Patrimonio cultural de Vigo

Arquivado en: Coia,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Está situado en Bouzas, na rúa Ánimas, case enfronte do estaleiro Barreras.

Forma parte da parede dun edificio e está a escasos metros doutro peto de ánimas chamado da Virxe do Carme, tamén na mesma parede.

Rúas que leven a denominación das Ánimas en Vigo hai outras dúas, correspondentes con cadanseu peto: rúa Ánimas-Caeiro en Cabral e Subida ás Ánimas en Sampaio de Lavadores.

Descrición

Este peto da Virxe do Socorro é de pequeno tamaño e está formado por un fornelo con arco de medio punto.

Ao seu redor leva un reborde de cor vermella cun remate en cruz da mesma cor na parte superior, semellante á fasquía do peto do Carballal de Cabral. Na parte inferior ten un pequeno burato para depositar esmolas.

Presenta tamén un portelo con enreixado cruzado, sen cristal.

No interior hai un retablo policromado rematado en arco de medio punto superior, no que se representa a Virxe do Perpetuo Socorro co neno Xesús no colo acompañada de dous anxos.

Na parte inferior do retablo hai unha inscrición:

“NUESTRA SRA. DEL PERPETUO SOCORRO”.

XXComo principal elemento agresivo está o contador eléctrico que alguén nalgún momento tivo a brillante idea de chantarlle, tamén encastado na parde, ao seu lado. Cando e quen puido consentir unha agresión así é algo inexplicábel a estas alturas.

Intervención e posterior agresión

Ao longo do ano 2008 fíxose unha intervención de mellora e humanización deste recanto onde se atopan os dous petos de Bouzas. Esta mellora consistiu en pintar a perede cun mural que representaba unha paisaxe de campo, cunha gran oliveira central -a árbore máis emblemática de Vigo-, herba, plantas e un un gran ceo azul detrás colmado de aves.

Foi unha intervención acertada e humanizadora dun lugar tan asediado pola industrialización da zona.

Mais esta fermosa fasquía que adquirira non durou moito tempo. A comezos de 2009, alguén abriu un gran boquete na parede entre os dous petos de ánimas para instalar unha máquina de bebidas e comidas. Unha espantosa, incomprensíbel, lesiva e grave mutilación dun conxunto patrimonial que a duras penas sobrevivía neste recanto industrial.

Agardamos que se adopten as medidas oportunas para que se restitúa todo ao seu lugar e disposición orixinal. Deixar pasar esta agresión sería grave tamén par unha administración que ter a obrigación de velar para a preservación do noso patrimonio cultural. De paso, pódese aproveitar para trasladar o contador eléctrico que está apegado a un dos petos de ánimas.

Máis información

Podedes ter acceso a unha completa galería de imaxes deste conxunto etnográfico.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

Arquivado en: Coia,Petos de ánimas — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Está situado en Bouzas, na rúa Ánimas, case enfronte do estaleiro Barreras.

Forma parte da parede dun edificio e está a escasos metros doutro esmoleiro chamado da Virxe do Perpetuo Socorro, tamén na mesma parede.

Rúas que leven a denominación das Ánimas en Vigo hai outras dúas, correspondentes con cadanseu peto: rúa Ánimas-Caeiro en Cabral e Subida ás Ánimas en Sampaio de Lavadores.

Descrición

Este peto da Virxe do Carme é de pequeno tamaño e está formado por un fornelo con arco de medio punto.

Ao seu redor leva un reborde de cor vermella cun remate en cruz da mesma cor na parte superior, semellante á fasquía do peto do Carballal de Cabral. Na parte inferior ten un sobresaínte para depositar devocións.

Presenta tamén un portelo con enreixado cruzado, sen cristal.

No interior hai un retablo formado por seis azulexos policromados no que se representa a Virxe do Carme co neno Xesús no colo acompañada de dous anxos que asisten as almiñas.

A Virxe repousa sobre unha nube que se apoia directamente sobre as lapas do tormento. Cinco figuras imploran devotamente a intercesión da Virxe para a súa salvación. Nestas figuras non se aprecia diferenciación social ou estamental como é común noutros petos.

Na parte inferior do retablo aparece unha inscrición con catro letras: “P.A.P.N”.

 

Intervención e posterior agresión

Ao longo do ano 2008 fíxose unha intervención de mellora e humanización deste recanto onde se atopan os dous petos de ánimas de Bouzas. Esta mellora consistiu en pintar a perede cun mural que representaba unha paisaxe de campo, cunha gran oliveira central -a árbore máis emblemática de Vigo-, herba, plantas e un un gran ceo azul detrás colmado de aves.

Foi unha intervención acertada e humanizadora dun lugar tan asediado pola industrialización da zona.

Estado de conservación

Esta fermosa fasquía que adquirira non durou moito tempo. A comezos de 2009, alguén abriu un gran boquete na parede entre os dous petos de ánimas para instalar unha máquina de bebidas e comidas. Unha espantosa, incomprensíbel, lesiva e grave mutilación dun conxunto patrimonial que a duras penas sobrevivía neste recanto industrial.

Agardamos que se adopten as medidas oportunas para que se restitúa todo ao seu lugar e disposición orixinal. Deixar pasar esta agresión sería grave tamén par unha administración que ter a obrigación de velar para a preservación do noso patrimonio cultural. De paso, pódese aproveitar para trasladar o contador eléctrico que está apegado a un dos petos de ánimas.

Máis información

Podedes ter acceso a unha completa galería de imaxes deste conxunto etnográfico.

Ruta dos petos de ánimas de Vigo

Se queredes percorrer a Ruta dos petos de ánimas de Vigo no voso navegador de Google Maps, premede na ligazón anterior.

 

 

Arquivado en: Muíños,Zamáns — Xosé Couñago

Localización

(Ver en Google Maps)

Este conxunto de muíños está situado á beira do río de Vilaza, na baixada que vai dende a aldea de Zamáns ata o encoro,a menos dun quilómetro do campo da feira, punto central da parroquia. O primeiro está na marxe esquerda do río e os catro restantes na marxe dereita da baixada da corrente.

Forma parte da Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo, que podedes descargar no voso navegador GPS.

Descrición

Estamos ante un conxunto de cinco fermosos muíños, moi próximos entre si, dispostos en fileira ao longo do río de Vilaza. A contorna é un amplo prado en pendente con árbores de ribeira e levadas para regadío e servizo dos muíños. Esta verde extensión comeza na parte alta, ao pé da estrada de Vilaverde, e remata nun fondal no que se axunta o río de Vilaza con outro regato, pouco antes do seu encontro coas augas do encoro.

Comezaremos a descrición deste conxunto co muíño máis próximo á estrada na parte alta do conxunto.

Situación: Está moi preto da estrada. Ao pé dela baixa un pequeno paseo empedrado á beira da canle ata o muíño. Dende a estrada ata este muíño hai un prado con plantación de acivros á beira do río. Todo isto foi preparado pola comunidade de montes de Zamáns.

Tipoloxía: é un muíño de cubo.

Levada: Nos últimos metros está solidamente traballada en pedra a un nivel superior ao do careiro. Esta canle da levada está en perfecto funcionamento na actualidade. A carón do cubo, a levada conta cun rebaixe para desaugadoiro da auga que reborda.

Edificación: está restaurado na súa totalidade. Ten forma rectangular e está construído en cachotaría. Só a porta de entrada conta con lintel e xambas dunha peza. Ten un único fachinelo para entrada de luz. Está cuberto a unha soa auga con tella do país. Ao redor conta cunha varanda de pedra entre o edificio e o río para permitir un paso cómodo e seguro.


Para atravesar o río existe unha boa pontella duns dez metros de longo, en tres treitos de lousas, que engaden un punto máis de fermosura a este recanto da entrada ao gran prado no que se encontran os restantes muíños.

Estado de conservación

é o mellor conservado/restaurado dos cinco. A beleza que expresan as pedras dunha edificació tradicional restaurada devólvennos a imaxe do que foi a viveza dos traballos e da vida que se desenvolvía ao redor dos muíños.

A cachotaría limpa e asegurada, a porta de entrada anovada, a tella nova e ben asentada.

A auga discorrendo pola canle da levada, podemos vela entrar no cubo e saír pola abertura do inferno do muíño.

O paso empedrado ao redor do muíño cunha boa varanda de pedra.

A sólida pontella que atravesa o río polo pé do inferno do muíño.

Todo este conxunto evidencia os resultados dun traballo esmerado de recuperación e posta en valor da nosa arquitectura popular.

Valoración final

Agradecer á asociación veciñal e a comunidade de montes de Zamáns o esforzo e empeño que están poñendo pola recuperación deste conxunto, unha recuperación que non conta coa suficiente colaboración da administración local.

O día 22 de febreiro de 2009 o grupo local do BNG, responsábel das áreas de Cultura e Patrimonio do goberno municipal, organizou unha camiñada dentro do programa “Camiña e coñece” ao redor do encoro dende a aldea de Zamáns. Botáronse en falta dúas cuestións importantes: non estaba a concelleira responsábel de Patrimonio (que sería a principal implicada no “coñecemento” e conservación deste patrimonio) e a falta dun compromiso por parte do grupo organizador (estaban presentes tres concelleiros da corporación municipal) ante as cerca de trescentas persoas asistentes ao percorrido de cara ás posibilidades e viabilidades de futuro deste singular conxunto etnográfico. A única persoa que falou para aquela numerosa asistencia foi o guía da excursión, quen se centrou sobre todo en aspectos de fauna e botánica do percorrido.

Gustaríanos ter podido contar coa oportunidade de escoitar algunha persoa responsábel da asociación veciñal ou da comunidade de montes falar do esforzo que se está levando a cabo para a recuperación e posta en valor deste conxunto.

Tamén nos gustaría ter escoitado a voz dos nosos representantes políticos facendo a correspondente significación social deste espazo de cara a un compromiso por parte da administración local. Sería desexábel que, cando menos, dende o seu silencio, tomasen boa nota (e lle fosen co recado á ausente concelleira de Patrimonio).

Máis información

Pódese visitar unha galería de FOTOS deste muíño.

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.

Tamén podedes descargar a Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)