Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Coia,Cruceiros — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Dentro do cemiterio de Bouzas, na praza central que se abre no seu interior, ocupa o lugar central fronte á pequena capela alí situada.

Descrición

Base: plataforma de dous chanzos de forma hexagonal. O pedestal é cúbico con todo o borde superior biselado. Non presenta ningunha inscrición.

Varal: o primeiro tramo inferior é cúbico; despois continúa biselado nas catro esquinas, debuxando oito caras en total ata a parte superior.

Capitel: fermosa ornamentación a catro caras formada por oito elementos vexetais rematados en folla picuda rodeando todo o capitel. Sobre a folla central de cada cara aparece unha cabeza de anxelote. Sobre as outras catro follas aparecen catro remates en volutas sobre as que se sustentan as esquinas da base da cruz.

Cruz: a base non presenta arestas rectas senón en forma curva cóncava. A cruz é de fasquía lisa e cuadrangular.

Crucifixión: figura de Cristo con tres cravos, completamente pegada á cruz, só coas pernas flexionadas. Os brazos están en posición horizontal.

O rostro do crucificado está ben elaborado acentuando especialmente o seu cabelo e a barba. A cabeza está lixeiramente inclinada cara á dereita e cos ollos cerrados.

O torso acentúa na pedra o debuxo das costelas. Un lixeiro pano envolve a súa cintura, rematado nun lazo lateral ben elaborado. As pernas, flexionadas, rematan unha sobre a outra nos pés atravesados por un único cravo.

A Piedade: Representa á Virxe con Cristo morto sobre o seu colo. A figura da Nai aparece envolveita completamente nun gran manto que por veces adquire unhas especiais proporcións ao redor dos seus brazos, acentuando tamén os pregamentos na parte inferior do seu corpo. Baixo os seus pés hai unha cabeza de querubín.

As súas mans están entrelazadas perante o peito e o rostro inclinado cara á dereita salientando una profunda expresión de dor nos seus detalles.

A figura de Cristo xacente é de proporcións máis pequenas ca o corpo da súa Nai. Xa Castelao na súa obra “As cruces de pedra na Galiza” chamaba a atención sobre esta caracterización dos nosos canteiros sentenciando que esa estraña desproporción podía indicar que no colo das nais todos os fillos son coma nenos pequenos. A figura de Cristo presenta unha curiosa disposición, matizando uns trazos corporais acentuados polos ángulos rectos e o xogo de horizontalidade e verticalidade : cabeza, torso e coxas das pernas formando unha liña recta ríxida sobre as pernas da Nai, e os brazos e parte inferior das pernas en caída vertical perfectamente angulada con respecto ao resto do corpo.

Estado de conservación

Tanto polo lugar en que se encontra, como pola contorna que o contextualiza a conservación é boa. Coma na maioría das esculturas deste tipo que están á intemperie, aprécianse os típicos liques ue saltean distintos lugares deste cruceiro.

Valoración final

Este cruceiro aparece ben contextualizado no lugar en que se atopa, a praza central dun cemiterio, con capela ao seu carón e rematado o conxunto cunha ménsula de pedra de apoio de cadaleitos tan característico de moitos lugares.

É unha mágoa que non apareza unha mínima información ao carón deste conxunto escultural sobre a súa fábrica, datación e características salientábeis.

Mais información

Galería de imaxes

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

Sen comentarios

Aínda non hai comentarios.

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.