Patrimonio cultural de Vigo

Cabral

Igrexa de Sta. Mariña (Cabral)

Arquivado en: Cabral,Igrexas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

A situación da igrexa, dominando o amplo val que se abre sobre o concello ata o mar dende o delongado e aberto adro que a arrodea, xunto coas dimensións en altura da construción, fan salientar este edificio nada máis achegarnos a el.

Descrición

Descoñecemos a data de construción; aínda así, a datación do retablo do altar maior en 1746 danos unha idea de que cando menos debe ser anterior a este ano. Presenta elementos de típica adscrición ao estilo barroco, coma moitas outras igrexas de Vigo (ornamentación dos laterais da fachada en forma de pilastras, rematadas en alciprés pétreo con bóla superior, fornelo sobre a porta principal, espadana semellante a outros exemplares do concello), tamén presenta elementos ornamentais que permiten apuntala cara ao estilo neoclásico. Chama a atención a primeira vista a altura da nave, máis alta aínda na cabeceira, con respecto ao ancho da igrexa. Curiosamente a cabeceira é máis alta, pero máis estreita ca o resto do edificio, o que acentúa esa sensación de altura e de monumentalidade do edificio.

Sacado as dimensións referidas, o que vai centrar a nosa mirada é a fachada principal, xa que o resto dos muros non presenta apenas elementos que salientar.

Fachada principal: organízase sobre varios elementos ornamentais distribuídos harmonicamente na súa correlación. Liñas verticais, marcadas polas pilastras dos cantos laterais, da porta, do fornelo e da guarnición da xanela central; esta linearidade vertical vese acentuada pola concentración central dos elementos máis salientábeis (porta, fornelo, xanela e campanario). Liñas horizontais, marcadas polos linteis da porta, da cornixa superior –que divide a fachada en dous corpos- e a cornixa inferior da espadana. Conxuntando estes dous elementos distribuidores, están os frontóns triangulares sobre o fornelo, o frontón do corpo superior da fachada e o frontón de remate da espadana. Tres frontóns alternantes entre eles, sobre unha mesma vertical central.

Porta: rodenado a porta vai un xogo lineal de molduras con remate superior en cóbado nas dúas esquinas. Este conxunto está enmarcado por pilastras sobre as que se labran cadanseu fuste que se unen un ao outro por un soporte corrido superior, mantendo unha continuidade decorativa, que serve de base para o fornelo da Virxe.

Fornelo: as pilastras que enmarcan este fornelo son semellantes ás da porta, estabelecendo deste xeito unha continuidade decorativa. A media altura do fornelo podemos observar outro elemento ornamental consistente nunha pequena cornixa que divide este pequeno frontispicio en dous corpos, a semellanza –en miniatura- do propio frontispicio da igrexa. Este fornelo remata cun frontón triangular de molduras, en consonancia coas molduras das cornixas que se estenden polo resto do edificio.

Xanela: marca o comezo vertical do corpo superior da fachada. Está enmarcada por unhas sinxelas pero fermosas molduras que a fan sobresaír da fachada; á súa vez esta xanela está tamén enmarcada pola propia cornixa horizontal do frontispicio, orixinando unha curiosa interrupción da liña horizontal bordeando a xanela.

Corpo superior da fachada: a súa forma de frontón está rodeada por unha cornixa que se interrompe na súa parte central, por un lado para rodear a xanela que contén, por outro para servir de base á espadana que se ergue no centro. Esta cornixa mantén o xogo decorativo de molduras que se desenvolve por todo o edificio.

Espadana: presenta dobre arco con cadansúa campá. A espadana está coroada por un frontón, acentuando a verticalidade triangular da fachada. Sobranceando a espadana e as pilastras laterais da fachada hai catro pináculos piramidais rematados en cadansúa bóla.

Interior

O máis salientábel do seu interior son os retablos e pinturas que posúe.

Pinturas

Os frescos que podemos ver hoxe en día apareceron ao retirar os retablos que os cubrían. Están situados decorando todo o espazo que ocupaban os retablos, un na parede norte e outro na parede sur.

Posibelmente serán orixinais da data de edificacicón da igrexa. Tamén parece probábel que nun primeiro momento fixesen as funcións de «retablos» pintados na propia parede, quizais por insuficiente diñeiro para pagar a encarga nun principio dos que despois substituíron estas pinturas.

En todo caso, á vista da data que figura nos retablos de madeira posteriores, podemos asegurar que estes frescos foron pintados antes de 1746.

Parede norte

Arquivolta e xambas do oco do retablo están decoradas cun debuxo que imita unha banda en espiral que se vai desenrolando ao longo de todo o percorrido. O efecto está conseguido contrastando cunha cor máis escura a parte exterior da banda e cunha cor más clara a parte interior. As zonas intermedias de cada volta da banda están decoradas á súa vez cunha figura trifoliada bastante esquemática, a modo de recheo.

Interior da arquivolta e xambas: está decorada cun entrelazado floral con remates trifoliados.

Figuración superior: enmarcada con bandas florais aparece representada a crucifixión de Xesús. Aos pés do crucificado están pintadas dúas figuras femininas que poden representar a María a nai de Xesús, represnetada pola aréola divina sobre a súa cabeza e a Madalena no outro lado da cruz.

Figuración inferior: enmarcadas con bandas florais aparecen duas figuras de santos sobre un fondo de paisaxe.

Parede sur

Arquivolta e xambas do oco do retablo están decoradas, coma no caso anterior, cun debuxo que representa unha banda en espiral que se vai desenrolando ao longo de todo o percorrido. O efecto está conseguido contrastando cunha cor máis escura a parte exterior da banda e cunha cor más clara a parte interior. As zonas intermedias de cada volta da banda están decoradas á súa vez cunha figura trifoliada bastante esquemática, a modo de recheo.

Interior da arquivolta e xambas: está decorada cun entrelazado floral con remates trifoliados.

Figuración superior: enmarcada con bandas florais aparece unha figura da Virxe María envolveita en grandes mantos, co Neno no colo, sobre fondo de cortinaxes, sostendo na súa man un groso pau co que semella bater nunha figura demoníaca que hai aos seus pés.

Figuración inferior: enmarcadas con bandas florais aparecen tres figuras femininas santas, coas corespondentes aréolas de divindade, unha delas portando unha palma na man, sobre un fondo de paisaxe.

Retablos

Altar maior

Fermosa fasquía barroca policromada, con catro culumnas torneadas con abundante decoración vexetal, creando tres espazos centrais para senllos fornelos receptores de figuras de santos. O remate superior baixo arco amosa unha figura de Santa María.

Baixo ela, dous anxos sosteñen un medallón no que figura o ano de creación desta obra artísitica: 1746.

Retablo sur

Dedicado ao Corazón e María, a escultura da santa figura nun fornelo central arrodeado de abundate decoración iconográfica formada por sete medallóns nos que se representan escenas da vida da Virxe e da súa paixón ante a morte de Xesús. O retablo é de coloración marfil con ornamentacións en dourado. Sobre o fornelo que contén a imaxe aparece un corazón atravesado por sete espadas e a ambos os lados unha inscrición co ano de factura deste retablo: 1753.

Retablo norte

É dun estilo semellante ao anterior, con base de cor marfil e ornamentación en dourados.  O fornelo central está ocupado por unha figura artística do Ecce Homo de medio corpo. Ao seu arredor disponse a decoración iconográfica antes referida formada por medallóns nos que se representan escenas da paixón de Xesús. Sobre o fornelo dous querubíns custodian outro medallón con coroa real encima que representa no seu interior a imaxe do denominado «Pano da Verónica». Na parte superior do retablo figura a isncrición do ano de realización: 1754.

Máis información

Tendes no seguinte enlace unha completa galería de imaxes.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

.

Camiño das Ánimas (Cabral)

Arquivado en: Cabral,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Na subida a Santa Mariña de Cabral, paralela a ela, discorre o Camiño das Ánimas, da que xa o seu nome nos indica a presenza destas fermosas expresións da devoción e crenza relixiosas popular.

Outras referencias toponímicas que temos en Vigo son a rúa Ánimas do Caeiro (Cabral), rúa Subida ás Ánimas (Sampaio, Lavadores) e rúa das Ánimas (Coia).

A parroquia de Cabral é a que máis exemplares destas construcións hai en Vigo, xa que ás dúas que acabamos de mencionar, súmanse o peto de ánimas da Feira e a do Carballal.

Descrición

O portón

Está situado nunha parede lateral anexa a un portón antigo de entrada a unha propiedade. Este portón, cos restos de muro conservados a ambos os lados é o último vestixio que fica nesta propiedade, do que foron o esplendor das entradas monumentais de pedra que existían en moitas das nosas casas tradicionais e que aínda se poden atopar por diversos lugares de Vigo.

Deste antigo portón só quedan as xambas laterais, o lintel superior e a deteriorada testemuña do que noutrora foi a base da cruz central que había sobre o portón, mais sen rastro xa dos desaparecidos pináculos laterais tan característicos.

O Peto de ánimas

Inserido na parede lateral, a carón dunha das xambas, a coloración das súas pedras dá fe da restauración recente á que foi sometido.

O contraste tanto o observamos na tonalidade da pedra coma no tipo de pedra: o muro é de cachotes e o peto de ánimas está formado por pedras regulares de maior tamaño.

O corpo central é un fornelo con remate superior semicircular. Fecha este fornelo unha reixa con canceliña central.

Ao redor da reixa, o fornelo presenta un adorno de modelado pétreo a axeito de cordón.

Escultura interior

A escultura interior coa representación do tormento das ánimas está realizado en pedra policromada nunha soa peza.

Aparecen seis figuras humanas dispostas en dúas fileiras, todas elas arrodeadas de chamas.

Todas están espidas e só deixan ver a parte superior do corpo saíndo de entre as lapas das fogueiras.

Das seis figuras, cinco corresponden a mulleres e só unha é masculina.

Catro das figuras femininas están en actitude orante, estáticas, coas mans unidas diante do peito. Outra figura feminina (a central da fileira inferior) adopta unha postura máis dinámica, coa cabeza ladeada cara á esquerda e os brazos en movemento por diante do corpo.

Ao seu carón, a única masculina ten os brazos debruzados diante do torso.

Os rostros expresan unha serenidade piadosa, cuns grandes ollos nos que destacan as cores azul, negra e branca sobre unhas anchas facianas en contraste co espeso negro dos cabelos peiteados cara a atrás.

Non hai ningunha inscrición que nos poida achegar á data de creación ou intención concreta.

Estado de conservación

Bo estado de conservación tras o recente traballo de restauración que aviveceu a pedra no seu conxunto e a policromía do retablo pétreo do seu interior.

Valoración final

É un peto de ánimas bastante descoñecido en Vigo. De Cabral hai referencias bibliográficas dos outros tres existentes, mais non deste.

Tampouco figura no inventario de bens etnográficos da memoria do catálogo do PXOM vigués que menciona especificamente aqueles que teñen unha antigüidade superior aos cen anos, en total oito petos de ánimas.

Este é un detalle que non entendemos, xa que a protección integral destes elementos etnográficos debería ser extensiva a todos os existentes no concello, xa que o seu escaso número total (apenas uns 18 petos e esmoleiros en todo o concello) e a constante presión urbanística que veñen sufrindo ao longo dos anos fannos moi vulnerables a calquera tipo de agresión ou desaparición.

Tamén se bota en falta unha sinalización adecuada así como carteis informativos que poñan en valor estas pequenas pezas artísticas da devoción relixiosa tradicional, unha vez perdida a súa significación para unha cada vez maior parte da poboación, especialmente entre as novas xeracións.

Máis información

Galería de imaxes

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

Cruceiro do cemiterio de Sta. Mariña (Cabral)

Arquivado en: Cabral,Cruceiros — Xosé Couñago

Situación: este cruceiro está situado ao carón da fermosa igrexa neoclásica de Santa Mariña de Cabral, dentro do cemiterio vello. Tanto o propio lugar en que se asenta a igrexa, cunhas incríbeis vistas sobor da cidade de Vigo, dende o seu amplo adro, con toda a inmensidade da ría e as Cíes ao fondo, coma o sabor antigo do cemiterio en que se atopa o cruceiro, cun delicado camposanto de tumbas infantís na terra á súa beira, fan deste conxunto un lugar de obrigada referencia para calquera visitante.

Descrición: este cruceiro data do ano 1908. Ten ao seu pé un mesado para pousar os cadaleitos antes do seu soterramento.

Base: ten forma cuadrangular e consta de tres chanzos sobre os que se ergue a base do fuste do cruceiro. Nesta base do arranque do fuste podemos ler a seguinte inscrición: “A DEVOCI / ON DE O / RENCIO / CASTRO / EN 1908”.

Fuste: é dunha fermosa fasquía. Ten un arranque cilíndrico con decoración de aros nun primeiro trama. A continuación a forma cilíndrica vai estriada en vertical en dúas combinacións distintas.

Capitel: vai sobre unha base cilíndrica cun aro sobresaínte superior. O capitel está adornado a catro caras con follas nervadas, rematando na parte superior con volutas nas esquinas.

Cruz:. A cruz ten forma redonda imitando a madeira. Só está decorada por un lado coa representación do crucificado.

Cristo: é o máis destacábel de todo o cruceiro e chama a atención pola composición figurativa, o naturalismo e a mestría artística. Os volumes están perfectamente destacados e a figura no seu conxunto apenas conecta en catro puntos coa cruz. Este conxunto expresa un gran dramatismo, conseguido tanto polo xogo de volumes, contorsión corporal, volume e movemento das roupaxes, a escenografía representada, ou a comunicación non verbal pero si visual entre a figura de Xesús e o anxo que dispón o cáliz para recoller o seu sangue. Este anxo apóiase lateralmente na roupaxe de Cristo e porta na súa man un gran cáliz.

Estado de conservación: o principal inimigo que ten este cruceiro é o lique que o recobre en moitas das dúas zonas máis agochadas do sol.

Valoración final: Os nosos cruceiros precisan dunha planificación de intervención integral que garanta a súa limpeza, conservación e posta en valor social. É curioso que todos os anos, de xeito sistemático, dende o concello se revisen e decoten as árbores das rúas, por exemplo, e en cambio non se acometa unha intervención de conservación no noso patrimonio etnográfico.

Accedede a unha relación máis completa de fotos.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Peto de ánimas do Carballal (Cabral)

Arquivado en: Cabral,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este é un peto de encrucillada e está situado no muro dunha vivenda.

Chama a atención a súa forma sinxela e policromada. Sempre adornado con flores e candeas acesas, o que evidenia a súa viveza entre a devoción da xente.

A súa contorna máis inmediata tamén está coidada, mesmo co solo preparado ao seu arredor.

Descrición

Ten un remate triangular coma o peto de ánimas de Caeiro , que lle dá ese aspecto de capeliña.

Tamén é de observar a decoración de arco de medio punto, rematado en cruz, que nos rememora a tradición viva do románico na arquitectura popular.

A inscrición que ten decorando o frontal di: “HERMANOS ACORDAHOS DE NOSOTRAS. AÑO DE 1785″

Destaca o cromatismo, contrastando entre o azul e a pedra pintada de branco. Este cromatismo acentúase a maiores coas flores que diariamente engalanan este templete. O conxunto salienta todo el sobre as paredes de tonalidades máis escuras das construcións adxacentes.

Ao achegarnos podemos ver un retablo de xeso policromado, dentro dun fornelo acristalado como protección.

A figuración está composta por un Ecce Homo e catro almiñas entre o lume debaixo del: simbolismo relixioso evidente de que Deus sofre polos pecados da humanidade e o ser humano sofre, á súa vez, polos pecados cometidos contra El.

O Ecce Homo é moi expresivo, dramático e ben traballado na forma e nas cores.

Vai atado e leva coroa de espiñas sangrante e unha cana na man dereita.

Máis información

Podedes acceder dende aquí a unha galería de imaxes.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

 

Peto de Ánimas de Caeiro (Cabral)

Arquivado en: Cabral,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este fermoso peto de ánimas atópase na parroquia de  Cabral, un pouco máis arriba da praza da Feira, en dirección á estrada do aeroporto na Rúa Ánimas-Caeiro.

Hai outros dous petos máis en Vigo que dan nome ao vieiro no que se atopan: “Subida das Ánimas” en Sampaio, e “Rúa das Ánimas” en Bouzas, fronte ao estaleiro de Barreras.

Volvendo ao que nos ocupa, atoparémolo aos douscentos metros, formando parte do muro de cerramento dunha casa, en bo estado de conservación, en pedra maciza, entre dúas columnas de entrada á propiedade particular.

Descrición

É do ano 1847 segundo consta sobre a seguinte inscrición: “A DEBOCION DE BARTOLOME DE BASTOS”.

Presenta a tradicional figuración da Virxe intercedendo polas ánimas do pugatorio, e unha crucifixión encima. O personaxe central das ánimas en pena é un membro da igrexa, mais tamén se pode ver outro á súa esquerda. Ao redor ahi outras catro fuguras das que só asoman as cabezas por entre as lapas do lume.

Non falta o típico detalle presente en tantos petos de ánimas das mans dos penantes agarrándose ao manto da Virxe intercesora entre Deus (arrriba) e os condenados (abaixo). Toda unha iconografía con marcado carácter didáctico.

A escena está enmarcada rematando a parte superior cunha forma redondeada, na que resalta a divindade areolar da Virxe.

Sobre esta peza atópase unha pequena e tosca crucifixión, cunha figura de Cristo pouco elaborada e bastante desgastada. Por encima deste Cristo vemos un arco de medio punto no que se atopa a inscrición coa data de realización.

Toda esta talla estaba policromada e aínda se poden observar restos de pintura.

Máis información

Podedes ver aquí unha galería de imaxes deste peto de ánimas.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

 

Peto de ánimas da Feira (Cabral)

Arquivado en: Cabral,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este peto de ánimas está na parroquia de Cabral, na praza da Feira. A esta praza chégase subindo pola rúa Figueiras en Cabral.

Descrición

É un fermoso exemplar policromado que garda aínda unha profunda devoción popular no lugar. É do ano 1897 e está na parede dunha casa particular, fechado cunha reixa e ten un fornelo sobre el e unha inscrición no lateral. A reixa é de aluminio, demasiado desacorde co conxunto artístico deste peto; dende aquí pedímoslles ás concellerías de patrimonio ou cultura que gasten apenas uns euriños en poñer un enreixado acorde con esta figuración artística popular.

Na inscrición principal podemos ler o seguinte:

“HERM(anos) ACORDAOS DE NOSOTRAS CUAL SOMOS SEREIS”.

No fornelo que ten encima vemos unha imaxe de S. Xosé co neno Xesús no colo. A figura, policromada, tamén ten ao seu pé a seguinte inscrición: “DEV. DE D. JOSE B. ALONSO EN 26 DE SEPTIEMBRE DE 1897”, onde se pode apreciar precisamente a data da súa construción e patrocinador.

O peto é dunha gran verticalidade con varias series de figuracións. A figura principal do peto é Cristo crucificado, rodeado de símbolos da paixón: corda, lanza, mazo, cáliz, unha posible patena, unha man, martelo e tenaces. De algúns destes símbolos non coñecemos o seu significado (como a man) ou identificación certeira (a posible patena); se alguén o coñecer, agradeceriamos o correspondente comentario.

Debaixo del está a Virxe sobre as ánimas en pena. As ánimas forman dúas ringleiras horizontais. Arriba: un cura con bonete no centro e dúas figuras máis. Sobre elas a cabeza dun frade vista por detrás, coa tonsura da cabeza; non necesita rostro, xa que a tonsura é a mellor identificación de que todos somos candidatos a penados. Abaixo: outras catro figuras comúns.

En definitiva, un dos mellores exemplos de arte relixiosa popular que temos en Vigo e que require unha mellor atención de adecuación por parte do concello. Felicitamos á veciñanza do barrio por saber conservar e transmitir tan vivo este patrimonio.

Máis información

Galería de imaxes.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.