Localización
Podemos velo no muro de peche dunha propiedade, na estrada vella que vai de Vigo a Baiona, á altura do concesionario de Citroën.
Está rodeado de elementos agresivos na beirarrúa, como postes, farolas, letreiros; sen distintivo nin indicación ningunha.
De feito non coñecemos nin un só peto de ánimas de Vigo que teña unha mínima indicación sobre os seu significado, sobre o seu valor etnográfico, patrimonial, nin nada.
Este é un labor que cómpre facer á concellería correspondente, para manter vivos estes elementos da arquitectura popular.
Por sorte este peto de Comesaña foi restaurado, ao igual ca o de Teis.
Deste xeito conseguimos que estea ben conservado e policromado.
O malo é que o deixaron sen ten protección ningunha, e falta de un cartel que o poña en valor pode provocar calquera agresión por falta de sensibilización e coñecmento do que son estas construcións.
Descrición
Segundo se pode apreciar na inscrición, foi construído a mediados do século XIX: “año 1860”
A policromía realza a beleza da súa fasquía, xa que a figuración se enmarca entre columnas xónicas, azuis.
Rodeando os dous espazos centrais vai un cordón (cfr. Sampaio) que lle engade co seu colorismo e feitura un grao máis de fermosura ao conxunto.
As almas en pena están compostas por seis figuras. A central está máis destacada ca as demais: un relixioso. Non está en posición superior, senón inferior, aínda que máis destacada e de maior tamaño. Aparece vestido de sacerdote, as demais figuras están núas. Isto é significativo por canto se quere significar coa máxima claridade a identidade desta figura.
Coroando o peto hai a representación da crucifixión, ben elaborada. Por outra banda, esta crucifixión mantén unha composición equilibrada en tamaña coa representación das ánimas na parte inferior.
Chama a atención tamén, aos pés de Cristo, a representación da morte: caveira e ósos ben elaborados, con ocos acentuados e remates expresivos dos ósos.
O Cristo está ben elaborado en pedra.
A inscrición que hai ao pé do peto di o seguinte: “ANIMAS DEL ROMEU / SAN ANDRES DE COMESAÑA”. Neste caso só nos presenta o nome do peto e da parroquia, sen lema ningún que trate de infundir devoción ou calquera outro sentimento nas persoas, como ocorre na maioría dos que teñen algún tipo de inscrición.
Máis información
J. M. Hidalgo Cuñarro, Vigo Etnográfico
Óscar Franco, «Peto de San andrés de Comesaña«, en Patrimoniogalego.net
Ruta dos petos de ánimas de Vigo
Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.