Localización
As instalacións da musealización destas salinas romanas están situadas na rúa Rosalía de Castro de Vigo, na zona do Areal.
Fronte o centro de saúde vemos unha construción que dá entrada ao subterráneo onde se conservan as salinas.
Descrición
A Consellaría de Cultura, no díptico que publicou, defínea como “a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano”.
O percorrido comeza a nivel de rúa coa entrada nunha edificación que serve de recepción ás visitas. Unha baixada de varios metros de profundidade condúcenos a unha galería previa na que podermos contextualizar o mundo da romanización e a cultura das salinas, a través dunha serie de atractivos paneis e vitrinas: “Dous mil anos de historia”, “O sal da vida”, “Sal para salgaduras e salsas”, “Unha paisaxe reconstruída”, “A salina romana”, “Historia do sal” e “O sal despois de Roma”.
Esta exposición mostra diversos obxectos relacionados co mundo romano e a economía do sal: dende a famosa sandalia atopada noutras escavacións da zona do Areal, ata ánforas e varios utensilios daquela época. Non falta incluso a cociña daquel momento, con detalladas explicacións, que inclúen un receitario, e mesmo a posibilidade de ulir a recreación da que era unha das salsas máis populares romanas, o “garum”, feita con sal e restos de peixes.
Cando entramos na sala principal na que se atopa a salina, impresiona moi positivamente a reconstrución paisaxística do Areal e a ría daquela época. Unhas paredes debuxadas con paisaxes que marcan unha continuidade visual cos elementos reais que temos no chan ante nós. Isto dános unha imaxe moi plástica da dimensión que podían ter na súa totalidade e a situación en que estaban con respecto á liña de costa daquela época. Unha extensión que abranguía dende a actual rúa Pontevedra ata a rotonda de Guixar.
O xacemento amósanos unha superficie de 300 metros cadrados composta de cubetas construídas en pedra en perfecto estado de conservación. Estas cubetas foron construídas con diferentes tamaños e alturas para aproveitar, por un lado, as subidas e baixadas das mareas, e, por outro, a condución dos distintos procesos de obtención do sal dunhas cubetas ás outras.
A visión de conxunto dános idea da gran produción salina que existía neste lugar durante os primeiros séculos da nosa era (I-III). A industria do sal tivo continuidade noutras zonas do concello ata o século XVIII, como sucedeu na desembocadura do río Lagares.
O sal obtido era procesado en diversas factorías de salgadura distribuídas por distintos lugares da ribeira marítima: a máis próxima a estas salinas está na rúa Marqués de Valadares, e hai outras constatadas nos lugares do Fiunchal e O Cocho, en Alcabre.
Estado de conservación
Podemos catalogalo de excelente, dado o lugar en que se atopa, cunha crecente presión urbanística ao seu arredor. Que chegase ata a actualidade, comprendendo o que acabamos de sinalar, podemos consideralo case un milagre e a conxunción das circunstancias de titularidade pública urbanística que afectan á parcela na que se atopa. A esta conservación contribuíu que, tras o seu abandono, a zona fose cuberta por todo un complexo dunar que facilitou a súa preservación intacta ata a actualidade.
A uns metros deste xacemento, na rúa de Inés Pérez de Ceta, descubrírase tamén un cemiterio romano moi ben conservado, durante as obras de construción dun edificio, e foi completamente derruído. Hoxe en día, os restos daquela desfeita xacen nos faiados do museo de Castrelos envoltos en bolsas de plástico: tumbas íntegras con esqueletos completos, agardando quen sabe que nin quen sabe por canto tempo. Ao longo do século XX fóronse descubrindo por esta zona do Areal de Vigo diversas estelas pertencentes a enterramentos romanos.
Valoración final
Velaquí o resultado final do difícil proceso de convivencia entre o interese público e o privado: estas salinas conserváronse mercé a atoparse no subsolo dun terreo destinado a dotacións públicas (un centro de saúde). Corresponde co que sería o garaxe de calquera dos edificios que se construíron ao seu arredor.
Se non chega a existir esta parcela pública neste lugar, Vigo veríase abocado a perder “a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano”, en palabras da Consellaría de Cultura.
Os intereses privados da presión urbanística sobre esta zona provocaron a desaparición de todo o resto da explotación salina romana, incluído o gran cemiterio romano descuberto íntegro na súa proximidade, ao que fixemos referencia máis arriba e que tivo que ser completamente destruído para construír o garaxe subterráneo do edificio que se erixiu encima. Canto valían esas prazas de garaxe? Non había outra solución?
Máis información
- Galería de imaxes
- Páxina web oficial das Salinae
- Hidalgo Cuñarro,»Visita a las salinas romanas del Areal de Vigo», en Arqueovigo.
- Faro de Vigo, «Un tesoro en las entralas de la ciudad«, 06.02.09 (reportaxe realizada co gallo da súa apertura). (Fotos da reportaxe) Sería desexábel que esta permanecese o máis accesíbel posíbel ás persoas interesadas en coñecer máis a fondo este museo sexa cal for o lugar do mundo en que se atopen.
Somos alumnos del Programa Mairoes de la Universidad de Vigo:
Dentro del Taller: A NOSA CIDADE E AS SÚAS COUSAS, que ha dirigido la profesora Elisa Pereira García,hemos presentdo un trabajo, proyecto para el control y restauración del Petroglifo, de Pedra de Agoas.
Por correo e-mail xosecounhago@gmail.com le enviamos el proyecto, por si pudiera darnos alguna sugerencia antes de presentarlo a nuestra profesora.
Reciba un cordial saludo.
Alejandro Otero
Comentario by Alejandro Otero Davila — 9 diciembre, 2010 @ 19:08
Acabo de entrar en la página y es simplemente una joya.
Comentario by jklo — 18 septiembre, 2011 @ 18:23