Localización
Descendendo polo río Vilaza, dentro do conxunto de cinco muíños que atopamos nesta contorna de especial beleza, ocupa o cuarto lugar. Está situado a escasos dous metros da corrente e vémolo no seu estado rehabilitado actual arrodeado das características árbores de ribeira: amieiros e salgueiros.
Forma parte da Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo, que podedes descargar no voso navegador GPS.
Descrición
Tipoloxía: coma o resto do conxunto, trátase dun típico muíño de cubo. O tamaño deste cubo é considerábel e conservado na súa totalidade.
Levada: a levada que podemos ver na actualidade remata os seus últimos metros en pedra, elevada sobre o desnivel do terro, ata chegar ao empate co cubo.
Edificación: o edificio ten unha gran superficie, con ampla fachada. A altura da paredes, adaptándose ao desnivel do terreo, dende a entrada principal, na parte elevada, ata unha maior altura de paredes sobre a saída do inferno.
Está construído combinando perpiaños irregulares e cachotes de diversos tamaños.
Presenta unha porta de baixa altura e considerábel profundidade, de acordo co grosor dos muros. Está construída con perpiaños (catro nas xambas e un no lintel).
O lintel presenta unha inscrición que pode facer referencia á data da súa construción: “ANO DE 1842”.
Na parte posterior do edificio podemos ver dous fachinelos pequenos, verticais, para dar entrada de luz aos dous espazos interiores de moenda e de estancia.
Interior: presenta dous espazos diferenciados: o da moenda, entrando á esquerda, e o de estancia para as persoas.
Conserva varias pezas das moas no propio lugar. Tamén presenta un mesado baixo apegado á parede da fachada principal.
A ambos os lados da porta de entrada ábrese cadanseu fornelo cuadrangular.
Estado de conservación
Levada: consérvase en bo estado e provén do múiño 3 denominado Soloeido do Quenllo. A intervención reconstrutiva restituíu as pedras caída e perdidas, salientando a beleza do tramo final ben consolidado todo el en pedra.
Teitume: a unha auga e en bo estado de conservación trala rehabilitación.
Os muros exteriores foron adecuadamente consolidados e encintados cunha completa limpeza da pedra.
Valoración final
Coa rehabilitación este muíño mostra varios elementos destacados que lle devolveron o sabor e fermosura da ambientación popular que caracteriza estas construcións.
O seu interior aínda conserva íntegras varias pezas e utilidades pétreas que facilitaban a estancia no seu interior; mesmo nos permiten imaxinar escenas variadas de convivencia, lecer e traballo no seu interior.
Na galería de imaxes que se pode ver a continuación pódese comparar o estado do muíño antes da súa restauración co resultado actual. Isto amósanos a revalorización que se pode lograr do noso patrimonio etnográfico cando se actúa con sensibilidade de cara á súa conservación e posta en valor.
Máis información
Podedes acceder á galería fotográfica deste muíño.
Asociación Veciñal de Zamáns, Muíños de Zamáns.
Navegadores GPS
Para chegar ata este muíño podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.
Tamén podedes descargar a Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)