Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Castros,Coruxo — Xosé Couñago

Un Monumento Nacional no desleixo

No ano 1975 o Boletín Oficial do Estado publica a declaración do complexo castrexo de San Lourenzo e O Penedo como Monumento Nacional.

Que un castro vigués descoñecido para a inmensa maioría da poboación sexa un Monumento Nacional chama moito a atención; mais cales son os méritos que o fixeron merecente desta mención? Que foi deste monumento nacional dende entón ata a actualidade? En que estado se encontra hoxe en día?

Estes son interrogantes aos que tentaremos achegarnos neste artigo sobre o noso patrimonio vigués e agardamos que algunhas das respostas non nos deixen indiferentes.

Localización

(Ver en Google Maps)

Este castro tan peculiar está situado no barrio de San Lourenzo de Coruxo, ao carón da capela parroquial dedicada a este santo. Ten un acceso doado para chegar ata o seu emprazamento, mais a visita a algún dos lugares deste Monumento Nacional é de incerta aventura para as persoas que tenten achegarse a tan singular e interesantísimo patrimonio.

 

Coruxo é a parroquia de Vigo que máis depósitos arqueolóxicos posúe. Os máis numerosos son os petróglifos que inzan toda a zona interior e elevada da parroquia. Dende as cavidades naturais do Folón (das máis importantes de Europa pola súa natureza pétrea) con restos de utilización humana dende a máis remota historia, ata o patrimonio románico da igrexa de San Salvador, pasando por trinta e tres estacións de gravados rupestres catalogados oficialmente polo concello, xunto con outros dous recintos castrexos máis: o denominado Outeiro do Crasto e o castro da illa de Toralla.

Dende a beira do mar, coa illa de Toralla e a praia do Vao, ata as zonas altas dos montes do Fragoselo, esta parroquia amosa un rico e abondoso patrimonio tanto material coma inmaterial que paga a pena descubrir poñer en valor.

A este valor patrimonial tanto material como inmaterial, engádese o valor paisaxístico da contorna onde atopa o castro. Dende este enclave tense un perfecto dominio do val que discorre polas terras baixas de Coruxo, así como unha panorámica de toda a ría de Vigo.

Como territorio castrexo, seguindo os apuntamentos do arqueólogo Jose Manuel Hidalgo Cuñarro, este castro podemos relacionalo con outros da súa contorna máis próxima, como son o castro de Outeiro do Crasto –na propia parroquia de Coruxo-, por partillaren en común “a súa visibilidade dun quilómetro orientada cara ás terras fértiles da desembocadura do Lagares”, aos que se engadiría o castro de Casás en Comesaña, “que compartiría terras con eles debido á súa proximidade”.

Descrición

Todo o espazo castrexo está conformado por dous promontorios distantes entre si uns cento cincuenta metros. O recinto castrexo propiamente dito é o que recibe o nome actual de San Lourenzo; o segundo promontorio, máis pequeno e cunha utilización posiblemente diferente á habitacional, recibe o nome de O Penedo.

Todo este complexo castrexo está situado a 97 metros de altitude sobre o mar e ocupa unha superficie total de 0,17 hectáreas.

Achados arqueolóxicos

Os achados arqueolóxicos aparecidos no espazo e contorna deste castro están depositados no Museo de Castrelos e evidencian a presenza dunha clara romanización. O exdirector do museo e arqueólogo José Manuel Hidalgo Cuñarro descríbenos que se tratan de “fragmentos de cerámica castreña con decoración de acanaladuras y serie de líneas incisas dispuestas de forma oblicua.  Asimismo se encontraron dos fusayolas y numerosos fragmentos de ánforas y tégulas.”

Castro de San Lourenzo

A coroa é de forma ovalada cunhas dimensións de 30 x 17 metros.

A terraza adxacente na zona oriental do castro mide 40 x 30 metros.

Defensas: nas zonas occidental e sur aprécianse un pronunciados terrapléns que lle serven de defensa natural. A continuación, cara ao sueste, aínda se pode ver o que foi na súa orixe un foso defensivo. Imaxe 27

Todo o promontorio está na actualidade poboado de árbores e abundante vexetación que dificultan a súa visita e apreciación.

O deterioro vese aumentado pola proliferación de canteiras e extracción de pedra por todo o recinto.

Non se evidencian restos de construcións castrexas.

Promontorio do Penedo

Esta é a parte máis interesante na actualidade deste conxunto castrexo e polo que lle valeu a declaración de Monumento Nacional, tanto polos restos arqueolóxicos aínda existentes no propio lugar, como polas tradicións e expresións antropolóxicas e etnográficas que se desenvolveron ao seu arredor.

O promontorio ten forma ovalada, cunhas dimensión duns 30 x 50 metros.

Está completamente rodeado e pechado por construcións de vivendas e cerrumes de propiedades particulares. Non ten acceso público na actualidade por ningures. Sempre se dependerá da boa vontade dalgunha persoa das propiedades lindeiras para poder pasar.

Podemos consideralo en si mesmo coma un gran complexo rupestre, xa que está formado por penedos con pías de especial relevancia, gravados, sucos, coviñas e chanzos escavados na rocha. Todos estes elementos rupestres están dispersos por todo o recinto e forman unha curiosa liña que podemos trazar dende o Penedo ata a actual capela de San Lourenzo.

Esa liña coincide co antigo “Camiño de San Lourenzo” que empregaban os devotos para subir dende a capela ata o Penedo seguindo unha serie de rochas con rebaixes a modo de chanzos que ían conformando durante a ascensións os denominados “Pasos do Santo”.

Fonte: https://www.celtiberia.net/

Hoxe en día estes “Pasos do Santo” desapareceron na súa maioría debido á moderna construción de vivendas que ocuparon e fixeron desaparecer completamente este ancestral camiño.

O Penedo

Comezando pola parte máis elevada, no cume do promontorio destaca un enorme penedo apoiado sobre varias grandes rochas. O acceso á súa parte superior non é sinxelo nin presenta elementos que o faciliten. Encima deste penedo existen varias pías de diferentes tamaños, dúas delas de maiores dimensións que ocupan a maioría da superficie superior da rocha.

Sobre este gran penedo, na parte oriental, hai un gravado cunha posíbel fasquía serpentiforme cunha cruz a cada lado.

Petróglifos

Fonte: https://www.celtiberia.net/

A maiores do que acabamos de describir, o principal e máis relevante é un gravado que ten forma oval, cunhas dimensións de 0,85 x 1 metros. No seu interior hai doce cazoletas. Está situado sobre unha laxe plana a nivel do chan, a uns 15 metros do Penedo en dirección norte, nese aliñamento cara á capela antes aludido.

As tradicións relixiosas orais identifícano coma a “Grella do Santo”.

Fonte: http://patrimoniogalego.net/

Pía do Santo

Descendendo polo promontorio outros 15 metros cara ao norte, mantendo ese aliñamento coa capela, chegamos ata o elemento máis importante de todo este conxunto rupestre.

Hoxe en día atópase, inexplicabelmente, acaroado a un peche de bloques de cemento e ladrillo pertencente a unha propiedade particular. Nas imaxes que se achegan pode observarse como era antigamente a súa disposición natural, e como está na actualidade.

Trátase dunha gran rocha que marca un pronunciado desnivel de terreo no descenso do promontorio. Sobre ela están talladas dúas destacábeis canalizacións laterais que descenden diagonalmente pola rocha converxendo nunha pía situada na súa base.

Esta pía é de forma cuadrangular cunhas dimensións duns 0,30 x 1 metros, e unha profundidade, segundo as fontes consultadas, de 75 centímetros. Na súa parte central presenta un rebaixe de desaugue. É de salientar a presenza de catro pequenos ocos que algúns estudosos atribuirían á probábel existencia dunha tampa de cubrición.

Na imaxe en branco e negro que ofrecemos aprécianse aínda con claridade os rebaixes corridos que servían a modo de chanzos para acceder á rocha.

Fonte: https://www.celtiberia.net/

Neste sentido que acabamos de apuntar, a disposición da pía coas súas canalizacións insculpidas e desaugues asociados foi interpretada por algúns estudosos como un altar  de sacrificios, coas correspondentes canles e pías para conducir e conter o sangue.

No seu interior é habitual ver auga estancada, que nas tradicións orais a xente asegura que nunca seca. Ao estar asociada coa figura e martirio de san Lourenzo, tamén se afirma que esta auga estancada ten propiedades curadoras.

No día da romaría de san Lourenzo (1º domingo de agosto) que se celebra na capela adxacente ao castro, despois da misa as persoas devotas ascendían ata o promontorio castrexo do Penedo para realizar un ritual animista de curación, mollando panos na auga da pía e lavando as queimaduras ou males derivados que tiveren na pel.

Este percorrido de romaxe facíase, como apuntamos máis arriba, polo antigo “Camiño de San Lourenzo” que pasaba e unía todos estes puntos descritos do complexo rupestre do Penedo.

Tradicións

Baseados en textos clásicos das descricións que os romanos e gregos fixeron dos costumes galaicos, houbo investigadores que propuxeron a posíbel adscrición do conxunto de todo o complexo rupestre do Penedo a un santuario ao ar libre, do tipo dos atribuídos a pías encontradas en lugares próximos como Mougás en Oia –hoxe no Museo Provincial de Pontevedra– duns tres metros de longo, que posúe unha inscrición latina nos seus laterais. No contexto galaico, no noroeste peninsular tamén se atopan outros lugares vinculados a este tipo de interpretación.

Sobre o óvalo con cazoletas no seu interior, a tradición relixiosa denominouno “A Grella do Santo” e asóciao coas marcas que deixou a grella na que foi martirizado san Lourenzo. Nesta crenza popular tamén se engade que despois do martirio o santo foi introducido na auga da pía que leva o seu nome. Asemade tamén se recolleron testemuños que falan da tradición de meter na pía a propia imaxe do santo, que se atopa na capela próxima, no día da celebración da súa festividade. Testemuños orais relatan como se mantén a lembranza incluso de representacións teatralizadas amosando todo o proceso do martirio de San Lourenzo nestes lugares descritos.

Dentro destas tradicións de transmisión oral, noutros testemuños recollidos algunhas persoas afirman que orixinalmente todo este conxunto foi construído polos celtas ou polos romanos, ou que houbo gran presenza de soldados cando sucedeu o martirio do santo neste lugar.

É difícil para a arqueoloxía catalogar este patrimonio material do lugar do Penedo como un santuario rupestre ao ar libre, xa que os elementos existentes non din claramente por si mesmo que poida selo. Mais existe tamén paralelamente, como acabamos de ver, un patrimonio inmaterial de transmisión oral e ritual que pode permitirnos establecer unha relación máis antropolóxica coa simboloxía e significado deste interesante e misterioso enclave como posíbel santuario rupestre ao ar libre.

Vexamos algúns aspectos para esta consideración

É coñecida a estratexia adoptada pola Igrexa para cristianizar moitos lugares nos que aínda se mantiñan cultos ou ritos precristiáns, erixindo templos e asimilando as deidades locais e os ritos asociados. Esta convivencia entre o cristianismo e o paganismo subxacente é evidente na actualidade en moitos dos santuarios, ermidas e igrexas do noso país. Templos erixidos ao carón de fontes, árbores, pedras, lugares arqueolóxicos, etc, nos que paralelamente á celebración relixiosa oficial, a xente practica tamén rituais animistas vinculados ancestralmente e mitoloxicamente a estes lugares.

En todos eles é evidente a vinculación materializada de calquera xeito entre o ritual cristián e o precristián.

En San Lourenzo esta vinculación entre os diferentes espazos maniféstase de forma moi evidente:

Todo o lugar, tanto o castro coma os lugares referenciais do Penedo coma a propia capela próxima levan a común denominación de San Lourenzo.

Os testemuños das tradicións orais transmitiron a memoria da relación existente entre a celebración católica dentro da capela no día dedicado ao santo e os rituais desenvolvidos no Penedo a continuación.

Despois da eucaristía cristiá tiña lugar a romaría popular coa subida ata o Penedo polo antigo camiño, denominado “Camiño de San Lourenzo”, que conducía directamente dende a capela ata o promontorio; un camiño hoxe en día desaparecido debido á construción de vivendas.

Ao redor da romaría desenvolvíanse uns rituais que, aínda que expresados con linguaxes cristiás, conservan claramente algúns trazos anteriores ao cristianismo.

Por unha banda, o petróglifo ovalado con doce cazoletas no seu interior, adscrito probabelmente á Idade do Bronce cuns catro mil anos de antigüidade, foi tradicionalmente interpretado pola devoción popular como a marca que deixou a grella na que foi martirizado o santo. Mais non esquezamos, ao mesmo tempo, que todo este lugar do Penedo está vinculado por algúns investigadores aos altares de sacrificios humanos dos que nos falan as crónicas clásicas romanas e gregas. Martirio e sacrificio humano vense deste xeito relacionados significativamente.

Posteriormente, as tradicións orais fálannos de que San Lourenzo unha vez martirizado foi introducido na denominada “Pía do Santo” para a súa ablución nas súas augas. Cal era o sentido simbólico deste ritual?

Máis arriba adiantabamos que nas tradicións recollidas tamén se fala de que a auga estancada desta pía nunca se seca e á que se lle atribúen propiedades curadoras.

[Foto da esquerda] En Santa Mariña de Augas Santas (Allariz) tamén se conserva a tradición do martirio da santa nun recinto de posíbel carácter sagrado, tamén dentro dun castro, o de Armea, no que Mariña despois de ser queimada nos Fornos (un recinto subterráneo dentro do propio castro e de desigual interpretación segundo os distintos investigadores) é sacada milagrosamente ao exterior polo conduto de saída dos fumes e levada ata unha pía de auga estancada de fasquía antropomorfa, situada ao pé dun carballo no interior do propio castro tamén. E nesta pía, a santa curaba das queimaduras do seu martirio e recuperaba a vida. Hoxe en día a xente acode a esta pía para lavar calquera mal do seu corpo nestas “Augas Santas”.

Estas pías con augas estancadas e negras hainas por todo Galicia e son moi recorrentes para a realización de rituais animistas vinculados coa auga, a pedra e as árbores co fin de curar calquera mal que leve a persoa.

[Foto da dereita] Por poñer algúns exemplo, no concello do Covelo ao carón da ermida da Xestosa existe unha tumba antropomorfa escavada nunha laxe a nivel do chan con auga estancada na se realizan rituais de curación na súa auga, relacionados ademais coa utilización do pan no procedemento da curación (que nos lembra ao ritual do pan que se realiza con este mesmo fin curador e adiviñatorio na fonte de Santo André de Teixido aínda na actualidade).

[Foto inferior] Outro exemplo espectacular deste tipo de pías, e que claramente se asemella poloo penedo en que se desenvolve, é o existente no lugar de Penadauga, parroquia de Escuadro, en Silleda. As ablucións e lavados de calquera parte do corpo que aquí se realizan no primeiro domingo de agosto son asombrosos tanto pola cantidade de xente que acode como polas formas en que se expresa esta curación. No enlace anterior pode verse e ler detalladamente todos os rituais que se desenvolven ao redor deste penedo de Penadauga.

No Penedo de San Salvador de Coruxo, a xente tamén acudía (cando o acceso era público) á Pía do Santo, onde mollaba panos que despois pasaba polo corpo lavando as zonas que quería ver curadas.

Dende o punto de vista destas tradicións, a Pía do Santo, a través da relación do martirio e o depósito do corpo do santo na pía con auga, podemos vinculala a estes rituais de curación tan presentes en toda Galicia.

Mais por outra banda, este tipo de penedos con pías que se comunican entre si mediante canais que facilitan o transvase líquido dunhas a outras foi relacionado por algúns estudosos cos posíbeis altares de sacrificios que se recolle da transmisión dos textos clásicos. Neste senso poderíase vencellar de forma simple martirio e sacrificio humano, e o posterior vertido do seu sangue nas pías cun ritual que faría correr o sangue das pías superiores para outra situada debaixo polos canais tallados na rocha.

Estado de conservación

O promontorio do castro sufriu graves e numerosas alteracións en toda a súa contorna, até o punto de non podermos precisar na actualidade a súa estrutura e configuración orixinal. As construcións de vivendas e terreos de labor que se desenvolveron ao seu arredor estragaron unha gran parte do seu espazo até reducilo a como o podemos ver arestora.

Por outra parte, tal como se pode observar na galería de imaxes, o propio recinto conservado na actualidade está completamente desleixado e estragado.

O adxacente promontorio do Penedo, que tan interesante resultou amosar neste artigo tanto dende o punto de vista arqueolóxico coma dos seus valores antropolóxicos, é inaccesible hoxe en día debido a que todas as propiedades que o circundan fixeron obras de cerramento e construcións que non deixaron ningún vieiro libre para acceder a el. A maiores, algún dos muros de cerramento que se levantaron foi feito apegado totalmente á pía máis relevante deste conxunto rupestre ao ar libre.

Todo o lugar do Penedo se atopa nun estado de total abandono e estrago, e non existe ningún tipo de identificación dos elementos arqueolóxicos que lle valeron a declaración de Monumento Nacional.

Valoración final

O castro de san Lourenzo de Coruxo está considerado oficialmente Ben de Interese Cultural (BIC) e foi declarado Monumento Nacional, co nº 177, no Decreto 3741/1974 do 20 de decembro, BOE do 10 de marzo de 1975, a proposta do Museo Provincial de Pontevedra, polo que se declaraban monumentos histórico-artísticos de carácter nacional unha serie de gravados rupestres existentes na provincia de Pontevedra.

Pensar que Vigo poida contar realmente cun santuario prehistórico rupestre ao ar libre vinculado a un dos seus castros é unha noticia excepcional.

É de especial relevancia porque sería dos poucos exemplos existentes en todo o noroeste cultural galaico. Ademais hai que engadirlle o feito de estar situado no corazón das Rías Baixas,  dominando as largacías panorámicas sobre a ría de Vigo, as marismas da desembocadura do Lagares e co horizonte fondal das míticas Illas Cíes completando todo este panorama paisaxístico.

Da culpabilidade desta desfeita, desta perda dunha oportunidade histórica única para a nosa arqueoloxía e etnografía non se salva ninguén.

Dende a avarenta cobiza da veciñanza que busca o proveito propio en contra do ben común, até unhas administracións ineptas e incompetentes no control do seu patrimonio máis valioso, especialmente por ter a consideración de Monumento Nacional, sen deixar atrás o desleixo e miopía dunha institución como a Igrexa que deixou perder unha tradición tan fermosa e chea de rituais enriquecedora da súa propia devoción.

A recuperación de gran parte da relevancia deste conxunto arqueolóxico non é imposíbel. Saltan á vista cales sería as intervencións precisas para poñer en valor social tanto o patrimonio material coma o inmaterial aínda conservado en San Lourenzo.

Máis información

Galería de imaxes

Procedencia dalgunhas imaxes

Celtiberia.net (1, 2, 3)

Patrimonio galego, O Penedo

Arquivado en: Coruxo,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este singular cruceiro atópase sobre a praia da Fontaíña, tamén denominada areal da Sereíña, na parroquia de Coruxo.

A súa situación sobre o mar nunha paraxe de especial beleza entre Samil e o Vao, xunto coa súa especial fasquía, fan deste cruceiro un dos máis atractivos e interesantes que temos en Vigo.

Descrición

A singularidade deste cruceiro vén marcada pola tipoloxía á que se podería adscribir: os Cruceiros de Capela.

Este tipo de cruceiros son propios, maioritariamente, da zona da Barbanza con algúns exemplares que podemos atopar por terras de Rois ou mesmo ata o concello de Dodro.

Mais puntualizamos que se poderían adscribir a esta tipoloxía porque non chega a presentar as característica que os definen como tales, xa que o capitel que sostén a cruz non ten forma de capela, aínda que a primeira vista se lle puidese asemellar.

Fáltalle a abertura frontal que albergaría no seu interior a imaxe mariana correspondente: unha Virxe co meniño no colo, unha Milagreira, unha Inmaculada ou unha Dolorosa; aínda que a máis representativa e habitual sería a Virxe de Loreto (que lles dá a denominación tamén de Cruceiros de Loreto).

Hai outras características que tamén o apartan desta tipoloxía e que a continuación describiremos.

Base

Ten forma cuadrangular cun chanzo, sobre o que se dispón un pedestal cúbico sen ornamentación nin inscricións. Está biselado ao longo da contorna do bordo superior.

Fuste

Na tipoloxía dos cruceiros de capela, outra característica que os define é o fuste voluminoso que presentan, a modo de groso piar e de pouca altura en moitos casos.

Neste exemplar o fuste é semellante ao de calquera outro cruceiro tradicional. Presenta unha forma cuadrangular, achafranado nos catro cantos a partir de media altura do varal.

Na parte baixa do fuste, aínda non achafranado, atopamos unha representación pétrea de fornela con remate superior abovedado. Dentro desta fornela inscúlpese o relevo do Crucificado.

Sobre esta fornela aparecen outras dúas representacións escultóricas: a primeira é un franciscano e, sobre ela, unha figura dunha relixiosa.

Capitel

O capitel normal dos cruceiros tradicionais aparece substituído nos cruceiros de capela por un fornelo a modo de capela dentro do que se sitúa a figura mariana á que aludiamos máis arriba.

O exterior pode estar exento de decoración ou presentar as tres caras con figuras ou escenas relixiosas.

Neste exemplar que nos ocupa decatámonos da semellanza con esa fasquía, mais carece da principal característica que é o fornelo dentro do que estaría a figura mariana.

Este capitel vai sobre un pedestal con querubíns en cadansúa cara lateral. Esta representación figurativa é frecuente nos cruceiros de capela da Barbanza e tamén se pode ver no outro cruceiro destas características que existe en Vigo, o cruceiro de capela das Travesas, que reproduce todas as características propias destes cruceiros.

O capitel presenta as catro caras historiadas nas que están insculpidas as seguintes figuras: na cara frontal unha figura de Santiago Apóstolo (habitual tamén nos auténticos cruceiros de capela); unha escena da Paixón con Xesús portando a cruz; unha figura franciscana novamente; e finalmente unha representación ecuestre exenta doutras identificacións, que quizais puidese representar a Santiago Matamouros.

No cruceiro das Travesas tamén coinciden as insculturas do monxe franciscano, da escena da Paixón e, máis claramente, a representación de Santiago Matamouros co seu cabalo, espada e estandarte esmagando os inimigos da cristiandade.

A parte superior deste capitel ten forma abovedada, o que lle proporciona unha maior semellanza a unha forma de capela, tamén habitual nos cruceiros da Barbanza.

A Cruz

Sobre o capitel vai directamente a Cruz. Ten unha fasquía semellante á do varal: cuadrangular cos cantos achafranados.

Consta das tradicionais figuras do Crucificado na cara anterior, e a Virxe co Neno no colo na posterior.

Non é normal atopar a cara posterior da Cruz con esta representación da Virxe co Neno; normalmente atopamos unha escena da Paixón con Cristo xacente sobre a súa Nai, ou unha senlleira figura mariana.

Mais resulta curioso a coincidencia desta escena coa que aparece nalgúns casos nos cruceiros de Capela da Barbanza dentro da fornela. É coma se aquí se representase esa mesma figuración na parte posterior da Cruz, xa que o capitel foi esculpido sen a correspondente fornela.

A imaxe do Crucificado está sostida con tres cravos e presenta unha dramática contorsión con Cristo xa morto e a cabeza caída sobre o peito. Presenta unha fermosa elaboración sobresaínte da pedra base da cruz.

A escena da Virxe co Neno no colo está máis desgastada ca a do Crucificado por estar cara ao mar e recibir directamente as inclemencias meteorolóxicas. Esta figura está de pé, sostendo o Neno no brazo esquerdo e vai cuberta de manto e roupaxes.

Estado de conservación

A única consideración a este respecto é o desgaste que está sufrindo a cara posterior do cruceiro debido á acción das inclemencias que chegan da banda do mar. A figura da Virxe que está representada na Cruz manifesta claramente esta agresión climática.

Polo demais, o resto do cruceiro consérvase en boas condicións.

Valoración final

Só temos en Vigo dous cruceiros que, modernamente, reflicten unha semellanza cos históricos Cruceiros de Capela ou de Loreto da Barbanza. Este en particular recolle algúns elementos que o achegan a esa tipoloxía tanto na forma coma na figuración, mais, como vemos no presente traballo, presenta tamén outros detalles curiosos que o distinguen claramente daqueles modelos.

Esta variedade escultórica moderna dos nosos cruceiros tradicionais enriquece as expresións que son propias da nosa zona xeográfica e engade unha nova visión e interpretación da nosa arte popular, conectándonos dende o sur das Rías Baixas con outros lugares da nosa xeografía que teñen as súas formas de expresión artística e que nola achegan deste xeito.

É unha mágoa que non haxa ao carón deste cruceiro un cartel informativo que nos indique todas estas características que nos unen e distinguen ao mesmo tempo.

Máis información

Galería de imaxes

Galipedia, “Cruceiro de Capela

Arquivado en: Bouzas,Igrexas — Xosé Couñago

Imaxes : Javier Albertos

Localización

Na vila de Bouzas de Vigo, á beira do mar, ao carón da praia e o paseo marítimo, está situada esta emblemática igrexa, baixo a advocación de san Miguel.  Foi levantada sobre unha base rochosa que formaba un promontorio rodeado polo propio mar ata comezos do século XX.

(Ver en Google Maps)

Descrición

A igrexa actual, logo das diferentes reedificacións e engadidos, presenta unha base principal rectangular rematada nunha cabeceira con ábsida semicircular.

A igrexa de Bouzas tivo un precedente medieval que por necesidades de ampliación foi reconstruída no século XVI. Esta obra tivo lugar en 1596 baixo o mandado do capitán de Bouzas Álvaro Correa. Nesta reconstrución sería cando se levantaría a actual ábsida, a porta da fachada sur e a sancristía.

Posteriormente, en 1697 foi reedificada novamente. No interior da igrexa podemos ver un medallón no que se menciona esta reconstrución baixo a autoría de Manuel Troncoso de Ojea e a súa irmá Isabel.

Cabeceira

A ábsida da cabeceira ten forma semicircular e foi levantada na reedificación de finais do XVI.

Presenta dúas xanelas; delas, na actualidade unha soa dá entrada de luz exterior no lateral sur; a outra quedou incorporada pola ampliación da sancristía.

Acaroada ao lateral norte da ábsida levantouse en 1778 a sancristía con dúas xanelas rectangulares e porta de entrada ao leste por esta mesma zona da cabeceira. Esta sancristía foi resultado da ampliación doutra moito máis reducida do século anterior que existía no mesmo lugar.

Sobre as caídas dos tellado a dúas augas érguense cadanseu pináculo decorativos con motivos de bólas superpostas. O pinche desta sancristía está coroado por unha cruz simple.

Fachada norte

A fachada norte está formada por unha continuidade varios corpos volumétricos que se van superpoñendo gradualmente. A parede da nave principal, reforzada cun contraforte e no que se abre un estreito, vai continuado por un primeiro volume sobresaínte con tellado a unha auga, no que se abre unha xanela cuadrangular a occidente pertencente á capela DA Virxe do Carme, da que sabemos que xa estaba construída en 1778.

A continuación, sobresaíndo con respecto ao anterior, érguese outro corpo construtivo pertencente á capela de san Antonio, cunha xanela cuadrangular a occidente e outra no interior ao leste; no exterior conta con dúas gárgolas cilíndricas nos seus extremos, correspondentes ás dúas vertentes de augas do tellado. Foi construída en 1675 e o retablo pertence ao ano 1760.

Seguidamente levántase un terceiro corpo construtivo máis elevado ca os dous anteriores, con forma marcadamente cuadrangular, sen tellado, rematado por unha cornixa pétrea perimétrica, sobre a que se ergue todo en volta un muro pétreo ornamentado nas catro esquinas por pequenas columnas coroadas por pináculos piramidais rematados en cadansúa bóla. Cada un dos cantos desta construción presenta unha gárgola cilíndrica con remate ornamentado. No seu interior encóntrase a capela dedicada á Virxe do Rosario. Foi construída en 1596 e reedificada en 1697, seguida dunha ampliación en 1800 para o Bon Xesús.

Nesta fachada tamén podemos atopar o escudo de armas das familias Peña e Correa. Este escudo está pola parte exterior da capela do Rosario, pertencente á reedificación ordenada polo capitán Correa.

O escudo de armas deste militar foi adoptado pola propia vila de Bouzas a raíz da defensa que don Álvaro capitaneou ante unha incursión do pirata Drake.

Fachada occidental

Os elementos que máis destacan a primeira vista son o impoñente campanario e o frontón superior da porta occidental.

Campanario

O campanario está situado nun lateral, como corpo independente. Ata ben entrado o século XX contaba cun reloxo. Presenta unha estrutura cuadrangular  que se eleva en tres tramos decrecendo na súa anchura. O primeiro tramo chega ata case a altura da cornixa da nave central e só presenta unha pequena abertura estreita de luz na parte superior da parede sur. O segundo tramo é o máis curto e remata nunha cornixa perimétrica con molduras boceladas sobre a que se ergue o campanario. O terceiro tramo é o que contén a parte alta do campanario cos seus característicos elementos. Este campanario cuadrangular está aberto  polas súas catro fachadas con cadanseu arco de medio punto onde se aloxan as campás. Cada arco vai cerrado na súa parte inferior cunha varanda e balaústres de pedra.

Neste terceiro tramo tamén chama an atención ornamental catro fileiras decorativas de molduras boceladas todo en volta da torre, espalladas entre a parte inferior deste tramo ata a parte superior da torre. O remate superior está formado por unha varanda pétrea rodeando todo o cumio do campanario decorada con catro pináculos nos recantos.

Porta occidental

Estamos ante unha porta con arco de medio punto enmarcada cun alfiz ao seu redor. As arquivoltas apóianse sobre dúas bases decoradas con motivos cilíndricos.

O van da porta aparece sen tímpano baixo o arco. Por encima da porta discorre unha cornixa sobre a que se sitúa o frontón.

O frontón é triangular, con resalte superior. Sobre o frontón elévanse tres pináculos ornamentais. No tímpano do frontón aparece unha figura en pedra.

Sobre o frontón ábrese un óculo redondo coa mesma ornamentación lobulada existente na porta. No seu interior unha composición de vidreira enmarcada por unha forma cruciforme. Podemos apreciar unha continuidade estética entre este óculo e o arco da propia porta, tanto pola ornamentación referida coma pola forma redonda de ambos.

Esta fachada remata na parte superior cun pinche coroado por unha cruz de catro brazos iguais con circo central.

Fachada sur

Nesta fachada repítense algunhas das estruturas que xa describimos na zona norte. O percorrido  central presenta unha continuidade de dous corpos volumétricos superpostos gradualmente cara á cabeceira da igrexa. A parede principal da fachada contén tres contrafortes e a porta sur desta igrexa.

O primeiro corpo está exento de decoración e só presenta unha fachinelo vertical no centro. Correspóndese coa capela dedicada a san Xoán. Foi construída en 1674.

O segundo corpo, apegado á cabeceira, ten como única decoración un pequeno arco cego no cetro que acolle na actualidade un farol de iluminación do adro. Na parede leste deste corpo ábrese unha xanela enreixada. É a entrada de luz para a capela interior dedicada na actualidade á Inmaculada e que foi construída en 1589.

Porta sur

A entrada desta fachada ten unha forma semellante no básico á porta occidental, sacado que lle falta toda a ornamentación clasicista na que esta vai enmarcada.

Presenta un arco de medio punto cunha arquivolta trilobulada que se apoia sobre dos pares de bases cilíndricos con ornamentación de tres aretes pétreos. Envolvendo o arco vai unha decoración a modo de chambrana lisa.

Sobre a porta podemos ver un nicho coa imaxe de san Miguel vitorioso na loita contra o demo, ao que esmaga baixo os seus pés. A figura do santo está policromada e representado con alas, vestido de armadura completa, con capa, escudo e espada.

A figura do demo aparece baixo os seus pés encollido, espido e coa típica caracterización de cornos e rostro diabólico.

Interior

O interior dá cabida a unha ampla nave con arcos apuntados, rematados no testeiro con arco de medio punto.

Unha das composicións escultóricas máis interesantes que podemos atopar paseando polo seu interior é a escena do paso procesional que representa a pesca milagrosa, con Xesús andando sobre as augas ao carón da barca na que pescan os seus discípulos.

Cabeceira

Baixo una arco de medio punto e unha bóveda de canón, a ábsida semicircular acolle a figura do Cristo do Aflixidos.

Parede sur

Vemos en primeiro lugar a capela dedicada a san Xoán erixida en 1674, coa imaxe correspondente. A partir de 1878 tamén se acolle a devoción a san Xosé.

A seguinte capela, de 1589, está dedicada na actualidade á Inmaculada, inda que inicialmente foi dedicada a san Telmo.

Parede norte

Contén tres capelas. A primeira, está dedicada á Virxe do Carme.

A segunda capela foi edificada en 1675 e foi dedicada a santo Antonio. O retablo é do ano 1760.

A terceira capela, edificada en 1596, está dedicada á Virxe do Rosario, inda que tamén nunha ampliación posterior, en 1800, deu cabida ao culto ao Bon Xesús.

Adro

O adro está completamente empedrado e rodeado na parte exterior por un muro baixo.

Neste adro salienta a solemne fasquía dunha inmorredoira oliveira á que se lle atribúen máis de catro séculos de antigüidade.

Sobre o adro tamén encontramos a casa reitoral, un edificio construído en 1946.

Etnografía

Ao redor de todas as historias que se foron creando verbo desta igrexa e a súa influencia no imaxinario popular da vila, existe unha fermosa lenda titulada O Cabaleiro da Cunchas que podemos ler na web da Confraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas.

Valoración final

A evolución histórica e arquitectónica deste edificio vai parella coa evolución histórica da propia vila de Bouzas, xa que nesta igrexa quedaron reflectidos os testemuños dos principais acontecementos e personaxes que marcaron o decorrer da vida das súas xentes.

Xa que logo, é unha mágoa que no haxa paneis informativos que nos guíen neste coñecemento ao redor do edificio e no seu interior.

Sobre todo se consideramos o lugar emblemático e estratéxico que ocupa na vila, e á redor da que se desenvolven os principais actos relixiosos e sociais de Bouzas, como son a Procesión anual do Santísimo Cristo dos Aflixidos , as feiras populares y os recoñecidos fogos artificiais que se celebran no verán.

Máis información

Imaxes do interior da igrexa: Javier Albertos, Vigoenfotos.

Confraría do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas, “Un paseo por Bouzas”, en Vila de Bouzas.

Alfredo Campos, “Iglesia de San Miguel de Bouzas”, en Alfredo esculturas y monumentos.

Concello de Vigo, parroquias.

María Dolores Ruíz Gestoso, Cabaleiro das Cunchas. Cabaleiro de Bouzas.