sen ornamentación ningunha, mais cunha función de entrada de luz evidente ao interior do altar maior. A cuarta xanela, enreixada, é bastante moderna. O beirado superior é achaflanado decorado con canzorros de motivos xeométricos, de norte a sur: tres filas de dentes de serra, dous baquetóns verticais, planos superpostos, tres baquetóns verticais, punta de proa, punta de proa, bilobulado, punta de proa, tres baquetóns verticais, dous baquetóns veticais, plano simple, tres baquetóns verticais, tres baquetóns verticais e punta de proa. Este tipo de elementos decorativos é propio de edificios protogóticos (a partir do último terzo do s. XII, ata o primeiro cuarto do s. XIII).

Xanela meridional. Detalle dos capiteis.Ousia sur: podemos ver unha xanela semicircular, con chambrá exterior de tacos e unha arquivolta entre columnas decorada con formas baquetoneadas. A entrada de luz central ten forma estreita característica das seteiras. As columnas da xanela ten capeiteis e basas. Os fustes destas columnas son monolíticos. Nos capiteis podemos ver cadanseu personaxe cos brazos en asas. Hai analistas que os identifican con Adán e Eva nunha posible representación do Paraíso ou do pecado orixinal. Os canzorros superiores, baixo o beirado, son cinco e todos eles decorados con puntas de proa.

Cabeceira dende o interior: combinación de arcos e bóvedas de medio punto con apuntados, propios do románico de transición, a partir do último terzo do século XII.

Ousia sur: arco triunfal e bóveda de medio punto. Remate no fondo da ousia con bóveda de forno. A xanela é de arco de medio semicircular con columnas, basas e capiteis decorados con motivos foliados.

Ousia central: Arco triunfal e bóveda apuntados, a diferenza das ousias laterais. No interior desta ousia adquire unha forma de bóveda de forno.

Ousia norte: igual ca na sur, arco triunfal e bóveda de medio punto. Remate no fondo da ousia con bóveda de forno. A xanela é de arco de medio semicircular con columnas, basas e capiteis decorados con motivos foliados.

Estado de conservación

Danos que se observan:

Unha das xanelas, a da zona norte, xa non ten columnas baixo os seus capiteis vexetais (a máis próxima ao semáforo).

As chambrás exteriores das dúas xanelas (de tacos ou xadrezado) están moi desgastadas (comparar coas das outras dúas igrexas –Castrelos e Bembrive-).

As figuras humanas que hai nos capiteis dunha das xanelas están moi erosionadas e apenas recoñecibles.

Adro da igrexa

No adro tamén hai un cruceiro moi singular e dos máis antigos de Vigo, que ten unha fermosa lenda: fálanos dun tesouro ou gran cantidade de cartos enterrados debaixo do mesmo cando foi construído por un personaxe do Santo Oficio. Na base do cruceiro poden lerse os datos da súa fundación; mais, pola outra banda da base, hai outra inscrición que di que foi trasladado de lugar e pintado. Aínda se poden ver cruceiro policromados por outros lugares dos arredores. É unha mágoa que se deixasen de pintar a maioría deles.

Diante da porta principal existe outro cruceiro de fermosa fasquía.

Este adro complétase cunha fermosa e senlleira oliveira de admirábel porte.

Máis información

Galería de fotos.

FRANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA, Itinerario polas igrexas románicas de Vigo

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Igrexa de Lavadores

Arquivado en: Igrexas,Lavadores — Xosé Couñago

Localización

A igrexa está situada na rúa de Santa Cristina, homónima da advocación da propia parroquia. A súa situación é de acceso dificultoso para as persoas que se achegan andando, debido á estreiteza e perigosidade da rúa que pasa por diante do adro, nunha curva perigosa con demasiado tránsito.

Descrición

A orixe do templo hai que buscala nos comezos do século XIII, como edificio románico. Avila y la Cueva fai constar que no exterior da parede norte hai un letreiro gravado coa inscrición “E.M.CC.XXXIX”, o que a sitúa no ano 1201. Esta inscrición xa non existe na actualidade. Desa época quedan aínda uns poucos canzorros que podemos ver ao redor da igrexa por debaixo dos beirados do tellado. A cuestión principal aquí é poder distinguilos e diferencialos dos demais canzorros que decoran todo o beirado da igrexa e que non son medievais, senón copias modernas. Este é un traballo interesante que sería interesante realizar.

Hai varias figuras que gardan gran semellanza con outra figuras que podemos ver na igrexa románica de Bembrive. Mesmo unha das dúas pezas desta igrexa que se custodian no Museo Diacesano de Tui é un tímpano semellante ao da portada norte de Bembrive.

Nas dúas fachadas hai uns oitenta canzorros aproximadamente. Imos centrarnos principalmente nos que salientan pola súa importancia e beleza, como figuras humanas, animais ou xeométricas.

Canzorros

Fachada sur: os canzorros desta fachada son principalmente con forma xeometrizante, concretamente en punta de quilla e variantes lobuladas. Tamén hai alguns con formas animais.

A figura animal máis salientábel é a cabeza dun bóvido. Está sobre a segunda das xanlelas, con cornamenta, orellas e fuciño ben resaltados. Semellante a esta figura temos un exemplo medieval en Bembrive.

A outra figura animal desta fachada ten unha forma bastante imprecisa, cunha estraña boca e unhas patas dificilmene identificábeis con calquera animal.

Á par destas figuras existen outras de fasquía xeometrizante dunha beleza excepcional. Algunha delas lobulada con entrelazados ao longo da banda central da figura, ou outra con remate en poma con banda central decorada con pequenas bólas pétreas, semellante a outra que podemos ven tamén en Bembrive.

Fachada norte:

Os dez primeiros canzorros dende a fachada son de estilo xeometrizante, con variantes da forma de quilla.

Sobre a primeira das xanelas aparece unha figura historiada idéntica a outra que atopamos na ábsida da igrexa románica de Bembrive. Unha figura humana, de cabeza indeterminada, sentada, cun obxecto cilíndrico sobre as pernas, moi difícil de precisar (un barril? un instrumento musical?).

Un pouco máis adiante temos outra escena na que aparece unha figura monstruosa deborando un ser humano polas pernas.

A seguinte figura podemos arriscarnos a catalogala de medieval. O evidente desgaste da pedra, o desdebuxamento da figura, permítennos ahegar este hipótese. Trátase dunha figura humana sentada, coa perna dereita cruzada por enriba do xeonllo da esquerda, e retorcéndoa cara ao corpo coas mans.

Sobre a segunda das xanelas atopamos outra figura medio humana, medio animal. Só presenta o torso, no que observamos que ten brazos e mans humanas, mais cabeza monstruosa, con prominentes dentes e cornos de castrón. A postura e figuración tamén é semallante a outra que atopamos en Bembrive; aínda que esta última presente a cabeza con forma felina.

A continuación outra figura humana, completa, nunha postura contorsionada, invertida e tocando os pés coas mans pola parte de atrás do corpo formando un arco. Esta figura tamén é identica a outra que atopamos en Bembrive, incluso cunha decoración na cintura moi parecida.

A última figura deste beirado inferior da fachada norte é de fasquía animal, cuadrúpede, deitado sobre as patas, cun longo rabo que o pasa por debaixo das patas traseiras e o envolve ao redor do van por encima do lombo. Idéntica a outra figura de Bembrive.

No beirado norte da cabeceira, entre os distintos canzorros, atopamos tamén algunhas figuras, todas de traza animal, con evidencias de ser modernas. A primeira delas ten unha forma de difícil precisión, aínda que se aproxima ao que pode ser un carneiro.

A segunda é un animal deitado sobre as patas, coa cabeza contorsionada cara atrás amosando unha longa lingua. As patas acentúan unhas considerábeis poutas afiadas.

A última das figuras é un torso tamén animal con cabeza semellante a un xabaril, mais cunha especie de cornamenta saíndo dende encima dos propios ollos.

Cabeceira: cuadrangular, máis alta ca a nave. O tellado a catro augas, canzorros decorados con figuras historiadas e xeometrizantes. As paredes están revestidas en branco. Sobresaen as esquinas e parte inferior en pedra e as xanelas e portas de arcos neogotizantes, tamén en pedra sobresaínte.

O edificio actual pertence á reconstrución á que foi sometida, inaugurada en 1882. e tamén neste punto aparecen referencias illadas a que a reconstruciónj do templo non se realizaou no mesmo lugar. Deixamos novamente esta controversia para a aclaración en canto se acheguen datos máis precisos.

A pesar da reconstrución sinalada, esta igrexa presenta características propias da tradición barroca: planta lonxitudinal de nave única, cabeceira cadrada, muros con poucos vans, teitume da nave principal a dúas augas e a da cabeceira a catro augas, escasa ornamentación nos muros laterais, concentración da ornamentación na fachada (comprobarédelo ao dardes unha volta ao redor deste tipo de igrexas), e o típico campanario acaroado nunha das esquinas da fachada (noutros casos sitúase no centro da fachada).

Os muros son de considerábel altura e conta cunha voluminosa cabeceira cuadrangular. Nos laterais norte e sur presenta xanelas e portas de remate neogotizante con vidreiras. Trátase de catro xanelas de distintas configuracións e tamaños.Os muros están caleados e deles sobresaen as xanelas e portas bordeados en pedra.

Portada: a fachada occidenteal foi complementada cunha construción a modo de soportal que tapou case por completo a visión da parede frontal. Ata tal punto se tapa que sobre o soportal vai un fornelo semellante ao que queda case oculto na fachada principal.

Este engadido foi obra do escultor Camilo Nogueira e nel reflicte un estilo monumental e clasicista, propio da súa etapa de posguerra. Tres arcadas enmarcadas en columnas de liñas clásicas, todo coroado con pináculos nas esquinas e un fornelo central cunha imaxe de Cristo sobre unha inscrición que o escultor dedica a súa nai Balbina Martínez.

A torre do campanario está no lateral dereito da fachada. O cubo da toore chaga ata a altura do testeiro do tellado, ornamentado con columnacións. Sobre el ábrese unha balconada de ferro dentro da que se ergue o campanario propiamente dito, cuadrangular, de menor volume ca a torre, ten ornamentación columnado tamén nas esquinas e remata cunha cúpula rodeada de pináculos.

A fachada complétase cun cruceiro acaroado na esquina dereita ao pé da torre do campanario. Este cruceiro estaba antes no Calvario e foi trasladado para este adro en 1910.

Máis información

Galería de imaxes

Bango Torviso, Isidro G., Arquitectura románica en Pontevedra, fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1979, pp. 227-228.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Igrexa de Sárdoma

Arquivado en: Igrexas,Sárdoma — Xosé Couñago

Localización

A igrexa de Sárdoma está situada no corazón da mesma parroquia. Conta cun gran adro ben delimitado e co torreiro da festa ao seu carón.

No seu estado actual é de estilo barroco, da mesma época ca as de Beade, Comesaña, Matamá, Valadares ou Zamáns.

Orixinalmente foi románica, como así o testemuñan os restos que se conservan no seu interior e nos seus muros exteriores. Nalgún momento derrubouse e foi refeita en época barroca, conservando certos elementos diseminados pola nova construción.

Hai que salientar que a súa orientación tampouco é a orixinal, xa que ten a entrada principal cara ao nacente e non cara ao poñente como é o habitural.

Descrición

Interior

Ten unha típica nave lonxitudinal e cabeceira cadrada. A nave a dúas augas e a cabeceira a catro augas.

No interior destacan varios elementos que non podemos deixar de observar cando entremos nela:

Na ábsida hai restos románicos integrados nos muros.

Sobre o pincho da cabeceira consérvanse uns fermosos frescos policromados que representan a Última Cea. Está incompleto na súa parte inferior, mais conserva o rostro da maioría dos acompañantes de Xesús. Destaca especialmente a figura do apóstolo Xoán ao lado de Xesús, observándose mutuamente.

No muro norte da nave vemos tamén un fermoso templete que cobre unha tumba. Está formado por un gran arco de medio punto, con decoración columnada, enmarcado por dúas altas columnas encastradas de acentuado clasicismo, que sustentan na parte superior un escudo nobiliario.

Exterior

A austeridade decorativa dos exteriores é algo que chama a atención, en comparación co seu interior e coas outras igrexas coetáneas.

A fachada é moi austera, sen apenas decoración. Conta cunha lumieira central a media altura. Sobre a fachada hai catro pináculos rematados en bóla e unha sinxela cruz. A porta tamén ten unha decoración moi simple ao seu arredor.

O máis destacado como decoración exerior está na sancristía, na que podemos ver unha porta cunha fermosa decoración, máis propia da fachada principal, dadas as características ornamentais que presenta: porta entrecolumnada e lintel superior decorado.

As columnas rematan en capiteis con motivos vexetais.

No lintel aparece unha cruz de catro brazos iguais encerrado en círculo apoiado en volutas e con outro círculo no centro da cruz.

A torre aparece a un lado da fachada, coma en Valadares; fronte ás demais aquí mencionadas, que teñen a torre no centro.

Esta torre é de base cadrada e de gran solidez, con perpiaños de boa factura. Os cantos están decorados con columnacións resaltadas, facendo salientar as bases e os remates superiores. Ten varias entradas de luz para a escaleira interior da torre; a porta de acceso está no exterior da igrexa.

Na parte superior da torre observamos un robusto campanario, rodeado dunha fermosa balconada, ben labrada e con decoracións alternantes en parellas de rombos.

O campanario presenta catro arcos algo apuntados, cos cantos fermosamente decorados con clásicos motivos de siluetados barrocos.

Sobre o campanario vemos catro pináculos e cúpula central octogonal en dous corpos.

Máis Información

Galería de fotos.

Hidalgo Cuñarro, «Piezas románicas inéditas de la iglesia viguesa de San Pedro de Sárdoma«, en Vigo Arqueológico.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Igrexa da Guía (Teis)

Arquivado en: Igrexas,Teis — Xosé Couñago

Está situada no monte da Guía, sobre a ría de Vigo, encima dun antigo castro galaico, hoxe xa case completamente desaparecido.

Tal como o seu nome indica, esta ermida está dedicada á Virxe da Guía. Tamén ten a advocación do Sagrado Corazón de Xesús, neste senso no último dos proxectos realizados, de Gómez Román, estaba pensado que levase no seu cumio unha figura do Sagrado Corazón de Xesús, pero non chegou a realizarse.

Antes desta construción había outra que estaba en bastante mal estado. Antonio Palacios foi o primeiro arquitecto que acometeu un proxecto en 1930 para levantar no seu lugar un gran templo a semellanza do da Vera Cruz do Carballiño e o Templo Votivo do Mar de Panxón. Lembremos que a característica máis salientable destes dous edificios é a gran torre que os preside.

Cando máis tarde Gómez Román acomete a construción do edificio definitivo baixo o seu propio proxecto, conserva a idea dunha gran torre que destacase sobranceiramante sobre o resto do edificio. Finalmente a gran torre deseñada por Gómez Román con remate na imaxe antes mencionada tampouco se puido facer como estaba proxectada debido ás dificultades económicas que iso levaba consigo.

Si se mantivo a evidente desproporción entre a torre e o corpo da igrexa, aínda que con menor tamaño.

Planta: é de estilo basilical con remate nunha ousia poligonal. Ese tipo de ousia ten unha semellanza coa románica de Bembrive en Vigo.

Nave: dende a sinxeleza que expresa o interior, hai unha harmoniosa relación de formas e espazos que acentúan a impresión estética do exterior. Os dous arcos superpostos acentuando o contraste entre a pedra e o caleado branco conducen a nosa vista ata o interior dunha ábsida presidida por unha imaxe da Virxe da Guía enmarcada entre dúas xanelas verticais que iluminan un interior semicircular que nos achega sensacións románicas.

Fachada: case exenta de decoración, resaltaremos os dous motivos vexetais sobre os que se erixe un frontón partido cunha vieira central. O beirado da fachada tamén segue as mesmas liñas do frontón partido no centro, no que se coloca unha fermosa cruz pétrea, creando un espazo de unión entre o beirado e o frontón. A inspiración clasicista de Román na fachada contrasta con outros elementos que observaremos dando un paseo ao seu arredor.

Torre: destaca o seu volume con respecto ao resto do edificio. O corpo inferior é liso ata o comezo do campanario. A esta altura Román comeza un detallado traballo de resalte barroquizante deste derradeiro tramo. O campanario ten xanelas de medio punto a catro caras, con chafráns decorados con remate en volutas na parte inferior.

Corpo central: é de curta lonxitude e en contraste tanto coa súa altura coma coa da propia torre. Consegue un efecto de estruturas superpostas, conseguida polo emprego de soportais laterais e corpos anexos, coma o que contén un fornelo coa imaxe do Sagrado Corazón. Esta fermosa superposición volumétrica que se elevan unhas sobre as outras lémbranos outros templos de orixe prerrománica coma o de Santa Comba de Bande.

As paredes combinan o estucado branco con perpiaño nos cantos e panos de paredes, tan característico da arquitectura en Galicia. Sobre os estucados dispón unha serie de xanelas con vidreiras para dar entrada de luz dende distintos puntos da igrexa. Estas xanelas teñen forma de cruz de brazos iguais e circulares.

Non podemos deixar de salientar unha evidente influencia románica tamén nalgúns detalles decorativos, como son os canzorros dos beirados do corpo central, ou a cruz antefixa de clara fasquía medievalizante sobre o cumial do pincho traseiro, así coma a forma poligonal da ousia, presente en numerosas igrexas románicas.

Tamén chamará a nosa atención a imaxe da Virxe que hai nun fornelo situado na canto dereito da fachada. Destaca no conxunto o elaborado dosel que a alberga. A imaxe coroada da Virxe, sedente, co seu fillo no colo presenta algúns detalles que non deixaremos pasar por alto. A pesar do realce real que lle outorga a coroa, os seus pés van calzados con zocos tradicionais galegos. O outro detalle é a ausencia da cabeza da figura do neno Xesús. A barca que leva nos brazos, así coma a orientación das dúas figuras cara ao mar evidencian a merecida advocación de Virxe da Guía dos mariñeiros.

Por último, non deixedes de pasear por este fermosísimo parque, cheo de recantos tan inesquecibles coma as súas indescritibles postas de sol.

E aquí vos deixamos unha relación máis ampla de fotos da igrexa da Guía.

Igrexa de Beade

Arquivado en: Beade,Igrexas — Xosé Couñago

Igrexa de BeadeLocalización

A igrexa barroca de Beade estas situda no corazón da parroquia, á beira da estrada da Coutada, a principal que atravesa Beade. O adro está fechado por un sólido muro.

Descrición

Fachada principal: organízase verticalmente en tres corpos, os dous laterais flanqueados por pilastras rematadas en pináculos, o central dando forma a continuidade da torre que remata no gran campanario central superior.

Portada: a porta presenta sobre ela un arco rebaixado cunha rocalla tallada encima. O contraste de disposición das pedras do lintel con respecto ao resto do perpiaño resaltan dous aspectos: por unha parte con respecto ao plano liso no que se dispón a propia porta, e por outra marcando o inicio da continuidade vertical en comunicación cos demais elementos que se dispoñen pola fachada ata o alto da torre.

Campanario da igrexa de BeadeA media altura destaca a imaxe de santo Estevo dentro dun fornelo decorado nos seus extremos coas típicas volutas barrocas, máis grandes e anchas na parte inferior e pequenas e estreitas na superior. As pilastras que enmarcan o fornelo teñen unha forma columnada rematando en fasquía de capitel sobre o que vai unha decoración en forma de frontispicio superior. Un excelente conxunto de talla barroca.

Campanario: en posición central sobre unha prominente fachada a modo de torre, unha gran balaustrada enmarca dende a súa parte inferior o esvelto corpo do campanario con arcos de medio punto. As esquinas teñen forma de pilastras rematadas en pináculos. Sobre el, érguese unha cúpula poligonal nervada na que se dispuxo un reloxo. Unha torre de campanario fermosamente traballada en cada pedra e recanto.

A sensación global que produce é de verticalidade e voluminosidade pétrea. Un dos máis fermosos expoñentes do barroco rural vigués.

Os muros laterais levan contrafortes que aseguren esta verticalidade.

Máis información

Podedes ver unha galería de imaxes desta igrexa e o cruceiro que posúe no adro.



Igrexa románica de Bembrive

Arquivado en: Bembrive,Igrexas,Románico — Xosé Couñago

Localización

A igrexa románica de Bembrive está situada mesmo no núcleo da parroquia . Chégase a ela con facilidade dende calquera punto do concello por estar preto da autovía Vigo – O Porriño.

Data de construción: Hai unha inscrición no interior do presbiterio, na parede setentrio­nal, en dúas ringleiras que di: “ARIAS : E : M : CC : XXIII ….. OBIIT RODERICUS …..”
“Arias, era 1223 (ano 1185), morreu Rodrigo…”

Tamén no muro setentrional da nave, no interior, ao longo dun perpiaño, hai un epígrafe con esta inscrición de data: «E : M : C C : L X I»
“Era milésima duocentésima sesaxésima prima = ano 1223″.

Ata hai pouco foi unha xoia románica con risco de agresións por falta da debida protección; mais hoxe en día, coa humanización da súa contorna, podemos gozar dunha igrexa na que soamente as decoración exteriores da fachada afean en ocasións a súa beleza.

Descrición

Estamos ante un románico de transición, con decoración historiada e vexetal, cuns entrelazados que percorren e están presentes en todas as fachadas do templo, como se tratase dun denominador común decorativo desta igrexa que non aparece nas outras dúas de Vigo (Coruxo e Castrelos).

Ábsida

Ten unha singular forma poligonal que chama a atención pola beleza da decoración que presenta. Esta forma poligonal é rara en Galicia e só existen outras 14 deste tipo (Aciveiro, Ancorados, Casteláns, Codeseda, Losón, Piñeiro e Tebra na nosa provincia; Hospital do Incio, Goo, Reimóndez e Reiriz na provincia de Lugo; Sar e Mens na provincia da Coruña, así como tamén na catedral de Compostela na capela chamada de san Bartolomeu).

Decoración da ábsida: observade as catro columnas entregas, de considerable dimensión, con decoración nalgunha delas con entrelazados na mesma base. Os capiteis: dous deles están decorados con motivos vexetais habituais (follas en espiral e follas con pomas); outro deles ten un fermoso traballo de grosos e perfectamente conservados entrelazados que salienta polo efecto de envolvemento ao redor de todo o capitel, exemplos deste tipo haino repartido por diferentes igrexas galegas, por exemplo Gargantáns. No capitel central destaca unha figura humana cun animal cuadrúpede a cada lado; a figura humana parece estar sentada e viste unha especie de saio longo e está cos brazos enlazados no peito. Hai algunha interpretación que establece que se podería tratar de Daniel entre os Leóns.

Os canzorros podemos ver unha cabeza vacúa, unha figura sentada con algo nas mans bastante deteriorada; outro personaxe cunha especie de bocoi ou quizais bombo (Tomiño, Tebra, Moaña, Barrantes); a seguir un personaxe cunha posible careta animal sostida coas mans sobre o rostro; a continuación un posible león rampante; máis á esquerda podedes ver dous músicos: un frautista e un violinista co típico cruzamento de pernas medieval; na seguinte serie hai un torso animal semellante ao dun león, mais un aparente danzante nunha curiosa forma contorsionada cabeza a abaixo, unindo brazos e pernas por detrás do corpo, con apreciación da roupa. Acompañando toda esta figuración temos outros canzorros con formas xeometrizantes moi fermosas, todas como variación do tema de proas: rolos, lobulados, follas picudas, bólas… todo un deleite decorativo para delongar a mirada en cada un deles. Entre algúns dos canzorros apreciaredes uns exuberantes exemplos de hexafolios dentro dun círculo con botón central, semellante aos observados na igrexa de Castrelos.

A escena figurada no seu conxunto, con músicos, danzantes e animais semella un grupo de animación, divertimento ou interpretación (Tabeirós, Fiestras, Moaña, Ouzande, Angoares). A pregunta sería qué interpretación nos merece esta escena nunha igrexa, tería algún significado asociado á relixión (Daniel entre os leóns)?, sería pura liberdade expresiva dos nosos canteiros rurais da idade media?

Fachada norte

O rechamante a primeira vista son os grosos contrafortes, non orixinais, senón introducidos máis tarde para evitar o derrubamento das paredes, isto obsérvase concretamente no apegado que está un deles á porta norte. A porta, de arco apuntado, románico de transición, regálanos unha rechamante decoración ante a que paga a pena pararnos un pouco. A chambrá ten sete fileiras de tacos con decoración dentada externa; as arquivoltas teñen decoración de baquetóns. Os capiteis presentan distintos motivos: o da dereita representa formas vexetais picudas e o da esquerda un entrelazado semellante ao que vemos na ábsida, do que salienta a fermosura da súa fasquía envolvente. Sobranceando sobre eles deleitámonos no atractivo e suxerente tímpano desta porta: un cruciforme característico medieval que atopamos noutras igrexas, p.e. Escuadro (Silleda) e en tantas cruces antefixas dos tellados do románico. Neste caso salienta ademais a decoración anexa, formada por círculos e espirais que os nosos canteiros recolleron da tradición popular que afunde as súas raíces na decoración e simboloxía castrexa.

Fachada sur

Unha fachada case plana, sen porta medieval, da que só conserva o tímpano reaproveitado, destacan os enormes contrafortes que sosteñen os muros. Evidénciase que fachada orixinal derrubouse por algún motivo e foi novamente levantada, pero sen respectar a decoración orixinal. Ten moitos elementos soltos aproveitados doutras decoracións orixinais ciscadas por distintos lugares de toda a parede: hexafolios, un capitel sobresaíndo do centro do muro; un perpiaño historiado con dous arcos, baixo un dos cales hai unha figura semellante á do capitel da ousia, da que nos preguntamos a onde podería ter pertencido. Os canzorros desapareceron do beiril. Pero o que máis chama a atención é a moderna porta que substituíu a orixinal románica –que aínda se conserva vista polo interior da igrexa-, unha aberración que aínda por riba mutilou o fermosísimo tímpano orixinal, unha enigmática figura animal (algúns autores falan dun cánido, algún outro dun posible Agnus Dei), en pé sobre as patas traseiras e que ten entre os seus dentes o extremo dun entrelazado –outra vez o entrelazado que envolve todas a igrexa en cada unha das súas representacións-. Un exemplo semellante a este tímpano podemos velo na igrexa románica de S. Martiño de Moaña.

Fachada occidental

Presenta arco apuntado propio do románico de transición, lembremos que é unha igrexa de finais do s. XII. Ten un gran parecido coa porta principal de Arcade. A chambrá exterior ten seis fileiras de tacos, a seguir, dúas arquivoltas decoradas con hexafolios inscritos en circos e entrelazados. O tímpano orixinal desapareceu. Os capiteis están decorados con formas vexetais, un entrelazado semellante ao da porta norte e figuras animais nos dous capiteis interiores. Estas parellas de figuras animais, quizais leóns afrontados, chaman a atención pola decoración de entrelazados por entre as súas patas. Lembremos que o entrelazado é a decoración máis recorrente en toda esta igrexa (capiteis, bases de columnas, arquivoltas, tímpano das portas sur e norte…). Este entrelazado tamén está presente nós ábacos superiores dos capiteis da dereita; en cambio nos ábacos dos capiteis da esquerda podemos ver hexafolios. As columnas son monolíticas e as dúas interiores teñen unha fermosa feitura entorchada, dando mostra da mestría dos nosos canteiros rurais, amosadas en moitas das nosas igrexas románicas. A espadana da fachada, como ben poderedes decatarvos, non é románica, senón posterior.

Máis información

FRANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA, Itinerario polas igrexas románicas de Vigo

Agardamos que as FOTOS que poñemos ao voso dispor sexan do voso agrado e utilidade.

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Igrexa románica de Castrelos

Arquivado en: Castrelos,Igrexas,Románico — Xosé Couñago

Localización

Na parroquia de Castrelos, moi preto do pazo Quiñones de León, está localizada esta xoia do románico rural galego.

As nosas igrexas románicas (finais do XII, principios do XIII) son as grandes esquecidas do patrimonio arquitectónico máis antigo que ten Vigo. Bótase de menos visitas escolares guiadas, unidades didácticas específicas, un percorrido divulgado…

Castrelos é unha exuberancia de portas e xanelas fermosamente ornamentadas, con arquivoltas floreadas e xadrezados de luces e sombras para recrearse nos tons rubios das súa pedra mentres o sol se deita por detrás das Cíes, contemplado dende o seu adro.

O peor en Castrelos é o estado da súa cabeceira. Situado mesmo encima da estrada, a súa forma circular intérnase perigosamente no asfaltado, sen beirarrúa nin protección ningunha. A parede está chea de rozaduras e calquera día un camión ou outro vehículo pode deixarnos para sempre sen algúns dos seus singulares óculos (por certo, hai outra igrexa –Gargantáns– que ten unha cabeceira moi semellante)

De cando é? Contamos cunha inscrición no interior da igrexa, á esquerda do arco triunfal da cabeceira: “A A A … ERA:M:CC:L …A … IIII QT ID…”, que pode facer referencia a un posible 1254, que se correspondería co ano 1216 (como saberedes, hai que restar 38 anos).

Nave: ten unha soa nave, rematada nunha cabeceira máis estreita. A cuberta é de armadura de madeira. O arco triunfal é apuntado, con decoración hexafolia, e capiteis vexetais. No interior tamén destacan as dúas xanelas da parede norte, que por fóra son simples seteiras, mais que por dentro están construídas con toda a decoración que admiramos nas xanelas exteriores da fachada sur: cinco filas de tacos e motivos vexetais coma nas exteriores. A xanela de arco de medio punto da fachada occidental tamén se desenvolve cara ao interior da mesma maneira.

Pinturas: a parede norte está pintada todo ao longo con frescos medievais que fan referencia á vida de Xesús, dende o seu nacemento e presentación aos reis, ata o seu enxalzamento e glorificación no ceo. Son verdadeiramente fermosas en policromía e formas, nestas pinturas combínase perfectamente a función didáctica coa artística.

Ábsida: é semicircular e ten tres óculos moi decorados: chambrá con cinco fileiras de tacos, arcos peraltados que comunican co seu interior na que hai unha entrada de luz en forma de cruz con catro lóbulos adornados entre si con hexafolios. Este preciosismo decorativo dos óculos dáse tanto por dentro coma por fóra da igrexa, e dados os escasos exemplos existentes en Galicia, non deixedes de analizalos e observalos con detemento. Sobre o teito da ábsida hai unha cruz medieval de catro brazos iguais sobre unha figura dobre de animal.

Fachada norte: ten unha porta románica, xa con apuntamento, e dúas pequenas entradas de luz en forma de seteira, sen decoración, mais que se vos fixades polo interior da igrexa están completamente desenvolvidas e decoradas cara a dentro. (En cambio, observaredes o efecto contrario nas xanelas da fachada sur: por fóra están moi decoradas e por dentro son simples seteiras.)

Os canzorros son de decoración xeometrizante, sacado dous que representan unha cabeza de vaca e un motivo floral.

Porta norte: presenta arco apuntado, chambrá de tres ringleiras, dúas arquivoltas decoradas con hexapétalas, tímpano con cruz grega nun círculo (observade como o elemento circular está moi presente na decoración de toda a igrexa) acompañada de flores; as mochetas que soportan o tímpano teñen elementos vexetais, ao igual ca os capiteis da columnas;

Fachada sur: a máis espectacular das tres fachadas. Presenta dúas enormes xanelas acompañando unha porta tamén de gran tamaño. Xanelas: chambrá con cinco filas de tacos (a porta norte só ten tres fileiras), un dos tímpanos decorado con cruz grega e o outro con dúas hexapétalas; este mesmo motivo das hexapétalas decora o interior das xanelas en vertical. A decoración vexetal, en diversas expresións (talos dos tímpanos, follas picudas dos capiteis, hexapétalas das arquivoltas …), é a preponderante en toda a igrexa. Porta sur: ao igual ca a do norte, ten tres ringleiras de tacos (as xanelas teñen cinco fileiras), o arco apuntado (o único arco non apuntado que hai na igrexa é o da xanela da fachada occidental, que é de medio punto, todos os demais desta igrexa son apuntado, propio do románico de transición); as arquivolta están decoradas con hexapétalas e molduras lisas e boceladas; tímpano con cruz grega e talos de flores; capiteis vexetais, bases das columnas con poutas.

Fachada occidental: presenta a porta principal e xanela encima, non deixedes de apreciar as marcas de canteiros repartidas pola parede. Un chisco á esquerda da xanela hai un curioso gravado nun dos perpiaños, un símbolo claramente castrexo, que nos fala de cómo os nosos canteiros non perderan de vista nin descoñecían a tradición decorativa anterior. Estamos ao lado dun castro (tal como o topónimo indica) e naquel entón os restos das vivendas debían ser máis evidentes ca na actualidade e mesmo a relación material e inmaterial que a xente mantiña coa cultura inmediatamente anterior que os seus devanceiros viviran. Gustaríanos atopar un estudo que analizase os elementos decorativos que se transmitiron dende esta remota antigüidade ata a actualidade a través dos nosos canteiros ao longo da historia. Para ampliar algo máis a cuestión destas esvásticas de tipo Santo Estevo de Miño, déixovos aquí esta imaxe.

Porta occidental. Arco apuntado e chambrá de tres filas de tacos coma as outras dúas portas. As arquivoltas están de coradas con hexapétalas formando un conxunto exuberante. O tímpano presenta a cruz grega que xa vimos nos outros, con decoración floral de talos. Os capiteis tamén son vexetais e as bases amosan unha decoración de poutas coma a porta sur.

A xanela é a única que non ten arco apuntado, senón de medio punto, e ofrécenos a característica decoración vexetal presente en toda esta igrexa. No seu tímpano podemos ver tamén unha cruz grega. Chama a atención a convivencia nesta igrexa de expresións románicas de medio punto con protogóticas de arco apuntado; aquí apréciase en toda a súa dimensión este románico de transición que se estaba dando en Galicia naquel momento e que os nosos mestres canteiros non deixaron de reflectir.

Máis información

Galería de imaxes desta igrexa románica.

RANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA, Itinerario polas igrexas románicas de Vigo

Sobre os investimentos e intervencións futuras nesta igrexa podedes ver o seguinte artigo do Faro de Vigo.

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

A cultura é patrimonio de todos.