Localización
Esta mámoa pertence á necrópole neolítica denominada As Pedreiras, formada por 4 túmulos, situada no campus universitario As Lagoas/Marcosende. Nos catálogos oficiais do concello de Vigo aparecen, en cambio, baixo a denominación As Xunqueiras.
A precisión toponímica da zona sitúa o lugar da Xunqueira ao carón da lagoa do campus, nunha cota inferior, e este lugar denomínase propiamente monte das Pedreiras, denominación máis lóxica de acordo coa orografía e o terreo aos que corresponden, aínda que o filólogo Iván Sestai recolleu especificamente o topónimo A Chan para este lugar.
Por outra parte, ao igual que a mámoa nº 1 e mámoa nº 4 deste conxunto, está situada aproveitando un pronunciamento ao bordo do desnivel do terreo que lle permite unha maior e mellor visibilidade.
En xeral, as catro mámoas están erixidas en lugares destacados orograficamente, ocupando cotas superiores ou recantos ao bordo de desniveis de terreo, como é o caso da que nos ocupa neste artigo.
Descrición
Mide 16 m de diámetro N-S e 16 m no diámetro L-O. A altura do túmulo sobresae apenas 70 cm da superficie do terreo.
O túmulo aparece bastante arrasado en xeral e no seu interior presenta o característico cono de espolización.
Dentro do cono de espoliación permanecen tres ortóstatos que chegan ata os 80 cm de altura sobre a superficie do terreo.
Estado de conservación
O túmulo consérvase en moi mal estado, cunha importante perda de masa tumular que case o fai irrecoñecíbel. Ao aproximarse á mámoa distínguese o característico cono de espoliación, e, dentro del, o que máis destaca neste caso son os tres ortóstatos que aínda se conservan.
Actualización 2025
En 2025, o arqueólogo Javier Chao dirixiu unha escavación, patrocinada pola Consellaría de Cultura e a Universidade de Vigo, que puxo ao descuberto unha parte da mámoa e afondou uns sesenta centímetros ao redor dos chantos da cámara central. Nesta prospección verificouse que estaba formado por tres ortóstatos rodeados por lousas fracturadas e os calzos que as suxeitan e non presentaba corredor.
Tamén se comprobou que o volume da mámoa estaba formado por terra arxilosa avermellada.
A prospección da masa tumular desvelou a presenza anel periférico formado por un círculo de pequenas pedras, na súa maioría conservando a posición inicial e algunhas inclinadas cara a fóra e outras cara a dentro.
No interior da mámoa, preto da cámara central, apareceu un conxunto de pequenas pedras que poderían corresponder a un cinto interior. Conformando en conxunto un dobre anel protector formado por pequenas pedras fincadas.
Non se atoparon restos de pinturas en ningún dos ortóstatos.