Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: As Xunqueiras,Mámoas,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Esta mámoa pertence á necrópole neolítica denominada As Pedreiras, formada por 4 túmulos, situada no campus universitario As Lagoas/Marcosende. Nos catálogos oficiais do concello de Vigo aparecen, en cambio, baixo a denominación As Xunqueiras.

A precisión toponímica da zona sitúa o lugar da Xunqueira ao carón da lagoa do campus, nunha cota inferior, e este lugar denomínase propiamente monte das Pedreiras, denominación máis lóxica de acordo coa orografía e o terreo aos que corresponden.

Á vista dos mapas de curvas de nivel, das catro mámoas deste conxunto, esta está situada aproveitando unha pequena cota do terreo que lle permite unha maior e mellor visibilidade.

En xeral, as catro mámoas están erixidas en lugares destacados orograficamente, ocupando cotas superiores, como é o caso da que nos ocupa neste artigo, ou recantos ao bordo de desniveis de terreo.

Descrición

Mide 19 m de diámetro N-S e 18 m no diámetro L-O. A altura do túmulo elévase ata os 2 m sobre da superficie do terreo, unha altura considerábel con respecto á maioría das mámoas existentes no noso concello.

Por outra banda, o feito de estar situada sobre unha pequena cota de altura do terreo semella aparentala máis alta, o que fai dela unha mámoa bastante prominente na paisaxe deste lugar.

Espallados polo túmulo poden verse numerosos cachotes que poden formar parte da coiraza característica de moitas mámoas.

Non conserva chantos no seu interior, que se poidan apreciar, e presenta o característico cono de espoliación.

Está situada moi preto da mámoa nº 4 deste conxunto, e as dúas xuntas forman unha singular parella que destaca polo lugar que cada unha delas ocupa no terreo. No caso desta que nos ocupa, está situada nunha cota de altura, o que a fai destacar moito máis, e a súa parella encrávase no bordo do nesnivel do terreo.

Estado de conservación

Despois da intervención de posta en valor por parte da Universidade de Vigo, a súa superficie tumular quedou limpa de maleza, aínda que conserva algúnhas árbores pequenas sobre a masa tumular que non foron retiradas.

É de salientar que chagase ata nós con esta considerábel cantidade de masa túmular, a pesar de non conservar xa ningún dos seus ortóstatos. Quizabes facilitou a súa conservación tumular o feito de atoparse sobre unha cota do terreo e non nunha zona achairada.

Valoración final

O conxunto tumular das Xunqueiras pertence a un proxecto de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural de Vigo denominado  Áreas Etnoarqueolóxicas, promovido dende o concello de Vigo no ano 2010.

Tamén se elaboraron materiais didácticos que nos facilitan a contextualización das rutas propostas para o coñecemento do patrimonio pertencente á parroquia de Zamáns.

Pola súa banda, a Universidade de Vigo, no ano seguinte, a través dun proxecto integral deseñado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, realizou unha prospección con xeorradar nos túmulos nº 3 e nº4 da necrópole megalítica.

Neste proxecto contemplouse acertadamente a posta en valor desta necrópole, coa limpeza de toda a contorna e a súa delimitación espacial, permitindo un doado acceso á contemplación de todo o conxunto.

Máis información

Galería de imaxes

Proxecto de Áreas Etnoarqueolóxicas

Diario da Universidade de Vigo

Paleorama en Red

Arqueo-CUVI

Navegadores GPS

Para chegar ata este petróglifo podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

1 comentario

  1. Excelente o traballo que realizaches catalogando o patrimonio arqueolóxico vigués. Sinceras felicitacións. Aproveito para facerche unha consulta porque cando tento pasar as coordenadas ao gps do meu móbil, me dá sempre un erro na latitude ao chegar aos minutos, xa que non podo pór un valor superior a 59 e con todo nos teus datos e os de google earth aparecen valores superiores. Como podo facer?. Grazas e un saúdo.

    Comentario by Javier — 23 enero, 2013 @ 19:59

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.