Fotografías: Angel de Prado.
Localización
Os restos destas mámoas estaban situados no límite entre Vigo e Mos. As fotos que vos mostramos falan por si mesmas do lugar e contexto urbanístico en que se atopaban. Agora xa non están alí, as pedras foron levadas para o centro cultural As Pedriñas de Mos no que se levou a cabo unha reconstrución de dous túmulos nos que se chantaron as pedras.
Descrición
Tal como figuran nas fotos iniciais, despois da destrución, do túmulo non ficou nada, só os chantos do dolmen amoreados entre as diferentes estradas, autovías e autoestradas que conflúen ao redor do alto de Puxeiros e o Rebullón.
No lugar da reconstrución hai un ilexíbel cartel no que só se entende o título: “Restitución dos túmulos 3 e 4 do Rebullón”.
Dolmen 1: está formado por sete chantos. A disposición da reconstrución actual do dolmen é completamente circular.
Dolmen 2: está formado por seis chantos. Ábrese cun corredor aberto ao exterior do túmulo.
Estado de conservación
A descontextualización destas mámoas é total. Só as persoas iniciadas no seu coñecemento son capaces de recoñecelas ao achegarse a elas. Non hai ningún cartel en condicións que nos fale do que son, da súa historia, do seu significado e utilización. O único indicador existente está xa borrado polo tempo. Non hai tampouco ningún cartel que informe das precaucións que deben adoptarse para evitar o seu deterioro e agresión (nas fotos pode verse que o seu interior úsase como depósito de mochilas polos rapaces que xogan sobre elas).
Dende aquí instamos ao concello de Mos para que se responsabilice da súa conservación e adecuada posta en valor. Os colectivos privados, como é o caso deste centro cultural, poden saber máis ou menos como actuar para a súa conservación, mais son as administracións -comezando pola local, que é a principal implicada- as que deben aplicar todas as medidas que están ao seu alcance para velar pola súa correcta protección. Neste caso vese claramente que non é así. Este concello non é o único caso que padece: máis grave é o dos restos dos dolmens destruídos que hai dentro do Mercantil, en completo abandono e sen ningún tipo de medidas adopadas ata a actualidade.
Valoración final
Nun país tan rico en vestixios arqueolóxicos do poboamento tan numeroso que existiu ao longo da historia no noso territorio, as necesidades actuais de estender o progreso das comunicacións e o hábitat urbanístico chocan constantemente coa conservación deste legado. Á vista das numerosas destrucións de patrimonio arqueolóxico que se están producindo, preguntámonos se está correctamente regulado o protocolo de actuación ante estes casos, ou tan sequera se existe tal disposición.
Lévase destruído máis patrimonio arqueolóxico nos poucos anos que levamos de democracia ca todo o que se destruíu ata entón. Mámoas arrasadas por traballos intensivos forestais, novas vías de comunicación, tendidos eléctricos, construcións urbanísticas… O mesmo sucede cos petróglifos e os castros. Feitos consumados, en moitas ocasións, que puideron ser previdos co suficiente control e sensibilización das diferentes administracións.
Navegadores GPS
Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit, e despois > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).