Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Muíños,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este muíño forma parte dun conxunto de cinco construcións que están situadas á beira do río de Vilaza, na parroquia de Zamáns e ocupa o terceiro lugar desta agrupación etnográfica.

Para chegar a este lugar podedes dirixirvos ao campo da feira da parroquia, ao lado da igrexa de Zamáns, e descender pola estrada de Vilaverde. A menos dun quilómetro veredes o río. Baixades pola súa beira e estaredes nun prado recuperado con plantación de acivros e o primeiro dos muíños.

Seguindo o curso descendente do río están os cinco muíños formando un conxunto etnográfico de especial beleza, tanto pola contorna que se atopan coma pola fermosa restauración a que foron sometidos por parte da Comunidade de Montes de Zamáns.

Forma parte da Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo, que podedes descargar no voso navegador GPS.

Descrición

Situación: Este terceiro muíño, en orde descendente pola beira do río de Vilaza, está situado na marxe dereita da corrente, moi próximo á auga e rodeado de amieiros e salgueiros.

Tipoloxía: é un muíño de cubo cunha soa mó. Este cubo non ten a forma cadrada ou circular característica da maioría deles, senón que ten forma alongada, realizada a partir da forte caída que se lle dá á canle da levada na súa chegada ao muíño.

Levada: a levada consérvase en bo estado e provén directamente do segundo muíño deste conxunto; de feito a auga vai dun muíño ao outro durante todo o percorrido. Nestes últimos metros álzase sobre a pendente do terreo reforzada por sólidos soportes laterais de cachotaría. A construción do muíño na parte inferior da pendente do terreo propicia a caída da auga a través do cubo para proporcionar a forza necesaria ao rodicio.

Edificación: o muíño é de reducido tamaño, coas paredes en cachotaría e o tellado dunha auga.

Presenta unha porta e ningunha outra entrada de luz. A porta está formada por dúas xambas laterais, con cadanseu perpiaño encima para proporcionar maior altura ao van, sobre o que se dispón un lintel.

Ten tamén soleira de entrada e as xambas están traballadas para permitir o encaste da porta.

O tellado foi restaurado na súa totalidade recuperando tamén todo o beirado pétreo.

Interior: podemos identificar aínda dous espazos: o da moenda e o da estancia das persoas. No espazo da moenda hai unha mó á que lle falta a pedra superior. Tamén podemos identificar un pousadouro asociado a un pequeno fornelo.

Estado de conservación

Na seguinte imaxe podemos apreciar como se encontraba antes da restauración. Na galería de imaxes que acompaña este artigo podemos ver unha relación máis completa do antes e o despois deste muíño.

A estrutura pétrea foi restaurada na súa totalidade.

As paredes foron consolidadas e reforzadas e as pedras limpadas, coa restitución do tellado e as lousas que bordean o teitume formando a sobrepena.

A intervención realizada, respectando cada pedra orixinal do muíño, transformou completamente a súa fasquía dun xeito coidado e positivo ata o punto de que sería difícil recoñecer que se trata do mesmo muíño á vista destas dúas imaxes.

Valoración final

A posta en valor deste importante conxunto etnográfico levou consigo unha intervención de limpeza e recuperación de cada un dos muíños que hai neste recanto tan especial de Zamáns.

A restauración destes muíños devolveulles unha gran beleza que nos fala por si mesma a través da conexión da identidade cultural que nos une coa terra e as nosas raiceiras.

Máis información

Podedes acceder á galería fotográfica deste muíño.

Asociación Veciñal de Zamáns, Muíños de Zamáns

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.

Tamén podedes descargar a Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.