Patrimonio cultural de Vigo

Cidade

"Salinae": as salinas romanas do Areal

Arquivado en: Cidade,Romanización — Xosé Couñago

Localización

As instalacións da musealización destas salinas romanas están situadas na rúa Rosalía de Castro de Vigo, na zona do Areal.

Fronte o centro de saúde vemos unha construción que dá entrada ao subterráneo onde se conservan as salinas.

Descrición

A Consellaría de Cultura, no díptico que publicou, defínea como “a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano”.

O percorrido comeza a nivel de rúa coa entrada nunha edificación que serve de recepción ás visitas. Unha baixada de varios metros de profundidade condúcenos a unha galería previa na que podermos contextualizar o mundo da romanización e a cultura das salinas, a través dunha serie de atractivos paneis e vitrinas: “Dous mil anos de historia”, “O sal da vida”, “Sal para salgaduras e salsas”, “Unha paisaxe reconstruída”, “A salina romana”, “Historia do sal” e “O sal despois de Roma”.

Esta exposición mostra diversos obxectos relacionados co mundo romano e a economía do sal: dende a famosa sandalia atopada noutras escavacións da zona do Areal, ata ánforas e varios utensilios daquela época. Non falta incluso a cociña daquel momento, con detalladas explicacións, que inclúen un receitario, e mesmo a posibilidade de ulir a recreación da que era unha das salsas máis populares romanas, o “garum”, feita con sal e restos de peixes.

Cando entramos na sala principal na que se atopa a salina, impresiona moi positivamente a reconstrución paisaxística do Areal e a ría daquela época. Unhas paredes debuxadas con paisaxes que marcan unha continuidade visual cos elementos reais que temos no chan ante nós. Isto dános unha imaxe moi plástica da dimensión que podían ter na súa totalidade e a situación en que estaban con respecto á liña de costa daquela época. Unha extensión que abranguía dende a actual rúa Pontevedra ata a rotonda de Guixar.

O xacemento amósanos unha superficie de 300 metros cadrados composta de cubetas construídas en pedra en perfecto estado de conservación. Estas cubetas foron construídas con diferentes tamaños e alturas para aproveitar, por un lado, as subidas e baixadas das mareas, e, por outro, a condución dos distintos procesos de obtención do sal dunhas cubetas ás outras.

A visión de conxunto dános idea da gran produción salina que existía neste lugar durante os primeiros séculos da nosa era (I-III). A industria do sal tivo continuidade noutras zonas do concello ata o século XVIII, como sucedeu na desembocadura do río Lagares.

O sal obtido era procesado en diversas factorías de salgadura distribuídas por distintos lugares da ribeira marítima: a máis próxima a estas salinas está na rúa Marqués de Valadares, e hai outras constatadas nos lugares do Fiunchal e O Cocho, en Alcabre.

Estado de conservación

Podemos catalogalo de excelente, dado o lugar en que se atopa, cunha crecente presión urbanística ao seu arredor. Que chegase ata a actualidade, comprendendo o que acabamos de sinalar, podemos consideralo case un milagre e a conxunción das circunstancias de titularidade pública urbanística que afectan á parcela na que se atopa. A esta conservación contribuíu que, tras o seu abandono, a zona fose cuberta por todo un complexo dunar que facilitou a súa preservación intacta ata a actualidade.

A uns metros deste xacemento, na rúa de Inés Pérez de Ceta, descubrírase tamén un cemiterio romano moi ben conservado, durante as obras de construción dun edificio, e foi completamente derruído. Hoxe en día, os restos daquela desfeita xacen nos faiados do museo de Castrelos envoltos en bolsas de plástico: tumbas íntegras con esqueletos completos, agardando quen sabe que nin quen sabe por canto tempo. Ao longo do século XX fóronse descubrindo por esta zona do Areal de Vigo diversas estelas pertencentes a enterramentos romanos.

Valoración final

Velaquí o resultado final do difícil proceso de convivencia entre o interese público e o privado: estas salinas conserváronse mercé a atoparse no subsolo dun terreo destinado a dotacións públicas (un centro de saúde). Corresponde co que sería o garaxe de calquera dos edificios que se construíron ao seu arredor.

Se non chega a existir esta parcela pública neste lugar, Vigo veríase abocado a perder “a única salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada de todo o Imperio Romano”, en palabras da Consellaría de Cultura.

Os intereses privados da presión urbanística sobre esta zona provocaron a desaparición de todo o resto da explotación salina romana, incluído o gran cemiterio romano descuberto íntegro na súa proximidade, ao que fixemos referencia máis arriba e que tivo que ser completamente destruído para construír o garaxe subterráneo do edificio que se erixiu encima. Canto valían esas prazas de garaxe? Non había outra solución?

Máis información

Un petróglifo nunha casa? (Coia)

Arquivado en: Centro,Cidade,Coia,Petróglifos — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Será esta unha das testemuñas do destino de tantos e tantos dos nosos nosos petróglifos que foron esnaquizados polos pedreiros nos montes galegos para servir de cachotes ou perpiaños de moitas casas?

Existe a crenza de que así é, de que se trata dun exemplo desta reutilización, e ademais nunha casa do barrio de Coia en Vigo; concreamente ao lado da igrexa de San Martiño, detrás de Alcampo.

Realmente os dous gravados con circos concéntricos así nolo fan pensar; mais unha observación máis detallada ponnos en dúbida sobre esta afirmación.

Descrición

De observardes completamente a composición, atopades á dereita dos dous círculos concéntricos unha estrela de cinco puntas cunha elaboración que xa nos fai dubidar. Representábanse este tipo de estrelas na época do bronce? Revisados os principais motivos que aparecen nos manuais de uso non aparecen por ningures.

Por outra banda resulta moi curiosa a distribución dos tres elementos: forman parte dun mesmo perpiaño, están ben aliñados coa configuración do perpiaño e a parte que corresponde ao hexafolio ten unha forma máis redondeada.

Observando aínda cun pouco máis de atención, decatarémonos de que o perpiaño está realmente en posición horizontal, e que polo tanto haberá que entender a forma da peza na verdadeira fasquía para a que foi realizada, que é en posición vertical.

Completando todos estes datos poderemos concluír doadamente que non se trata dun gravado rupestre da Idade do Bronce, senón dunha característica estela funeraria medieval. A existencia dunha igrexa ao seu carón fainos pensar na posibilidade dun antigo cemiterio naquel lugar, do que quizais sobrevivise esta estela.

Máis información

Se queredes ter unha boa resposta a todas estas incógnitas, reenvíovos á excente páxina dun dos mellores inverstigadores da nosa arqueoloxía: José Manuel Hidalgo Cuñarro.

Imaxe superior: Eladio Cortizo, Panoramio

Imaxe inferior: José Manuel Idalgo Cuñarro

Esmoleiro de Santo Antón (O Berbés)

Arquivado en: Cidade,Petos de ánimas — Xosé Couñago

100_5367Localización

(Ver en Google Maps)

Este esmoleiro podemos velo a escasos metros do peto de ánimas de San Xosé, no mesmo edificio do antigo hospicio, na rúa Santa Marta.

Descrición

Está encaixado na parede do edificio, protexido por unha reixa metálica.

Ao contrario ca o de San Xosé, neste aparece o orificio do peto para depositar moedas.

Non ten data de realización, nin se perciben tradicións de devocións ou ofrendas, máis ca o feito de depositar esmolas.

A figuración corresponde, como o seu nome indica, a Santo Antón. Está feita en cerámica policromada na que predomina o azul en distintas variantes. Ten un fermoso adorno en pedra sobresaínte da parede todo en volta do peto, con remate inferior ornamentado.

Estado de conservación

O seu estado de conservación e protección é bo e mesmo podemos observar luz no seu interior.

O mantemento principal está na conservación da pintura do azulexo e da reixa de protección.

Máis información

Galería de imaxes.

 Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

 

Esmoleiro da rúa de santa Marta

Arquivado en: Cidade,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Peto de ánimas de santa Marta

Localización

(Ver en Google Maps)

Podemos atopalo na rúa santa Marta, na confluencia coa rúa Conde de Torrecedeira.

Ao igual ca os esmoleiros de santo Antón e san Xosé, na mesma rúa de santa Marta, encóntrase encaixado na parede dun muro.

Está dedicado a san Xosé e esa é a imaxe que enche todo o fornelo na que se atopa.

Descrición

Aparece cunha mesma sinatura ca o esmoleiro de san Xosé, nesta mesma rúa, “V. Abad”. A azulexaría e policromado tamén é moi semellante; asemade participan da mesma iconografía coa advocación de san Xosé. Esta riqueza cromática fai destacar e diferenciar perfectamente as distintas partes: por un lado as imaxes de san Xosé co neno no colo, nas que o colorido destácase coa combinación do azul xunto co amarelo e vermello do manto. A figura acentuadamente clara do neno no centro de toda a escena fai centrar nel todas as miradas.

O fondo está nun segundo plano, mais tamén destaca polo seu colorido: o contraste principal do azul do ceo co verde das árbores, cada un deles matizado en diversas tonalidades.

Sobre o esmoleiro hai unha inscrición que di: “EN TESTIMONIO DE GRATITUD A LOS BIEN HECHORES QUE DEPOSITAN AQUÍ SUS LIMOSNAS”

O seu estado de conservación é bastante bo e está ben protexido.

Máis información

Galería de imaxes.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

Devocionario do pazo da Pastora (Freixeiro)

Arquivado en: Cidade,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en google Maps)

Cando vos acheguedes a visitar un dos fermosos pazos que temos en Vigo, o da Pastora, en Freixeiro, non deixedes de fixarvos no seu portón de entrada, no que a pesar da discordante porta, está rodeada de remates de muro en forma de columna sobre os que se asentan formas de xerras de gran tamaño ou un exuberante pináculo noutra delas. Tamén observaredes os escudos que hai nestas columnas a ambos os lados da porta ou as inscricións que os acompañan.

Á dereita deste portón hai un remate de muro tamén en forma de columna, cun pináculo sobre la e un pequeno fornelo nunha das súas caras.

Descrición

Dentro deste fornelo hai unha imaxe da Divina Pastora pintada nun azulexo. Está enmarcada con tiras de azulexo azul ocupando o fondo deste pequeno fornelo.

Esta Divina Pastora é a imaxe da Virxe co seu fillo no colo acariñando catro ovellas ao seu arredor. Unha imaxe bucólica e pastoril na que destacan as cores verde e azul.

A inscrición que podemos ler di: “LA DIVINA PASTORA” e non figura data de realización.

Non falta a devoción aínda viva que a xente de Freixeiro lle ten a este peto, depositando nel flores e cirios.

Outro deses recantos de arte popular que embelecen os nosos paseos por calquera das parroquias e barrios do noso concello.

Máis información

Galería de imaxes.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

Peto de ánimas da rúa dos Poboadores (barrio histórico)

Arquivado en: Cidade,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Un paseo polo barrio histórico da nosa cidade é unha visita obrigada para quen queira coñecer máis a fondo a nosa identidade urbana e arquitectónica. No barrio histórico de Vigo conviven as expresións máis populares coas señoriais, tanto na arquitectura coma na ornamentación.

A redescuberta deste conxunto monumental e patrimonial, a mellor tarxeta de presentación da cidade, é unha tarefa pendente. Cantos anos seguirán caendo acompañados de edificacións que se derruban na súa propia ruína e abandono?

Cada paseo por este barrio histórico é asemade unha admiración e unha protesta. Cada recanto descóbrenos unha sorpresa, unha agochada historia escrita entre pedras que dorme no esquecemento das moitas administracións ás que lles queda demasiado grande este cometido.

Nunha desas baixadas ao Berbés, a rúa dos Poboadores é unha das históricas de Vigo, formada a continuación das antigas murallas da cidade. Comunica o Paseo de Afonso co Berbés.

 Descrición

O peto está formado por un único bloque vertical de pedra traballado cunha fermosa figuración. Podemos distinguir a san Francisco valendo as ánimas que arden no lume do tormento. Neste caso o instrumento de salvación para as almiñas é o cordón do santo, ao que se agarran de forma moi expresiva coas súas mans, destacadas plasticamente polo canteiro que representou a escena. Aparecen tres figuras  salvadas polo santo, dúas delas agarrándose coas súas mans ao cordón do hábito de san Francisco.

O peto onde depositar as esmolas está na parte inferior, hoxe carente de portiña e xa sen uso. Non presenta inscricións nin data de realización.

Máis información

Galería de imaxes.

 Navegadores GPS

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

Devocionario de san Xosé (O Berbés)

Arquivado en: Cidade,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Está situado ao lado da porta principal da “Casa de caridade, fogar de San Xosé”, na rúa de San Francisco.

O devocionario está na parede do edificio, enreixado e carece de lugar onde introducir as moedas.

Descrición

O fondo sobre o que está pintada a figura de san Xosé é de azulexos.

A figura do santo ten o neno no seu colo, nunha clara referencia ao edificio no que está situado, o antigo hospicio de Vigo.

Non figura o ano de construción e a pintura está asinada co seguinte nome: “V. Abad”.

Máis información

Galería de imaxes.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.