Localización
Este túmulo forma parte do conxunto de dúas mámoas chamadas do Ferradouro, incluídas na Ruta das mámoas de Candeán. Distantes uns cincuenta metros unha da outra, atópanse a ambos os lados do camiño por onde discorre a ruta, entre o cemiterio de Candeán, onde están as mámoas da chan dos Touciños, e as mámoas de Costa Freiría, preto do parque do Vixiador. Ao seu carón eríxese un pequeno cartel descritivo.
Na colección Rutas arqueolóxicas viguesas 3, Cultura megalítica, editado polo museo de Castrelos, aparece co nome de Anta de Herminde.
Descrición
Conta cun túmulo bastante recoñecíbel aínda, do que sobresaen varios ortóstatos.
Túmulo: mide 12 x 14 m e ten uns 80 cm de altura. Está bastante arrasado, aínda que se pode apreciar con certa claridade a súa forma sobre o terreo. Dispersas por todo o túmulo poden apreciarse pedras soltas que seguramente forman parte da coiraza da mámoa.
Cámara: está formada por un número de ortóstatos sobre os que non existe unanimidade. Nalgúns lugares aparecen debuxados esquematicamente sete ortóstatos; noutros aparecen nove.
Valoración final
Nos carteis descritivos botamos en falta indicacións sobre como comportarse ante cada unha destas mámoas: non subir sobre o túmulo, non manipular as pedras da cámara nin as que hai ciscadas sobre o túmulo formando parte da súa coiraza.
Tamén botamos de menos carteis máis descritivos das características destas mámoas: dimensións, debuxo esquemático, afectacións, contexto local e xeral etc.
Máis información
- Ficha do catálogo do PXOM de Vigo (Tomo VI, fichas do catálogo)
- Amigos do arqueolóxico. Megálitos de Pontevedra. (con debuxo esquemático)