Localización
Outra das marabillas da arte popular do s. XIX no concello. Este cruceiro está situado no adro da igrexa parroquial de Beade en perfecto estado de conservación logo dunha recente restauración.
Descrición
Basa: plataforma de dous chanzos de forma cadrada, sen pedestal.
O varal é octogonal e achéganos a mirada ata unha cruz fermosamente ornamentada. Na parte inferior ten forma cúbica e nunha das súas caras podemos ler a seguinte Inscrición: “SE / TRASLA / DO AQUI / A 1830″.
O capitel ten catro caras con cabezas de anxelotes con ás.
Sobre este capitel contemplamos un Cristo cos brazos horizontais e un rostro expresivo, elevado e ladeado á dereita. Chama a atención a representación da roupa ao redor da cintura: pregas horizontais en fileiras perfectamente regulares.
Esta mesma forma da roupa mantense na figura da Piedade no reverso da cruz. Isto dálle unha maior secuencialidade dramática á escena. A Piedade ten como característica unha figuración da Virxe como nai co seu neno pequeno nos brazos; de feito, Xesús é de menor tamaño ca a Virxe. Por outra parte é de destacar a emboltura do manto da Virxe, no que salienta a forma que adopta ao redor do seu pescozo.
Estado de conservación
Na galería de fotos podemos comparar este cruceiro antes e despois dos traballos de limpeza a que foi sometido.
A conservación de todo este patrimonio etnográfico é moi necesaria para impedir o seu deterioro. Os liques, a polución, as agresións que sofren moitas veces van deteriorando e levando á desaparición estes exemplos centenarios da nosa arte popular.
Parabéns á parroquia de Beade por este esforzo de devolverlle a louzanía ao seu patrimonio cultural.
A igrexa de Beade é barroca, ao igual ca as de Comesaña, Matamá, Sárdoma, Valadares e Zamáns. Destaca principalmente a fachada sobre a ausencia ornamental do resto da igrexa no seu exterior. Ten dúas entradas de luz na fachada e remata cunha sólida maxestosa torre central de campanario, con reloxo. Presenta o característico fornelo coa figura do santo da advocación parroquial (Santo Estevo). No deixaremos de destacar o adro perfectamente conservado ao seu redor.
Máis información
Galería de imaxes