Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Centro,Cruceiros — Xosé Couñago

Galería de imaxes

Autor

Antón Faílde Gago (Ver en Galipedia)

Localización

(Ver en Google Maps)

Para contemplar esta xoia escultórica debemos achegarnos á praza do Berbés de Vigo, ao carón dos vellos pórticos e sobre a moderna remodelación que lle deron a este espazo de lecer.

Descrición

A cruz

A cruz é moi voluminosa, ateigada cunha ornamentación historiada formada por cabezas de querubíns, unhas máis elaboradas e outras completamente lisas. Todo o espazo da cruz está ocupado por estas caras, voluminosas, redondas, compactadas entre si.

A cruz completa é coma unha masa unifirme, e compacta de granito, sen espazos baleiros, acentuando o grosor da rocha a través desa provocada e recargada aglomeración das propias figuras, provocando, asemade, un primitivismo estilístico.

Crucificado

Sobre a cabeza do Crucificado non aparece o clásico letreiro INRI, senón dúas cabezas de querubíns sobresaíntes.

A imaxe do Cristo está completamente apegada á cruz e presenta catro cravos. Os brazos tenos estendidos horizontalmente e as pernas apenas flexionadas o que lle dá a sensación de estar de pé en lugar de colgando dos cravos.

O corpo presenta formas voluminosas destacando especialmente as pernas con respecto ao resto do talle. Os volumes transmiten tamén unha sensación de musculatura en todo o seu torso e extremidades.

Piedade

A Virxe posúe un manto moi voluminoso con abundantes pregaduras que envolven todo o seu corpo. Estas pregaduras están realizadas con gran mestría debuxando diferentes formas e figuras, cunha especial relevancia nas formacións de ondas con diferentes incidencias da luz.

A figura do Cristo xacente é máis pequena ca a figura da Virxe. Curiosamente o propio Castelao tamén salientaba esta característica nos seus estudos sobre os cruceiros galegos indicando que os canteiros estaban expresando, dalgún xeito, que no colo das nosas nais todos somos para elas coma nenos pequenos.

Neste caso ademais é moi significativa a forma en que a Virxe agarra o corpo inerte do seu fillo, establecendo unha relación moi íntima e tenra con El a través das súas mans. Podemos observar como están matizados os dedos da man da Nai sobre a man apagada e morta dos sen fillo, cunha inclinación da man en continuidade coa inclinación da súa apesarada mirada.

Percíbese nesta Piedade un dramatismo contido expresado a través dun certo movemento que parece deterse nese instante xestual, provocando un dinamismo inestable da figura do Cristo xacente sobre o colo da súa Nai.

No rostro das dúas figuras reflíctese unha particular serenidade con trazos de tenrura na face da Nai, coma un aire de resignación ante o fatídico destino do seu Fillo.

Capitel

Nas catro caras aparecen doce figuras humanas divididas por tríades. Cada conxunto ocupa todo o espazo da cara do capitel, con volumes sobresaíntes que se amalgaman entre si, adaptándose a todos os recantos que van enchendo coas súas formas corporais e pregaduras das vestimentas. Esta superposición de formas e figuras dálle esa sensación de voluminosidade e mesmo profundidade a cada unha das caras do capitel. Asemade cada tríade expresa un conxunto compactado a través destas superposicións.

O volume en xeral está acentuado polas formas redondas, tanto nos rostros, coma nos corpos e vestimentas.

En todas as figuras se percibe un ricto de gravidade e seriedade, como testemuñas e observadores severos que chaman a nosa atención verbo do drama que se representa sobre eles.

Tanto polas iconografías coma polas formas non podemos deixar de enxergar alusións á tradición escultórica medieval ou mesmo máis clasicista, con esa forma de relevo na que se enmarcan.

En cada un dos extremos superiores do capitel, sobresaen volutas en espiral enmarcando as figuras dentro de cada unha das caras.

Varal

Ten forma cuadrangular cos bordos achafranados. Na parte baixa está decorado cun anel pétreo circundante. Sobre el aparecen as figuras de Adán e Eva no momento da expulsión do Paraíso coa figura do anxo cunha espada na man dereita.

Outros exemplos:

Cruceiro de Hío (imaxes)

Cruceiro da Residencia de las Hermanitas de los Ancianos Desamparados (Cambados) (imaxe)

Cruceiro de Carril (Vilagarcía de Arousa) (imaxe)

Cruceiro do Culebrón (Portas) (imaxe)

Base

Plataforma de tres chanzos de forma cadrada. O pedestal é cúbico con todo o borde superior contorneado cun suco. As catro caras conteñen uns pequenos rebaixes cuadrangulares. Non presenta ningunha inscrición na base, mais si nunha placa no chan ao seu pé, na que se le a seguinte dedicatoria: “A todas as mulheres / matadas / por bruxaria”.

Valoración final

Faílde está recoñecido como un dos máis importantes escultores galegos, e que nas rúas e prazas da cidade poidamos contar con obra súa é motivo de enriquecemento para a arte urbana ao aire libre coa que nos atopamos ao camiñar pola cidade; non obstante, neste cruceiro non hai ningún elemento informativo que nos indique a súa autoría nin as características da escultura.

En Vigo existe outra escultura súa nunha das rúas máis transitadas, a rúa Venezuela. No parque dedicado á figura do libertador Simón Bolívar, a efixie deste militar sudamericano que a preside é tamén da súa autoría.

De faílde temos referencias de dous cruceiros máis. Un deles aquí en Galicia, no pazo de Vistalegre de Tui e outro en sudamérica, na cidade de Mar del Plata.

Máis información

Galería de imaxes

Escultura Urbana no concello de Ourense

Colección Novacaixagalicia