Patrimonio cultural de Vigo

Beade

Igrexa de Beade

Arquivado en: Beade,Igrexas — Xosé Couñago

Igrexa de BeadeLocalización

A igrexa barroca de Beade estas situda no corazón da parroquia, á beira da estrada da Coutada, a principal que atravesa Beade. O adro está fechado por un sólido muro.

Descrición

Fachada principal: organízase verticalmente en tres corpos, os dous laterais flanqueados por pilastras rematadas en pináculos, o central dando forma a continuidade da torre que remata no gran campanario central superior.

Portada: a porta presenta sobre ela un arco rebaixado cunha rocalla tallada encima. O contraste de disposición das pedras do lintel con respecto ao resto do perpiaño resaltan dous aspectos: por unha parte con respecto ao plano liso no que se dispón a propia porta, e por outra marcando o inicio da continuidade vertical en comunicación cos demais elementos que se dispoñen pola fachada ata o alto da torre.

Campanario da igrexa de BeadeA media altura destaca a imaxe de santo Estevo dentro dun fornelo decorado nos seus extremos coas típicas volutas barrocas, máis grandes e anchas na parte inferior e pequenas e estreitas na superior. As pilastras que enmarcan o fornelo teñen unha forma columnada rematando en fasquía de capitel sobre o que vai unha decoración en forma de frontispicio superior. Un excelente conxunto de talla barroca.

Campanario: en posición central sobre unha prominente fachada a modo de torre, unha gran balaustrada enmarca dende a súa parte inferior o esvelto corpo do campanario con arcos de medio punto. As esquinas teñen forma de pilastras rematadas en pináculos. Sobre el, érguese unha cúpula poligonal nervada na que se dispuxo un reloxo. Unha torre de campanario fermosamente traballada en cada pedra e recanto.

A sensación global que produce é de verticalidade e voluminosidade pétrea. Un dos máis fermosos expoñentes do barroco rural vigués.

Os muros laterais levan contrafortes que aseguren esta verticalidade.

Máis información

Podedes ver unha galería de imaxes desta igrexa e o cruceiro que posúe no adro.



Cruceiro do adro parroquial de Beade

Arquivado en: Beade,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

Outra das marabillas da arte popular do s. XIX no concello. Este cruceiro está situado no adro da igrexa parroquial de Beade en perfecto estado de conservación logo dunha recente restauración.

Descrición

Basa: plataforma de dous chanzos de forma cadrada, sen pedestal.

O varal é octogonal e achéganos a mirada ata unha cruz fermosamente ornamentada. Na parte inferior ten forma cúbica e nunha das súas caras podemos ler a seguinte Inscrición: “SE / TRASLA / DO AQUI / A 1830″.

O capitel ten catro caras con cabezas de anxelotes con ás.
Sobre este capitel contemplamos un Cristo cos brazos horizontais e un rostro expresivo, elevado e ladeado á dereita. Chama a atención a representación da roupa ao redor da cintura: pregas horizontais en fileiras perfectamente regulares.
Esta mesma forma da roupa mantense na figura  da Piedade no reverso da cruz. Isto dálle unha maior secuencialidade dramática á escena. A Piedade ten como característica unha figuración da Virxe como nai co seu neno pequeno nos brazos; de feito, Xesús é de menor tamaño ca a Virxe. Por outra parte é de destacar a emboltura do manto da Virxe, no que salienta a forma que adopta ao redor do seu pescozo.

Estado de conservación

Na galería de fotos podemos comparar este cruceiro antes e despois dos traballos de limpeza a que foi sometido.

A conservación de todo este patrimonio etnográfico é moi necesaria para impedir o seu deterioro. Os liques, a polución, as agresións que sofren moitas veces van deteriorando e levando á desaparición estes exemplos centenarios da nosa arte popular.
Parabéns á parroquia de Beade por este esforzo de devolverlle a louzanía ao seu patrimonio cultural.

A igrexa de Beade é barroca, ao igual ca as de Comesaña, Matamá, Sárdoma, Valadares e Zamáns. Destaca principalmente a fachada sobre a ausencia ornamental do resto da igrexa no seu exterior. Ten dúas entradas de luz na fachada e remata cunha sólida maxestosa torre central de campanario, con reloxo. Presenta o característico fornelo coa figura do santo da advocación parroquial (Santo Estevo). No deixaremos de destacar o adro perfectamente conservado ao seu redor.

Máis información

Galería de imaxes