Patrimonio cultural de Vigo

Románico

Igrexa románica de Coruxo

Arquivado en: Coruxo,Igrexas,Románico — Xosé Couñago

Localización

A igrexa románica de Coruxo está situada na estrada de Camposancos, á altura do cruzamento coa estrada que conduce a Fragoselo.

Este templo é un dos tres edificios románicos que se conservan en Vigo, aínda que é o máis incompleto deles. Só se conservou a cabeceira; o resto do edificio é posterior.

Aínda así, a partir desta cabeceira conservada, podemos deducir que era o máis grande dos existentes, xa que as tres ousias que se poden ver na cabeceira indícannos que se trataba dun edificio de nave basilical, con tres posibles corredores interiores -un central e dous laterais. Curiosamente a planta actual non se correspondería con esa configuración inicial, xa que agora mesmo podemos decatarnos de que esta nave é máis estreita do que cabería esperar. Normalmente as igrexas románicas que existiron en Vigo foron derrubadas para ampliar en épocas posteriores debikdo ao aumento de poboación, ou aproveitando un derrubamento producido por calquera circunstancia; non obstante, neste caso parece que se propuduciu o contrario, que se reduciu o seu volume e espazo interior.

Datos históricos

A actual cabeceira románica está datada no último terzo do século XII, sen termos unha referencia concrta da súa data de edificación.

A orixe do templo é monacal: un mosteiro dependente do máis poderoso existente en Melón, a quen lle subministraría seguramente produtos agrícolas e do mar. Durante o século XIII chegou a contar con vinte e cinco monxes. A súa crise e extinción monacal está vinculada ao crecemento do mosteiro de Oia.

Descrición

Xanela setentrional.Cabeceira dende o exterior: está composta por tres ousias semicirculares; a central moito máis alta e voluminosa ca as laterais.

Ousia norte: podemos ver unha xanela semicircular, con chambrá exterior de tacos e unha arquivolta entre columnas decorada con formas baquetoneadas. A entrada de luz central ten forma estreita característica das seteiras. As columnas da xanela desapareceron, así como as basas. Só conserva os capeiteis, decorados con foliados. Sobre o capitel, o ábaco está decorado cun dobre motivo: leteis horizontais e unha curva de nacela. O beirado superior desta ábsida é achaflanado.

Ousia central: presenta unha altura, largura e profundidade maior ca as ousias laterais. Ten tres xanelas semicirculares sen ornamentación ningunha, mais cunha función de entrada de luz evidente ao interior do altar maior. A cuarta xanela, enreixada, é bastante moderna. O beirado superior é achaflanado decorado con canzorros de motivos xeométricos, de norte a sur: tres filas de dentes de serra, dous baquetóns verticais, planos superpostos, tres baquetóns verticais, punta de proa, punta de proa, bilobulado, punta de proa, tres baquetóns verticais, dous baquetóns veticais, plano simple, tres baquetóns verticais, tres baquetóns verticais e punta de proa. Este tipo de elementos decorativos é propio de edificios protogóticos (a partir do último terzo do s. XII, ata o primeiro cuarto do s. XIII).

Xanela meridional. Detalle dos capiteis.Ousia sur: podemos ver unha xanela semicircular, con chambrá exterior de tacos e unha arquivolta entre columnas decorada con formas baquetoneadas. A entrada de luz central ten forma estreita característica das seteiras. As columnas da xanela ten capeiteis e basas. Os fustes destas columnas son monolíticos. Nos capiteis podemos ver cadanseu personaxe cos brazos en asas. Hai analistas que os identifican con Adán e Eva nunha posible representación do Paraíso ou do pecado orixinal. Os canzorros superiores, baixo o beirado, son cinco e todos eles decorados con puntas de proa.

Cabeceira dende o interior: combinación de arcos e bóvedas de medio punto con apuntados, propios do románico de transición, a partir do último terzo do século XII.

Ousia sur: arco triunfal e bóveda de medio punto. Remate no fondo da ousia con bóveda de forno. A xanela é de arco de medio semicircular con columnas, basas e capiteis decorados con motivos foliados.

Ousia central: Arco triunfal e bóveda apuntados, a diferenza das ousias laterais. No interior desta ousia adquire unha forma de bóveda de forno.

Ousia norte: igual ca na sur, arco triunfal e bóveda de medio punto. Remate no fondo da ousia con bóveda de forno. A xanela é de arco de medio semicircular con columnas, basas e capiteis decorados con motivos foliados.

Estado de conservación

Danos que se observan:

Unha das xanelas, a da zona norte, xa non ten columnas baixo os seus capiteis vexetais (a máis próxima ao semáforo).

As chambrás exteriores das dúas xanelas (de tacos ou xadrezado) están moi desgastadas (comparar coas das outras dúas igrexas –Castrelos e Bembrive-).

As figuras humanas que hai nos capiteis dunha das xanelas están moi erosionadas e apenas recoñecibles.

Adro da igrexa

No adro tamén hai un cruceiro moi singular e dos máis antigos de Vigo, que ten unha fermosa lenda: fálanos dun tesouro ou gran cantidade de cartos enterrados debaixo do mesmo cando foi construído por un personaxe do Santo Oficio. Na base do cruceiro poden lerse os datos da súa fundación; mais, pola outra banda da base, hai outra inscrición que di que foi trasladado de lugar e pintado. Aínda se poden ver cruceiro policromados por outros lugares dos arredores. É unha mágoa que se deixasen de pintar a maioría deles.

Diante da porta principal existe outro cruceiro de fermosa fasquía.

Este adro complétase cunha fermosa e senlleira oliveira de admirábel porte.

Máis información

Galería de fotos.

FRANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA, Itinerario polas igrexas románicas de Vigo

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Ponte medieval de Balaídos

Arquivado en: Centro,Románico — Xosé Couñago

Localización

A ponte medieval de Balaídos está situada no medio de edificios levantados ao redor do río Lagares, produto do urbanismo intensivo e extensivo que asolou a nos cidade durante os últimos decenios.

A Ponte estivo a piques de desaparecer nos anos setenta debido a este urbanismo desaprensivo coa identidade do noso concello. Hoxe en día podemos decatarnos do desvío do curso do río, a súa canalización artificial, deixando a ponte descontextualizada do seu lugar orixinal.

Malia todo, conservámola na súa integridade, rodeada por un enreixado que nada di dela máis ca o encerramento que a significa. A intervención foi realizada en 1990, e en 1991 foi declarada Ben de Interese Cultural. Mais non hai tan sequera paneis explicativos de posta en valor desta marabillosa ponte alombada de arco de medio punto.

Descrición

Mide 21,5 metros de longo e conta cun arco de 5,5 metros de van. Conserva a calzada e dous piares cónicos a ambos os lados na entrada.

A fermosura da súa fasquía vese aumentada polos tallamares que presenta: dous a cada lado. Chama a atención precisamente que leve dous tallamares na zona da ponte que non dá contra a corrente.

Tamén podemos observar uns ocos cuadrangulares aos lados do arco que serven de descarga, segundo se le nos datos que figuran sobre esta ponte, mais que fan pensar que tamén puideron servir de evacuación de auga nas crecidas para evitar que a ponte actuase como encoro co exceso de auga no río. Nalgún momento estes ocos chegaron a estar habitados por alguén que literalmente vivía “debaixo dunha ponte”.

O cumio do arco apenas ten medio metro de ancho e sorprende pensar no peso que soportou durante centos de anos cos incontábeis carros que pasaron cargados sobre ela.

En definitiva, esta ponte necesita unha atenta intervención na que se destaque o seu valor arquitectónico, histórico e humano, ademais dunha exhaustiva limpeza e sinalización.

Máis información

Para saber máis, consultade este especializado artigo do arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro.

Galería de imaxes.

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no teu navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Ponte medieval de Sárdoma

Arquivado en: Románico,Sárdoma — Xosé Couñago
Ponte medieval de Sárdoma

Ponte medieval de Sárdoma

Localización

A ponte medieval de Sárdoma está situada sobre o río Lagares -ou río de Sárdoma, entre os distintos nomes cos que é coñecido o noso río-, moi preto do núcleo da parroquia.

Unha ponte que dende a súa construción ata hai moi pouco tempo soportou os trafegos do paso de todo tipo de vehículos e cargas, mesmo de camións pesados.

Descrición

Conta con dous arcos e un tallamar central. A superficie do pavimento é horizontal, en contraste coa ponte medieval de Balaídos que presenta a típica fasquía de subida e baixada.

Os perpiaños son sólidos e regulares; pola contra, o pavimento está bastante estragado.

Presenta dous arcos de medio punto e un tallamar entre os dous arcos.

O peor: o estado deplorable en que se atopa a contorna da ponte e a propia ponte: lixo por todas as partes na beiras, maleza incontrolada, nula limpeza das pedras da ponte e pavimento completamente estragado sobre os arcos.

Estado de conservación

Hoxe atópase en estado de abandono e con escasa acción conservadora: necesita unha limpeza completa, un adecentamento das beiras do río, unha adecuación do paisaxismo ribeirán que a arrodea, unha posta en valor deste monumento e unha sinalización mínima. Se ningún destes elementos básicos de protección está en funcionamento, que podemos agardar do futuro desta peza medieval do noso patrimonio.

Máis información

Podedes ver neste enlace unha relación máis ampla e detallada de fotos.

Para saber máis, consultade este especializado artigo do arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro.

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Igrexa románica de Bembrive

Arquivado en: Bembrive,Igrexas,Románico — Xosé Couñago

Localización

A igrexa románica de Bembrive está situada mesmo no núcleo da parroquia . Chégase a ela con facilidade dende calquera punto do concello por estar preto da autovía Vigo – O Porriño.

Data de construción: Hai unha inscrición no interior do presbiterio, na parede setentrio­nal, en dúas ringleiras que di: “ARIAS : E : M : CC : XXIII ….. OBIIT RODERICUS …..”
“Arias, era 1223 (ano 1185), morreu Rodrigo…”

Tamén no muro setentrional da nave, no interior, ao longo dun perpiaño, hai un epígrafe con esta inscrición de data: «E : M : C C : L X I»
“Era milésima duocentésima sesaxésima prima = ano 1223″.

Ata hai pouco foi unha xoia románica con risco de agresións por falta da debida protección; mais hoxe en día, coa humanización da súa contorna, podemos gozar dunha igrexa na que soamente as decoración exteriores da fachada afean en ocasións a súa beleza.

Descrición

Estamos ante un románico de transición, con decoración historiada e vexetal, cuns entrelazados que percorren e están presentes en todas as fachadas do templo, como se tratase dun denominador común decorativo desta igrexa que non aparece nas outras dúas de Vigo (Coruxo e Castrelos).

Ábsida

Ten unha singular forma poligonal que chama a atención pola beleza da decoración que presenta. Esta forma poligonal é rara en Galicia e só existen outras 14 deste tipo (Aciveiro, Ancorados, Casteláns, Codeseda, Losón, Piñeiro e Tebra na nosa provincia; Hospital do Incio, Goo, Reimóndez e Reiriz na provincia de Lugo; Sar e Mens na provincia da Coruña, así como tamén na catedral de Compostela na capela chamada de san Bartolomeu).

Decoración da ábsida: observade as catro columnas entregas, de considerable dimensión, con decoración nalgunha delas con entrelazados na mesma base. Os capiteis: dous deles están decorados con motivos vexetais habituais (follas en espiral e follas con pomas); outro deles ten un fermoso traballo de grosos e perfectamente conservados entrelazados que salienta polo efecto de envolvemento ao redor de todo o capitel, exemplos deste tipo haino repartido por diferentes igrexas galegas, por exemplo Gargantáns. No capitel central destaca unha figura humana cun animal cuadrúpede a cada lado; a figura humana parece estar sentada e viste unha especie de saio longo e está cos brazos enlazados no peito. Hai algunha interpretación que establece que se podería tratar de Daniel entre os Leóns.

Os canzorros podemos ver unha cabeza vacúa, unha figura sentada con algo nas mans bastante deteriorada; outro personaxe cunha especie de bocoi ou quizais bombo (Tomiño, Tebra, Moaña, Barrantes); a seguir un personaxe cunha posible careta animal sostida coas mans sobre o rostro; a continuación un posible león rampante; máis á esquerda podedes ver dous músicos: un frautista e un violinista co típico cruzamento de pernas medieval; na seguinte serie hai un torso animal semellante ao dun león, mais un aparente danzante nunha curiosa forma contorsionada cabeza a abaixo, unindo brazos e pernas por detrás do corpo, con apreciación da roupa. Acompañando toda esta figuración temos outros canzorros con formas xeometrizantes moi fermosas, todas como variación do tema de proas: rolos, lobulados, follas picudas, bólas… todo un deleite decorativo para delongar a mirada en cada un deles. Entre algúns dos canzorros apreciaredes uns exuberantes exemplos de hexafolios dentro dun círculo con botón central, semellante aos observados na igrexa de Castrelos.

A escena figurada no seu conxunto, con músicos, danzantes e animais semella un grupo de animación, divertimento ou interpretación (Tabeirós, Fiestras, Moaña, Ouzande, Angoares). A pregunta sería qué interpretación nos merece esta escena nunha igrexa, tería algún significado asociado á relixión (Daniel entre os leóns)?, sería pura liberdade expresiva dos nosos canteiros rurais da idade media?

Fachada norte

O rechamante a primeira vista son os grosos contrafortes, non orixinais, senón introducidos máis tarde para evitar o derrubamento das paredes, isto obsérvase concretamente no apegado que está un deles á porta norte. A porta, de arco apuntado, románico de transición, regálanos unha rechamante decoración ante a que paga a pena pararnos un pouco. A chambrá ten sete fileiras de tacos con decoración dentada externa; as arquivoltas teñen decoración de baquetóns. Os capiteis presentan distintos motivos: o da dereita representa formas vexetais picudas e o da esquerda un entrelazado semellante ao que vemos na ábsida, do que salienta a fermosura da súa fasquía envolvente. Sobranceando sobre eles deleitámonos no atractivo e suxerente tímpano desta porta: un cruciforme característico medieval que atopamos noutras igrexas, p.e. Escuadro (Silleda) e en tantas cruces antefixas dos tellados do románico. Neste caso salienta ademais a decoración anexa, formada por círculos e espirais que os nosos canteiros recolleron da tradición popular que afunde as súas raíces na decoración e simboloxía castrexa.

Fachada sur

Unha fachada case plana, sen porta medieval, da que só conserva o tímpano reaproveitado, destacan os enormes contrafortes que sosteñen os muros. Evidénciase que fachada orixinal derrubouse por algún motivo e foi novamente levantada, pero sen respectar a decoración orixinal. Ten moitos elementos soltos aproveitados doutras decoracións orixinais ciscadas por distintos lugares de toda a parede: hexafolios, un capitel sobresaíndo do centro do muro; un perpiaño historiado con dous arcos, baixo un dos cales hai unha figura semellante á do capitel da ousia, da que nos preguntamos a onde podería ter pertencido. Os canzorros desapareceron do beiril. Pero o que máis chama a atención é a moderna porta que substituíu a orixinal románica –que aínda se conserva vista polo interior da igrexa-, unha aberración que aínda por riba mutilou o fermosísimo tímpano orixinal, unha enigmática figura animal (algúns autores falan dun cánido, algún outro dun posible Agnus Dei), en pé sobre as patas traseiras e que ten entre os seus dentes o extremo dun entrelazado –outra vez o entrelazado que envolve todas a igrexa en cada unha das súas representacións-. Un exemplo semellante a este tímpano podemos velo na igrexa románica de S. Martiño de Moaña.

Fachada occidental

Presenta arco apuntado propio do románico de transición, lembremos que é unha igrexa de finais do s. XII. Ten un gran parecido coa porta principal de Arcade. A chambrá exterior ten seis fileiras de tacos, a seguir, dúas arquivoltas decoradas con hexafolios inscritos en circos e entrelazados. O tímpano orixinal desapareceu. Os capiteis están decorados con formas vexetais, un entrelazado semellante ao da porta norte e figuras animais nos dous capiteis interiores. Estas parellas de figuras animais, quizais leóns afrontados, chaman a atención pola decoración de entrelazados por entre as súas patas. Lembremos que o entrelazado é a decoración máis recorrente en toda esta igrexa (capiteis, bases de columnas, arquivoltas, tímpano das portas sur e norte…). Este entrelazado tamén está presente nós ábacos superiores dos capiteis da dereita; en cambio nos ábacos dos capiteis da esquerda podemos ver hexafolios. As columnas son monolíticas e as dúas interiores teñen unha fermosa feitura entorchada, dando mostra da mestría dos nosos canteiros rurais, amosadas en moitas das nosas igrexas románicas. A espadana da fachada, como ben poderedes decatarvos, non é románica, senón posterior.

Máis información

FRANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA, Itinerario polas igrexas románicas de Vigo

Agardamos que as FOTOS que poñemos ao voso dispor sexan do voso agrado e utilidade.

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Igrexa románica de Castrelos

Arquivado en: Castrelos,Igrexas,Románico — Xosé Couñago

Localización

Na parroquia de Castrelos, moi preto do pazo Quiñones de León, está localizada esta xoia do románico rural galego.

As nosas igrexas románicas (finais do XII, principios do XIII) son as grandes esquecidas do patrimonio arquitectónico máis antigo que ten Vigo. Bótase de menos visitas escolares guiadas, unidades didácticas específicas, un percorrido divulgado…

Castrelos é unha exuberancia de portas e xanelas fermosamente ornamentadas, con arquivoltas floreadas e xadrezados de luces e sombras para recrearse nos tons rubios das súa pedra mentres o sol se deita por detrás das Cíes, contemplado dende o seu adro.

O peor en Castrelos é o estado da súa cabeceira. Situado mesmo encima da estrada, a súa forma circular intérnase perigosamente no asfaltado, sen beirarrúa nin protección ningunha. A parede está chea de rozaduras e calquera día un camión ou outro vehículo pode deixarnos para sempre sen algúns dos seus singulares óculos (por certo, hai outra igrexa –Gargantáns– que ten unha cabeceira moi semellante)

De cando é? Contamos cunha inscrición no interior da igrexa, á esquerda do arco triunfal da cabeceira: “A A A … ERA:M:CC:L …A … IIII QT ID…”, que pode facer referencia a un posible 1254, que se correspondería co ano 1216 (como saberedes, hai que restar 38 anos).

Nave: ten unha soa nave, rematada nunha cabeceira máis estreita. A cuberta é de armadura de madeira. O arco triunfal é apuntado, con decoración hexafolia, e capiteis vexetais. No interior tamén destacan as dúas xanelas da parede norte, que por fóra son simples seteiras, mais que por dentro están construídas con toda a decoración que admiramos nas xanelas exteriores da fachada sur: cinco filas de tacos e motivos vexetais coma nas exteriores. A xanela de arco de medio punto da fachada occidental tamén se desenvolve cara ao interior da mesma maneira.

Pinturas: a parede norte está pintada todo ao longo con frescos medievais que fan referencia á vida de Xesús, dende o seu nacemento e presentación aos reis, ata o seu enxalzamento e glorificación no ceo. Son verdadeiramente fermosas en policromía e formas, nestas pinturas combínase perfectamente a función didáctica coa artística.

Ábsida: é semicircular e ten tres óculos moi decorados: chambrá con cinco fileiras de tacos, arcos peraltados que comunican co seu interior na que hai unha entrada de luz en forma de cruz con catro lóbulos adornados entre si con hexafolios. Este preciosismo decorativo dos óculos dáse tanto por dentro coma por fóra da igrexa, e dados os escasos exemplos existentes en Galicia, non deixedes de analizalos e observalos con detemento. Sobre o teito da ábsida hai unha cruz medieval de catro brazos iguais sobre unha figura dobre de animal.

Fachada norte: ten unha porta románica, xa con apuntamento, e dúas pequenas entradas de luz en forma de seteira, sen decoración, mais que se vos fixades polo interior da igrexa están completamente desenvolvidas e decoradas cara a dentro. (En cambio, observaredes o efecto contrario nas xanelas da fachada sur: por fóra están moi decoradas e por dentro son simples seteiras.)

Os canzorros son de decoración xeometrizante, sacado dous que representan unha cabeza de vaca e un motivo floral.

Porta norte: presenta arco apuntado, chambrá de tres ringleiras, dúas arquivoltas decoradas con hexapétalas, tímpano con cruz grega nun círculo (observade como o elemento circular está moi presente na decoración de toda a igrexa) acompañada de flores; as mochetas que soportan o tímpano teñen elementos vexetais, ao igual ca os capiteis da columnas;

Fachada sur: a máis espectacular das tres fachadas. Presenta dúas enormes xanelas acompañando unha porta tamén de gran tamaño. Xanelas: chambrá con cinco filas de tacos (a porta norte só ten tres fileiras), un dos tímpanos decorado con cruz grega e o outro con dúas hexapétalas; este mesmo motivo das hexapétalas decora o interior das xanelas en vertical. A decoración vexetal, en diversas expresións (talos dos tímpanos, follas picudas dos capiteis, hexapétalas das arquivoltas …), é a preponderante en toda a igrexa. Porta sur: ao igual ca a do norte, ten tres ringleiras de tacos (as xanelas teñen cinco fileiras), o arco apuntado (o único arco non apuntado que hai na igrexa é o da xanela da fachada occidental, que é de medio punto, todos os demais desta igrexa son apuntado, propio do románico de transición); as arquivolta están decoradas con hexapétalas e molduras lisas e boceladas; tímpano con cruz grega e talos de flores; capiteis vexetais, bases das columnas con poutas.

Fachada occidental: presenta a porta principal e xanela encima, non deixedes de apreciar as marcas de canteiros repartidas pola parede. Un chisco á esquerda da xanela hai un curioso gravado nun dos perpiaños, un símbolo claramente castrexo, que nos fala de cómo os nosos canteiros non perderan de vista nin descoñecían a tradición decorativa anterior. Estamos ao lado dun castro (tal como o topónimo indica) e naquel entón os restos das vivendas debían ser máis evidentes ca na actualidade e mesmo a relación material e inmaterial que a xente mantiña coa cultura inmediatamente anterior que os seus devanceiros viviran. Gustaríanos atopar un estudo que analizase os elementos decorativos que se transmitiron dende esta remota antigüidade ata a actualidade a través dos nosos canteiros ao longo da historia. Para ampliar algo máis a cuestión destas esvásticas de tipo Santo Estevo de Miño, déixovos aquí esta imaxe.

Porta occidental. Arco apuntado e chambrá de tres filas de tacos coma as outras dúas portas. As arquivoltas están de coradas con hexapétalas formando un conxunto exuberante. O tímpano presenta a cruz grega que xa vimos nos outros, con decoración floral de talos. Os capiteis tamén son vexetais e as bases amosan unha decoración de poutas coma a porta sur.

A xanela é a única que non ten arco apuntado, senón de medio punto, e ofrécenos a característica decoración vexetal presente en toda esta igrexa. No seu tímpano podemos ver tamén unha cruz grega. Chama a atención a convivencia nesta igrexa de expresións románicas de medio punto con protogóticas de arco apuntado; aquí apréciase en toda a súa dimensión este románico de transición que se estaba dando en Galicia naquel momento e que os nosos mestres canteiros non deixaron de reflectir.

Máis información

Galería de imaxes desta igrexa románica.

RANCISCO JAVIER OCAÑA EIROA, Itinerario polas igrexas románicas de Vigo

Sobre os investimentos e intervencións futuras nesta igrexa podedes ver o seguinte artigo do Faro de Vigo.

Navegadores GPS

Tamén podedes ver a Ruta románica de Vigo e descargala no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

A cultura é patrimonio de todos.