Localización
Cando vos acheguedes a visitar un dos fermosos pazos que temos en Vigo, o da Pastora, en Freixeiro, non deixedes de fixarvos no seu portón de entrada, no que a pesar da discordante porta, está rodeada de remates de muro en forma de columna sobre os que se asentan formas de xerras de gran tamaño ou un exuberante pináculo noutra delas. Tamén observaredes os escudos que hai nestas columnas a ambos os lados da porta ou as inscricións que os acompañan.
Á dereita deste portón hai un remate de muro tamén en forma de columna, cun pináculo sobre la e un pequeno fornelo nunha das súas caras.
Descrición
Dentro deste fornelo hai unha imaxe da Divina Pastora pintada nun azulexo. Está enmarcada con tiras de azulexo azul ocupando o fondo deste pequeno fornelo.
Esta Divina Pastora é a imaxe da Virxe co seu fillo no colo acariñando catro ovellas ao seu arredor. Unha imaxe bucólica e pastoril na que destacan as cores verde e azul.
A inscrición que podemos ler di: “LA DIVINA PASTORA” e non figura data de realización.
Non falta a devoción aínda viva que a xente de Freixeiro lle ten a este peto, depositando nel flores e cirios.
Outro deses recantos de arte popular que embelecen os nosos paseos por calquera das parroquias e barrios do noso concello.
Máis información
Ruta dos petos de ánimas de Vigo
Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.