Atopámolo no recinto do adro da igrexa de Lavadores, apegado á esquina dereita da fachada do templo. Orixinalmente a cruz estaba noutro cruceiro situado no Calvario. Posteriormente foi reaproveitada e colocada neste novo cruceiro.
No seu artigo «O nacemento dun barrio: O Calvario (Lavadores) 1900-1940», Juan Miguel González, do Instituto de Estudios Vigueses afirma que ata 1910 estivo na rúa do Cristo do Calvario e que foi trasladado para este adro en 1910.
Descrición
A simple vista decatámonos de que a cruz é máis antiga ca o fuste e a base.
O cruceiro está apegado á parede da igrexa. Presenta a curiosidade de que tanto a base coma o fuste presentan só a metade.
Por diante da esquina da igrexa dispúxose unha estreita parede pétrea a modo de frontón, con remate semicircular na parte superior, contra o que está apegado o cruceiro.
Base: circular de dous chanzos. Neste caso é semicircular ao estar apegada contra a parede da igrexa.
Fuste: semicilíndrico, liso, con base semicilíndrica con decoración lisa baquetoneada.
Capitel. Semicircular con catro ornamentacións de distinta circunferencia. Maior circunferencia na parte superior; menor circunferencia na inferior.
Cruz: base con saíntes nas esquinas con volutas, das que só conserva as dúas anteriores. Cristo: máis traballado na parte inferior do corpo ca na superior. Brazos horizontais e torso con certo esquematismo. Rostro de expresividade serena, moribunda, lixeiramente inclinada cara á dereita, coa barba apuntada. As pernas e os pés están máis elaborados, tanto no volume coma no detalle. A datación desta cruz é imprecisa.
Estado de conservación
Consérvase en bo estado. Obsérvase unha necesidade de limpeza na parte superior da cruz que impidan as agresións por liques tan comúns nas pedras destas figuras.
Valoración final
Hai bastantes imprecisións arredor deste cruceiro.
Cómpre coñecer máis datos sobre a súa tradición: onde estaba situado con anterioridade o orixinal; que tradicións conservaba ou se recordan; circunstancias e motivo que levou a erixilo neste sitio en lugar de deixalo no seu lugar orixinal, xa que conserva memoria de procesións ata o enclave orixinal. Este tipo de procesións dende a igrexa ata un cruceiro das proximidades ao redor do cal dá a volta a procesión son habituais no noso país.
Falta este tipo de recollida de campo entre as persoas de máis idade da parroquia e a súa presentación nos correspondentes carteis informativos.
Máis información:
Hidalgo Cuñarro, Los cruceiros de Matamá y Lavadores, en Vigoetnográfico.
Podes ver aquí unha relacións máis completa de fotos.
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)