Patrimonio cultural de Vigo

Lavadores

Lavadoiro da rúa Redomeira (Lavadores)

Arquivado en: Lavadoiros,Lavadores — Xosé Couñago

Situación

Este emblemático lavadoiro encóntrase nun recanto que forma a rúa Redomeira, paralela á rúa Aragón, preto do final do seu percorrido.

Pola parte traseira deste lavadoiro esténdese unha ampla zona deshabitada, mais fronte a el, no outro lado da rúa, levántase diversas edificacións. Estas novas edificacións evidencian o forte contraste do salto do mundo tradicional, ao que pertencen estas construcións populares, á cidade urbanizada que se construíu ao seu redor.

Descrición

Cubrición: de cemento con teitume a dúas augas sobre tres pares de columnas. Os laterais que están acaroados a unha propiedade están cerrados con parede. Esta cubrición está pintada toda en branco agás o teitume, pintado en vermello, e unha franxa inferior en gris ata o chan.

Lavadoiro: a tres follas, ao redor das pías da auga. A entrada de auga faise por unha pequena canle nunha das esquinas posteriores do lavadoiro, o que permite poder lavar na parte traseira tamén. O lavadoiro está dividido en dúas pías.

Complementos: ten unha fonte para a subministración da auga acaroada ao muro lindeiro, feita en pedra, vertical, con cano en ferro deitando auga sobre unha pequena pía de pedra, da que parte a canle que leva a auga para o lavadoiro.

Na parte dianteira do lavadoiro, sobre o bordo, está o aliviadoiro de auga. Ten forma orixinal de fonte, constituído por un frontal cuadrangular rematado por un cume semicircular con adorno de resalte polo bordo semicircular. Na liña de unión entre o cume e o frontal hai un orificio e unha pía na parte inferior. Está pintado todo el en branco xunto coas esquinas do lavadoiro.

Estado de conservación

Consérvase en bo estado. A auga corre sempre e as pías permanecen cheas.

Nas paredes laterais vense as habituais pintadas de graffiti.

Ao redor do lavadoiro habilitouse unha zona de descanso e encontro das persoas, con bancos e pavimento despexado, defendido da entrada de vehículos.

Valoración final

Os lavadoiros, como elementos da nosa arquitectura popular tradicional, están cada vez máis sometidos a unha presión urbana e urbanística que os vai relegando, degradando e abocando á desaparición.

O acerto neste caso de destinalos ao encontro e lecer da veciñanza é un exemplo a seguir para moitos outros que están correndo peor sorte no noso concello.

Botamos en falta paneis que enriquezan este lugar con explicacións da cultura do lavadoiro, das partes de que está composto, materiais, funcionalidades, cantos, literatura ao redor dos lavadoiros, etc.

Unha posta en valor informativa deste estilo contribuiría a evitar as agresións ás que se ven sometidos estes elementos patrimoniais, moitas veces debido ao descoñecemento e pouco recoñecemento social e cultural con que contan.

Podedes acceder a unha galería de imaxes máis completa.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Igrexa de Lavadores

Arquivado en: Igrexas,Lavadores — Xosé Couñago

Localización

A igrexa está situada na rúa de Santa Cristina, homónima da advocación da propia parroquia. A súa situación é de acceso dificultoso para as persoas que se achegan andando, debido á estreiteza e perigosidade da rúa que pasa por diante do adro, nunha curva perigosa con demasiado tránsito.

Descrición

A orixe do templo hai que buscala nos comezos do século XIII, como edificio románico. Avila y la Cueva fai constar que no exterior da parede norte hai un letreiro gravado coa inscrición “E.M.CC.XXXIX”, o que a sitúa no ano 1201. Esta inscrición xa non existe na actualidade. Desa época quedan aínda uns poucos canzorros que podemos ver ao redor da igrexa por debaixo dos beirados do tellado. A cuestión principal aquí é poder distinguilos e diferencialos dos demais canzorros que decoran todo o beirado da igrexa e que non son medievais, senón copias modernas. Este é un traballo interesante que sería interesante realizar.

Hai varias figuras que gardan gran semellanza con outra figuras que podemos ver na igrexa románica de Bembrive. Mesmo unha das dúas pezas desta igrexa que se custodian no Museo Diacesano de Tui é un tímpano semellante ao da portada norte de Bembrive.

Nas dúas fachadas hai uns oitenta canzorros aproximadamente. Imos centrarnos principalmente nos que salientan pola súa importancia e beleza, como figuras humanas, animais ou xeométricas.

Canzorros

Fachada sur: os canzorros desta fachada son principalmente con forma xeometrizante, concretamente en punta de quilla e variantes lobuladas. Tamén hai alguns con formas animais.

A figura animal máis salientábel é a cabeza dun bóvido. Está sobre a segunda das xanlelas, con cornamenta, orellas e fuciño ben resaltados. Semellante a esta figura temos un exemplo medieval en Bembrive.

A outra figura animal desta fachada ten unha forma bastante imprecisa, cunha estraña boca e unhas patas dificilmene identificábeis con calquera animal.

Á par destas figuras existen outras de fasquía xeometrizante dunha beleza excepcional. Algunha delas lobulada con entrelazados ao longo da banda central da figura, ou outra con remate en poma con banda central decorada con pequenas bólas pétreas, semellante a outra que podemos ven tamén en Bembrive.

Fachada norte:

Os dez primeiros canzorros dende a fachada son de estilo xeometrizante, con variantes da forma de quilla.

Sobre a primeira das xanelas aparece unha figura historiada idéntica a outra que atopamos na ábsida da igrexa románica de Bembrive. Unha figura humana, de cabeza indeterminada, sentada, cun obxecto cilíndrico sobre as pernas, moi difícil de precisar (un barril? un instrumento musical?).

Un pouco máis adiante temos outra escena na que aparece unha figura monstruosa deborando un ser humano polas pernas.

A seguinte figura podemos arriscarnos a catalogala de medieval. O evidente desgaste da pedra, o desdebuxamento da figura, permítennos ahegar este hipótese. Trátase dunha figura humana sentada, coa perna dereita cruzada por enriba do xeonllo da esquerda, e retorcéndoa cara ao corpo coas mans.

Sobre a segunda das xanelas atopamos outra figura medio humana, medio animal. Só presenta o torso, no que observamos que ten brazos e mans humanas, mais cabeza monstruosa, con prominentes dentes e cornos de castrón. A postura e figuración tamén é semallante a outra que atopamos en Bembrive; aínda que esta última presente a cabeza con forma felina.

A continuación outra figura humana, completa, nunha postura contorsionada, invertida e tocando os pés coas mans pola parte de atrás do corpo formando un arco. Esta figura tamén é identica a outra que atopamos en Bembrive, incluso cunha decoración na cintura moi parecida.

A última figura deste beirado inferior da fachada norte é de fasquía animal, cuadrúpede, deitado sobre as patas, cun longo rabo que o pasa por debaixo das patas traseiras e o envolve ao redor do van por encima do lombo. Idéntica a outra figura de Bembrive.

No beirado norte da cabeceira, entre os distintos canzorros, atopamos tamén algunhas figuras, todas de traza animal, con evidencias de ser modernas. A primeira delas ten unha forma de difícil precisión, aínda que se aproxima ao que pode ser un carneiro.

A segunda é un animal deitado sobre as patas, coa cabeza contorsionada cara atrás amosando unha longa lingua. As patas acentúan unhas considerábeis poutas afiadas.

A última das figuras é un torso tamén animal con cabeza semellante a un xabaril, mais cunha especie de cornamenta saíndo dende encima dos propios ollos.

Cabeceira: cuadrangular, máis alta ca a nave. O tellado a catro augas, canzorros decorados con figuras historiadas e xeometrizantes. As paredes están revestidas en branco. Sobresaen as esquinas e parte inferior en pedra e as xanelas e portas de arcos neogotizantes, tamén en pedra sobresaínte.

O edificio actual pertence á reconstrución á que foi sometida, inaugurada en 1882. e tamén neste punto aparecen referencias illadas a que a reconstruciónj do templo non se realizaou no mesmo lugar. Deixamos novamente esta controversia para a aclaración en canto se acheguen datos máis precisos.

A pesar da reconstrución sinalada, esta igrexa presenta características propias da tradición barroca: planta lonxitudinal de nave única, cabeceira cadrada, muros con poucos vans, teitume da nave principal a dúas augas e a da cabeceira a catro augas, escasa ornamentación nos muros laterais, concentración da ornamentación na fachada (comprobarédelo ao dardes unha volta ao redor deste tipo de igrexas), e o típico campanario acaroado nunha das esquinas da fachada (noutros casos sitúase no centro da fachada).

Os muros son de considerábel altura e conta cunha voluminosa cabeceira cuadrangular. Nos laterais norte e sur presenta xanelas e portas de remate neogotizante con vidreiras. Trátase de catro xanelas de distintas configuracións e tamaños.Os muros están caleados e deles sobresaen as xanelas e portas bordeados en pedra.

Portada: a fachada occidenteal foi complementada cunha construción a modo de soportal que tapou case por completo a visión da parede frontal. Ata tal punto se tapa que sobre o soportal vai un fornelo semellante ao que queda case oculto na fachada principal.

Este engadido foi obra do escultor Camilo Nogueira e nel reflicte un estilo monumental e clasicista, propio da súa etapa de posguerra. Tres arcadas enmarcadas en columnas de liñas clásicas, todo coroado con pináculos nas esquinas e un fornelo central cunha imaxe de Cristo sobre unha inscrición que o escultor dedica a súa nai Balbina Martínez.

A torre do campanario está no lateral dereito da fachada. O cubo da toore chaga ata a altura do testeiro do tellado, ornamentado con columnacións. Sobre el ábrese unha balconada de ferro dentro da que se ergue o campanario propiamente dito, cuadrangular, de menor volume ca a torre, ten ornamentación columnado tamén nas esquinas e remata cunha cúpula rodeada de pináculos.

A fachada complétase cun cruceiro acaroado na esquina dereita ao pé da torre do campanario. Este cruceiro estaba antes no Calvario e foi trasladado para este adro en 1910.

Máis información

Galería de imaxes

Bango Torviso, Isidro G., Arquitectura románica en Pontevedra, fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1979, pp. 227-228.

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Cruceiro do adro da igrexa (Lavadores)

Arquivado en: Cruceiros,Lavadores — Xosé Couñago

Cruceiro do adro de Lavadores

Cruceiro do adro de Lavadores

Situación

Atopámolo no recinto do adro da igrexa de Lavadores, apegado á esquina dereita da fachada do templo. Orixinalmente a cruz estaba noutro cruceiro situado no Calvario. Posteriormente foi reaproveitada e colocada neste novo cruceiro.

No seu artigo “O nacemento dun barrio: O Calvario (Lavadores) 1900-1940”, Juan Miguel González, do Instituto de Estudios Vigueses afirma que ata 1910 estivo na rúa do Cristo do Calvario e que foi trasladado para este adro en 1910.

Descrición

A simple vista decatámonos de que a cruz é máis antiga ca o fuste e a base.

O cruceiro está apegado á parede da igrexa. Presenta a curiosidade de que tanto a base coma o fuste presentan só a metade.

Por diante da esquina da igrexa dispúxose unha estreita parede pétrea a modo de frontón, con remate semicircular na parte superior, contra o que está apegado o cruceiro.

Base: circular de dous chanzos. Neste caso é semicircular ao estar apegada contra a parede da igrexa.

Fuste: semicilíndrico, liso, con base semicilíndrica con decoración lisa baquetoneada.

Capitel. Semicircular con catro ornamentacións de distinta circunferencia. Maior circunferencia na parte superior; menor circunferencia na inferior.

Cruceiro do adro da igrexa de Lavadores

Cruceiro do adro da igrexa de Lavadores. Detalle.

Cruz: base con saíntes nas esquinas con volutas, das que só conserva as dúas anteriores. Cristo: máis traballado na parte inferior do corpo ca na superior. Brazos horizontais e torso con certo esquematismo. Rostro de expresividade serena, moribunda, lixeiramente inclinada cara á dereita, coa barba apuntada. As pernas e os pés están máis elaborados, tanto no volume coma no detalle. A datación desta cruz é imprecisa.


Estado de conservación

Consérvase en bo estado. Obsérvase unha necesidade de limpeza na parte superior da cruz que impidan as agresións por liques tan comúns nas pedras destas figuras.


Valoración final

Hai bastantes imprecisións arredor deste cruceiro.

Cómpre coñecer máis datos sobre a súa tradición: onde estaba situado con anterioridade o orixinal; que tradicións conservaba ou se recordan; circunstancias e motivo que levou a erixilo neste sitio en lugar de deixalo no seu lugar orixinal, xa que conserva memoria de procesións ata o enclave orixinal. Este tipo de procesións dende a igrexa ata un cruceiro das proximidades ao redor do cal dá a volta a procesión son habituais no noso país.

Falta este tipo de recollida de campo entre as persoas de máis idade da parroquia e a súa presentación nos correspondentes carteis informativos.

Máis información:

Hidalgo Cuñarro, Los cruceiros de Matamá y Lavadores, en Vigoetnográfico.

Podes ver aquí unha relacións máis completa de fotos.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Peto de ánimas de Sampaio (Lavadores)

Arquivado en: Lavadores,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

Está nun largo da rúa “Subida ás ánimas ”. Podemos chegar a el tanto dende a avenida do aeroporto coma dende o barrio de Sampaio.

Cando chegamos ao largo que forma a rúa, atoparémolo na parede dunha vivenda.

Realmente desilusiona velo rodeado de elementos tan pouco atractivos ao seu carón. Coma todos os demais, carece de calquera sinalización (menos mal que conserva o topónimo do nome da rúa) ou letreiro explicativo. (FOTOS)

Descrición

É un peto de ánimas aberto, sen protección nin fornelo.

Non está policromado na actualidade.

É de estilo franciscano, tal como evidencian tanto o cordón que o bordea (cfr. Peto de ánimas de Comesaña), coma a inscrición: “FRANCISCO SIMON”, que pode ser o seu patrocinador. A data tamén aparece inscrita: “1903

A diferenza da maioría dos petos, este de Sampaio está exento de figuras divinas.

Só está coroado por unha cruz sobre unha bóla (cfr. Peto de ánimas de Teis).

Está presidido por un anxo do que só destacan a cabeza e as ás.

E hai representados seis personaxes: os centrais son os do cura e o bispo, dous personaxes relixiosos destacados con moita significación.

Están rodeados por dúas mulleres con trenzas longas ao seu lado (cfr. Peto de ánimas de San Xoán do Monte, moi preto deste).

Navegadores GPS

Se queredes descargar a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador GPS, premede no enlace.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Peto de ánimas de S. Xoán do Monte

Arquivado en: Lavadores,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Este peto de ánimas está situado na rúa S. Xoán do Monte pouco antes de confluír coa rúa Cantabria.

Está encaixado na parede dun muro e hoxe a configuración da contorna está moi transformada con respecto a como sería orixinalmente. Como se pode observar nas fotos, houbo un desenvolvemento urbanístico moi agresivo ao seu arredor.

O peto atopámolo protexido cunha reixa e está metido nun fornelo.

Na visita puidemos decatarnos que conserva unha devoción aínda viva: flores e candeas acesas.

A inscrición que ten este peto é a seguinte:

“A DEBOCION DE D. L H(erminio) O(tero) VIDA”

Non ten ano de construción.

O retablo está feito en pedra, policromado, aínda que pouco conservada a pintura.

Na parte superior podemos observar a figura dun anxo, característica de moitos dos nosos petos.

Observando con máis detalle podemos apreciar as figuras dun papa e un rei, con restos de policromía. Curiosas son as figuras femininas con trenzas que rodean o papa e o rei. Neste senso garda unha relación figurativa co peto de Sampaio.

Navegadores GPS

Se queredes descargar a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador GPS, premede no enlace.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)