Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Lavadoiros,Sárdoma — Xosé Couñago

Este fermoso exemplo de lavadoiro tradicional está situado na rúa Subida do Monte da Serra, na parroquia de Sárdoma.

Hoxe en día está en desuso e mesmo apartado, e no seu interior sen auga xa só medran herbas. Aínda así é unha construción que destaca polo seu tamaño e situación nunha encrucillada de camiños.

Características: lavadoiro de dúas follas paralelas, unha soa pía de auga baixo un cano de auga. O cano de auga da cabeceira aínda bota auga, mai non está conectada ao lavadoiro.

Na parte inferior do lavadoiro hai tamén unha fonte de auga que xa non deita auga. Esta segunda fonte, de cor branca, está apoiada contra un muro piramidal de perpiaños que acompañan senllas escaleiras de perpiaño que baixan a ambos os lados desta fonte.

Piares: son de cemento na actualidade e ten cinco parellas.

Teito: de bloques de cemento con pequena inclinación lateral. Marca un acentuado contraste co conxunto de perpiaños tradicionais do lavadoiro orixinal. Estas cubertas modernas foron realizadas sen ter en conta a harmonía coa fasquía tradicional.

Estado de conservación: o abandono é máis que evidente. Comeza a presentar graves signos de deterioro. Hai pintadas por varios lugares e bastante lixo que comeza a amorearse ao seu pé.

A administración local non debe descoidar a limpeza e mantemento destas construcións tradicionais. Quizais moitas das agresións poderían ser evitadas coa correspondente sinalización que poña en valor esta peza da nosa riqueza etnográfica. Un letreiro que saliente “patrimonio etnográfico de Vigo” xunto cunha descrición e catalogación do lavadoiro, así como a recolla da memoria oral da súa actividade produciría un maior respecto por este fermoso lavadoiro.

Podedes ver tamén máis fotos deste lavadoiro.

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

2 comentarios

  1. Xose, ainda os quedan moitos lavadoiro, hai algúns que están ben, pero outros como ti dices estan en total abandono, eu conhezo varios en vigo, pero aqui no Calvario, temos un na rúa Anduriña e outro na rúa Redomeira, e estan que dan verdadeiro asco, e dende a Asociación sempre defendimos a existencia destos lavadoiros, sempre digo que non se sabe a onde podemos chegar, e non están demais por si acaso.
    Un saúdo e boa sorte

    Comentario by juan josé garcia — 26 agosto, 2008 @ 23:31

  2. é una magoa que teña que ollar moitas veces o abandono do lavadoiro que hai na espedrigada….. entre fragoso é balaidos.

    Comentario by pablo perez cocaña — 18 marzo, 2014 @ 19:07

Subscrición RSS para os comentarios deste post.

Sorry, the comment form is closed at this time.