Localización
Esta mámoa pertence á necrópole neolítica denominada As Pedreiras, formada por 4 túmulos, situada no campus universitario As Lagoas/Marcosende. Nos catálogos oficiais do concello de Vigo aparecen, en cambio, baixo a denominación As Xunqueiras.
A precisión toponímica da zona sitúa o lugar da Xunqueira ao carón da lagoa do campus, nunha cota inferior, e este lugar denomínase propiamente monte das Pedreiras, denominación máis lóxica de acordo coa orografía e o terreo aos que corresponden.
Das catro mámoas deste conxunto, é a que ocupa o punto máis baixo do terreo en suave pendente.
Por outra parte, ao igual que a mámoa nº 1 deste conxunto, está situada aproveitando un pronunciamento ao bordo do desnivel do terreo que lle permite unha maior e mellor visibilidade.
En xeral, as catro mámoas están erixidas en lugares destacados orograficamente, ocupando cotas superiores ou recantos ao bordo de desniveis de terreo, como é o caso da que nos ocupa neste artigo.
Descrición
Mide 15 m de diámetro N-S e 14 m no diámetro L-O. A altura do túmulo sobresae apenas 60 cm da superficie do terreo, mais o feito de estar situada ao bordo dunha caída do terreo semella aparentala máis alta.
Cara ao oeste, o túmulo aparece cortado e no seu interior presenta o característico cono de espolización.
No seu interior só permanece un ortóstato enterrado do que sae ao exterior un anaco de 10 cm de altura sobre o terreo.
Espallados polo túmulo poden verse numerosos cachotes que poden formar parte da coiraza característica de moitas mámoas.
Está situado ao carón da maior das mámoas deste conxunto, e as dúas xuntas forman unha singular parella que destaca polo lugar que cada unha delas ocupa no terreo. No caso desta que nos ocupa, está situada no bordo do nesnivel do terreo e a súa parella encrávase nunha cota de altura, o que a fai destacar moito máis.
Estado de conservación
Despois da intervención de posta en valor por parte da Universidade de Vigo, a súa superficie tumular quedou limpa de árbores e maleza.
A conservación chegou ata nós baixo mínimos, cunha importante perda de masa tumular e o corte de terra que lle practivaron cara ao oeste.
Valoración final
O conxunto tumular das Xunqueiras pertence a un proxecto de recuperación e posta en valor do patrimonio cultural de Vigo denominado Áreas Etnoarqueolóxicas, promovido dende o concello de Vigo no ano 2010.
Tamén se elaboraron materiais didácticos que nos facilitan a contextualización das rutas propostas para o coñecemento do patrimonio pertencente á parroquia de Zamáns.
Pola súa banda, a Universidade de Vigo, no ano seguinte, a través dun proxecto integral deseñado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria, realizou unha prospección con xeorradar nos túmulos nº 3 e nº4 da necrópole megalítica.
Neste proxecto contemplouse acertadamente a posta en valor desta necrópole, coa limpeza de toda a contorna e a súa delimitación espacial, permitindo un doado acceso á contemplación de todo o conxunto.
Máis información
Proxecto de Áreas Etnoarqueolóxicas
Diario da Universidade de Vigo
Navegadores GPS
Para chegar ata este petróglifo podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).