Localización
Este fermoso conxunto monumental etnográfico de muíños restaurados está situado na estrada de Camposancos, no lugar de Gontade, a carón das Roteas, no lindeiro entre as parroquias de Oia e Coruxo. Chegar ata a súa situación é moi doado, xa que se atopan á beira da estrada e cun bo aparcadoiro diante.
O bosque que os envolve íllaos perfectamente da circulación viaria, e a entrada no seu recinto semella trasladarnos, de súpeto, nunha viaxe no tempo e no espazo.
Están todos eles á beira do rego da Carballosa, que nace xunta o Cabezo de Saiáns e se xunta co rego do Vao, na marisma que hai preto do encontro co mar.
Forman parte da Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo, que podedes descargar no voso GPS.
Descrición
O conxunto está formado por catro muíños. Tres deles atopámolos xuntos, no lugar indicado para o acceso, e presentan una gradación en ascenso aproveitando o desnivel do terreo, moi próximos entre eles, compartindo a auga da levada común que cae dun a outro consecutivamente.
O cuarto muíño atópase a uns douscentos metros de distancia, ao carón da presa de onde parte a levada que conduce a auga ata os outros tres muíño. A paraxe que conforma o lugar en que se encontra este cuarto muíño é dunha especial fermosura.
Muíño 1
Levada
Construída en perpiaños irregulares combinados con cachotes. Presenta unha fasquía bastante sólida e elevándose paulatinamente para adaptarse á pendente. Ten un percorrido moi curto xa que recolle directamente as augas do muíño que está a continuación na súa parte superior.
Cubo
Trátase dun característico muíño de cubo galego. Esta estrutura está ben conservada, con todos os elementos propios: cubo cuadrangular realizado en pedra, con lixeira inclinación para conducir a auga ata o inferno do muíño; os perpiaños laterais sobresaíntes dispóñense coa mesma inclinación do cubo; a tampa superior, tamén en perpiaño, non cobre as pedras laterais, senón que pecha a parte superior do muro do cubo, apoiándose en posición inclinada sobre as pedras laterais, sobresaíndo máis alta ca elas. A entrada do cubo non se atopa apegado á parede do edificio, senón a uns dous metros de distancia, que é a que o separa a inclinación do cubo. Esta construción está tapada cunha reixa metálica para impedir a caída no interior ou o paso de obxectos de maior tamaño.
Edificación
Planta rectangular con tellado a unha auga na mesma dirección ca a inclinación do terreo. Conserva o tellado completo. As paredes son de perpiaños irregulares combinados con cachotes. Presenta unha porta no lateral norte e un fachinelo sobre o inferno como entrada de luz para o tremiñado. Sobre a porta un gran lintel pétreo e un letreiro ao carón coa seguinte inscrición: “CONXUNTO DE MUÍÑOS / E FRAGA DE GONTADE / RESTAURADO POLA ESCOLA TALLER /PATRIMONIO HISTÓRICO DE VIGO / ANO 1.997”.
O inferno conserva o rodicio completo e en bo estado.
Estado de conservación
A conservación, logo da restauración do conxunto, é bastante boa. Non se pode acceder ao seu interior por estar a porta fechada.
Muíño 2
Levada
Igual ca no muíño anterior, a levada é moi curta, xa que recolle a auga que sae directamente do seguinte muíño que ten na súa parte superior. Está construída con perpiaños irregulares combinados con cachotes.
Cubo
Está realizado con grandes perpiaños e presenta unha lixeira inclinación; esta inclinación prolóngase cara ao exterior mediante a elevación dos perpiaños terminais dos laterais e da cabeceira do cubo. A diferenza do muíño 1, a pedra remate da cabeceira do cubo non sobresae por encima das laterais, senón que está á súa mesma altura. Unha reixa metálica impide calquera caída no seu interior ou o paso de obxectos grandes.
Edificación
Planta rectangular con tellado a unha auga na mesma dirección ca a inclinación do terreo. Conserva o tellado completo. Coma no muíño 1, as paredes están compostas por perpiaños irregulares combinados con cachotes. Os cantos da parede inferior están construídos cuns perpiaños irregulares de considerábel tamaño, seguramente para soportar o enorme peso das paredes sobre o desnivel do terreo. Presenta unha porta no lateral norte e un fachinelo sobre o inferno como entrada de luz para o tremiñado. A carón da porta observamos un pousadoiro sobresaínte de forma arredondada. O inferno está alintelado e conserva os seus elementos característicos.
Estado de conservación
Igual ca o anterior, presenta un bo estado de conservación exterior. Descoñecemos o interior por estar fechado.
Muíño 3
Levada
Consérvase completa no seu último treito. Vén directamente da presa situada a uns douscentos metros de distancia, onde se atopa o cuarto muíño. Os últimos metros desta levada forman unha curva que vai collendo altura a medida que se achega ao cubo, no comezo da caída da pendente do monte. Combina perpiaños irregulares con cachotes. Pódense observar algúns perpiaños atravesados na levada con rebaixes nas caras laterais para introducir unha pequena comporta.
Cubo
Cuadrangular e con caída en inclinación, coma os anteriores. Presenta a particularidade de ter unha entrada moito maior e elevada.
Edificación
Estrutura rectangular a unha soa auga en dirección da pendente do terreo. O Tellado está completo. As paredes son de perpiaños irregulares combinados con cachotes. Porta lateral no norte e fachinelo sobre o inferno.
Estado de conservación
Igual ca os anteriores, a restauración efectuada no ano 1997 non presenta especiais deterioración. O muíño permanece fechado baixo chave e non se pode visitar o seu interior.
Levada
Comunicando estes tres muíños co cuarto discorre unha levada ao longo duns douscentos metros. Hoxe en día só se pode apreciar a súa canle, xa que as pedras ou rego que o delimitaban non se conservan. Os seu trazado é sinuoso e cunha suave pendente apenas perceptíbel. Remata no regueiro que sae da presa construída para este fin no rego da Carballosa, arriba mencionado.
Muíño 4
Levada
Unha pequena desviación do rego da Carballosa, que bordea o propio muíño, conduce a auga por unha curta levada que verte a súa auga no interior do cubo. Esta levada, no achegamento ao muíño, cobre unha apreciábel altura para favorecer a forza da corrente na caída polo interior do cubo. Esta elevación está realizada cunha sólida construción de cachote.
Cubo
Construído con grandes perpiaños, ten forma cuadrangular e con caída en inclinación. Esta inclinación prolóngase cara ao exterior mediante a elevación dos perpiaños terminais dos laterais e da cabeceira do cubo. A entrada non ten ningún tipo de reixa de protección.
Edificación
Planta rectangular con tellado a unha auga. Paredes de cachotes e perpiaños irregulares. O tellado está incompleto e en malas condicións, xa que unha parte del cedeu e derrubouse. A porta abre no lateral norte, ten lintel superior e un perpiaño lateral de maior altura a modo de xamba. O único fachinelo que presenta ábrese sobre o inferno e está realizado con dous perpiaños laterais e outro superior como lintel. Non ten porta e pódese ver o interior, no que observamos a existencia dunha moa no tremiñado, con restos doutras pezas polo chan. O inferno tamén está coroado na entrada por un lintel.
Estado de conservación
Considerando o conxunto tan fermoso en que se encadra, non se entende unha restauración tan coidada e que logo se deixa abandonada ata o seu derrubamento. O interior está bastante deteriorado e descoidado, debido á caída de parte do tellado e o entullo formado no chan. Estes museos etnográficos ao ar libre merecen unha atención continuada para evitar a súa degradación paulatina e de custosa recuperación posterior.
Presa
Xa non é habitual atopar estas presas subministradoras de auga para os muíños. Neste caso conservamos a construción, aínda que non ten o uso para o que foi realizada. A levada que conducía a auga ata os tres primeiros muíños aquí descritos foi cegada e agora a presa ten a súa continuidade no propio regato. As súas dimensións son de dous metros de ancho por uns dez metros de longo.
Estado de conservación
A conservación da presa é bastante aceptábel en canto aos elementos propios da súa construción, coas pedra de canalización na súa saída e as rañuras nos laterais dos perpiaños para as comportas.
Valoración final
É unha mágoa a pouca difusión entre a poboación que teñen estes conxuntos etnográficos de muíños. Son museos ao ar libre que deberían ser tratados e considerados como tales, coas correspondentes intervencións que así o fixesen significar.
Hai uns anos, logo da súa restauración, este lugar foi empregado como aula etnográfica do pan e formaba parte dun programa municipal de visitas escolares tan interesantes como necesarias para que as novas xeracións tivesen un coñecemento práctico e directo do mundo cultural e económico que viviron moitos dos seus pais e avós; mais o proxecto foi posteriormente abandonado. Sirva esta valoración como chamada de atención para que se volva recuperar esta iniciativa.
A concienciación cidadá para a súa conservación e difusión é un labor que hai que facer chegar a través de todos os medios dos que dispón unha administración local. O aproveitamento didáctico é indubidábel: son aulas etnográficas situadas no seu emprazamento orixinal e con todas as características auténticas da tradición arquitectónica popular.
Máis información
Galería de imaxes
Navegadores GPS
Para chegar ata este muíño, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.
Tamén podedes descargar a Ruta dos conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador GPS.
(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)